 |
| Foto Xerais |
Con 66 anos, Moncha Fuentes
publicou a súa primeira novela, coa que obtivo o Premio da Crítica
Galega. Coa súa segunda novela gañou o Premio Antón Losada Diéguez
e pasou a ocupar xa un primeiro posto na narrativa galega
contemporánea.

O tradutor de sombras.
Velaquí unha novela que profundiza nos territorios máis fondos e
máis íntimos das persoas ao tempo que reconstrúe a historia
política do país a través dunha familia, galeguista e culta, da
pequena burguesía ourensá, nun percorrido que vai desde o momento
da creación do Partido Galeguista até os nosos días. Roque Corbal
Ferro, o protagonista principal, é unha persoa insegura, chea de
dúbidas, feble, influenciábel, dependente do alcohol, que leva en
si o enorme peso da morte do pai cando el tiña nove anos, un tema
tabú no seo da súa familia. A nai, Camila Ferro Cidre, quedou
igualmente devastada con aquela morte e nunca comprenderá tampouco
porqué o marido, Arcadio Corbal, un prestixioso médico-psiquiatra,
tomou a decisión de suicidarse en vez de falar con ela do que lle
estaba a suceder, e o avó, Néstor Corbal, un mestre que participou
na fundación do PG e que logo tomará partido pola Dereita
Galeguista de Risco, sospeitará sempre que a ruptura política e
ideolóxica co fillo no momento da súa adolescencia tivo a ver co
camiño que el colleu naquela encrucillada coa que se atoparon os
militantes do PG a partir de 1934. Son as sombras do pasado que
perseguen e atormentan aos protagonistas principais desta historia, a
segunda novela que publica Moncha Fuentes (Marín, 1952).
Para Roque Corbal, que está a facer
psicanálise, será fundamental lembrar a súa relación entrañábel
co avó Arcadio, talvez o ser que máis quixo, porque aquelas
conversas que mantivera co avó até os seus trinta e tres anos
permitíranlle alumear zonas escuras sobre as que imperaba o máis
estrepitoso silencio, así como reconstruír a biografía do pai, que
é unha sombra que o persegue sen tregua e que lle causa unha
profunda dor (“nunca estiven interesado por min, senón na figura
de meu pai, sempre flutuando diante miña como unha pantasma”). Seu
avó será o único que lle fale do pai. Á súa vez, para o avó
fora moi reconfortante para o seu espírito o interese de Roque sendo
xa un mociño por toda aquela etapa histórica que el viviu tan
intensamente e que agora seguía viva na curiosidade e nas ideas do
neto. Nesas conversas, que eran un gozo para Roque, Néstor Corbal
aborda por primeira vez o distanciamento que se acabou producindo
entre el e o fillo e o padecemento que sufrui tras a súa morte, unha
dor da que nunca se reporá e que só puido calmar coa súa
preocupación por Camila e polo polos netos.
Pola súa parte, Camila Ferro,
acepta a idea do psiquiatra de falar da súa vida con Arcadio e
daquel suceso tan espantoso que destruíu temporalmente a súa
felicidade (“eu marchara, desaparecera o día do enterro de teu
pai”). Camila ábrese finalmente ao fillo e dille todo o que nunca
antes lle dixera da vida con seu pai e do seu sufrimento tras o
suicidio. Lémbralle que incluso tivo que cambiar de casa para
liberarse daquela memoria tan dolorosa, buscando así un bálsamo
para a súa angustia. As confesións de Camila permítenlle a Roque,
así mesmo, coñecer o mal que o pasou súa nai, do que el non
soubera nada até ese momento, porque ela fora quen de rexurdir
daquel naufraxio vital e de abrazar de novo a vida.
As sombras vanse iluminando ao longo
do relato, pero hai sombras que permanecen para sempre, como a daquel
malogrado artista de nacionalidade suiza, afogado nas augas do río
Miño aos vinte e catro anos no verán de 1915 e que os familiares o
deixaran en Ourense nunha capela do cemiterio ao que Roque ía de
neno co seu avó visitar o panteón no que estaba enterrada a súa
avoa Sara e que agora de maior volve a visitar, pousando de novo os
seus ollos no mármore onde está gravado o nome do artista suizo.
Moncha Fuentes, nunha prosa
certamente primorosa e cun ritmo narrativo que convida a ler a obra
sen pausa, capítulo tras capítulo, até rematala, escribe páxinas
que quedarán para sempre na nosa memoria, como as que evocan o paseo
do avó co seu neto cando este tiña seis anos e imaxinaba que a
igrexa da Trindade era un castelo e que os barcos pendurados na
capela dos Remedios podían navegar polo Miño coas belas brancas
infladas polo vento. Roque vivirá con enorme decepción e tristeza
como as explicacións do avó destrúen todo aquilo que a súa cabeza
podía ver como real, quedándose coa sensación de que nunca máis
volvería ter un castelo como o que el imaxinara. É un capítulo que
nos regresa á infancia e á idade da inocencia de todas e todos nós.
DA FUNDACIÓN DO PG AO 36
Páxinas inesquencíbeis son as que
recollen o momento da fundación do Partido Galeguista, o 6 de
decembro de 1931, no Hotel Madrid de Pontevedra. Alí está o avó
Néstor Corbal, con Castelao, Otero Pedrayo, Olimpia Valencia, María
Miramontes, Ánxel Casal, Banet Fontela… Debates sobre a política
fiscal, a creación de grandes portos pesqueiros, o desenvolvemento
da agricultura… “nin que dicir ten que todos nos axuntamos coma
unha soa alma cando se funda o Partido, e aquilo foi un acontecemento
de tal relevancia que o gardo na cabeza e nos meus ollos murchos, coa
intensidade gozosa das cousas únicas que suceden na vida”. Xa á
tardiña, Néstor Corbal e Xosé Goyanes acompañarán ao poeta e
xornalista Johan Carballeira ao vapor de Cangas. “parecía que a
Galicia lle chegara por fin a súa hora”, dille o avó a Roque,
lembrando aqueles días de desbordada ilusión, coa República dando
os seus primeiros pasos.
Néstor Corbal non sabe cando as
cousas principiaron a se torcer no seo do nacionalismo, pero está
seguro que a derrota dos galeguistas nas eleccións de 1933 escoraron
progresivamente o Partido cada vez máis á esquerda, e a través da
súa memoria emocionada asistimos aos debates da Asemblea de Ourense
de 1934 entre Vicente Risco e Suárez Picallo e entre Alexandre
Bóveda e Aquilino Iglesia Alvariño, ou participamos do ambiente da
Asemblea Extraordinaria de Compostela, aberta co discurso de Manuel
Gómez Román, onde se pecha definitivamente o debate sobre as
coalicións e se decide ir ás eleccións do 36 coa Fronte Popular,
para desgusto de don Ramón Otero Pedrayo, que a pesar diso, e ao
contrario que Risco, non abandona o Partido. O relato dos feitos ten
de pano de fondo a recreación daquel día: “un sábado de xaneiro,
frío e húmido como unha lesma, os membros do Partido baixabamos en
pequenos grupos polo Pombal cando a noite xa se botara enriba, o ceo
semellaba engulir as ásbores da Ferradura, as luces dos farois
estremecíanse nas lousas molladas do chan…”. Virá despois a
campaña a prol do Estatuto de Autonomía e o éxito do referendo.
Aquilo supuxo “un desbordamento de entusiasmo, un día de xúbilo
como eu nunca alcanzara a soñar”. No seu interior Néstor Corbal
vive con desacougo a separación do Partido, a dúbida de se tería
obrado correctamente.
O avó contaralle tamén a Roque
como se desenvolveron os terríbeis feitos a partir do 18 de xullo do
36, todo o que veu despois naquelas madrugadas de pánico e pistolas,
de terror e de barbarie, de represión e de medo. Un certo día,
aquel mestre católico, nacionalista, non comunista, amigo de Risco e
que tomara a decisión de deixar o PG, abandona o Goberno Civil, a
onde fora chamado, sabendo, si, que a súa vida non corría perigo,
pero sentindo “un debilitamento nas pernas, un peso no peito, un
abaneo”, apoiándose nun dos contrafortes do xardín para non caer
ao chan. Cando Arcadio ten quince anos coñece a Otero Pedrayo, e
nese momento nace unha fonda relación entre un adolescente Arcadio
Corbal e don Ramón, a quen acompaña nos paseos pola cidade, visita
no seu piso da rúa da Paz o una casa de Trasalba. Esa amizade é a
expresión da ruptura ideolóxica e política co pai. Arcadio Corbal
nunca lle perdoará ao pai que non seguise a traxectoria de Otero
naquelas horas de división interna no seo do PG. Dalgunha maneira o
pai era un traidor para el.
O FRANQUISMO E O DRAMA DOS ENFERMOS
MENTAIS
O relato, que fai referencia tamén
ao 25 de abril de Portugal, ás últimas sentenzas de morte do
franquismo ou ao asasinato de Moncho Reboiras, aborda, así mesmo,
moi cruamente, de forma descarnada, a situación dos enfermos mentais
neses anos da ditadura. Seguramente son estes os capítulos máis
duros da novela, narrados en primeira persoa. Ignoramos nós se son
voces de personaxes ficticios ou reais, mais semellan as voces dos
propios doentes e dos seus familiares, daquelas persoas que viviron
unha realidade tan dolorosa nos anos máis escuros da psiquiatría. A
historia de Tina, por exemplo, estremece os corazóns. Era cando a
moitas mulleres que sofrían a loucura nin sequera as levaban a un
sanatorio psiquiátrico e as gardaban pechadas na corte ou nun
alpendre ou nun cuarto no que ninguén podía entrar, moitas veces
atadas como animais.
O tradutor de sombras é unha
novela que se nutre da historia social e política contemporánea de
Galiza, e singularmente da historia do nacionalismo galego no período
da II República, pero con personaxes que padecen profundas crises
persoais, mesmo a traxedia, e que están encarnados por figuras
humanas, de carne e óso, que se expresan a través da técnica
narrativa do monólogo, unha novela , por outra parte, cunha
construción aparentemente sinxela, pero que posúe unha arquitectura
coral perfectamente traballada e que ofrece un relato humano, social
e político que arrastra até a última páxina a calquera lector ou
lectora.
A FELICIDADE TAMÉN EXISTE
A prosa de Moncha Fuentes está
atravesada polos sentimentos do corazón. O amor en todas as súas
expresións e os ideais máis nobres que o ser humano pode posuír,
así como a sensualidade e a beleza, están moi presentes nesta
novela, con capítulos que nos conducen aos días felices da infancia
de Roque en Celanova, “o reino maxestoso da liberdade”, ou aos
tempos mozos de Camila pasando o verán en Sabarís, nas terras de
Baiona, na casa dunha amiga, onde nos resulta doado imaxinar unha
horta chea de árbores froiteiras, de mazairas e limoeiros, así como
o primeiro encontro de Camila con Arcadio, con aquel psiquiatra do
sanatorio de Toén, formado en Alemania, fillo de Néstor Corbal e
que se move cun aire vagamente francés. Virán despois días moi
felices, velaíños e doces, con viaxes moi gozosas a Portugal,
territorio moi amado por Arcadio, onde viven todo aquel ambiente de
liberdade que chega tras a Revolución dos Cravos, cos cafés da
Avenida dos Aliados cheos de mulleres falando en alto e recuperando
os espazos públicos que lles foran vedados.
Roque Corbal
Ferro, neto dun vello galeguista que sempre foi fiel ás súas
conviccións, fillo de militantes nacionalistas activamente
comprometidos coa loita política clandestina, lector desde moi
mociño do Sempre en Galiza na edición de Bos Aires de 1961,
que sente un inmenso gozo o día que recibe como agasallo das propias
mans do avó a primeira edición de As Burgas, a de 1944, non pode
deixar de expresar agora a súa sensación de derrota e de profunda
preocupación diante dun país a piques de desaparecer: “atención,
atención, a quen poida interesar, non se vende outono na ribeira do
Arnoia, véndese País ancestral ”. Iso é o que lle gostaría
proclamar polas rúas cun megáfono a Roque Corbal. Hai dúas páxinas
nesta novela de Moncha Fuentes que constitúen o máis fermoso e
contundente manifesto político que unha lectora ou un lector pode
atopar sobre o que hoxe lle está a acontecer a Galiza. Non hai
ensaio político de cen páxinas que transmita con tanta verdade,
beleza e eficacia o brado de dor e de denuncia dunha persoa con clara
conciencia nacionalista fronte á desfeita e á venda do país.