Ortigueira


Unha semblanza de David Fojo Salgueiro

  02-07-2016 


Detrás do mostrador


Aos doce anos tiven que escoller: ou Mondoñedo ou Ortigueira. E marchei para Ortigueira. Eu chegaba á Vila no primeiro tren da mañá, creo que algo máis dunha hora antes de que abrise as súas portas o Escolar, onde neses anos exercían o maxisterio dona Milagros, don César, don Alfredo, don Antonio Puentes… Como a espera era longa, dedicaba eu ese tempo perdido a pasear polas rúas aínda desertas de Santa Marta. Un dos meus itinerarios preferidos era ir até a punta do “Muelle” para ver os barcos que estaban alí atracados e que tanto chamaban a miña atención. Lembro agora que Álvaro Cunqueiro, durante a súa estadía en Ortigueira, entre 1936 e 1937, gustaba tamén moito de achegarse ao peirao coa primeira néboa da noite, unha atmosfera que lle recordaba os cadros de Willian Turnes, que el tanto amaba naquela época. Un certo día entrei na Imprenta, supoño que para preguntar por algún material escolar. E apareceu un señor que moi educadamente preguntoume que desexaba para dicirme a continuación que aínda non chegara a “chica” e que volvese un pouco despois. Aquel señor co que apenas crucei dúas palabras era, naturalmente, don David Fojo Salgueiro. 

Desde a miña máis temperá adolescencia fun un gran lector de prensa, fundamentalmente de “El Ideal Gallego”. Dalgún xeito descubrín  o meu país nas súas páxinas, especialmente nos suplementos dominicais, sobre todo nos artigos de Fernando Mon, e pola súas páxinas entereime tamén da efeméride do 25 cabodano da morte de Castelao ou da morte de don Ramón Otero Pedrayo, feitos estes que agora estou convencido que influíron moito na miña galeguización. O outro xornal que me acompañou desde a adolescencia foi “La Voz de Ortigueira”. Na miña casa non estabamos subscriptos, mais eu lía a “verza” cada semana na casa de Leandro, un dos meus mellores amigos desde a infancia, que sempre tivo o que eu non tiña: televisión, máquina de escribir ou coche, ademais dunha maior intelixencia. En “La Voz de Ortigueira”, aló polos anos 76, 77, 78… colaboraba asiduamente outro meu amigo, que xa entón destacaba pola súa cultura e pola súa brillantez intelectual: Vicente Peña Saavedra. Talvez Vicente, sen el sabelo, inxectou en min a idea de escribir na “Voz de Ortigueira”. Cando eu aínda tiña dezaseis anos escribín o meu primeiro artigo e envieino á Imprenta, sen moita confianza de que mo publicasen, escrito, por certo, en castelán: “De Ortigueira a Teixido: sus tierras y sus hombres”. Nunca despois, con ningún outro traballo, sentín a emoción que me produciu ver publicado ese primeiro artigo. Nen sequera a edición dun libro me causou tanta emoción e tanto gozo.

As miñas colaboracións fóronse facendo pouco a pouco cada vez máis frecuentes, todas elas xa en galego, sen que eu tivese a máis mínima relación co director do periódico nin con Antonio Rivera Losada, que por ese tempo traballaba na redacción e na elaboración do xornal. De calquera xeito cónstame que don David seguía os meus pasos, e un día, a raíz dun meu artigo sobre Ramón Armada Teixeiro, púxose en contacto comigo para dicirme que todo o que el tivese que o poñía á miña disposición, que a Imprenta, o periódico, a hemeroteca e a súa propia casa estaba aberta para o que eu precisase. E faime este ofrecemento militando el en Alianza Popular e eu no Bloque. Para un rapaz coma min, cunha inmensa curiosidade naquel momento pola figura de Armada Teixeiro, do que só coñecía o breve texto que lle dedica don Ricardo Carvalho Calero na súa Historia  da Literatura Galega, aquela invitación era unha man tendida que non podía rexeitar. E foi así como comecei a investigar na Imprenta e a manter amenas e interminábeis conversas con David Foxo Salgueiro, nacendo aí unha amizade que se prolongou até os derradeiros días da súa vida. 

Neses anos nos que comezo a ir asiduamente á Imprenta xa non traballa alí Antonio Rivera, e incluso hai moito tempo que non se fala con David. Teño que dicir que don David, aínda nese período en que non tiñan relación, non deixaba de falar marabillosamente de Antonio. O caso é que sendo eu xa concelleiro propuxen á Corporación municipal a elaboración dun vídeo sobre a prensa ortegana. Non sen esforzo, convencín a Antonio para que entrase de novo na Imprenta para gravar unha intervención para o vídeo. Desde aquel día Antonio e David volveron a tratarse con absoluta cordialidade, cunha cordialidade que, por outra parte, a don David saíalle do fondo do corazón e do grande aprecio que lle tiña a Antonio. No vídeo participaron, ademais, o propio David Foxo, Vicente Peña, Ánxel Rosende e, se non recordo mal, Luís Celeiro. Foi a primeira iniciativa que impulsamos desde o Concello dentro dun amplo abano de propostas encamiñadas a coñecer e recuperar o noso patrimonio histórico-cultural. Mesmo organizamos un acto público no Instituto que foi, en certa maneira, un pequeno homenaxe a don David.

A miña relación coa Imprenta foi durante moitos anos practicamente diaria. E xa na miña etapa de concelleiro, antes ou despois de ir ao Concello, non había día que eu non pasara por alí, onde David e eu, mostrador por medio, conversabamos longamente da actualidade política municipal, de escritores de aquí e de acolá, do pasado de Ortigueira, dos trípticos que eu lle encargaba para celebrar o Día das Letras ou das separatas e libros que el sempre tiña en proxecto. A verdade é que era un pracer conversar con el. A súa cabeza era memoria viva da nosa historia contemporánea e da crónica social de Ortigueira. Home de palabra acesa, bo conversador, cordial, ameno, simpático, entrañábel, amador da polémica, amigo do humor e das historias eróticas, xeneroso en eloxios, e na parola, no medio do bombardeo de palabras, sempre algunha gargallada, algún esquecemento dun nome e un “no-no-no-no….”.
Cando alguén do mundo da cultura viña a Ortigueira pronunciar unha conferencia ou participar nalgún acto cultural, se estaba na miña man, eu facía o posíbel por levar alí a esa persoa para que coñecese a don David e aquel museo da época de Gútemberg. Nese momento todas as máquinas se poñían a funcionar para goce do invitado e até Emiliano e Fico compoñían un texto letra a letra, co máis rudimentario sistema de tipografía. Lembro agora algúns dos persoeiros que pasaron pola Imprenta neses anos: Manuel María, Uxío Novoneira, María Pilar García Negro, Francisco Carballo, Francisco Fernández del Riego,  José Luís Sampedro…  Manuel María mesmo compuxo algún texto coas súas propias mans, Novoneyra botou media tarde para atopar unha orla do seu gusto para un dos seus poemas (“Nunca eu fun como te amo”) e a José Luís Sampedro a conversa con David incluso lle deu ideas para unha das súas novelas (Real Sitio), e así o recoñece o autor na Nota que figura ao final do libro: “Tampoco brotó de mi fantasía el caso del naranjo impúdico –capítulo VI-. Supe de ese árbol histórico, florecido cerca de Ortigueira y condenado realmente por el obispo de Mondoñedo, gracias a mis amigos de aquella tierra y a la documentación facilitada por don David Fojo, editor de La Voz de Ortigueira. Yo me limité a traspalantarlo a Aranjuez”. 

Desde 1966 dirixía o semanario “La Voz de Ortigueira”, que fundara seu pai, Jesús Fojo Díaz, o 4 de xuño de 1916. Este labor compaxinouno durante décadas co de empresario, editor, libreiro e animador da cultura. Aínda que don David nunca exerceu a acción cultural sentado fronte a unha mesa braseiro, senón desde detrás do mostrador, e de pé, sempre de pé, até poucos anos antes da súa morte, o certo é que para os que amamos as terras de Ortigueira el foi un Ramón Piñeiro da cultura ortegana. Non creou unha escola de pensamento político, nin pronunciou conferencias, nin escribiu libros nin realizou traballo de investigación, mais moito do que se fixo en Ortigueira durante moitos anos nos eidos da cultura débese a el, á súa invitación, ao seu entusiasmo, á súa valiosa colaboración, á sua enorme paixón por Ortigueira. Sen a súa intervención, sen a súa axuda, sen o seu estímulo constante, mesmo sen a súa xenerosidade, nós non teriamos publicado traballos como As letras galegas en La Voz de OrtigueiraOrtigueira na Cultura GalegaO país de Nós ou Os vellos. A memoria da vida e unha cultura que se perde; nin Ánxel Rosende tería a documentación necesaria para rematar o seu traballo sobre o agrarismo na comarca do Ortegal ou para elaborar traballos como Francisco Xavier Méndez Neira cura-reloxeiro de Ladrido ou as crónicas de Un día diferente. Grazas a el foron editados igualmente diversos libros de Enrique Chao Espina e ensaios e conxuntos de artigos de Vicente Peña Saavedra, Antonio Rivera Losada, Leandro Pita Romero, Alfredo Torres ou Álvaro Cunqueiro e números especiais sobre diversos persoeiros. Na edición de todos estes traballos, que integran unha extensa bibliografía, don David traballou arreo, con xenerosidade e co mesmo amor co que o inesquencíbel Ánxel Casal editaba as obras de Castelao ou de don Ramón Otero Pedrayo.

Don David aguilloaba as nosas inquedanzas, subministrábanos datos, xuízos críticos, recortes de prensa, folletos, periódicos, revistas ou libros que eran verdadeiras xoias de bibliófilo. Todo o puxo ao servizo de calquera persoa que quería investigar, escribir ou facer algo sobre Ortigueira. Atendía calquera petición, remexía a casa toda para atopar un libro, botaba unha mañá falando de Antonio Rivera Losada ou conversando unha tarde enteira con Uxío Novoneyra. O seu era auténtica paixón pola cultura. Un labor calado, íntimo, de claustro de clausura. Lamentabelmente, todo ese traballo nunca non llo soubemos agradecer en vida. O único que fomos capaces de facer foi organizarlle unha homenaxe. Pero o que el máis precisaba era apoio para continuar coa Imprenta e para dar a coñecer e conservar todo o rico patrimonio que tiña na súa casa, que era o seu soño, o que máis desexaba. E aí fallámoslle todos. Eu sei da grande ilusión que lle fixo que un día o chamasen para ir a Santiago de Compostela para recibir o seu recoñecemento como editor e da profunda amargura coa que aquela noite regresou a Ortigueira. Eu sei tamén dunha certa carta desesperada que eu mesmo redactei a petición súa e que nunca tivo resposta. Foi todo moi triste.

Cando el se enterou de que eu ía marchar para A Coruña, a primeira chamada que tiven foi a súa. Díxome que era un dos días máis felices da súa vida. E falaba co corazón. Cando morreu, eu sentín unha inmensa dor no corazón. Para min Ortigueira xa nunca volveu ser igual sen a súa presenza.

(artigo publicado no nº 3 da revista Terras do Ortegal)


Conferencia sobre a prensa ortegana
 02-06-2016















Ningún comentario:

Publicar un comentario