14/07/20

Fiz Vergara Vilariño, orfo de amor


Dentro do panorama da poesía galega contemporánea, unha das voces máis persoais, de maior fondura humana, extrema sensibilidade, exquisitez poética e riqueza lingüística é, sen ningunha dúbida, a de Fiz Vergara Vilariño (Santalla de Lóuzara-Samos, 1953-1997). Non foi, certamente, un poeta que introducise innovacións formais ou temáticas na lírica galega. Nada máis clásico que o soneto que el tanto cultivou e nada máis intemporal que o amor, o sufrimento e a soidade que motivaron toda a súa obra. Poeta intimista por riba de todo, aínda que nunca alleo á inxustiza social e á defensa do país. Do conxunto do seu corpus poético nós destacaríamos tres títulos: Poeta muiñeiro á deriva (1982), Nos eidos da bremanza (1990) e Animal sen fel (1998).

A infancia de Fiz Vergara Vilariño quedou tronzada cando aos nove anos se lle descobre unha enfermidade dexenerativa que o acompañará xa ao longo de toda a vida. Esa doenza condicionará non só a súa existencia como persoa, senón tamén a súa obra creativa. Desde moi mociño Fiz Vergara nada anhelará máis que o amor de muller, un desexo que acabará sendo inancanzábel para el e que será causa de grande frustración humana e sufrimento. E o poemario que mellor recolle esa arela de amor carnal e afectivo é Nos eidos da bremanza, seguramente o libro onde o poeta alcanza, así mesmo, o seu máis alto cume lírico e co que consegue o Premio da Crítica Galega en 1991. Como di Darío Xohán Cabana no prólogo, “Nunca entre nós foron as ansias de amor tan altamente cantadas”.

De entre todas as voces da súa xeración, Fiz Vergara destaca pola súa predilección polo cultivo do soneto e, desde logo, pola fondura e a autencicidade da súa voz. O poeta séntese un home lobo, solitario, enchido de tristura e desencanto, co peito ferido e desolado, orfo de amor, un ser humano triste e envolto no silencio e na soidade, que non coñece outra felicidade e outra alegría máis que a que tivo na nenez nas súas tan amadas terras de Lóuzara ou a que lle produce agora ver correr entre o bosque unha cerva noviña na procura de fontenlas de augas claras, escoitar a laberca nos eidos da bremanza ou o canto do carrizo que todas as mañás se pousa na cerdeira florida diante da súa fiestra. Mais nunca, nunca, deixará de ansiar e soñar o amor, aínda sabendo que non se fará real o seu soño, que xamais as súas mans xélidas e trementes poderán gozar do corpo amado. Esa vivencia solitaria e íntima do amor será o seu refuxio, xunto coa paisaxe. E nun dos últimos poemas do libro xa nos anticipa o tema do seu poemario póstumo: “Lámbeme o corazón, fiel can doente, /antigo compañeiro na tristura, / lámbeme o corazón e maila dura / pena de me sentir orfo no abrente”. Versos que estremecen.



    Nos eidos da bremanza

    Fiz Vergara Vilariño

    Galaxia / 1990

    124 páxinas / Esgotado



Ningún comentario:

Publicar un comentario