Era grande a admiración de Paco Souto (A Coruña, 1962-Razo, 2017)
por ese outro noso altísimo poeta que foi Antón Avilés de
Taramancos, que nunca deixou de ser fiel ás súas orixes labregas e
á memoria de súa avoa. Se a presenza de Pepa de Pastora é
fundamental no canto lírico de Avilés, non menos importante é a
figura de María na obra poética de Paco Souto. Ambas mulleres
representan moi ben esa estirpe feminina de orixe humilde que viviu
permanentemente no amor á terra. Foron as nais e as avoas que xa non
están entre nós e coas que se extinguiu para sempre unha cultura
milenaria e un xeito de vivir que permaneceu case inalterábel
durante séculos. E sempre levando o mundo na cabeza: “Mulleres
paxe de grelos / Mulleres balde de peixe / Mulleres cesto de ovos /
Mulleres manteiga e leite”. Diso vai o poemario As horas de
María, un libro no que o poeta comezou a traballar na súa
mocidade e co que gañou en 2006 o Premio de Poesía Johán
Carballeira.
A través dos versos de Paco Souto
imos coñecendo a vida de María, que se inicia no tempo de ir co
gando e de aprender a ler no silabario e nas coplas dos cegos. Non
faltan as imaxes das lavandeiras enchendo de linguas de xabrón o
leito do río, tendendo a roupa a clareo e escorrendo de suor até
conseguir as máis banquísimas sabas que os ollos podían ver. Non
menos gozosa resultaba a celebración do San Xoán, cubrindo a casa
de herbas, saltando o lume e lavando a cara durante varios días con
aqueles pétalos de rosas colocados en auga até a primeira luz do
día. O ano agrícola avanzaba coa sementeira das fabas e do millo
verde, coa seitura da herba ao mencer ou con carros de argazo para as
leiras, abríndose os corpos ao amor coa calor do verán. E virá
logo a guerra de África con aquelas cartas para o home “Para que
saibas que estamos ben / Os rapaces medran como o liño (…) E a ti
/ Como che vai a guerra? Tápate!”. Talvez nada máis luminoso nesa
vida de María que a esperanza do 14 de abril de 1931. “Canto
durará esta luz?”, pregúntase. Castelao en Lira defendendo o
Estatuto, o drama da guerra, o fielato, a requisa, o estraperlo, os
fuxidos, as cartas atlánticas do exilio… así até chegar ao
conflito entre tradición e modernidade, entre lavar a roupa no río
ou na lavadora. María xa de vella alinda a vaca furtivamente nas
terras que sempre foran de seu e que o polígono roubou para esa
fábrica de matar a froita.
Paco Souto escribiu toda a súa obra
desde o centro da vida, desde a súa inmensa riqueza como ser humano,
desde unha radical autenticidade en todo o que nos expresaba coa súa
poesía, demostrando en cada poema, en cada libro, que a poesía é
arte e verdade, verdade e beleza.
Paco Souto
Espiral Maior
/2007
54 páxinas
Ningún comentario:
Publicar un comentario