Amosando publicacións coa etiqueta Lingua de meu. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lingua de meu. Amosar todas as publicacións

28/12/23

A librería coa que sempre soñei

Librería Berbiriana na Coruña
Esa librería nin existiu nin existe. Mais podémola imaxinar. Estaría ubicada nun dos edificios da zona do Obelisco, no corazón da Coruña. Tería varias plantas e a literatura galega e o libro galego en xeral sería a súa especialidade.

Fiquei fascinado polas librerías desde que era un rapaz de doce anos e chegaba no tren da Costa desde a miña parroquia de San Claudio á vila de Ortigueira unha hora antes da entrada no Escolar, no edificio onde hoxe está situada a Biblioteca Municipal, un tempo que eu aproveitaba para pasear aínda entre o frío e a néboa da mañá polas rúas da vila, para ver os barcos de pesca na punta do Malecón e sobre todo para contemplar apampado os dous escaparates de libros que había na rúa Real. Algúns daqueles libros devecía eu por telos entre as mans, porque para min eran o tesouro máis marabilloso que os meus ollos de neno viran até ese momento. Estou a pensar agora naquela fermosísima colección de “Obras Inmortales” da Editorial Bruguera, en tapa dura, con fondo vermello e motivos dourados, da que fun adquirindo algúns títulos co que aforraba dos gastos dos domingos. La Celestina e Rimas y Leyendas merqueinos nesa primeira etapa da miña adolescencia.

A IMPRENTA FOJO

Outro momento extraordinario no meu amor polos libros foi cando aló por 1976, aos dezaseis anos, descubro no escaparate dunha daquelas dúas librerías de Ortigueira, na Imprenta Fojo, ducias e ducias de títulos en galego que eu nunca antes vira na miña vida e nin sequera podía imaxinar. O primeiro libro que adquirín en lingua galega foi Adiós María, de Xohana Torres, sen saber nin de que ía o libro nin quen era a autora. Merqueino só pola capa, con aquela imaxe dos tranvías. Precisamente varias décadas despois, a raíz dun artigo que publiquei sobre esa novela, tivemos a posibilidade e o privilexio de poder coñecer persoalmente a Xohana Torres, que era unha figura que vivía xa retirada desde había moito tempo da vida social e cultural do país. Ela mostrou interese en coñecernos e aló fomos a Vigo unha tarde de comezo de verán Goretti Sanmartín Rei, Carme Vidal e eu, tamén da man do seu editor Pepe Puga, que a visitaba todas as semanas e que mantiña con ela unha estreita e frutífera amizade, da que naceu o poemario Últimas tardes con Xohana. Foi aquela unha tarde inesquencíbel, na que mantivemos unha longa e deliciosa conversa coa poeta, na que nos leu algún poema inédito e nos falou de Rosalía de Castro, de Ferrol, de don Ricardo Carvalho Calero, de San Andrés de Teixido, dos seus veráns en Valdoviño e da súa amizade co pintor Segura Torrella, dos seus anos mozos e da súa xeración e, como non, da súa enorme ilusión co papel activo que agora estaban a desempeñar as mulleres na política. E toda aquela vivencia tan emocionante debíalla eu a un libro de Xohana Torres que mercara na miña vila cando tiña dezaseis anos.

AS LIBRERÍAS DE FERROL

Despois das miñas matutinas contemplacións dos escaparates das librerías de Ortigueira e da adquisición dos meus primeiros libros en galego na Imprenta Fojo (Adiós María, Cantares Gallegos e Memorias dun neno labrego), a miña paixón polas librerías tivo logo a súa continuidade na cidade de Ferrol, na que cheguei a coñecer todos os títulos que había en galego en cada unha das librerías coas que naquel momento contaba a sociedade ferrolán: El Quijote, Helios, Central Librera, Delta...

Había tardes que ía dunha para outra só para ver e abrir libros. En Delta, na rúa Coruña, pasei horas e horas, tardes enteiras, aínda que só mercase un ou dous libros á semana. A dona da librería, Delia Bonome, xa me trataba como se fose da súa familia. Xa sabemos que as librerías de antes eran por excelencia un lugar de encontro entre libreiros e lectores e entre libreiros e escritores. Lembro agora, por exemplo, que cada vez que Marguerite Yourcenar ía a Tánxer pasaba sempre pola Librairie des Colonnes, moi frecuentada igualmente por Juan Goytisolo.

De forma paralela ás miñas visitas ás librerías eu ía coñecendo a moitos escritores galegos que por aquel tempo se achegaban a Ferrol para pronunciar conferencias: Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carvalho Calero, Ramón Piñeiro, Antonio Fraguas, Domingo García-Sabell, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez, Xosé Ramón Barreiro, Xosé Chao Rego, María Pilar García Negro, Pilar Vázquez Cuesta, José Martinho Montero Santalha… Pouco a pouco ía descubrindo os libros nas librerías e os seus autores nas conferencias. Aquilo era unha verdadeira cátedra de cultura galega e de amor ao país, que tiña a súa sede fóra dos centros docentes, no salón de actos da Caixa de Aforros, no Ateneo Ferrolán, no local de Toxos e Froles, nos actos que organizaba Roi Xordo na Domus Eclesiae…

DA LIVRARÍA BERTRAND A COUCEIRO

Posteriormente, polas cidades polas que pasei e polos países que visitei, ben poucos, por certo, busquei sempre as mellores librerías, aínda que fora para pasar só unha hora entre os seus andeis e mercar libros de fotografía e de pintura, outra das miñas debilidades. Algunhas desas librerías son verdadeiros templos do libro: a Livraría Bertrand de Lisboa, creo que a máis antiga do mundo, fundada en 1732, a Librería Lello, na rúa das Carmelitas, no Porto, talvez a librería máis fermosa que podemos atopar, a librería Compagnie, en París, no Barrio Latino, non lonxe da Sorbona, e outras de Sevilla, Madrid, Salamanca, Braga, Venecia, Florencia ou Roma, das que non me quedei cos seus nomes. E, por suposto, Couceiro e Follas Novas en Compostela, a Xistral, en Monforte de Lemos, que tantos anos rexentou con tanta coraxe política e tanto acerto Saleta Goi; a Colón da rúa Real da Coruña, xa lamentabelmente na lembranza, e a que máis visito ultimamente, a Libraría Berbiriana, no inicio da rúa Santiago. E camiño de Madrid, sempre unha parada obrigada: Urueña, para visitar as súas moitas librerías. Un dos libros que merque alí, na librería Alcaravan, a máis antiga de Urueña, foi Tierra mal bautizada. Un viaje por Tierra de Campos, unha obra deliciosa de Jesús Torbado.

LITERATURA E PAÍS

O amor polos libros e polas librerías permitiunos, ademais, descubrir máis profundamente a nosa literatura e o noso país, máis aló do que podiamos ler nos xornais. De non ser polos libros teño a certeza de que sería unha persoa privada dun dos maiores praceres da vida, o pracer de gozar da lectura, que se se descubre na infancia ou na adolescencia xa non se abandona endexamais. E foi tamén grazas ao libro galego como un tomou conciencia de que o que falaba desde neno na súa aldea era unha lingua milenaria cun pasado de prestixio e de esplendor, a lingua de cultura por excelencia, falada e cultivada polos reis nas cortes de Galiza, Portugal e Castela e polas mentes máis lúcidas e as figuras máis ilustres que deu o país desde o século XVIII.

Nos libros e nas librerías descubrin a Literatura, todas as literaturas que floreceron no universo, desde a poesía de Homero á de Olga Novo, e, naturalmente, descubrín o meu país en toda a súa dimensión histórica, cultural e política. De non ser polo meu temperá interese polos libros galegos e polos andeis das librerías dedicados ao libro galego, eu non chegaría a ter unha visión cabal de Galiza. E ademais esa paixón polo libro deume a oportunidade de escoitar a Cunqueiro ou a Celso Emilio Ferreiro, de manter unha estreita amizade con Manuel María durante moitos anos ou de tratar nunha época da miña vida a José Luis Sampedro. Realmente un privilexio, do que me sinto moi afortunado. Sen os libros e sen as librerías eu sería outra persoa, inmensamente máis pobre.

A GRANDE LIBRERÍA DE GALIZA

O que non alcancei nunca nin alcancarei posibelmente endexamais é a poder ver a librería que sempre soñei para o meu país. Esa librería nin existiu nin existe. Mais podémola imaxinar. Estaría ubicada nun dos edificios da zona do Obelisco, na Coruña. Tería varias plantas e unha luminosidade de luz natural en todos os seus espazos. A literatura galega e o libro galego en xeral, e a literatura universal traducida ao galego, sería a súa especialidade. Os libros estarían colocados por épocas históricas e por períodos literarios, desde a lírica medieval até a actualidade, desde os clásicos á última literatura, con grandes retratos dos escritores e das escritoras de cada época á beira dos andeis dedicados aos seus libros, coa posibilidade de escoitalos nas súas propias voces ou de velos en breves documentais, con todas as novidades editoriais, pero tamén cun completísimo fondo editorial, de tal maneira que puidésemos ter ao alcance dos ollos e das mans os libros todos de Rosalía de Castro, de don Ramón Otero Pedrayo ou de Álvaro Cunqueiro, e todos eses outros libros que se escribiron sobre eles.
Nesa librería dos nosos soños unha planta debería estar dedicada ás crianzas e ao libro infantil e xuvenil, porque é nesa etapa da vida onde debe nacer o amor ao libro. Non podería faltar tampouco o territorio dos autores e das autoras da banda deseñada en galego. Habería espazo tamén para a conversa demorada e para o café, mesmo para o licor-café e para os pasteis, para a exposición de primeiras edicións, para a reflexión e para o debate, para a tertulia e para a presentación de libros, de tal maneira que unha persoa puidese ir por alí e atoparse con calquera das nosas voces poéticas actuais ou cunha grande figura da intelectualidade galega. Mágoa que xa non poida ser con Carlos Martínez-Barbeito, Miguel González Garcés ou Manuel María, tan amantes da conversa.

A idea última deste noso soño que nos acompaña desde hai anos sería que a literatura galega ocupase un lugar central no corazón da cidade da Coruña, onde Ánxel Casal fundou en 1927 a Imprenta Nós, e que ser cliente habitual desa librería fose motivo de prestixio e distinción social, como hoxe o é visitar certas tendas de moda ou determinados restaurantes. Sei ben que non podemos soñar con que esa librería sexa o Café de Flore, ao que ían incluso moitos estranxeiros para ver a Simone de Beauvoir e a Jean-Paul Sartre, pero si a librería á que desde calquera punto da xeografía galega se achegue xente para pasar unhas horas nese templo do libro galego que estamos a imaxinar. Estou seguro que cambiariamos moito como persoas e como país. Só pecisamos que Amancio Ortega merque un edificio menos polo mundo e que sexa o mecenas do proxecto da Grande Librería de Galiza.

Isaac Díaz Pardo, que nunca tivo, desde logo, o poder económico do empresario de Inditex, co escaso capital do que puido dispoñer, creou o Laboratorio de Formas, Cerámicas do Castro, o Museo Carlos Maside, o Complexo Industrial Sargadelos, Edicións do Castro, as Galerías Sargadelos de Barcelona, Madrid ou Compostela ou o Instituto Galego da Información. Sempre pensando en facer país, en recuperar a memoria histórica, en transformar a súa Terra. É doado imaxinar como sería Galiza se Díaz Pardo fose un dos homes máis ricos do mundo. E é en Isaac Díaz Pardo no que se deberían de mirar os que co seu capital poden axudar a transformar o noso país. El tamén fundara en 1958, con outros exiliados, a fábrica de cerámica Porcelanas de Magdalena, a 108 quilómetros de Bos Aires. Anos máis tarde dirá sobre aquela experiencia empresarial: “Non sei que se nos perdía alí, no fin do mundo”. Iso explica o seu regreso a Galiza e todo o que aquí fixo despois.


26/12/23

O libreiro que sempre quixen ser

Cando hai agora catro anos o amigo Xoán Costa me convidou a colaborar cunha sección propia sobre libros en Sermos Galiza, o primeiro foi resistirme a ese compromiso e despois pensar como eu podería falar de libros sen ser de novidades. Foi así como se me ocorreu a columna á que agora lle poñemos remate.

 Un libro dedicado é sempre un libro único, a lembranza dun día, unha mostra de afecto, unha páxina de arte caligráfica…


A verdade é que toda a miña vida soñei con ser libreiro. As librarías foron a miña 
universidade, un dos meus lugares máis amados. Cando tiña dezaseis e dezasete anos pasaba horas e horas en todas as librarías de Ferrol e sabía todos os libros galegos que había en cada unha delas. Mercar mercaba un ou dous á semana, os que podía, mais gozábaos todos. Naqueles anos setenta o libro galego era un verdadeiro acontecemento, e tiña espazo propio, e incluso en certas librarías ocupaba todo o escaparate. Dunha destas librarías, da Libraría “Delta”, que estaba na rúa Coruña e da que era propietaria unha señora encantadora que se chamaba Delia Bonome, eu case era un empregado máis. Lembro incluso que nunha conferencia de Celso Emilio Ferreiro a propia libreira veume preguntar se “tiñamons nós” O sono sulagado. E dicía “nós”, porque sabía ben que coñecía cantos títulos había na súa libraría.

O que de verdade pretendín facer aquí, nesta sección, foi precisamente iso, falar do libro como se fose ese libreiro que sempre quixen ser e que máis alá do valor literario dunha obra, ama o libro como obxecto precioso, ese libreiro que se lle ve nos ollos e nas palabras que está marabillado coa edición, co papel, co tipo de letra, coa encadernación... “O pracer de reler” non foi, pois, a ollada crítica que nos pode ofrecer cada semana cada unha das persoas que en distintos medios exercen a crítica literaria coa solidez de quen posúe autoridade académica. O meu non deixou de ser o que unha libreira ou un libreiro lle pode dicir a calquera persoa que entra nunha libraría buscando un título xa difícil de atopar nos andeis das librarías.

Creo tamén que con esta columna quixen dalgunha maneira salvar algúns dos libros que máis amo da miña biblioteca. Como un nunca sabe cal será o destino que lle espera a eses libros que un adquiriu aquí e acolá desde a súa adolescencia, supoño que con estes artigos intentei darlles outra vida, recolléndoos incluso posteriormente en libro, en edición de autor, para agasallar logo aos amigos que comparten esta paixón polo libro. Agora xa sei que algúns dos libros máis amados da miña biblioteca quedarán para sempre nos meus humildes libros que recollen estes artigos e que alguén -estou seguro- conservará na súa casa. É algo que nos produce un inmenso sosego.

Outra enorme satisfacción que     me deu esta columna foi coller unha chamada de teléfono e que ao outro lado estivera a voz emocionada de Salvador García-Bodaño para agradecerme o artigo que eu lle acababa de dedicar ao seu Tempo de Compostela. Saber que lle podes alegrar o día a un ou a unha poeta é o máximo que eu podería soñar con estes meus artigos.



17/05/14

Lingua de meu, insubstituíbel

Digo “fuente” e apenas digo nada. Digo “fonte” e digo ai!, Fonte da Pichoca, Fonte de Candales, Fonte da Medrosa, Fonte do Espiño…,  e digo auga daqueles días aínda fresca na miña boca, grandes sellas de auga nos vertedeiros de toelo, fontes comunais feitas hai mil anos polos nosos devanceiros, clarísima auga que nace incesantemente entre as pedras, á sombra dos castiñeiros, na beira do mar, auga para matar a sede, para recobrar a vida, para recuperar a forza, e digo días calorosos de sega, e digo avoa, e digo papá, e digo mulleres e homes de mans escravas, rostros de suor e alegría, e digo señora Lola, Pedro, Andrés, Benedita, José de Pastora…, e digo Espiño, Chousa de Loureiros, Barco Feito, Tristimil, A Reguiña, Caioga, leira longa de trigo, queixo da feira con pan, pedra de afiar, sesta á sombra da parra, moa, mollo, carro de bois, meda enorme, malla…, e digo fontana fría, cervos do monte, filha velida, Adiós ríos; adiós fontes, e digo Pero Meogo e Álvaro Cunqueiro, O cántico da fonte de Cesáreo Sánchez Iglesias, a Fonte Pampilla de Medos Romero e a auga toda do Courel no canto eterno de Novoneyra, e digo con Manuel María As fontes son os ollos / abertos e estantíos / das entrañas da sombra / a contemplar o mundo, e digo Fonte dos Cabalos, Compostela, Día da Patria, unha foto na Praza das Praterías con Aquilino Iglesia Alvariño en 1960, e digo Fonte de Santo André de Teixido, Fonte da Ferrería, As Burgas, Bos Aires, Sempre en Galiza, Castelao!, e digo Fonte do Desexo, na Praza de Azcárraga, ferro dos talleres de París, e digo Fonte do Ídolo, Fontana di Trevi, Fonte Gaia, azul como o ceo de Siena, para sempre eternamente nosa nun soneto de Baixeras, e digo: dicídeme, meus amigos, como sería a voz da auga no silencio da noite na fonte barroca do Mosteiro de Santa María de Monfero? Digo Monfero e digo oh, grande achado!, Cancioneiro de Monfero, Xosé María Álvarez Blázquez, cantigas en papel fío do século XVII, sen marca ou filigrana, para grande ledicia de Florentino López-Cuevillas. Digo fonte e digo Fonte dos papados frescos / onde baixan beber os bois / entre ameneiros. Lingua da miña xente, na que falaron todos os meus antepasados, na que sigo a escoitar as amadas voces familiares cada vez que agora digo Fonte da Trindade, Vilar, Fonte do Souto, Sabugueiro… Lingua que me habita na emoción e na que vivo. Lingua de meu, materna, insubstituíbel. Lingua da memoria miña máis profunda, memoria común do meu pobo. Lingua que nos dá a certeza absoluta de sermos nós, único idioma no que podemos mudar a nosa historia. E digo idioma, digo lingua como quen di Serra aberta / inmensa antiga herencia!, lingua milenaria, palabra que vén do fondo dos tempos, e digo  –Digades, filha, mia filha velida: / porque tardastes na fontana fría? / … / -Tardei, mia madre, na fría fontana, / cervos do monte volvían a augua. / Os amores hei.

22/11/11

A pedagoxía: imprescindíbel para a normalización da lingua

Calquera nacionalista o ten claro: o galego é a nosa lingua, a que creou o noso pobo, e se desaparece o galego como lingua viva, desaparece Galiza como país, desaparecemos como realidade política, como nación con identidade propia e diferenciada na xeografía e na cultura universal. Mesmo hai persoas que sen seren nacionalistas teñen unha visión galeguista do país e saben que sen a lingua galega Galiza deixaría de ser Galiza, e por iso falan galego, e por iso defenden o noso idioma. As persoas que así pensamos e así actuamos, sexamos ou non nacionalistas, non nos vemos na nosa sociedade instalados noutra lingua que non sexa o galego. O noso idioma vai en nós e nutre a nosa emoción e o noso amor por Galiza, o noso pensamento político e o noso compromiso co país. Falamos galego porque si, porque é a nosa lingua e nese verbo vive e florece a nosa nación, porque o noso porvir como país pasa tamén polo porvir do idioma galego. Hai incluso entre nós milleiros de persoas que non son galegofalantes e que, non obstante, defenden con firmeza o noso idioma, mesmo manifestándose o 17 de maio a prol do galego e contra a política de Feijóo, porque teñen moi claro que o galego é a nosa lingua, aínda que non a usen de maneira habitual, aínda que se expresen sempre en castelán. A nosa sociedade é así de complexa e de contraditoria.

As persoas que amamos e defendemos o galego seguramente xa non precisamos moitos máis poemas nin arengas nin longos ensaios na defensa da nosa lingua. É unha lección que nos quedou para sempre. Mais se calquera de nós bota unha ollada na súa casa á súa biblioteca, estou seguro que atopará doadamente un bo número de libros dedicados á defensa do galego para ser lidos polas persoas que xa o defenden, libros que teñen como principal finalidade reafirmar ideoloxicamente no uso do galego aos que xa o amamos e o defendemos, ou criticar, con máis ou menos dureza, aos que atacan dun ou doutro xeito o idioma galego. O que está aínda practicamente sen facer -e non ignoramos o esforzo de figuras como o Pai Sarmiento,  Xoán Vicente Viqueira, Vicente Risco, Castelao ou Ben-Cho-Shey- é unha pedagoxía dirixida a seducir e convencer a aquelas persoas que viven na despreocupación polo uso do galego, a atraer para a causa do galego a todas esas persoas que non están instaladas no combate e na belixerancia contra o noso idioma, a esas persoas que se senten galegos e galegas, que falan galego simplemente porque é o que falaron sempre ou que non o falan porque nada do que puideron escoitar, ler ou estudar lles fixo ver a necesidade de utilizar o galego, e menos aínda a necesidade de pasar a seren activos defensores e defensoras da lingua galega. Para estas persoas é para quen hai que empezar urxentemente a escribir e a falar. Para estas persoas, que son maioría na nosa sociedade, si que hai que escribir textos de carácter pedagóxico e levar a cabo  campañas publicitarias dirixidas a espertar o orgullo de seren galegos e galegas e o seu interese pola lingua galega. E ese labor precisa de moita pedagoxía. Non abonda con posuír coñecementos en materia lingüística, firmeza nas ideas e pensamento patriótico. Non é suficiente o noso argumentario ideolóxico e xurídico. Non chega con elaborar dicionarios, gramáticas e manuais de galego. Non serven de nada os milleiros de cursos de galego impartidos por toda a nosa xeografía. Hai que atopar as palabras que acendan o interese e o amor polo idioma galego. É preciso que alguén faga xa unhas orientacións pedagóxicas para levar a cabo este inxente traballo. E, desde logo, ademais da necesidade dun marco legal e dunha acción política que favoreza e potencie o uso habitual da nosa lingua en todos os ámbitos, resultan imprescindíbeis campañas publicitarias nos medios de comunicación a prol do noso idioma, campañas potentes con referentes sociais de prestixio para a mocidade e para o conxunto da cidadanía. Se aínda é preciso anunciar o Cola Cao e a Coca Cola, como non vai ser necesario promover constantemente o uso do galego? Sen esas ferramentas non poderemos chegar nunca á maioría da sociedade galega, por moito que diga o Estatuto de Autonomía e a Lei de normalización lingüística, por moita lexislación que aprobemos e por moi activos e firmes defensores que todos e todas nós sexamos da nosa lingua.


A quen vive na despreocupación polo noso idioma e mesmo polo futuro do noso país, lamentabelmente nunca poderemos chegar con textos legais ou con obras como o Sempre en Galiza, o Conflito lingüístico e ideoloxía en Galiza, O galego e as leis ou Lingua galega. Normalidade e conflito, por citar só catro títulos de grande importancia no ensaio galego contemporáneo. É así, queiramos ou non. Incluso vou máis aló. Todas e todos sabemos que a poesía de Rosalía de Castro e de Curros Enríquez tivo un gran impacto na sociedade galega anterior á guerra civil, como a tivo a obra poética de Celso Emilio Ferreiro e de Manuel María nos anos sesenta e setenta ou o teatro galego en diferentes épocas da nosa historia. Mais estou convencido de que a sociedade galega actual xa non a podemos gañar para a causa do idioma galego con poesía e teatro. Este é outro tempo e outra sociedade, que require outros instrumentos e outros métodos de traballo. Hoxe é posíbel que consigamos sensibilizar a máis mozos e mozas cun texto como Laboratorios sociais de normalización lingüística de Séchu Sende que coa Canción para cantar todos os días de Manuel María ou recitando Lingua proletaria do meu pobo... de Celso Emilio. Son da opinión de que a literatura galega perdeu xa definitivamente a funcionalidade social e mesmo política, patriótica, desalienadora, que tivo desde o século XIX. O novo contexto social e político que seguiu á ditadura, especialmente desde o inicio da década dos oitenta, modificou radicalmente a función da nosa literatura, e iso non quere dicir que a lectura dos nosos clásicos non siga a ser imprescindíbel nin quere dicir tampouco que non teñamos hoxe escritores e escritoras en lingua galega que seguen a facer literatura desde unha óptica de país e desde a nosa realidade. Claro que si, que Follas novas segue a ser unha obra fundamental e, por fortuna, segue habendo tamén autoras e autores preocupados por poñer a súa obra ao servizo da emancipación social e nacional. Mais dificilmente o discurso literario é xa un discurso eficaz para acadar ese moi lexítimo fin. Nin a literatura nin os cantautores mobilizan xa a nosa sociedade, por moi ben que se escriba e por moi ben que se cante. Ningún paraninfo se enche hoxe de universitarios para escoitar un recital poético-musical, aínda que sexamos moitas e moitos os que seguimos gozando coa voz de José Afonso, Lluís Llac ou Miro Casabella, cos versos de Rosalía ou coas cancións de Leo Ferré ou Luís Cilia.

Vivimos noutra sociedade. Até hai poucas décadas toda a xente que residía no rural falaba galego, novos e vellos, rapaces e rapazas. Non sabíamos sequera que o que falabamos era un idioma nin sabíamos tampouco da súa importancia cultural e do seu pasado esplendoroso, nin o sabíamos escribir nin tíñamos moitas posibilidades de ler en galego, mais falabámolo, nunha situación diglósica, certamente. O galego estaba vivo, a bravo, se se quere, pero con vida, tiña uso social. Agora a realidade é outra: produciuse unha fractura xeracional na transmisión oral da lingua. No medio rural falan galego os máis vellos, os que o aprenderon na casa, na súa nenez, pero moitas veces estas persoas galegofalantes utilizan o castelán para falar cos fillos ou cos netos. E entre as novas xeracións, entre os que teñen menos de vinte ou trinta anos, o seu uso retrocedeu alarmantemente nos últimos tempos.  A mocidade galega do rural cada vez fala menos o galego e cada vez son máis os mozos e as mozas que hoxe falan galego só por militancia co país e non porque sexa a lingua habitual entre os máis mozos. Cada vez son menos os nenos e as nenas que se relacionan en galego entre eles e cos pais. E se imos ás cidades, o panorama aínda é máis desalentador. E xa sei que entre unhas zonas e outras do país hai grandes diferenzas. E tamén sei que hai vilas e que hai cidades onde o galego resiste aínda moi ben. Mais esa marea de españolización da nosa sociedade é unha realidade que calquera pode comprobar con poñer só a orella. Segundo o último Mapa sociolingüístico de Galicia elaborado pola Real Academia Galega, o galego pasou de ser lingua habitual preferente do 68,8% da poboación en 1992 a selo só do 28% en 2004. E todo isto acontece nun período histórico no que temos Parlamento e Xunta de Galiza, no que nunca tantos libros se editaron en galego e no que o galego como materia de estudo está presente desde hai anos no ensino, e ben sei que é como unha materia máis, como unha lingua estranxeira. Mais aí está nas aulas como un idioma que hai que aprender. Non é que non se saiba, pois, que o galego é o idioma propio de Galiza ou que o galego é a lingua na que está escrita unha das literaturas máis importantes de Europa. Claro que as novas xeracións saben todo iso. Non é tampouco que a nosa mocidade e a sociedade galega en xeral teña unha actitude mental de oposición ao galego. Non, non se trata diso. Simplemente o que acontece é que a nosa sociedade non ten o galego na mente, non ten a nosa lingua como unha preocupación.

Esta é a sociedade coa que necesariamente hai que traballar, na que hai que pensar, para a que tamén hai que escribir. Non podemos seguir a falar só para as persoas que xa estamos convencidas ou para combater a política dos Feijóos e dos Paco Vázquez contra o galego. Iso é necesario, imprescindíbel, mais non suficiente. O galego para ter futuro precisa da implicación activa da maioría social que hoxe vive na indiferenza pola lingua galega. E esa maioría hai que gañala con firmeza na defensa do noso idioma, pero tamén con moita paciencia, con pedagoxía, con intelixencia e con ferramentas de sensibilización social como as campañas publicitarias. Para conquistarmos o futuro da nosa lingua, o avance na utilización social do idioma, precisamos de manuais pedagóxicos que lle axuden á nosa sociedade a descubrir a importancia do galego e do seu uso. Non é este un labor que poida facer calquera entusiasta defensor do noso idioma, por moitos coñecementos académicos que posúa sobre a nosa lingua ou por moi militante que sexa no compromiso co galego. Necesitamos referentes sociais, instrumentos e métodos que resulten eficaces para concienciar a esa maioría social que non ten o galego como preocupación. Necesitamos moitos anuncios publicitarios como "Vivamos como galegos!". Necesitamos coñecer e admirar personalidades de nós como o políglota Fernando Pérez-Barreiro Nolla, que falaba dez idiomas e non deixou nunca de falar e defender publicamente a nosa lingua, aquí e en Londres. Precisamos igualmente dalgún Pep Guardiola galego, e dígoo eu, que non cambiaría nunca un só verso de Pero Meogo ou de Cunqueiro por un partido de fútbol no Camp Nou. Precisamos dunha televisión sen os Tonechos, sen personaxes que contribúan a asociar aínda máis o galego a un mundo que nada ten a ver cunha sociedade moderna. Precisamos que o nacionalismo organizado e entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística non dean un só paso atrás na loita polo idioma, mais necesitamos tamén traballar con toda a nosa intelixencia para que a cidadanía se apee desa idea tan estendida de que só falan galego os da aldea e os do Bloque. Precisamos que a sociedade galega en xeral comprenda que todos e todas temos que falar galego porque é o noso idioma, simplemente por iso, sexamos do Courel ou da Coruña, do Bloque ou de calquera outra opción política. Precisamos que todos os galegos e todas as galegas compartamos o aprecio pola lingua igual que compartimos a admiración pola praza de Fefiñáns, a beleza da Ribeira Sacra, un bo viño de Amandi ou o queixo de Arzúa. Precisamos, en fin, ir máis aló da base social do nacionalismo e precisamos atopar a pedagoxía que nos permita transmitir con eficacia a nosa idea sobre a importancia de sermos galegos e galegas en galego. Castelao, por exemplo, esforzouse sempre en ser moi pedagogo para sensibilizar á Galiza do seu tempo sobre a necesidade e o valor do noso idioma. Aí están como mostra as súas viñetas sobre a lingua (lembremos a do escolante andaluz: ¿Cuánto año tiene? -Non temos año ningún; temos unha ovella) ou aquel seu texto no que se pregunta como chamaríamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Gloria e no que el mesmo contesta que aínda é máis bárbaro quen deixa morrer o idioma, obra de arte insuperábel, feita por todo un pobo. Con exemplos tan didácticos como este é como todos podemos aprender a valorar a lingua. E, desde logo, para conseguirmos máis apoio social para o galego cómpre eliminar do noso discurso todo aquilo que poida ser percibido por quen nos escoita como unha descualificación intelectual. O xeito de dicir as cousas tamén importa. A ninguén lle gusta que lle chamen ignorante ou colonizado. Aínda que moitas persoas sexan vítimas da colonización cultural que sufriu e segue a sufrir o noso país, non é con esas palabras coas que imos gañar para a causa do galego a esa maioría social que vive na despreocupación polo noso idioma. Ao fin e ao cabo ningunha sociedade despreza a súa lingua, a súa cultura e o seu país por vontade propia.

Todas e todos temos moito que aprender, aprender a explicarmos o problema da lingua, a sensibilizar sobre a importancia de utilizar o galego, a gañar para esta causa aos que hoxe van á praia de Samil ou de Riazor cando os demais estamos na praza da Quintana no combate pola lingua, aprendermos, en definitiva, a descubrirlles Galiza aos que a levan en si e non a atoparon aínda. Galiza somos nós:/ a xente e mais a fala./ ¡Si buscas a Galiza/ en ti tes que atopala! Non nos enganemos: non haberá un verdadeiro proceso de restauración social do idioma galego mentres non logremos incorporar á nosa lingua aos milleiros de fillos ou netos de galegofalantes que se criaron escoitando o galego que falou sempre a nosa xente, que incluso teñen un bo coñecemento académico do noso idioma, mesmo vontade de falalo, e que non obstante non o falan habitualmente ou nunca. O primeiro paso debería ser conseguirmos que todas esas novas xeracións teñan preferentemente o galego como lingua de uso no ámbito familiar, no traballo e nas relacións sociais. É necesario e é posíbel. O porvir do galego pasa necesariamente por incrementar o seu uso entre os que hoxe o poden falar e non o falan. É preciso que eses mozos e esas mozas saiban que deles e delas depende que o galego siga sendo unha lingua viva, como o é o portugués, o castelán, o sueco ou o danés. Da nosa mocidade, en definitiva, depende que o galego sexa tamén o idioma no que se escriba o futuro da nación galega. E para acadarmos a súa implicación activa neste proceso é imprescindíbel a pedagoxía. Sen pedagoxía non gañaremos nunca a batalla social polo noso idioma.