26/12/23

O libreiro que sempre quixen ser

Cando hai agora catro anos o amigo Xoán Costa me convidou a colaborar cunha sección propia sobre libros en Sermos Galiza, o primeiro foi resistirme a ese compromiso e despois pensar como eu podería falar de libros sen ser de novidades. Foi así como se me ocorreu a columna á que agora lle poñemos remate.

 Un libro dedicado é sempre un libro único, a lembranza dun día, unha mostra de afecto, unha páxina de arte caligráfica…


A verdade é que toda a miña vida soñei con ser libreiro. As librarías foron a miña 
universidade, un dos meus lugares máis amados. Cando tiña dezaseis e dezasete anos pasaba horas e horas en todas as librarías de Ferrol e sabía todos os libros galegos que había en cada unha delas. Mercar mercaba un ou dous á semana, os que podía, mais gozábaos todos. Naqueles anos setenta o libro galego era un verdadeiro acontecemento, e tiña espazo propio, e incluso en certas librarías ocupaba todo o escaparate. Dunha destas librarías, da Libraría “Delta”, que estaba na rúa Coruña e da que era propietaria unha señora encantadora que se chamaba Delia Bonome, eu case era un empregado máis. Lembro incluso que nunha conferencia de Celso Emilio Ferreiro a propia libreira veume preguntar se “tiñamons nós” O sono sulagado. E dicía “nós”, porque sabía ben que coñecía cantos títulos había na súa libraría.

O que de verdade pretendín facer aquí, nesta sección, foi precisamente iso, falar do libro como se fose ese libreiro que sempre quixen ser e que máis alá do valor literario dunha obra, ama o libro como obxecto precioso, ese libreiro que se lle ve nos ollos e nas palabras que está marabillado coa edición, co papel, co tipo de letra, coa encadernación... “O pracer de reler” non foi, pois, a ollada crítica que nos pode ofrecer cada semana cada unha das persoas que en distintos medios exercen a crítica literaria coa solidez de quen posúe autoridade académica. O meu non deixou de ser o que unha libreira ou un libreiro lle pode dicir a calquera persoa que entra nunha libraría buscando un título xa difícil de atopar nos andeis das librarías.

Creo tamén que con esta columna quixen dalgunha maneira salvar algúns dos libros que máis amo da miña biblioteca. Como un nunca sabe cal será o destino que lle espera a eses libros que un adquiriu aquí e acolá desde a súa adolescencia, supoño que con estes artigos intentei darlles outra vida, recolléndoos incluso posteriormente en libro, en edición de autor, para agasallar logo aos amigos que comparten esta paixón polo libro. Agora xa sei que algúns dos libros máis amados da miña biblioteca quedarán para sempre nos meus humildes libros que recollen estes artigos e que alguén -estou seguro- conservará na súa casa. É algo que nos produce un inmenso sosego.

Outra enorme satisfacción que     me deu esta columna foi coller unha chamada de teléfono e que ao outro lado estivera a voz emocionada de Salvador García-Bodaño para agradecerme o artigo que eu lle acababa de dedicar ao seu Tempo de Compostela. Saber que lle podes alegrar o día a un ou a unha poeta é o máximo que eu podería soñar con estes meus artigos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario