Amosando publicacións coa etiqueta O pracer de reler (Sermos Galiza). Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O pracer de reler (Sermos Galiza). Amosar todas as publicacións

30/07/21

Manuel Vilanova, o poeta de Barbantes


 Arquivo AELG- Santos-Díe
Cando Manuel Vilanova (Barbantes, 1944-Vigo, 2019) dá o paso de escribir en lingua galega tras publicar dous poemarios en lingua castelán e o o fai, ademais, cun libro tan extraordinario como E direi-vos eu do mister das cobras, a súa poesía merece a atención crítica e o eloxio nada menos que de personalidades tan destacadas como Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego, Basilio Losada ou X. Mª Álvarez Blázquez e de poetas novos como Xavier Seoane ou X. Mª Álvarez Cáccamo. Todos eles celebran o carácter anovador do seu canto no panorama da lírica galega de comezos dos oitenta, un recoñecemento que se fará aínda máis visíbel cando en 1985 o poeta nos entrega A lenda das árbores de prata e recibe o Premio da Crítica Galega. Desde entón ao final dos seus días, Manuel Vilanova, de forma discreta, en silencio, á marxe de cenáculos e sen buscar nunca a súa proxección pública, constrúe, poema a poema, libro a libro, un dos edificios poéticos máis altos da poesía galega contemporánea, unha das obras máis extensas e máis ricas da nosa literatura. E non faltan críticos que o consideran “un dos maiores poetas que teña dado este noso país” (así o califica Manuel Forcadela no prólogo que lle puxo a 74 saudades para ascender aos ceos). Mais algo moi raro pasa no sistema literario galego cando o nome de Manuel Vilanova, louvado xa nos seus inicios como poeta en castelán por Vicente Aleixandre, Luís Rosales ou Eduardo Blanco-Amor, aínda hoxe, tras a súa morte, e cunha obra poética descomunal, apenas lle di algo a unhas poucas ducias de lectoras e lectores de poesía galega.


A esmeralda branca
 é o libro co que Manuel Vilanova regresou ás nosas letras tras máis de vinte anos de silencio e tamén co que o poeta recibiu o denominado Premio Nacional da Crítica. Hoxe queremos pousar a nosa mirada sobre as 525 páxinas, os 350 poemas e os máis de 15.000 versos deste libro. Estamos, certamente, perante unha obra propia dun Petrarca, dunha magnitude pouco frecuente en calquera literatura, onde a palabra se desborda como un río no inverno, dando orixe a poemas de máis de trescentos versos, que a outros poetas lles daría para facer e publicar un libro e incluso levar un premio. Aquí está o territorio sagrado do poeta e a súa infancia, todo o que o conformou como un ser marabillado fronte ao cosmos e o que sustentou a súa esperanza. A alegría de vivir embebido de tantísima beleza, as palabras dos outros seres da natureza, as palabras que lle deron desde neno, a memoria dos días máis felices, sen lágrimas, a súa verdadeira Arcadia, ese paraíso terreal que é Barbantes e todo o vasto mundo do Ribeiro do Miño, onde todo comezou, entre viñas e cereixas. Dirá tamén o poeta que “Quizais sexa este un bo lugar / para esperar a morte”, que el desexa nun cadaleito no que vaia “un chisquiño de lúa chea, as crinas do cabalo, / o cabelo da amiga, un pouco de espuma de mar, / o murmurio do río, unhas camelias brancas…”. Quen aínda non entrou en Vilanova, ten un país por descubrir.

A esmeralda branca

Manuel Vilanova

Libros da Frouma / Follas Novas

2006 / 526 páxinas


08/07/21

Don Paco del Riego

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 -Vigo, 2010) é unha personalidade que admiramos por toda a súa traxectoria humana, intelectual e política, desde os seus tempos de activista universitario até os últimos días da súa vida. A súa biografía é unha liña recta no compromiso coa cultura galega e con Galiza. Foi talvez don Paco del Riego unha das figuras que máis afecto, respecto e admiración mereceron sempre, e ademais -e o que é máis excepcional- desde diferentes visións e sentimentos de país. Poucas figuras coma el acadaron en vida o recoñecemento unánime daqueles sectores da nosa sociedade que desde moi diversas posicións acreditan no país, desde o galeguismo cultural ao nacionalismo político. E nin así fomos quen de tributarlle a homenaxe multitudinaria e plural que el merecía e que tanto nos honraría a nós como pobo. Un acto desas catacterísticas engrandeceríanos como país. O día que sexamos capaces de unirnos nun banquete para homenaxear a unha persoa ou a toda unha xeración pola súa dedicación ao país estaremos colocando a Galiza no centro das nosas prioridades e noutra relevancia política. Ese é o espírito co que traballou de maneira incansábel don Paco del Riego ao longo de toda a súa vida, tendendo pontes e sumando a prol do país. E ese é tamén o espírito co que debemos construír o futuro.

Da amplísima bibliografía que nos deixou Francisco Fernández del Riego nós queremos traer hoxe a esta sección o volume Ánxel Casal e o libro galego, non só porque foi unha primeira aproximación á figura de Casal e ao seu tempo, cando moi poucas persoas sabían da súa existencia e do seu inmenso labor, senón tamén porque ese libro recolle unha primeira entrega das memorias de Del Riego, que terían continuidade noutros títulos como O río do tempo. Unha historia vivida, A Xeración Galaxia ou Camiño andado. Non negamos que eses textos quedaron superados por outros traballos de investigación que se publicaron posteriormente. Pero o valor deses libros hai que contextualizalo no momento en que saen á luz e en todo o que teñen de memoria vivida. E tamén coa inevitábel fraxilidade da memoria, que non sempre é fiel ao dato preciso como si o é o traballo de investigación. Mais o importante é o relato, a verdade e a emoción coa que se transmiten os feitos, e non tanto se aconteceron nunha data ou noutra. Para elaborar ese relato, tantísimos anos despois, Del Riego valeuse da súa propia memoria persoal, certamente prodixiosa, e mais das lembranzas dos seus amigos, de galeguistas como Isaac Díaz Pardo, Antón Fraguas, Manuel Beiras García, Luís Tobío ou Xoaquín Lourenzo. O resultado é un libro que nos ilustra e emociona, algo que dificilmente conseguen as obras de investigación histórica. Mágoa que libros coma este non chegasen aínda a todas as mans.


Ánxel Casal e o libro galego 

Francisco Fernández del Riego

Ediciós do Castro / 1983 /

226 páxinas

07/06/21

De lección maxistral a obra mestra do ensaio galego contemporáneo

En xuño de 1993, hai xusto agora 28 anos, María Pilar García Negro (Lugo, 1953) pronuncia a lección maxistral da súa oposición a profesora titular da Universidade da Coruña. O tema escollido para ese exame oral foi Rosalía de Castro como a primeira ensaísta da literatura galega. Hai que dicir aquí que até ese momento a tese predominante, dentro da historiografía literaria galega, era considerar que o ensaio galego nacera cos homes da Xeración Nós. Un crítico literario como Anxo Tarrío, aínda en 1994, afirma no seu manual de Literaturga Galega, falando do século XIX, “que encanto a outras manifestacións literarias, como o ensaio ou a literatura dramática, a penas podemos detectar nada que valla realmente a pena”. Contra esta idea tan estendida, a profesora García Negro vai erguer desde aquel exercicio académico de 1993, en certa maneira correspondendo á presión da súa discípula e hoxe tamén ilustre profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián, un magnífico traballo de investigación, análise e interpretación que finalmente culmina no libro O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, co que obtén por unanimidade en 2010 o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e que constitúe, ao noso xuízo, non só o mellor libro de María Pilar García Negro até este momento, senón tamén unha obra mestra do ensaio galego contemporáneo e un título de referencia nos estudos rosalianos.

A preocupación de María Pilar García Negro pola figura de Rosalía estaba xa presente no seu labor como profesora desde os anos setenta e como estudosa das letras galegas desde mediados dos oitenta. Se os traballos e a tese de doutoramento do profesor Francisco Rodríguez marcaron un antes e un despois no coñecemento da poeta fundacional da nosa literatura, García Negro profundizou en aspectos fundamentais como son o feminismo da escritora ou o seu perfil de muller ilustrada e culta. Cunha cabeza moi ben amoblada, coa lucidez e o rigor intelectual que sempre a caracteriza e cun estilo que talvez converte O clamor da rebeldía no seu texto máis fermosamente escrito, María Pilar García Negro ofrécenos neste seu libro unha documentada e revolucionaria reflexión sobre os prólogos que Rosalía de Castro escribiu para Cantares gallegos e Follas novas. Este ensaio abre as portas de par en par a unha nova concepción do conxunto da obra da escritora desde a lectura dos seus propios prólogos, a un maior coñecemento da súa conciencia de xénero e a outra periodización dos xéneros literarios. En definitiva, o nacemento do ensaio en lingua galega acontece no século XIX, corresponde a unha muller ese papel pioneiro e neses dous textos en prosa atopamos xa unha contundente declaración de rebeldía e transgresión, ademais dun verdadeiro programa de redención do país. Despois de case 150 anos, por fin alguén lle concedecía a atención necesaria aos prólogos de Rosalía. E foi María Pilar García Negro.




O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo

María Pilar García Negro

Sotelo Blanco / 2010

288 páxinas

03/05/21

A Biblioteca Xohana Torres

  Foto: Xan Carballa
Temos a certeza de que Xohana Torres viviu con enorme ilusión o proxecto editorial da reedición da súa obra e mesmo o traballo creativo até os últimos días da súa vida grazas á súa fonda amizade con Pepe Puga, que soubo como editor darlle a esta escritora o lugar que lle correspondía nas letras galegas e facer cos seus textos literarios algunhas das edicións máis coidadas e fermosas que coñecemos dentro da historia do libro galego. Puga xa demostrara o interese en editar a Xohana Torres coa atención que a poeta merecía cando publicou Ferrol, corazón de navío, aquel libro que saíu en 2001 en Edicións A Nosa Terra, fermosamente ilustrado por Xan Carballa e con introdución de Carme Vidal e do propio Pepe Puga, un título que tamén sería posíbel -cómpre dicilo aquí- grazas ao compromiso de Xaime Bello coa cultura galega desde a Alcaldía de Ferrol. Mais o maior acontecemento bibliográfico relativo a esta escritora chegaría en 2016 coa xoia que abriu a Biblioteca Xohana Torres, Elexías a Lola, xa baixo o selo de Engaiolarte Edicións.

Como en todo o que publica esta pequena editorial, detrás dese novo título estaba non só a potente figura de Lola e a poesía dunha autora extraordinaria, senón a intelixencia, a paixón e a finísima sensibilidade duns editores como Xan Carballa e Pepe Puga, a calidade dos materiais utilizados para a impresión e a exquisitez no coidado final da edición, en definitiva, todo o que se precisa para facer do libro un verdadeiro obxecto artístico. E tras ese primeiro título dun proxecto felizmente aínda en marcha sae á luz en 2017 Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e Ritos, e xa ultimamente, en 2020, a reedición de A outra banda do Iberr e Un hotel de primeira sobre o río, aqueles dous textos teatrais que se publicaran nos anos sesenta en Galaxia e que inexplicabelmente nunca foron levados ao escenario dos nosos teatros por ningunha compañía profesional galega.

A Biblioteca Xohana Torres é un proxecto que sitúa o libro galego xunto aos máis belos libros de literatura que se poden atopar no mundo editorial de calquera país europeo e que lle dá á obra de Xohana Torres un templo para a súa lectura e o seu goce. Aquelas persoas que aman o libro non só polo valor do propio texto literario, senón tamén polo deseño, a encadernación e a calidade do papel e da impresión, teñen sempre nos libros desta editorial viguesa unha auténtica alfaia. Un tras outro, os libros de Xohana Torres que nos ofrece Engaiolarte Edicións resístense a ser colocados nos andeis da biblioteca, porque son libros para acariciar, para contemplar, para gozar co tacto e coa vista. Delicatessen bibliográfica para lectoras e lectores de espíritu exquisito. 

 


Elexías a Lola

Xohana Torres

Engaiolarte / 2016

72 páxinas

06/04/21

Avilés de Taramancos: o francotirador da fermosura

A nosa primeira noticia de Antón Avilés de Taramancos (Taramancos-Boa, 1935-Noia, 1992) non foi a que publicou Salvador García-Bodaño na revista Grial en 1971, senón a entrevista que lle fixo Margarita Ledo para as páxinas de A Nosa Terra en 1980. Foi aí onde nós descubrimos a existencia de Antón Avilés. O encontro coa súa poesía sería pouco despois a través do libro O tempo no espello (1982). Lembramos perfectamente a sorpresa, o asombro e a emoción que nos causou a lectura daquel libro. Non podiamos comprender como unha voz poética de tanta calidade e xa con dous libros publicados nos anos cincuenta nin sequera ocupara nunca un lugar marxinal entre os poetas da súa xeración. Avilés de Taramancos non existía na poesía galega. Non é estraño que ao seu regreso de Colombia el se sentira máis pertencente á xeración de Dorna que á primeira xeración de poetas da posguerra. Así llo confesou nunha entrevista a Xan Carballa.   

Hoxe non imos seleccionar un poemario, senón a Obra poética completa de Antón Avilés de Taramancos, dentro da que queremos destacar tres títulos: Cantos caucanos (1985), “o primeiro gran libro do poeta: cumio de plenitude e madurez”, en palabras de Luís Alonso Girgado; As torres no ar (1989), ”un dos mellores libros de poesía do século XX”, segundo Xosé Mª Álvarez Cáccamo; e Última fuxida a Harar (1992), libro igualmente extraordinario e que constitúe o seu testamento humano e poético. Estes tres títulos sitúan a Avilés de Taramancos nun lugar central da lírica galega do século XX, na mellor poesía que se escribiu entre Manuel Antonio e Olga Novo.

Coa súa avoa, Antón Avilés aprende “a penetrar os misterios da terra”. Desde moi neno coñece o cántico do bosque, a música das árbores míticas, o asubío do merlo, os antigos aromas da natureza, a terra, en definitiva, en toda a súa dimensión material, amorosa e carnal. A terra sosterá acotío a vida do poeta, amamantándoo, até a última fuxida: “Sentir así a terra sobre o corpo / é vivir permanentemente nas raíces”. A terra e o mar, sempre. Toda a súa infancia está habitada de veleiros que alimentan e fan medrar a súa prodixiosa imaxinación, o soño da aventura e o seu anhelo de voar: “cando no remate ergan a vela (…) será o meu corazón quen sinta o vento”, escribe o poeta evocando a construción dun navío na outra banda do mar. Xa llo dicía súa nai: “Ai, meu fillo: Ti sempre a facer torres no ar…”. Desas vivencias primeiras, dese gozo pleno nos seus eidos nativos, nace a poderosa voz do poeta Avilés de Taramancos, toda a luminosidade e a fermosura do seu canto. A recuperación daquel paraíso, o retorno á terra inicial, será a súa paixón permanente: “ter de novo / os paxaros na man… ¡ese outro tempo!”. Dúas foron as súas patrias, pero só Galiza a súa Ítaca.



Obra poética completa

Antón Avilés de Taramancos

Espiral Maior / 2003

480 páxinas


01/03/21

Pilar Pallarés: autoindagación e reflexión

Xa o dixo a poeta cando aínda era moi moza: “Talvez faga poemas para ordenar un pouco o caos e así comprender-me a min mesma e comprender o que me rodea. Talvez só procure dar-lle unha pequena marxe de eternidade ás cousas”. Autocoñecemento, procura da identidade persoal, aprendizaxe, reflexión sobre a existencia e sobre o mundo que nos rodea, sempre desde a certeza de que nada hai máis fugaz que o instante vivido, ás veces gozoso e outras amargo e doloroso, e tamén nada máis eterno que a palabra que o expresa, que a beleza do poema que recolle o rostro dun efebo, o aroma da artemisa, un silencio de parques ou a luz que fenece.

Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) entrou nas nosas vidas como un resplandor de lóstrego con Entre lusco e fusco (1980) e Sétima soidade (1983), mais foi co Libro das devoracións, xa a mediados dos noventa, cando a súa poesía alcanzou o voo das grandes e dos grandes poetas. Se a soidade e a dor era a columna que sostiña os versos do seu segundo libro, neste seu terceiro poemario, tras unha primeira parte que é aínda unha prolongación do anterior, vai predominar o desexo de renacer da ruína amorosa e da desolación e de reafirmarse na vida, custe o que custe, desde esa madurez que o ser humano é quen de lograr despois de certas travesías. Ten toda a razón Luciano Rodríguez cando di que o Libro das devoracións é un manifesto de vida. Así é. A vida en toda a súa dimensión, na súa continua transformación, na súa metamorfose. Xa o proclama a poeta nada máis abrir o libro a través dunha cita de Peter Brook: “Retirarei-me ao bosque e alí deixarei-me morrer. Alguén confundirá os meus pés coas orellas dun cervo”. “retirarei-me ao bosque /deixarei-me vivir”, di Pilar Pallarés nun poema. Velaí o tema central do libro: a temporalidade, a destrución, a rexeneración e a reencarnación. Unha nova mirada, en definitiva, unha outra actitude fronte á vida, unha visión máis positiva da existencia, seguramente froito dun profundo proceso persoal. Un fuxir do amor pasado, do desamor, do sufrimento: “o que onte viveu caia en olvido”. Fuxir de amar incluso para non sufrir. Poesía do íntimo, para comprender e comprenderse a si mesma, para resistir na vida.

Se o pensamento poético que nos ofrece este libro de Pilar Pallarés é complexo, rico e fascinante, profundamente reflexivo, o Libro das devoracións, na súa expresión máis formal, é un dos edificios literarios máis fermosos que se ten escrito en lingua galega, a obra que colocou a Pilar Pallarés no cume da poesía galega contemporánea. Moito antes de que se produzira a eclosión da literatura galega escrita por mulleres, Pilar Pallarés xa estaba alí agardándoas a todas para abrazalas, para esculpir a lingua en letras de ouro, e tamén para expresar a súa vontade de vivir como un ser animal que non teme o inverno.

                                                       

 
Libro das devoracións /

Pilar Pallarés / Espiral Maior /

1996 / 54 páxinas

08/02/21

Millán Otero, o poeta que só quería lograr un verso redondo

Ás veces é só un verso na memoria, como sostiña Eugenio de Andrade. “Pra un verso mil anos sonunha mocedá”, di nun poema Álvaro Cunqueiro. Un verso, si, só un verso, e non é pouco, é o que a nós nos marabillou de 74 saudades para ascender aos ceos, o libro póstumo de Manuel Vilanova, altísimo poeta: “Limpo como un vidro é o meu amor neste silencio”. E Xosé M. Millán Otero (Beluso-O Morrazo, 1964-Vigo, 2020) dicía que el se conformaba con lograr un verso redondo. Cultura, lucidez e humildade, algo que non sempre atopamos nos labios de outros e outras poetas.

Quen coñeza a obra de Millán sabe ben que nela abundan os versos redondos. Que lector ou lectora de Este é o tempo de sal non ficou fascinada con aquel verso que di: “para que un verso naza ten de morrer un río”. Ou con aquel outro no que o poeta expresa que “en cada verso hai que enterrar un paraíso”. Moitos outros versos chaman igualmente a nosa atención en As palabras no espello. Abro o libro e xa nese primeiro soneto de verso branco experimento o gozo como lector: “afírmote raíz de canto habito”. E algunhas follas máis adiante: “E serás canto ames”. Ou ese outro que di: “digo pupila lábio terra digo”, onde talvez hai un eco de Méndez Ferrín. Mais a obra lírica de Millán Otero non é, evidentemente, un verso que brilla aquí e acolá. O seu universo poético é un templo de poesía. É a súa unha escrita pousada e esixente, depurada, reflexiva e íntima, que procura a perfección e a beleza, “un verso en seda bordado”. El, que foi un activísimo militante nacionalista toda a súa vida, curiosamente non participaba para nada da idea de que a poesía é útil para cambiar o mundo. Non concibía a poesía como unha forma de intervención social. Que a través da poesía se podía influír no mundo interior dunha persoa, iso si. Por iso Millán sempre tivo moi claro cal era a súa principal responsabilidade como poeta, que non era outra que esforzarse en elaborar unha obra de calidade literaria, algo que deixase na nosa literatura un eco do seu canto. E vaia se o deixou! A súa está, sen ningunha dúbida, entre a mellor poesía galega que se escribiu desde os anos noventa.

Millán foi quen de medir “os ferrados de tristeza que agocha a pel dun home / para escribir coas mesmas letras de amor a amargura”. Foi quen de recoller toda a dor das “mulleres que tenden panos de morte nas soleiras”. Foi o poeta que naceu nunha casa sen libros, que amou e restaurou a lingua mariñeira dos avós e que proclamou: “todo o mar é a nosa patria”, verso tan feliz como aquel de Rosalía que levamos na memoria: “Toda a terra é dos homes”. Millán Otero: aínda un mar aberto sen navegar. Unha travesía pendente. Unha luminosidade que cega.

 


As palabras no espello

Xosé M. Millán Otero/

Edicións do Castro /

1995 / 80 páxinas






30/11/20

Cesáreo Sánchez Iglesias, espiritual e oceánico

 Un poeta como Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín-Irixo, 1951), que bebe da Divina Comedia, dos clásicos gregos e da poesía chinesa e xaponesa, e tamén de Jorge Luís Borges e Jorge Guillén, de Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro, de Juan Ramón Jiménez e José Ángel Valente, e que, ademais, dedica moitos anos á elaboración de cada un dos seus libros, non é estraño que sexa autor dun canto poético no que non sempre é doado adentrarse, porque unha parte moi importante da súa poesía é, certamente, un inmenso mar aberto, de navegación longa, que esixe un esforzo extraordinario de lectura e que demanda, así mesmo, unha certa cultura para a súa cabal comprensión. Hoxe debrúzamonos ante un poeta que na súa traxectoria literaria, desde 1978 até hoxe, explorou múltiples camiños, camiños que fixo indo e vindo, que nos levan a xeografías remotas e ás nosas propias raíces -sempre en constante diálogo-, que o poeta transita mirando para fóra e cara a dentro de si, nunha perfecta simbiose entre o social e o íntimo, e conxugando permanentemente o seu profundo sentido espiritual da vida e a súa procura da beleza coa denuncia política, a contemplación e a mirada coa meditación e a reflexión crítica.

Entre os tres ou catro libros que nós máis amamos de Cesáreo Sánchez Iglesias está A árvore das sete palavras, o primeiro dos seus grandes poemarios de longo alento, de arquitectura descomunal, de composición oceánica, como logo serán O paraíso das sombras, o Caderno do Nilo ou As bolboretas de Mekong, un deses libros, en definitiva, polos que un poeta entra pola porta grande da historia da literatura sen necesidade de escribir un só verso máis. A árvore das sete palavras é unha viaxe de retorno ao país, á infancia, á casa natal e á tenrura, unha reflexión diante do cosmos e da historia, con múltiples referencias bíblicas e mitolóxicas e cunha forte presenza simbólica e onírica. Outra posíbel interpretación do poemario pode ser o nacemento de Galiza á súa historia a través dos mitos, o que nos leva a recordar aquí que unha boa parte da obra de Cesáreo Sánchez Iglesias está pensada e elaborada sobre o territorio da investigación cultural e histórica, que é outra das súas paixóns.

“Soñei O País da Beleza / O país da tenrura o País da Árvore da Palabra / O Bosque da Infancia / … /Aquela noite deitei-me cedo / eu tamén quería ir a Carcasona”. Velaquí un dos nosos grandes poemas unitarios, onde a pesar do seu ton narrativo, a riqueza imaxinativa e a enorme potencia lírica do texto céganos en cada verso coa súa inmensa beleza: “Soñei que unha outra ave branca entrava no meu corpo / borrando memoria ou cinza de soños”. Oh, meu camarada Cesáreo, canta marabilla neste poemario!



A árvore das sete palavras 

Cesáreo Sánchez Iglesias 

Edicións Sotelo Blanco / 1990 / 154 páxinas

31/10/20

As horas redondas de Xulio L. Valcárcel

A Xulio L. Valcárcel (Lugo, 1953) hai que querelo pola súa fondura humana -poucas persoas coñecemos nós tan ricas en bondade e cariño para os demais coma Xulio- , hai que admiralo como escritor polo seu constante, inxente e valioso traballo no campo da cultura galega e, sobre todo, hai que gozalo como poeta. O libro que hoxe traemos a esta sección está moi lonxe do medo, da angustia e dos tristísimos invernos de tardes de choiva e domingos cincentos, daquela “alma de neno triste” e das “cidades das pombas mortas a balazos”. Cando o poeta escribe Memoria de agosto (galardonado en 1993 co Premio Miguel González Garcés e co Premio da Crítica) nada queda xa do ambiente de penumbra e de tristeza que reflicten os poemas que figuran en Cravo Fondo (1977) ou en Vísperas do día (1979) e Alba de auga sonámbula (1983), títulos que abriron tamén camiño. O poeta, tras rematar Dereito en Compostela, pasa a exercer a súa profesión na cidade da Coruña e instálase por fin na tan procurada claridade. Tanto o seu corpo como o seu espíritu ábrense, agora si, á luz, á plenitude vital, ao gozo e á beleza, do que é boa mostra a poética de Memoria de agosto.

Estamos ante un canto luminoso, ilusionado, sensual e erótico: “O fluír da vida na hora plena”. Cada verso é como unha caricia de seda, como o orballo nas rosas, como unha lene brisa. As palabras están no poema como flotando. Non son de pedra nin de madeira nin de ferro. Procuran o gozo e a intimidade. Falan da tenrura e da placidez, do solpor nos ollos da amada, dunha tarde que morre de beleza co poeta en Siena, da ebriedade da luz e de corpos incendiados. Tamén da chamada da terra, da súa voz fonda e do olor da herba fresca, de limpísimos ceos azuis e do mar dentro de si, no corazón. O poeta, despois de duras travesías, arriba a un porto seguro, vive horas redondas: “Fermoso este momento sen angustia /…/ Deixarse ir, abandonarse nesta música / que nos leva mansamente ao instante perfecto”.

Xulio L. Valcárcel regresará en libros posteriores á memoria da casa, á infancia perdida, a esa fonda dor que vai e vén e que nunca deixa de habitar as súas paisaxes interiores. Pero neste libro, aínda que fala da presenza dos mortos con preguntas que non teñen resposta, o poeta faino xa desde o sosego, sen a angustia doutro tempo. Estamos, en definitiva, ante a madurez do ser humano e ante a madurez plena da obra poética dun autor que nunca nos defraudou e que pecha Memoria de agosto cun poema antolóxico tecido con versos de extrema beleza: “Non me deixe a ferida delicada / deste momento en música que vencido / de agonía se inclina…”. Podería ser de San Juan de la Cruz.

 



Memoria de agosto 

 Xulio L. Valcárcel 

Deputación da Coruña /1993 / 108 páxinas