Da amplísima bibliografía que nos deixou Francisco Fernández del Riego nós queremos traer hoxe a esta sección o volume Ánxel Casal e o libro galego, non só porque foi unha primeira aproximación á figura de Casal e ao seu tempo, cando moi poucas persoas sabían da súa existencia e do seu inmenso labor, senón tamén porque ese libro recolle unha primeira entrega das memorias de Del Riego, que terían continuidade noutros títulos como O río do tempo. Unha historia vivida, A Xeración Galaxia ou Camiño andado. Non negamos que eses textos quedaron superados por outros traballos de investigación que se publicaron posteriormente. Pero o valor deses libros hai que contextualizalo no momento en que saen á luz e en todo o que teñen de memoria vivida. E tamén coa inevitábel fraxilidade da memoria, que non sempre é fiel ao dato preciso como si o é o traballo de investigación. Mais o importante é o relato, a verdade e a emoción coa que se transmiten os feitos, e non tanto se aconteceron nunha data ou noutra. Para elaborar ese relato, tantísimos anos despois, Del Riego valeuse da súa propia memoria persoal, certamente prodixiosa, e mais das lembranzas dos seus amigos, de galeguistas como Isaac Díaz Pardo, Antón Fraguas, Manuel Beiras García, Luís Tobío ou Xoaquín Lourenzo. O resultado é un libro que nos ilustra e emociona, algo que dificilmente conseguen as obras de investigación histórica. Mágoa que libros coma este non chegasen aínda a todas as mans.
Ánxel Casal e o libro galego
Francisco Fernández del Riego
Ediciós do Castro / 1983 /
226 páxinas
Ningún comentario:
Publicar un comentario