A preocupación de María Pilar García Negro pola figura de Rosalía estaba xa presente no seu labor como profesora desde os anos setenta e como estudosa das letras galegas desde mediados dos oitenta. Se os traballos e a tese de doutoramento do profesor Francisco Rodríguez marcaron un antes e un despois no coñecemento da poeta fundacional da nosa literatura, García Negro profundizou en aspectos fundamentais como son o feminismo da escritora ou o seu perfil de muller ilustrada e culta. Cunha cabeza moi ben amoblada, coa lucidez e o rigor intelectual que sempre a caracteriza e cun estilo que talvez converte O clamor da rebeldía no seu texto máis fermosamente escrito, María Pilar García Negro ofrécenos neste seu libro unha documentada e revolucionaria reflexión sobre os prólogos que Rosalía de Castro escribiu para Cantares gallegos e Follas novas. Este ensaio abre as portas de par en par a unha nova concepción do conxunto da obra da escritora desde a lectura dos seus propios prólogos, a un maior coñecemento da súa conciencia de xénero e a outra periodización dos xéneros literarios. En definitiva, o nacemento do ensaio en lingua galega acontece no século XIX, corresponde a unha muller ese papel pioneiro e neses dous textos en prosa atopamos xa unha contundente declaración de rebeldía e transgresión, ademais dun verdadeiro programa de redención do país. Despois de case 150 anos, por fin alguén lle concedecía a atención necesaria aos prólogos de Rosalía. E foi María Pilar García Negro.
O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo
María Pilar García Negro
Sotelo Blanco / 2010
288 páxinas
Ningún comentario:
Publicar un comentario