Amosando publicacións coa etiqueta Libros libros libros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libros libros libros. Amosar todas as publicacións

15/09/26

Álvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936: sobrevivir e seguir soñando

Álvaro Cunqueiro nos seus anos mozos. / Fundación Penzol

O vindeiro 2 e 3 de outubro vaise celebrar na vila de Santa Marta de Ortigueira o Congreso “Álvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936”, organizado pola Asociación Terras do Ortegal, unha entidade que da man de Manuel Bouzamayor e Xosé María Torres está a desenvolver nos últimos anos un importantísimo labor cultural, entre outras actividades, editando ano tras ano unha revista-libro que reúne traballos de grande rigor e interese, todos eles centrados nas terras do Ortegal.

No congreso, que vai ter lugar no Teatro de Beneficencia, está previsto que interveñan Claudio Rodríguez Fer, Carlos Breixo, Jesús Blázquez, Armando Requeixo, Medos Romero, Martinho Montero Santalla e Camiño Noia. A esta última persoa, catedrática de Filoloxía Galega durante moitos anos na Universidade de Vigo, débolle eu comprender a poesía de Álvaro Cunqueiro en toda a súa verdadeira dimensión grazas ao seu libro Álvaro Cunqueiro. Trinta poemas, que para min constitúe a máis lúcida interpretación que até o momento se fixo da lírica do mindoniense escrita por Cunqueiro desde os anos cincuenta.

As dúas xornadas do Congreso servirán, sen dúbida algunha, non só para coñecermos moito mellor
aquela etapa de Cunqueiro en Ortigueira entre comezos de outubro de 1936 e mediados de maio de 1937, senón tamén para profundizarmos en aspectos humanos, biográficos e literarios daquel mozo de vinte e catro anos que chegou a Santa Marta tratando de fuxir do perigo que corría a súa vida en Mondoñedo, onde todo o mundo –e tamén os falanxistas, naturalmente—coñecían ben a súa traxectoria de poeta galego e militante do Partido Galeguista.

Sobre o compromiso de Cunqueiro antes da guerra coa cultura galega e co galeguismo abonda con ler o ensaio de Claudio Rodríguez Fer “O nacionalismo galego de Álvaro Cunqueiro” (A Trabe de ouro, nº 7, 1991) e o libro de Armando Requeixo O mundo e outras vésperas (Galaxia, 2022). E, por suposto, os tres libros de poesía que publicou Cunqueiro nos seus anos mozos: Mar ao norde (1932), Cantiga nova que se chama riveira (1933) e Poemas do si e non (1933). Algún dos artigos que escribiu Cunqueiro en El Pueblo Gallego días antes do golpe de Estado do 36 sería suficiente para ser unha vítima máis da represión fascista. El e a súa familia non o ignoraban.

Segundo Xosé María Torres, autor de varios traballos sobre o tema, foi o presbítero e poeta Daniel Pernas Nieto, natural de Abadín e amigo do pai de Cunqueiro, e non o crego Jesús Márquez Cortiñas, como sempre se afirmou, o que fixo as xestións necesarias para que Cunqueiro puidera irse de Mondoñedo para unha zona máis segura para el como era Ortigueira. Que outra razón había para que Cunqueiro se trasladara a unha vila onde ninguén o coñecía nin el coñecía a ninguén? Realmente non era para estar tranquilo cando acababan de asasinar o editor do seu primeiro libro, moitos dos seus amigos nacionalistas ou o poeta Federico García Lorca (“Mi hijo no ha hecho nada. ¡Él no tiene por qué irse de aquí!”, dixo o pai de Lorca). Como ben sabemos, nin coa protección dunha familia falanxista como a dos Rosales, na que un dos seus membros era Xefe Provincial da Falange, García Lorca logrou salvar a vida.

Era Azul

Fora en 1986 cando, consultando a rica hemeroteca da Imprenta “Fojo” para a elaboración dun humilde traballo de investigación, atopamos na prensa local diversas noticias que daban conta da chegada e da estancia de Cunqueiro a Ortigueira, unha descuberta que incluía ademais o acceso ás páxinas de Era Azul e un relato íntimo que me fixo, con aquela súa prodixiosa memoria, o propio director de La Voz de Ortigueira, don David Foxo Salgueiro, naquelas deliciosas e interminábeis tertulias que mantiñamos case diariamente, mostrador por medio. Coas notas que tomei escribín un breve artigo, que se publicou nunha revista de escasa difusión de Ortigueira en decembro de 1986, un ano antes de que Xosé F. Armesto Faginas publicara en Xerais a súa biografía de Cunqueiro, coa que en toda Galiza se puido coñecer esa etapa escura da vida do escritor mindoniense.

O descubrimento de Álvaro Cunqueiro como poeta

Eu lera uns primeiros versos de Álvaro Cunqueiro aos doce ou trece anos nun programa de festas de Santa Marta de 1952, que atopei por casualidade na casa de miña avoa Herminia na Madalena, tivera a ocasión de escoitar a Cunqueiro en maio de 1977 nunha conferencia en Ferrol –e aínda levo en min a súa voz e gardo unhas cuartillas con apuntes do que el dixo alí—e quedara tamén fascinado para sempre coa súa poesía en galego desde que a descubrín en 1980 no primeiro volume da súa Obra en galego completa, como ben o demostra o feito de que poucas semanas despois de mercar o libro publiquei no semanario ortegano un artigo sobre aquela lectura que resultara tan fascinante para min.



É dicir, eu lin a poesía de Álvaro Cunqueiro antes que o Merlín e familia ou que As crónicas do sochantre, e non deixei de admiralo como poeta desde que o descubrín na primavera de 1980. Lembro perfectamente que viaxei marabillado no tren da Costa entre Ferrol e San Claudio lendo toda aquela poesía de Cunqueiro. E nunca, nunca, renunciei a ler todo o que se foi publicando sobre Cunqueiro e caía nas miñas mans. Estes días, por exemplo, estou a seguir con grande interese todo o que está publicando na súa bitácora Ramón Nicolás, que ademais de refrescarnos cousas máis ou menos coñecidas ilústranos coas páxinas dos periódicos e das revistas da época.

Non sei se é por esa miña vella devoción por Cunqueiro como poeta, nada frecuente naquel tempo onde poucos máis que Miguel González Garcés celebraban e reivindicaban a súa poesía, mais o caso é que sempre tratei de comprender humanamente aquel mozo de vinte e catro anos que a partir de novembro do 36 fixo un tránsito radical desde o nacionalismo galego á defensa do ideario falanxista e do levantamento militar.

Sobrevivir no medio da barbarie e dunha traxedia humana

Na miña cabeza non entra a idea de que Álvaro Cunqueiro se sumara activamente a través dos seus artigos, de certas elexías e de conferencias pronunciadas aquí e acolá á batalla ideolóxica a prol do fascismo e contra o Goberno lexítimo da República sen vivir un certo desacougo interior, sen sufrir na súa intimidade polo asasinato de tantos amigos seus dos anos máis felices da súa vida, cos que compartira soños, ilusións, proxectos e até mitins nacionalistas en Lugo, Ribadeo e Mondoñedo. Resúltame imposíbel imaxinar que non sufrira pola morte de Ánxel Casal, Alexandre Bóveda ou Pedro Galán Calvete, ou pola situación que estaban a vivir Paco del Riego, Ánxel Fole, Luís Seoane, Carvalho Calero e tantos outros amigos que el tratara en Lugo e en Compostela. Ou pola morte de Federico García Lorca, ao que coñecera na cidade de Lugo en 1932 e polo que sentía auténtica admiración.

Non negamos en absoluto que Álvaro Cunqueiro defendera con convicción a doutrina falanxista, e menos aínda que o fixo afervoadamente e con belixerancia. Aí están os seus textos en Era Azul e na prensa franquista daqueles anos. Só dicimos que, ao noso xuízo, non chegou a ese pensamento e a aquel compromiso activo coa Falange unicamente por compartir certas ideas conservadoras e reaccionarias cos falanxistas, senón tamén, e sobre todo, porque era un mozo que quería sobrevivir no medio daquel naufraxio e daquela inmensa traxedia humana. Outros militantes galeguistas como Paco del Riego, Ramón Piñeiro ou Celso Emilio Ferreiro non escribiron unha soa liña a prol dos fascistas nin renunciaron en ningún momento ás súas conviccións, pero procuraron salvar igualmente a vida, e ao cabo duns meses do 18 de xullo, despois de pasar pola cadea ou estar ocultos nalgunha casa, e aconsellados por familiares e amigos, optaron por incorporarse ao exército dos “nacionais” e por coller o fusil e ir ao campo de batalla. E foi así como se salvaron talvez de ser paseados ou fusilados.

Álvaro Cunqueiro sacrificou temporalmente os seus ideais galeguistas, el si, e incorporouse á guerra contra a República coa palabra e coa máquina de escribir. Fíxoo, cremos nós, para sobrevivir e para seguir soñando. Comprender o proceder de calquera ser humano en circunstancias tan dramáticas e tan terríbeis creo que nolo debemos esixir, por moi difícil que nos resulte, e máis nestes tempos de regreso á atmosfera e á cultura do franquismo. Ben que nos gustaría que nun momento tan difícil como aquel todas as persoas tivesen a coraxe política de Alexandre Bóveda, a dignidade de don Ramón Otero Pedrayo ou a valentía coa que Syra Alonso reaccionou tras coñecer a violencia e a crueldade que sufriu o seu compañeiro Francisco Miguel.

A natureza humana precisa ser comprendida incluso no comportamento que máis nos decepciona, nos entristece ou nos espanta. E máis aínda cando falamos do medo dunha persoa a ser torturada ou fusilada. Xulgar é fácil. Vivir aterrorizado e recibindo noticias dos amigos que aparecían mortos nas cunetas ou fusilados contra un piñeiro ou contra as tapias dos cemiterios levou a condutas moi diferentes naqueles días do 36. Lembremos que Mondoñedo foi tamén escenario de execucións perpetradas por grupos fascistas da comarca como as que se levaron a cabo en setembro do 36 polo “coche do Cangrexo” nas Voltas do Prado, onde foron asasinados cinco veciños de Ribadeo.

Creo que é desde esta perspectiva desde onde debemos procurar achegarnos a Álvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936, para comprendelo como persoa, tan allea á maldade humana, e para que nada extraliterario nos eclipse a importancia da súa figura na literatura galega e universal. “En América sería Borges”, escribiu Francisco Umbral. “Cunqueiro merece máis o Premio Nobel que eu mesmo”, dixo Gabriel García Márquez.

A súa obra narrativa, realmente extraordinaria, e a súa concepción da literatura, que nada tiña a ver co compromiso social, tampouco contribuíu a que durante décadas valorásemos a súa poesía como en xustiza merecía e a que vísimos o grandísimo poeta que era Álvaro Cunqueiro incluso cando lle dedica unha elexía a un amigo falanxista de Ortigueira de vinte anos que morre tras contraer unha grave enfermidade na guerra: “No se sabe de dónde ni a qué gritos / el mundo fue una vez como una nube / y fue una vez cerezo todo árbol. / Estás ahora inevitable muerto, / los pies helados y los ojos secos, / y la marea te lleva al otro lado, / donde Dios teje los pañuelos blancos / … / Estás ahora inevitable muerto, / sin anillos y sin los tiernos sueños, / vacío el pecho y la boca seca, / y seco el río hondo que en tu cuerpo / el alma niña y sola te habitaba /… / Hubieras escuchado. No te importe. / Del otro lado están los bosques frescos / y Dios tejiendo los pañuelos blancos”.

Unha etapa creativamente pobre

Non sei se no congreso se demostrará o contrario, pero teño para min que a etapa de Ortigueira e aquel tempo todo da guerra foi creativamente pobre para Álvaro Cunqueiro. Pensemos que o primeiro libro que publica tras a traxedia é Elegías y canciones, aparecido por primeira vez en Barcelona en 1940, na editorial Apolo, e que dos dezanove poemas que recolle, dez dos poemas foran escritos en galego entre 1933 e 1935. Será a partir de 1939 cando Cunqueiro comeza de novo a dedicarse á creación, agora escribindo unha serie de relatos en castelán, que verán a luz anos despois no libro Flores del año mil y pico de ave (Editorial Táber, Barcelona, 1968). E xa non publicará ningún libro en galego até 1950, que é o ano da aparición de Dona do corpo delgado na histórica Colección Benito Soto. Logo, grazas ao empeño e á teima de Francisco Fernández del Riego, producirase o seu retorno definitivo á prosa galega, dando ao prelo Merlín e familia en 1955 na Editorial Galaxia. A lingua galega e a nosa literatura acababan de recuperar definitivamente a un dos seus grandes autores, a un espléndido narrador e altísimo poeta.

Mais, escribise ou non escribise literatura nos oito meses que pasou na vila de Santa Marta, Ortigueira foi certamente moi importante na biografía de Cunqueiro, sobre todo porque foi aquí onde a súa vida estivo máis protexida e onde se inicia a súa dedicación plena ao xornalismo, que é o que lle permitirá sobrevivir de aí en adiante. Da redacción de Era Azul pasa á redacción de El Pueblo Gallego e ao pouco tempo a La Voz de España de Donostia. De alí será reclamado en 1939 para formar parte da redacción madrileña do ABC.

Eu, que serei eternamente cunqueiriano, o que máis lle agradezo a Cunqueiro da súa estancia en Ortigueira son algunhas prosas onde evoca aquel tempo e un caderno con poemas que nunca vin nin inédito nin publicado, pero do que coñecemos versos tan fermosos como aqueles que din: “Santa Marta, la luz, si te preguntan / por dónde va la luz, por qué mañana, / si de oro de aire o de manzana”.

05/05/26

Este país non leu a Carlos Mella

Como é posíbel tanto silencio sobre a obra dun economista, escritor e pensador que posuía unha das cabezas mellor amobladas do país?

Dóeme dicilo, así, con esta rotundidade. Dóeme que o país que puido ter xa en 1982, no primeiro Goberno galego da Autonomía, o mellor presidente da Xunta de todos os presidentes que ocuparon ese cargo até hoxe, optara naquel momento en que todo estaba aínda por facer pola persoa con menos perfil político para afrontar a construción do país desde o status dunha nacionalidade histórica. Dóeme porque teño a certeza de que o desenvolvemento do país e a posición política de Galiza no conxunto do Estado sería hoxe moi diferente cunha personalidade como Carlos Mella á fronte da Xunta desde aquel xaneiro de 1982. Iso, claro está, se llo permitesen, se tivese un partido político que se movese nas mesmas coordenadas ca el.

Mais no guión dos partidos políticos estatais que operaban en Galiza non figuraba Carlos Mella para ocupar unha responsabilidade política tan importante coma esa, a pesar de ser Mella quen tiña a cabeza mellor amoblada para gobernar o país, como logo o demostraría. Tampouco estaba Carlos Mella no partido que Galiza precisaba --e iso si era unha decisión súa--, nin el fora elexido para liderar unha dereita galega que actuase á marxe dos intereses caciquís e de Madrid.

COMPROMISO CO NACIONALISMO GALEGO

Só unha determinación intelixente e valente do nacionalismo galego e o compromiso firme e xeneroso de Mella co seu país, e tamén o seu pensamento nacionalista, fixo posíbel que unha persoa que exercera o cargo de director xeral de Política Financeira no Goberno español e posteriormente o de vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía e Facenda con Xerardo Fernández Albor encabezara a candidatura do BNG ao Parlamento europeo en 1994.

Creo que aínda hoxe nin o nacionalismo galego nin quen se dedica á historia contemporánea de Galiza lle prestou a debida atención a aquela decisión do BNG e do propio Carlos Mella, dunha enorme transcendencia histórica na traxectoria dun nacionalismo galego con vontade de representar o país máis aló da esquerda social e ideolóxica e de grande relevancia na biografía política dun home que na metade da súa vida quixo poñer o seu inmenso saber, a súa formación académica en varias universidades (Deusto, Santiago, a Complutense, a Sorbona e Harward), a súa experiencia como funcionario do Ministerio de Facenda e o seu traballo en organismos internacionais como a Organización Europea de Cooperación e Desenvolvemento ou as Nacións Unidas ao servizo enteiro de Galiza, a súa nación.

Dóeme que algunhas persoas no nacionalismo galego non o viran así naquel momento. Dóeme porque Carlos Mella deulle ao nacionalismo galego prestixio e outra credibilidade social en sectores da cidadanía galega talvez minoritarios, pero imprescindíbeis para un proxecto galego de país, que era algo co que si contaba o Partido Galeguista nos anos trinta grazas a militantes como Valentín Paz-Andrade, Ramón Otero Pedrayo, Plácido Castro ou Enrique Peinador.

O nacionalismo galego dos anos sesenta, que nace como nacionalismo de esquerdas e arredor da idea dos movementos de liberación nacional, tivo durante toda a Transición dificultades para achegar ás súas filas personalidades ideoloxicamente situadas en coordenadas de centro-dereita nacionalista. Ben é certo que o BNG deu pasos moi seguros a partir da Asemblea do Carballiño para posibilitar que o PNG de Henrique Rodríguez Peña se integrara xa en 1991 na organización frontista. Mais que o fixera Carlos Mella como candidato ao Parlamento Europeo pouco despois, tivo, desde logo, unha importancia política extraordinaria. E non foi unha aproximación conxuntural. Desde os anos noventa Mella estivo sempre aí, como un militante máis de base.

Dóeme que non se recoñeza o compromiso de Carlos Mella co nacionalismo galego máis aló do aprecio e do afecto que sempre lle mostraron individualmente moitas persoas, persoas como Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Ana Pontón ou Goretti Sanmartín. Esa admiración e ese cariño expresouno ben a alcaldesa de Santiago tan pronto coñeceu a noticia da súa morte: “Que gran perda para a Galiza. Que a terra che sexa leve, Carlos”. Ana Pontón, pola súa parte, definiuno como “unha persoa que destacou en moitas facetas, todas elas unidas por un mesmo fío: a defensa de Galiza” e lembrou que “sempre loitou polo avance do País”. E Anxo Quintana, que xunto con Bautista Álvarez e Encarna Otero fora á súa casa para convencelo de ir de candidato do BNG, expresou igualmente nas súas redes sociais o alto aprecio que tiña pola súa figura: “Aínda que a lei da vida é implacábel, hai persoas que precisabamos que viviran sempre. Mella, ademais dos seus inmensos valores persoais, protagonizou sen el querelo un dos intentos políticos máis significativos do nacionalismo galego por construír a grande organización política dos galeguistas e os nacionalistas galegos. A cambio de nada, e só por coherencia e amor ao país”.

UN INTELECTUAL EN TERRA DE NINGUÉN

Mais talvez o que máis me doe a min é que a obra de Carlos Mella non tivera a divulgación, o estudo e a consideración que tanto merece. Reivindicala foi unha das nosas teimas durante todos estes anos. Desde o 2011 que lle dedicamos un primeiro artigo --e boca a boca desde moitos anos antes--, non deixamos de convidar á lectura de dous dos seus libros: A Galicia posible (Xerais, 1992) e A falacia do economicismo (Espiral Maior, 1994), por certo, este último traducido ao catalán e ao español.

Si, este país non leu a Carlos Mella. E o que máis me entristece, a maioría dos nacionalistas galegos e das persoas preocupadas polo país creo que tampoco. Dóeme dicilo, pero é así: como pensador, como persoa que reflexionou sobre o presente e o futuro de Galiza, como teórico do pensamento nacionalista, que o foi, e brillante, Mella nunca gozou da atención que en xustiza as súas reflexións merecían, se cadra porque foi un intelectual en terra de ninguén, un autor que endexamais contou cunha organización política, nin dereitas nin de esquerdas, ou con algunha institución ou entidade, das moitas que existen en Galiza, que promovera a súa obra e movera os seus libros polo país adiante.

O nacionalismo de Carlos Mella, progresista, pero non de esquerdas, nin acabou de ser comprendido por unha parte da sociedade galega de comportamentos conservadores, que se resiste a aceptar a Galiza como nación, nin tampoco a súa idea política dunha Galiza posíbel, na procura do equilibrio entre o real e o desexábel, lle resultaba suficientemente atractiva e convincente a un nacionalismo galego que se nutriu sempre nas fontes ideolóxicas da esquerda e nas loitas de liberación nacional. Posibelmente esa é a razón pola que Carlos Mella é unha figura absolutamente descoñecida para as últimas xeracións. E dá igual que as ideas fundamentais d´A Galicia posible sigan a ter plena vixencia aínda hoxe ou que en toda a historia da literatura galega non haxa un libro de ensaio económico tan necesario e luminoso como A falacia do economicismo. Pregunto: como é posíbel tanto silencio sobre a obra dun economista, escritor e pensador que posuía unha das cabezas mellor amobladas do país?

O PAÍS NON ESTIVO Á SÚA ALTURA

Dóeme, si, e moito, que Carlos Mella se marchara definitivamente de entre nós sen ver a reedición dos seus libros máis importantes, sen que tivese estudosos da súa obra, sen que nin no ámbito académico nin no asociativo se organizase algunha vez un ciclo de conferencias arredor da súa personalidade, sen que algunha persoa fixese un libro de conversas con el, que tanto tiña que contar, ou sen que recibise a homenaxe nacional que sen dúbida tamén merecía. Francamente, non estivemos á súa altura, o país non estivo á súa altura, non correspondeu á súa entrega como procedería facer en sinal de recoñecemento, aprecio e gratitude. Pouco máis recibiu que o Premio Trasalba 2022, e el, que endexamais reclamou nada, esa vez si aproveitou a ocasión para dicir, con aquela súa fina ironía que tanto o caracterizaba, que puideron lembrarse de concederlle o galardón un pouco antes, que case se quedan sen premiado. Tiña 92 anos.

08/01/26

Don Ramón en Compostela

Crónica dun paseo por Compostela, seguindo a presenza na cidade de don Ramón Otero Pedrayo, con Goretti Sanmartín Rei como cicerone.

Para quen sente unha grande paixón pola figura de don Ramón Otero Pedrayo, como é o noso caso, poucos agasallos se agradecen tanto como o que nos fixo un destes días a alcaldesa de Santiago, a nosa benquerida e admirada amiga Goretti Sanmartín, guiándonos polas rúas de Compostela seguindo a presenza de Otero Pedrayo desde os seus anos mozos até a súa xubilación como catedrático da Universidade. Goretti, aínda sendo dunha xeración que non tivo a posibilidade de gozar da amizade do señor de Trasalba, posúe a cultura e a sensibilidade humana para falarnos de don Ramón coa mesma intimidade e devoción que o facían Manuel María, Bautista Álvarez ou Xosé Luís Franco Grande ou coa que felizmente nola poderían facer hoxe Xosé Manuel Beiras ou Xosé Luís Méndez Ferrín.

O GRANDE HOTEL EUROPA

“Mira, Foxo -dime Goretti-, aquí fronte ao Derby, nesta esquina, na rúa da Senra, estaba o Grande Hotel Europa, no que pasou a primeira noite en Compostela don Ramón Otero Pedrayo cando aínda era un mociño de dezasete anos e veu facer o ´Curso de Ampliación` para entrar na Universidade. Xa sabes que seu pai, don Enrique Otero, morrera o ano anterior e que era a nai, dona Eladia, a que se tivo que encargar ela soa do seu futuro. Aquel mociño, como el mesmo se definía, ´da máis fidalga tristeza, envolveito no devalar das grandes fantasías do seu tempo`, fixera a viaxe no tren desde Ourense coa emoción da Universidade, que levaba en si desde neno. Na estación agardaba por el un seu curmán, que o acompañou nun omnibus até o Hotel Europa. Isto que che estou contando foi en 1905. Aínda non había o Derby, nin o Hotel Compostela nin o edificio do Castromil. Don Ramón fala nas Lembranzas do meu vivir que naqueles días vexetaban algúns vellos alciprestes na Quintana. Esa foi a primeira Compostela que Otero coñeceu, e que logo sería a súa cidade máis amada.

O PAZO DE RAMIRÁS

No Grande Hotel Europa pasou só a primeira noite -dime Goretti, andando xa cara á Praza do Toural. Onde se vai hospedar o resto dos trinta e cinco días que permanece en Santiago para preparar os exames é na pousada que lle tiñan procurado, no Pazo de Ramirás, o Antigo Colexio dos Irlandeses, aí adiante, no nº 44 da Rúa Nova, nun cuarto con balcón de ferro que daba á rúa. Aquela noite, nada máis chegar, Otero foi contemplar as Praterías e visitar a catedral, aínda que dubidou se ir antes a Mazarelos, onde tiña a pousada seu pai nos seus tempos de estudante de Medicina. Mais quen de verdade lle descobre a cidade e o leva até San Lázaro e polas congostras de Belvís é un estudante dos últimos cursos de Dereito, un tal Mariño de Corcubión, do que don Ramón dicía que non volvera saber cousa del.

A Universidade pareceulle francamente decadente, nada atractiva para o seu espírito. Unicamente o entusiasmou o profesor Armando Cotarelo Valledor. Os días da Ascensión foron tristeiros para Otero -continuou Goretti. Os exames eran severos e había moito que estudar. Mais el foi dos ben pouquiños que aprobaron. O retorno a Ourense fíxoo con Vicente Risco, que estudaba Dereito Canónico, e co pai deste. Daquela só había uns autobuses da Coruña a Santiago, e creo que tamén a Betanzos. O coche de Ourense seguía tirado por oito cabalos, repostos seis veces no camiño. Otero e os dous Riscos, pai e fillo, saíron ás sete da mañá do Hórreo e chegaron ás nove da noite á Horta do concello ourensán, cunha hora para xantar en Lalín na fonda do Ferrador. Así eran as viaxes naquel tempo, a comezos do século XX.

Como moi ben sabes, Foxo, Otero Pedrayo marchou logo a Madrid para cursar a carreira universitaria. Será moitos anos despois, xa como catedrático de ensino medio en Ourense, cando regresa con frecuencia a Compostela para participar nas reunións do Seminario de Estudos Galegos, nas asembleas do Partido Galeguista ou nas festas do Apóstolo. Aquí xuntábase con Castelao, Vicente Risco, Antón Vilar Ponte, Ánxel Casal e toda aquela xente e apenas dormían. Pasaban toda a noite paseando e falando. Pero hai unha data moi importante na súa biografía, e é o 29 de maio de 1950, que é cando toma posesión como catedrático de Xeografía, que foi a primeira cátedra de Xeografía da Universidade galega, gañada por unanimidade. Aí comeza unha das etapas máis felices da súa vida. Nunha entrevista que lle concede a Maribel Outeiriño para La Región un ano antes de morrer, ou talvez na que lle concedeu a Víctor Freixanes para Unha ducia de galegos, non lembro agora con exactitude, confesa que os oito anos que viviu coa súa muller en Compostela foron os oito anos máis ledos da súa vida.

O HOTEL ESPAÑA

Esa época pasouna en Santiago entre o Hotel España, a Universidade, a tertulia do Café Español e os paseos nocturnos pola cidade. Ti mesmo me falaches algunha vez do que che contaba Manuel María de cando don Ramón o convidou a xantar no Hotel España. Como fora aquela historia, Foxo?”, pregúntame Goretti.

Pois cóntoche: o Hotel España, que estaba ubicado no Pazo de Pedrosa, no nº 40 da Rúa Nova, aí onde están eses soportais, foi en realidade a súa casa en Compostela até a súa xubilación, cando cumpriu os setenta anos, en 1958. Só a abandonaba para ir ver a nai as fins de semana a Trasalba, unha viaxe que facía sempre con dona Fita no Castromil. Pero durante a estancia de Manuel María en Compostela, cando estaba a facer aquí o servizo militar, que o fixo con Uxío Novoneyra, despois de faceren os dous a instrución no campamento de Parga, a nai de don Ramón, dona Eladia, caeu enferma, e dona Fita foina coidar. Entón don Ramón díxolle a Manuel María: “Quedo soio e non teño con quen falar. Fágame a caridade de vir xantar comigo mentras Fita non volta de Ourense”. E dicíame Manuel María: “E así é como xantei uns quince días convidado por don Ramón. Otero era un home moi xeneroso. A verdade é que non falei nada. Escoitar a Otero era un pracer. Sabía todo e contábao moi ben”.

Goretti Sanmartín retoma agora o relato para falarme da vida de don Ramón en Compostela durante aqueles oito anos. Ela coñécea moi ben a través da lectura da propia obra de Otero, que non estudou coa profundidade de María do Carme Fernández Pérez-Sanjulián, pero si con moito proveito intelectual. Para alguén que é Doutora en Filoloxía Galega nada lle resulta máis familiar que títulos como Os camiños da vida, Arredor de si, Devalar, A romeiría de Xelmírez, O señorito da Reboraina ou O espello no serán. Ademais Goretti tamén coñece a Otero Pedrayo, claro está, polo que nos contaron nos seus libros de memorias ou de conversas Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras ou Xosé Luís Méndez Ferrín. E incluso nos cita de memoria algúns parágrafos da novela No ventre do silencio, como aquel que di “Polo centro da Rúa do Vilar camiñaba, bambeándose, unha alta figura de gabardina e chapeu negro con aba ancha”. “Cada noite, despois de cear, aínda que fixera frío ou nevara, don Ramón saía a pasear pola cidade, envolto no seu gabán e sen falar unha palabra”, coméntame Goretti, e segue a lembrar a prosa de Ferrín: “Maître Obscur saía do Hotel España na Rúa Nova e achegábase ao Café Español. El era o único catedrático que tomaba café cos alumnos, e con quen fose, cada día”.

O CAFÉ ESPAÑOL

“Talvez foi Franco Grande -dinos Goretti- quen mellor retratou a vida de don Ramón en Compostela naqueles anos de profesor universitario. Polo visto subía sempre da Rúa Nova por Tras de Salomé arredor das tres menos dez e antes das catro e media regresaba ao hotel. Daba a clase a primeira hora e as tardes repartías entre o Café Español e o Hotel España, onde escribiu centos de cartas e case catro tomos da Geografía de España, practicamente sen documentación, só coa cultura oceánica que el posuía. Escribía a razón de corenta folios diarios. Na tertulia, á que moitas veces asistía Manuel María co uniforme militar, don Ramón falaba de literatura, de arte, de xeografía, de poetas clásicos, de congresos de latín, de todo, con datos concretos, con anécdotas, con vivencias persoais… Tiña que ser un gozo escoitalo. Don Fermín Bouza-Brey, que vivía preto do café, no nº 43 da Rúa do Vilar, ía con moita frecuencia á tertulia, e tamén eran asiduos mozos como Méndez Ferrín, Franco Grande ou Gonzalo Rodríguez Mourullo, ou os persoeiros do galeguismo que se salvaran de seren fusilados e que viñan por Santiago.

A UNIVERSIDADE

Como profesor, Otero Pedrayo debía ser o catedrático máis querido e admirado que había neses anos na Universidade galega -lémbranos Goretti. Méndez Ferrín di que non pasaba lista nunca, porque non necesitaba facelo, porque lle ía todo o mundo á clase, incluso alumnos doutras facultades, e que a súa clase non era só de Xeografía, senón de cultura universal, sen guión nin temario. Podía explicar durante tres días seguidos a xeografía urbana e humana de Madrid ou de París. Ademais non suspendía a ninguén”.

Ah, si!, lembro agora -digo eu- o que conta Ferrín no libro de conversas que editou Sotelo Blanco. Segundo Ferrín, don Ramón facía preguntas xerais sobre xeografía, e logo preguntaba pola xeografía nativa, e se o alumno ou a alumna non sabía como se chamaba o río da súa parroquia ou o monte que tiñan enfronte do lugar onde vivía, entón xa non lle daba o sobresaliente. Era a maneira de interesar ao alumnado na súa propia terra e de que aprendese a descubrir a cultura universal desde a cultura propia.

“Claro, claro, non quería que ninguén saíse da Universidade sen saber onde estaba o Pico Sacro ou o Pía Paxaro”, afirma Goretti.

A ROSALEDA

“Foxo, ti dixéchesme unha vez que fuches a unha daquelas casas da Rosaleda cando morreu Manuel Beiras, o pai de Xosé Manuel. Pois xusto na outra beira desa rúa tiñan a casa Domingo García-Sabell e Elena Tormo. E esa casa visitouna innumerábeis veces don Ramón. El dicía que era a Rosa-Leda. Naquela casa había comidas, parladoiros, reunións, moi boa música, pintura contemporánea, as últimas novidades editoriais en varios idiomas, unha biblioteca fantástica e un ambiente moi acolledor, no que non faltaba o whisky con etiqueta negra. E nesas tertulias, desde logo, tampouco faltaba nunca don Ramón e Ramón Piñeiro. O chalet de Domingo García-Sabell era, como di Ferrín, unha especie de resistencia galeguista e antifranquista naqueles anos escuros.

O DR. OTERO

En fin, Foxo, de don Ramón en Compostela podería falarche até mañá, mais xa vén aí Carme Vidal para tomarmos o café no que quedamos. Por certo, Carme conta moi ben aquilo que escribiu Franco Grande sobre a visita de Otero Pedrayo a un convento de clausura. A ver, Carme, como era a historia?, que eu hai moitos anos que lin ese libro de Franco Grande”.

“Mellor que vola lea, non? -di Carme Vidal-, que xa viña eu preparada para iso, porque sabía que hoxe a alcaldesa facía de guía de Foxo seguindo os pasos de Otero Pedrayo en Compostela, perdón, Foxo, de don Ramón Otero Pedrayo, e esa historia que tan ben narrou Franco Grande sempre me pareceu fantástica, deliciosa, e ademais reflicte moi ben a vitalidade de Otero”.

“Otero Pedrayo con 66 anos -comeza a ler Carme no libro A ilusión da esperanza- e Domingo con 46 chegan un día a un acordo único (…) Don Ramón devecía por coñece-lo interior dun certo convento de clausura. Pero non había maneira de entrar alí. Mais como Domingo era médico da comunidade relixiosa, os dous amigos ´opinan`, no conxeito dunha enfermidade dun membro do convento, que cumpría a axuda e ´superior criterio` dun médico eminente -o Dr. Otero-, quen xusto aqueles días andaba por Santiago e paraba na súa casa. A comunidade deu o seu consentimiento, e aínda a súa afervoada aprobación, á intervención extraordinaria do Dr. Otero. E este, fonendo en man e recitando longos trechos de latín (para asombro da comunidade, que se estrañou un pouco de que aquel ´médico` tan eminente soubese tanto latín, pero nunca dubidou da súa arte), fixo un recoñecemento exhaustivo da criatura enferma, confirmou o primeiro diagnóstico de Domingo e discrepou totalmente da dieta, xa que só recomendaba comida abundante, ar puro e moito sol -¡nun convento de clausura! Por moito tempo seguiu preguntando aquela comunidade polo Dr. Otero”.

“Un home así -dinos Goretti- tiña que conectar á forza cos mozos de Brais Pinto, que foron os que lle editaron Bocarribeira, lembrade, e tampouco resulta raro que arroupara aos poetas mozos naquel ciclo de conferencias que se celebrou no inverno do 57 no Círculo Mercantil de Santiago, no Toural, do que xa falamos algunha vez, lembras? A verdade é que don Ramón foi unha figura excepcional, intelectual e humanamente, e sempre fiel a Castelao”.

Cae a tarde en Compostela e despídome moi agradecido de Goretti Sanmartín e de Carme Vidal na Praza da Universidade, enriba das mesmas pedras que tantas veces pisou don Ramón, e vou cara a Bonaval, imaxinando o inmenso gozo que tería hoxe don Ramón Otero Pedrayo se soubese que na Alcaldía da cidade que el tanto amou e na que foi tan feliz hai agora unha muller que defende os ideais de Ánxel Casal e de toda a súa xeración e que, ademais, pertence á estirpe de Rosalía e de Xohana Torres. Sería inmensamente feliz, estou seguro. Os seus ollos brillarían de alegría, esa alegría que nace do corazón, tal e como se lle iluminaban cando abrazaba aos amigos de toda a vida e aos mozos (Beiras, Manuel, Novoneyra, Avilés, Ferrín, Xohana, Franco Grande, Bodaño, Mourullo, Bautista, Patiño…), esa mocidade na que el xa contemplaba outro futuro de afirmación nacionalista e de dignidade colectiva para Galiza.

15/07/25

Talvez temos que reler a Marguerite Duras

Marguerite Duras retratada polo seu fillo

Nestes tempos de odio e xenofobia, de deshumanización e criminalización do diferente, talvez temos que regresar a Marguerite Duras e ler “As flores do arxelino”.

En novembro de 1984 coñeciamos pola prensa que o prestixioso Premio Goncourt viña de ser concedido a Marguerite Duras (Cidade de Ho Chi Minh, Vietnam, 1914-París, 1996) pola novela L´amant, unha obra de carácter autobiográfico, ambientada na Indochina colonial, que narra unha historia de amor, con diñeiro por medio, entre unha moza francesa pobre de quince anos e un rico comerciante chinés de vinte e seis, que hoxe podería ser acusado de perversión e corrupción de menores. A autora, unha muller de setenta anos, até entón unha escritora de culto, cruzaba con esta nova novela, radicalmente feminista, todas as fronteiras, todos os idiomas, todas as xeracións. Escrita en primeira persoa, nunha prosa belísima, concisa e evocadora, Marguerite Duras explora a través dunha mirada fragmentaria e sensual emocións humanas moi fortes, como o desexo por riba do amor, a paixón, a vergoña e o medo, e de fondo o racismo daquela época colonial.

Collo agora nas mans a primeira edición en español que publicara Tusquets editores, en tradución de Ana María Moix, que eu mercara nos primeiros días de febreiro de 1985 na desaparecida librería Helios, na rúa Real de Ferrol. Lembro ben que foi unha das lecturas máis gozosas da miña mocidade, un deses libros que te fascinan e que queres ter á man para volver a coller en calquera momento. Varias décadas despois a poeta Oriana Méndez fará a tradución ao galego para a editorial Kalandraka. O amante agora tamén na nosa propia lingua, como un texto clásico da literatura francesa.

Pero o racismo, a relación problemática e mesmo prohibida co “outro”, tan omnipresente nesa novela de Marguerite Duras, aparece igualmente noutros moitos textos da escritora francesa. Para comezar no seu primeiro artigo, “As flores do arxelino”, publicado en France-Obsservateur en 1957, recollido posteriormente no libro Outside, publicado por Ediciones Orbis en 1988, con tradución de Clara Janès. A través dese breve artigo -que en realidade é un fermosísimo relato- Marguerite Duras debrúzanos diante da discriminación e da represión dun mozo arxelino, inmigrante e sen papeis en París, que nin sequera lle deixan vender flores nunha rúa para poder subsistir nun país que aínda naquel tempo oprimía como colonia a súa propia terra de orixe. Cada vez que lemos ese texto de Marguerite Duras non podemos deixar de emocionarnos. É tan potente a denuncia que expresa o relato e está escrito con tanta delicadeza humana que debería ser de obrigada lectura en todos os centros docentes do mundo para educarmos no respecto ao diferente.

Así comeza Marguerite Duras “As flores do arxelino”:

“É domingo pola mañá, as dez, no cruzamento das rúas Jacob e Bonaparte, no barrio de Saint-Germain-des-Prés, hai dez días. Un mozo que vén do mercado de Buci avanza cara a este cruzamento. Ten vinte anos, viste moi miserabelmente, e empuxa unha carretilla chea de flores ás agachadas, como vive. Avanza cara ao cruzamento Jacob-Bonaparte, menos vixiado que o do mercado, e detense alí, aínda que bastante inquieto.

Ten razón. Non hai aínda dez minutos que está alí -non tivo tempo de vender nin un só ramo- cando dous señores "de civil" achéganselle. Veñen da rúa Bonaparte. Van á caza. Nariz ao vento, cheirando o aire deste fermoso domingo asollado, prometedor de irregularidades, como outras especies, o perdigón, van directo cara á súa presa.

Papeis?

Non ten papeis de autorización para entregarse ao comercio de flores”.

O que segue non o poden deixar de ler. Marguerite Duras, cunha admirábel economía expresiva, consegue mostrarnos a valentía e a grandeza humana dunhas mulleres no París dos anos cincuenta que non miran para outro lado cando ven como a aquel mozo arxelino lle tiran polo chan o único pan que ten para sobrevivir, unha simple carretilla de flores, e en silencio, e cunha beleza que estremece, unha muller tras outra dannos unha lección de xustiza, de solidariedade e de amor da que tan necesitadas están as diferentes sociedades europeas de hoxe, onde cada día o respecto pola dignidade de todos os individuos de calquera orixe ou raza é substituído cada vez máis pola deshumanización, o odio, o racismo e a xenofobia. Por iso nos entristece e nos indigna tanto, tanto!, que nesta Europa na que vivimos, que desde a Idade Moderna colonizou, dominou e espoliou sen papeis, sen papeis!, os diversos países de África (non o esquezamos!), haxa persoas e organizacións políticas que en vez de ver seres humanos mortos de fame e á intemperie só vexan simples vultos de carne humana que se poden utilizar como mercancía electoral. Para baixarse de Europa.

21/01/25

Carta aberta a Alfonso Rueda, diante do Ano Castelao

Dúas obras fundamentais para comprender a historia do galeguismo político.

Sr. Presidente:

Con todo o meu respecto, creo que o cargo de Presidente da Xunta de Galicia obriga a ser moi exquisito cando se trata de criticar ou desacreditar o nacionalismo galego como ideoloxía ou máis concretamente o ideario dunha forza política adversaria que representa, guste ou non lles guste, a continuidade histórica do galeguismo e do nacionalismo galego, porque con todas as diferenzas ideolóxicas, organizativas e programáticas que haxa e con todos os matices que queiramos facer, desde Manuel Murguía ao nacionalismo galego actual hai unha liña de recoñecemento da nación galega e de reivindicación nacional de Galiza, como a hai desde o Manifesto da Asamblea Nazonalista de Lugo de novembro de 1918 ou desde o programa político do Partido Galeguista aprobado na asemblea fundacional de 1931 en Pontevedra. Ou como a hai, por suposto, desde o ideario de Castelao expresado con absoluta claridade no Sempre en Galiza.

O Sempre en Galiza, para as persoas de pensamento nacionalista, como é o caso de quen lle escribe, segue tendo plena vixencia, segue sendo un libro luminoso, sabe. Claro que ao mellor vostede pensa o contrario, que son ideas caducas, mortas, ou talvez perigosas, quen sabe, e incluso ao mellor non tivo nunca vostede a curiosidade de coller ese libro entre as mans. Non digo a edición d´As Burgas de 1944, patrocinada e editada polo Centro Ourensán, cando aquí non se podía publicar nada en lingua galega. Esa edición xa sei que non, nin sequera pola emoción que produce a calquera persoa de verdadeiro sentimento galeguista poder acariciar hoxe un libro que chegaba clandestinamente ao país, exemplar a exemplar, e que circulaba de man en man, ás veces de noite, con quince días para lelo e poderllo pasar a outra persoa. Non lle falo desa edición. Fálolle da de Akal de 1976 ou de calquera outra que se publicara nos últimos tempos, cando vostede xa era conselleiro e vicepresidente da Xunta, que antes ben sei que a súa militancia e o seu pensamento político non lle esixía coñecer nin a Castelao nin a historia deste país. É o que ten non ser nacionalista, verdade, que non se precisa ilustrar un nesas lecturas e pode chegar igual ás máis altas responsabilidades políticas deste país. ¿A que conselleiro ou conselleira lle pediron algunha vez que antes de tomar posesión lera o Sempre en Galiza, ou Castelao na luz e na sombra, do seu grande amigo Valentín Paz-Andrade, ou a monumental biografía Castelao. Construtor da nación, da que é autor Miguel Anxo Seixas Seoane?

Portadas das dúas mellores biografías de Castelao.

Dicíalle, señor Rueda, que polo seu cargo como Presidente da Xunta, e sobre todo por respecto a todas as xeracións de mulleres e de homes que loitaron afervoadamente para que Galiza fora recoñecida como nación –como de feito así aconteceu no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en 1933-, creo que vostede, repito, polo seu cargo e por lealdade ás arelas de liberdade do seu pobo, debe procurar ser moi respectuoso co nacionalismo galego, porque sen a existencia do nacionalismo, sen a súa acción política, este país non sería suxeito político nin tería historia propia no século XX e no que vai de século XXI e, desde logo, non seriamos constitucionalmente unha nacionalidade histórica. E non lle vou relatar aquí o papel que xogou o PG, xunto con outras organizacións de esquerda integradas na Frente Popular, para que o Estatuto fora plebiscitado en xuño de 1936, nin tampouco lle vou lembrar agora todo o que fixo Castelao para que posteriormente as Cortes da República no exilio o tramitaran e o aprobaran definitivamente en México en 1945.

Convídoo tamén, señor Rueda, a respectar o nacionalismo galego por unha outra razón, porque na miña memoria están aínda moi vivas as palabras pronunciadas na campaña electoral das últimas eleccións galegas, onde vostede e o seu partido axitaron o medo ao nacionalismo. O seu antecesor no cargo, no mitin de peche da campaña na cidade da Coruña, chegou a dicir a seguinte frase: “No dejéis que el nacionalismo llegue a esta tierra”. Sei o que o señor Feixoo quería expresar, naturalmente, pero nesa frase tamén expresou todo o seu desprezo por todo o que fixeron por este país Vicente Risco, Lois Peña Novo, Ramón Cabanillas, Manuel Lugrís Freire, os irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Ánxel Casal, Elvira Bao, Ramón Suárez Picallo, Alexandre Bóveda, Lois Tobío, Plácido Castro, María Miramontes, Antón Alonso Ríos, Víctor Casas, Micaela Chao Maciñeira, Manuel Beiras García, Xosé Filgueira Valverde, Manuel Gómez Román, Enrique Peinador, Ramón Martínez López, Valentín Paz Andrade, Fermín Penzol, Ramón de Valenzuela, Antón Fraguas, Ricardo Carvalho Calero, Francisco Fernández del Riego e tantísimas outras persoas que consagraron unha parte importante da súa vida ou toda a súa existencia a facer país. Esas persoas foron as que construíron o primeiro nacionalismo galego da nosa historia, e quen se expresa como o señor Feixóo, con ese odio ao nacionalismo galego, non sei se é digno de pronunciar o nome de Castelao. Creo que non. Rotundamente non.

Non esqueza, señor Rueda, que a represión fascista foi brutal contra o nacionalismo, como o foi contra todas as persoas de esquerda, chegando incluso a condenar ao ostracismo a persoas que non eran nacionalistas nin de esquerdas, pero que tiveran a ver coa elaboración e coa defensa do Estatuto de Autonomía, como era o caso de Enrique Rajoy Leloup, o avó de Mariano Rajoy Brey. No verán de 1950, Xosé Benito Abraira, que formaba parte do círculo máis íntimo de Castelao no exilio, mandatado polo Consello de Galiza, fixo unha visita ao país para estabelecer contactos co galeguismo do interior, que tiña como principal figura a Ramón Piñeiro, xa á fronte da Editorial de Galaxia, recén fundada no Hotel Compostela, e na crónica daquela súa viaxe a Galiza, Abraira deixou escrito o seguinte:

“No café Derby, a donde solía concurrir, dirixiuse a min un home mal entrazado sabedor de que eu era de Bos Aires. Preguntoume detalles da vida e morte de Castelao e despois de saber que Alonso Ríos o sucede na cabeza do movimiento do eisterior, deume pra il unha aperta, decíndome que era a derradeira manifestación do seu patriotismo, xa que as circunstancias fixeran dil un cadáver patriótico. Aquil home era Rajoy Leloup que fora Segredario do Comité Central da Autonomía de Galiza. Os sicarios da “España Grande y única” non lle perdonan haber servido tan lealmente a nosa Tera e fixeronno obxeto de vexaciós e malos tratos deica convertilo na piltrafa que pasea o seu corpo macilento pol-as ruas da cidade do Apóstolo, mal cuberto pol-os restos do que noutro tempo foi un traxe”.

Tremendo, verdade? “Odio más a los galleguistas que a los comunistas!”. O escritor Antonio Rivera Losada, co que tantas e tan deliciosas tertulias compartín na miña mocidade, contoume moitas veces que esta frase ameazante lla escoitara aos seus 16 anos a un daqueles mozos falanxistas que entraron na súa casa ás dúas da madrugada, pistola en man, para levar a seu pai, moi afeccionado ao teatro galego e que fora o principal organizador do mitin que deu o Partido Galeguista en Mera de Baixo, en Ortigueira, o domingo 13 de outubro de 1935, onde falaron Castelao, Antón Vilar Ponte, Ramón Suárez Picallo, Víctor Casas e Manuel Gómez Román. Un daqueles oradores, Víctor Casas, sería fusilado un ano despois na Caeira, onde tamén fusilaron a Alexandre Bóveda. O pai de Antonio Rivera tivo máis sorte: viviu perseguido, estivo preso no Castelo de san Felipe e logo foi desterrado a Palencia, a Buenavista de Valdivia.

Eu non lle pido, señor Rueda, que vostede defenda a Galiza como a defendeu Castelao, porque sei que iso é imposíbel, non só porque Castelao sexa un símbolo deste país como o é Rosalía de Castro, senón porque quen está nas antípodas das coordenadas políticas e ideolóxicas de Castelao nunca fará de Galiza unha nación no mundo. Vostede nin sequera é capaz de imaxinar Galiza como nación. Quen non se identifica co ideario político que hai no Sempre en Galiza, nin co programa do Partido Galeguista de 1931 nin co Manifesto de Lugo de 1918, non pode defender a Galiza como o fixo durante toda a súa vida Castelao, mesmo gravemente enfermo e case cego, vivindo os días máis dolorosos e tristes do seu exilio en Buenos Aires. Eu leo eses textos históricos e escoito e leo os seus discursos unha e outra vez, señor Rueda, e non atopo ningunha conexión discursiva. E se non me cre, imos reproducir aquí, por exemplo, o Manifesto da Asamblea Nazonalista de Lugo e xa vostede me dirá se subscrebe algo do que aí se proclama.

“Son chegados os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusiós: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vontade ceibe faremos nupcias d´amore con outras soberanías, contr-as que non vai nin quér ire a soberanía nosa”. Subscrebe vostede isto, señor Rueda?

O historiador Xusto Beramendi, que tantos anos dedicou a estudar o nacionalismo galego e as ideoloxías nacionalistas e que é autor dunha obra tan extraordinaria como De Provincia a Nación, sintetiza así o Manifesto da Asamblea Nazonalista de Lugo: “establecían a creación dun poder político galego (lexislativo, executivo e xudicial) cun moi alto nivel de competencias, a organización federal/confederal do Estado español, o sufraxio universal con sistema proporcional, a igualdade de dereitos para a muller, a supresión de Deputacións provinciais e concellos rurais, a cooficialidade da lingua e a normalización da cultura galega, a galeguización das administracións públicas”. En 1918, señor Rueda! Estou seguro que algunhas destas cuestións nin vostede as subscrebe hoxe, máis de cen anos despois. Mire tamén as personalidades que asinan o Manifesto: Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Arturo Noguerol, Xaime Quintanilla, Banet Fontenla, Ramón Cabanillas, Castelao, Victoriano Taibo… Así até 60 persoeiros.

Eu realmente cheguei a unha conclusión, señor Rueda: vostede aínda non alcanzou o pensamento rexionalista de Aureliano Pereira ou de Tomás Mirambell. Así de inexplicábel e de incomprensíbel nunha persoa que ten o alto privilexio de presidir nada menos que o Goberno galego no século XXI. Vostede nunca poderá entender nin aceptar o nacionalismo galego contemporáneo, e non o pode facer porque aínda está na fase previa ao rexionalismo federal, aquel que aprobou en 1887 -por certo, tamén en Lugo- o “Proyecto de Constitución para el futuro Estado Gallego”, coa existencia dos tres poderes (o lexislativo, o executivo o xudicial) e un Senado Federal como Cámara dos Estados federados. Repítollo, señor Rueda, en 1887! Vostede aínda non chegou aí. Recoméndolle o libro O rexionalismo galego: organización e ideoloxía (1886-1907), de Ramón Máiz, que ten a súa orixe na súa tese de doutoramento e que foi publicado xa moito antes de que vostede tivera un cargo na política galega.

“Galicia es hoy, después de centenares de años, mucho menos de lo que fué. No es ya una región con vida y personalidad propias; no es un antiguo Estado o nacionalidad cuyo nombre suena, como en pasadas épocas, en las cancillerías de Europa; hoy es un astro sin luz, un cuerpo muerto y apagado; es más bien una colonia”.

Isto dicía o rexionalista vigués Tomás Mirambell en xaneiro de 1900 na Revista Gallega. 125 anos despois case se podería escribir o mesmo. E como ben queda posto de manifesto ao longo desta carta, non é porque o galeguismo político non traballara arreo para colocar este país noutro lugar na Historia. Fíxoo constantemente, en todos os períodos históricos, en democracia e en ditaduras, desde a primeira xeración galeguista. Son outras forzas políticas como a que vostede representa as que teimosamente se esforzan en que Galiza non sexa unha nación no mundo. Por iso reclamo desde aquí, señor Rueda, que cada vez que fale da figura de Castelao, o faga sen ocultar o seu pensamento nacionalista e a súa biografía política, e cada vez que vostede fale do nacionalismo en clara referencia ao BNG, o faga sempre co respecto que merece o nacionalismo galego. Débello a Castelao, a Alexandre Bóveda, tamén a Enrique Rajoy Leloup, e a todas as xeracións que tanto traballaron para dotar a Galiza de institucións propias e dun goberno de seu. Sen Castelao, sen o nacionalismo galego e sen todas as persoas demócratas e galeguistas que loitaron polo Estatuto do 36, créame, vostede non sería hoxe o presidente dunha nacionalidade histórica. Vostede, téñao sempre presente, só tivo que tomar posesión.

23/07/24

O inmenso legado do profesor Beramendi

Foto E. Xerais
Nos primeiros días deste mes de xullo deixounos, de forma repentina, aos seus 83 anos, o profesor Justo Beramendi (Madrid, 1941-Santiago de Compostela, 2024). Aínda que eu nunca tiven relación académica ou amizade con el, máis aló dalgunha que outra conversa de café, era unha desas persoas das que un sente de verdade non ser amigo del de toda a vida, porque nada nos houbese gustado máis que vivir á beira do seu maxisterio intelectual e humano. Grande privilexio tiveron os que o trataron e aprenderon con el a amar o país, a coñecer a súa historia contemporánea e a traballar con ilusión por facer de Galiza unha nación consciente da súa personalidade, dona do seu futuro, próspera e moderna.

Despois de todo o que se dixo e escribiu tras a súa morte pouco se pode dicir, pero aínda menos despois do fermosísimo discurso que no seu día sobre a súa figura pronunciou na Casa da Matanza, no acto no que se lle entregou o “Pedrón de Ouro”, o xornalista Luís Álvarez Pousa, que tanto o tratou desde 1974, coincidindo os dous na súa chegada a Compostela, no traballo político-xornalístico do Colexio de Arquitectos e na fundación da revista Teima. Convídoos á lectura daquel texto, porque ninguén pode expresar mellor o que representa a figura de Justo Beramendi para a cultura galega e para Galiza (“Justo Beramendi, in memoriam. Risco e rebeldía”, Tempos Dixital, 03/07/2024).

Foi o arquitecto César Portela quen trouxo a Beramendi para Galiza, porque Beramendi era galego por decisión propia, e que galego! Abraza a nosa lingua de inmediato, faise militante do PSG que lidera Xosé Manuel Beiras, participa na creación do Museo do Pobo Galego e de publicacións como A Trabe de Ouro e Tempos Novos, remata os seus estudos de Historia na Universidade de Santiago anos despois de facer unha enxeñería industrial e inicia o seu inxente labor como investigador cunha tese de licenciatura sobre a figura de Vicente Risco, que prosegue coa súa tese de doutoramento sobre o nacionalismo galego no primeiro terzo do século XX. Xa como catedrático de Historia Contemporánea na USC, especializado na historia dos nacionalismos e das ideoloxías, emprende a gran empresa intelectual da súa vida: o estudo da historia do galeguismo político, ao que dedica varias décadas de traballo e que culmina con esa obra monumental que é De Provincia a Nación (Xerais, 2007), que vén ser algo así como o que significou para o coñecemento das nosas letras a Historia da Literatura Galega de don Ricardo Carvalho Calero.

As persoas que na segunda metade dos anos setenta comezamos a descubrir que tiñamos un país do que apenas sabiamos nada, pouco máis tiñamos que media ducia de libros para saciar a nosa curiosidade polo pasado histórico de Galiza. Á marxe do Sempre en Galiza de Castelao na edición de Akal, venme agora á memoria Los Gallegos, un volume publicado en 1976 por Ediciones Istmo, que dirixía José Antonio Llardent, un libriño de Ramón de Valenzuela (Historia do galeguismo político, Akal, 1976), O Estatuto galego (Edicións do Rueiro, 1975), de Xosé Vilas Nogueira, a Historia de Galicia que editou a Fronte Cultural da AN-PG en 1979, que tivo un éxito extraordinario, e xa en 1981 o libro Historia de Galicia. IV Edade Contemporánea, de Xosé Ramón Barreiro Fernández. A eses títulos podemos engadir tamén Unha ducia de galegos (Galaxia, 1976), de Víctor F. Freixanes. Até ben entrada a década dos oitenta ou comezos dos noventa realmente estivemos moi orfos de bibliografía sobre o noso pasado histórico, pois tampouco estaba ao alcance de calquera persoa a obra de Benito Vicetto, Manuel Murguía ou Vicente Risco. 

Sobre a historia contemporánea de Galiza abriu o camiño o profesor Barreiro Fernández, e fíxoo ademais comezando pola revolución de 1846 e a primeira xeración galeguista (El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (Pico Sacro, 1977). Mais quen de verdade profundizou na historia do galeguismo político en toda a súa dimensión organizativa, social, política, ideolóxica e sociopolítica foi o profesor Beramendi. É a el a quen lle debemos a primeira investigación sistemática e o maior estudo que se fixo do que é a corrente de pensamento e de acción política a prol do país que vai desde 1840 aos nosos días e que coñecemos como provincialismo e rexionalismo e xa como nacionalismo galego desde 1916. 

Justo Beramendi exerceu a investigación e a docencia cunha entrega admirábel, formando a varias xeracións de investigadores, impulsando o coñecemento histórico de Galiza e primando sempre por riba da súa propia ideoloxía de home comprometido coa democracia, co progreso e coa nación galega o seu rigor científico como historiador. Consciente de que o intelectual tamén debe construír a sociedade, nunca se negou a colaborar en todo o que fora a divulgación social da historia e a análise do acontecer político, organizando e coordinando congresos, entregándonos libros como O nacionalismo galego, en colaboración con Núñez Seixas, (Edicións A Nosa Terra, 1995), ou publicando mensualmente a súa crónica política en Tempos Novos. Hoxe a figura de Beramendi é un referente fundamental dentro e fóra de Galiza no estudo da cuestión nacional, dos nacionalismos e das ideoloxías contemporáneas. 

O día que soubemos da súa morte invadeunos unha enorme tristeza, porque tivemos a certeza de que nos acababa de deixar o Manuel Murguía do noso tempo. Aquel día non deixamos de lamentar o pouco que o tratamos co moito que tiñamos que aprender del, do seu saber académico e intelectual e do seu exemplo como galego por vontade propia e como home bo e xeneroso. O seu legado é certamente inmenso e é parte xa da historia máis luminosa do noso país. Foi un verdadeiro mestre en toda a dimensión da palabra.

15/05/24

Moncha Fuentes e as sombras que nos perseguen

Foto Xerais
Con 66 anos, Moncha Fuentes publicou a súa primeira novela, coa que obtivo o Premio da Crítica Galega. Coa súa segunda novela gañou o Premio Antón Losada Diéguez e pasou a ocupar xa un primeiro posto na narrativa galega contemporánea.


O tradutor de sombras. Velaquí unha novela que profundiza nos territorios máis fondos e máis íntimos das persoas ao tempo que reconstrúe a historia política do país a través dunha familia, galeguista e culta, da pequena burguesía ourensá, nun percorrido que vai desde o momento da creación do Partido Galeguista até os nosos días. Roque Corbal Ferro, o protagonista principal, é unha persoa insegura, chea de dúbidas, feble, influenciábel, dependente do alcohol, que leva en si o enorme peso da morte do pai cando el tiña nove anos, un tema tabú no seo da súa familia. A nai, Camila Ferro Cidre, quedou igualmente devastada con aquela morte e nunca comprenderá tampouco porqué o marido, Arcadio Corbal, un prestixioso médico-psiquiatra, tomou a decisión de suicidarse en vez de falar con ela do que lle estaba a suceder, e o avó, Néstor Corbal, un mestre que participou na fundación do PG e que logo tomará partido pola Dereita Galeguista de Risco, sospeitará sempre que a ruptura política e ideolóxica co fillo no momento da súa adolescencia tivo a ver co camiño que el colleu naquela encrucillada coa que se atoparon os militantes do PG a partir de 1934. Son as sombras do pasado que perseguen e atormentan aos protagonistas principais desta historia, a segunda novela que publica Moncha Fuentes (Marín, 1952).

Para Roque Corbal, que está a facer psicanálise, será fundamental lembrar a súa relación entrañábel co avó Arcadio, talvez o ser que máis quixo, porque aquelas conversas que mantivera co avó até os seus trinta e tres anos permitíranlle alumear zonas escuras sobre as que imperaba o máis estrepitoso silencio, así como reconstruír a biografía do pai, que é unha sombra que o persegue sen tregua e que lle causa unha profunda dor (“nunca estiven interesado por min, senón na figura de meu pai, sempre flutuando diante miña como unha pantasma”). Seu avó será o único que lle fale do pai. Á súa vez, para o avó fora moi reconfortante para o seu espírito o interese de Roque sendo xa un mociño por toda aquela etapa histórica que el viviu tan intensamente e que agora seguía viva na curiosidade e nas ideas do neto. Nesas conversas, que eran un gozo para Roque, Néstor Corbal aborda por primeira vez o distanciamento que se acabou producindo entre el e o fillo e o padecemento que sufrui tras a súa morte, unha dor da que nunca se reporá e que só puido calmar coa súa preocupación por Camila e polo polos netos.

Pola súa parte, Camila Ferro, acepta a idea do psiquiatra de falar da súa vida con Arcadio e daquel suceso tan espantoso que destruíu temporalmente a súa felicidade (“eu marchara, desaparecera o día do enterro de teu pai”). Camila ábrese finalmente ao fillo e dille todo o que nunca antes lle dixera da vida con seu pai e do seu sufrimento tras o suicidio. Lémbralle que incluso tivo que cambiar de casa para liberarse daquela memoria tan dolorosa, buscando así un bálsamo para a súa angustia. As confesións de Camila permítenlle a Roque, así mesmo, coñecer o mal que o pasou súa nai, do que el non soubera nada até ese momento, porque ela fora quen de rexurdir daquel naufraxio vital e de abrazar de novo a vida.

As sombras vanse iluminando ao longo do relato, pero hai sombras que permanecen para sempre, como a daquel malogrado artista de nacionalidade suiza, afogado nas augas do río Miño aos vinte e catro anos no verán de 1915 e que os familiares o deixaran en Ourense nunha capela do cemiterio ao que Roque ía de neno co seu avó visitar o panteón no que estaba enterrada a súa avoa Sara e que agora de maior volve a visitar, pousando de novo os seus ollos no mármore onde está gravado o nome do artista suizo.

Moncha Fuentes, nunha prosa certamente primorosa e cun ritmo narrativo que convida a ler a obra sen pausa, capítulo tras capítulo, até rematala, escribe páxinas que quedarán para sempre na nosa memoria, como as que evocan o paseo do avó co seu neto cando este tiña seis anos e imaxinaba que a igrexa da Trindade era un castelo e que os barcos pendurados na capela dos Remedios podían navegar polo Miño coas belas brancas infladas polo vento. Roque vivirá con enorme decepción e tristeza como as explicacións do avó destrúen todo aquilo que a súa cabeza podía ver como real, quedándose coa sensación de que nunca máis volvería ter un castelo como o que el imaxinara. É un capítulo que nos regresa á infancia e á idade da inocencia de todas e todos nós.

DA FUNDACIÓN DO PG AO 36

Páxinas inesquencíbeis son as que recollen o momento da fundación do Partido Galeguista, o 6 de decembro de 1931, no Hotel Madrid de Pontevedra. Alí está o avó Néstor Corbal, con Castelao, Otero Pedrayo, Olimpia Valencia, María Miramontes, Ánxel Casal, Banet Fontela… Debates sobre a política fiscal, a creación de grandes portos pesqueiros, o desenvolvemento da agricultura… “nin que dicir ten que todos nos axuntamos coma unha soa alma cando se funda o Partido, e aquilo foi un acontecemento de tal relevancia que o gardo na cabeza e nos meus ollos murchos, coa intensidade gozosa das cousas únicas que suceden na vida”. Xa á tardiña, Néstor Corbal e Xosé Goyanes acompañarán ao poeta e xornalista Johan Carballeira ao vapor de Cangas. “parecía que a Galicia lle chegara por fin a súa hora”, dille o avó a Roque, lembrando aqueles días de desbordada ilusión, coa República dando os seus primeiros pasos.

Néstor Corbal non sabe cando as cousas principiaron a se torcer no seo do nacionalismo, pero está seguro que a derrota dos galeguistas nas eleccións de 1933 escoraron progresivamente o Partido cada vez máis á esquerda, e a través da súa memoria emocionada asistimos aos debates da Asemblea de Ourense de 1934 entre Vicente Risco e Suárez Picallo e entre Alexandre Bóveda e Aquilino Iglesia Alvariño, ou participamos do ambiente da Asemblea Extraordinaria de Compostela, aberta co discurso de Manuel Gómez Román, onde se pecha definitivamente o debate sobre as coalicións e se decide ir ás eleccións do 36 coa Fronte Popular, para desgusto de don Ramón Otero Pedrayo, que a pesar diso, e ao contrario que Risco, non abandona o Partido. O relato dos feitos ten de pano de fondo a recreación daquel día: “un sábado de xaneiro, frío e húmido como unha lesma, os membros do Partido baixabamos en pequenos grupos polo Pombal cando a noite xa se botara enriba, o ceo semellaba engulir as ásbores da Ferradura, as luces dos farois estremecíanse nas lousas molladas do chan…”. Virá despois a campaña a prol do Estatuto de Autonomía e o éxito do referendo. Aquilo supuxo “un desbordamento de entusiasmo, un día de xúbilo como eu nunca alcanzara a soñar”. No seu interior Néstor Corbal vive con desacougo a separación do Partido, a dúbida de se tería obrado correctamente.

O avó contaralle tamén a Roque como se desenvolveron os terríbeis feitos a partir do 18 de xullo do 36, todo o que veu despois naquelas madrugadas de pánico e pistolas, de terror e de barbarie, de represión e de medo. Un certo día, aquel mestre católico, nacionalista, non comunista, amigo de Risco e que tomara a decisión de deixar o PG, abandona o Goberno Civil, a onde fora chamado, sabendo, si, que a súa vida non corría perigo, pero sentindo “un debilitamento nas pernas, un peso no peito, un abaneo”, apoiándose nun dos contrafortes do xardín para non caer ao chan. Cando Arcadio ten quince anos coñece a Otero Pedrayo, e nese momento nace unha fonda relación entre un adolescente Arcadio Corbal e don Ramón, a quen acompaña nos paseos pola cidade, visita no seu piso da rúa da Paz o una casa de Trasalba. Esa amizade é a expresión da ruptura ideolóxica e política co pai. Arcadio Corbal nunca lle perdoará ao pai que non seguise a traxectoria de Otero naquelas horas de división interna no seo do PG. Dalgunha maneira o pai era un traidor para el.

O FRANQUISMO E O DRAMA DOS ENFERMOS MENTAIS

O relato, que fai referencia tamén ao 25 de abril de Portugal, ás últimas sentenzas de morte do franquismo ou ao asasinato de Moncho Reboiras, aborda, así mesmo, moi cruamente, de forma descarnada, a situación dos enfermos mentais neses anos da ditadura. Seguramente son estes os capítulos máis duros da novela, narrados en primeira persoa. Ignoramos nós se son voces de personaxes ficticios ou reais, mais semellan as voces dos propios doentes e dos seus familiares, daquelas persoas que viviron unha realidade tan dolorosa nos anos máis escuros da psiquiatría. A historia de Tina, por exemplo, estremece os corazóns. Era cando a moitas mulleres que sofrían a loucura nin sequera as levaban a un sanatorio psiquiátrico e as gardaban pechadas na corte ou nun alpendre ou nun cuarto no que ninguén podía entrar, moitas veces atadas como animais.

O tradutor de sombras é unha novela que se nutre da historia social e política contemporánea de Galiza, e singularmente da historia do nacionalismo galego no período da II República, pero con personaxes que padecen profundas crises persoais, mesmo a traxedia, e que están encarnados por figuras humanas, de carne e óso, que se expresan a través da técnica narrativa do monólogo, unha novela , por outra parte, cunha construción aparentemente sinxela, pero que posúe unha arquitectura coral perfectamente traballada e que ofrece un relato humano, social e político que arrastra até a última páxina a calquera lector ou lectora.

A FELICIDADE TAMÉN EXISTE

A prosa de Moncha Fuentes está atravesada polos sentimentos do corazón. O amor en todas as súas expresións e os ideais máis nobres que o ser humano pode posuír, así como a sensualidade e a beleza, están moi presentes nesta novela, con capítulos que nos conducen aos días felices da infancia de Roque en Celanova, “o reino maxestoso da liberdade”, ou aos tempos mozos de Camila pasando o verán en Sabarís, nas terras de Baiona, na casa dunha amiga, onde nos resulta doado imaxinar unha horta chea de árbores froiteiras, de mazairas e limoeiros, así como o primeiro encontro de Camila con Arcadio, con aquel psiquiatra do sanatorio de Toén, formado en Alemania, fillo de Néstor Corbal e que se move cun aire vagamente francés. Virán despois días moi felices, velaíños e doces, con viaxes moi gozosas a Portugal, territorio moi amado por Arcadio, onde viven todo aquel ambiente de liberdade que chega tras a Revolución dos Cravos, cos cafés da Avenida dos Aliados cheos de mulleres falando en alto e recuperando os espazos públicos que lles foran vedados.

Roque Corbal Ferro, neto dun vello galeguista que sempre foi fiel ás súas conviccións, fillo de militantes nacionalistas activamente comprometidos coa loita política clandestina, lector desde moi mociño do Sempre en Galiza na edición de Bos Aires de 1961, que sente un inmenso gozo o día que recibe como agasallo das propias mans do avó a primeira edición de As Burgas, a de 1944, non pode deixar de expresar agora a súa sensación de derrota e de profunda preocupación diante dun país a piques de desaparecer: “atención, atención, a quen poida interesar, non se vende outono na ribeira do Arnoia, véndese País ancestral ”. Iso é o que lle gostaría proclamar polas rúas cun megáfono a Roque Corbal. Hai dúas páxinas nesta novela de Moncha Fuentes que constitúen o máis fermoso e contundente manifesto político que unha lectora ou un lector pode atopar sobre o que hoxe lle está a acontecer a Galiza. Non hai ensaio político de cen páxinas que transmita con tanta verdade, beleza e eficacia o brado de dor e de denuncia dunha persoa con clara conciencia nacionalista fronte á desfeita e á venda do país.



29/04/24

Dúas obras imprescindíbeis de Manuel Veiga

Se nestes tempos o intelectual ocupase outro papel na sociedade, Manuel Veiga Taboada sería o noso Jean-Paul Sastre.

Seguimos a Manuel Veiga (Monforte de Lemos, 1960) desde hai décadas, desde que o seu nome comezou a aparecer nas páxinas de A Nosa Terra, semanario no que primeiro exerceu como redactor, a partir de 1983, e posteriormente como director. Mais foi talvez nos últimos anos cando de verdade nos percatamos de que estamos diante dunha das cabezas intelectualmente mellor amobladas do país. Á marxe da súa sólida e ampla formación académica, Veiga é unha das persoas máis cultas e lúcidas que eu coñezo, un moi destacado novelista, unha referencia no xornalismo galego e unha das figuras máis brillantes coas que hoxe conta o pensamento político galego, aquel que se elabora con absoluta independencia, sen outra finalidade máis que construír unha mirada crítica sobre o noso país e sobre o mundo desde nós mesmos.

Se nestes tempos o intelectual ocupase outro papel na sociedade, Manuel Veiga Taboada sería o noso Jean-Paul Sastre. Mais este monfortino-vigués nunca será un símbolo, porque nin el o pretendeu nunca, nin se ve nese papel nin a súa cultura e a súa lucidez radical ten as fiestras necesarias para chegar ao conxunto da nosa sociedade como si o tiveron os existencialistas franceses. Desde as marxes da intelectualidade na que el elabora a súa obra creativa e xornalística e, desde logo, desde fóra de calquera poder ou capela social, política ou académica que haxa no país, Manuel Veiga está a entregarnos algunhas das páxinas máis extraordinarias da nosa literatura e a análise política e sociolóxica máis luminosa que se está a escribir en Galiza neste momento. Así o afirmo, con esta rotundidade.

Abondan dous títulos recentes para demostrar o que acabamos de dicir: Perder as bestas (Xerais, 2023), a súa última novela, que vén precedida xa de títulos como O exiliado e a primavera (2004), Lois e Helena buscándose un día de tormenta (2006) ou As mellores tendas de Madrid (2021), entre outros, e o libro de ensaio A literatura galega contada aos escépticos (Galaxia, 2024), que tamén se vén sumar a outros traballos seus anteriores como Galicia contada aos non galeguistas (2020) ou Que sabes da Guerra Civil e o franquismo? (2021).

Dúas obras imprescindíbeis de Manuel Veiga.

Desde que Méndez Ferrín escribiu Arraianos, e hai diso xa ben tempo, non sei se se faría unha novela cunha prosa tan viva, rica e brillante como a que atopamos nas páxinas de Perder as bestas. Para comezar, nesta novela Manuel Veiga aborda un relato histórico moi descoñecido, incluso para as persoas interesadas pola memoria histórica. Desde que Harmut Heine comezou a desenterrar en 1972 a historia que andaba de boca en boca sobre os guerrilleiros galegos, foron moitas as investigacións que se levaron a cabo, e tras a publicación en 1980 d´A guerrilla antifranquista en Galicia, a bibliografía sobre o tema foise enriquecendo con outros moitos e importantes libros. Mais para min e para outra xente foi a novela de Manuel Veiga a que nos descubriu case dunha maneira real, como se estivésemos alí, outra parte desa historia: as chamadas contrapartidas.

Integradas por ex militares e gardas civís, as contrapartidas actúan no territorio facéndose pasar por guerrilleiros, vivindo e vestindo coma eles, para intentar descubrir o apoio co que contaban as verdadeiras guerrillas, practicando a violencia máis extrema, máis despiadada, propia de seres humanos sen corazón, e un auténtico terror entre a poboación por alí onde pasaban para así desprestixiar o movemento guerrilleiro. Foi desta maneira como colleron a moitas daquelas persoas, familiares, camaradas e veciños, que facían de enlace cos homes do monte. Máis que dar cos guerrilleiros, o que pretendían as contrapartidas era deixar sen sostén popular, sen apoio social, a loita das mulleres e dos homes que se botaran ao monte.

Se xa esta temática é suficientemente atractiva para unha novela, Manuel Veiga relata cunha veracidade e unha riqueza léxica admirábel, dunha forma crúa, áxil e maxistral, toda aquela barbarie protagonizada polas contrapartidas nunhas terras próximas á fronteira con Portugal. Sen dúbida algunha, Veiga situouse con este texto nun dos cumes da narrativa galega actual. Precisamente estes días veñen de concederlle o Premio Nacional da Crítica en Narrativa Galega por este libro. Esta novela merece ese galardón e calquera dos máis prestixiosos premios que se conceden dentro ou fóra de Galiza. Había tempo que non liamos un texto narrativo en lingua galega tan extraordinario.

Aínda impactados coa lectura de Perder as bestas, chéganos outro novo libro deste autor: A literatura galega contada aos escépticos. Uxío Novoneyra, contemplando ao lonxe os tesos cumes do Courel, expresou aquel coñecido verso que abre Os eidos: “Eiquí síntese ben o pouco que é un home…”. Lendo agora nós estas reflexións de Manuel Veiga sobre a literatura galega, eu teño que dicir o mesmo: diante da altura intelectual e da claridade discursiva coa que Veiga escribiu esta obra, un vese ben pouco competente para escribir de literatura.

Neste libro Manuel Veiga reivindica autoras e autores non sempre situados nos nosos altares, di verdades que non queremos aceptar, expresa que non alcanza a ver polo de agora na narrativa galega actual esas grandes obras que lle outorgan a unha literatura o rango de universal, considera que o mérito de A esmorga é a súa calidade artística e non a temática homosexual, o bo galego ou o amor a un territorio, fainos ver como cando menos desde Otero Pedrayo (e xa antes Rosalía) os autores galegos beberon da literatura estranxeira, manifesta a súa admiración polos poetas dos oitenta e nomeadamente pola prosa e polo clasicismo de Ramiro Fonte, afirma que a influencia de Ferrín -para Veiga un dos nosos grandes escritores do século XX, xunto con Álvaro Cunqueiro- foi o que permitiu que a literatura galega recuperase, nas últimas décadas, boa parte do terreo perdido “até chegar a converterse nunha literatura do noso tempo”, asevera que Polaroid, de Suso de Toro, “moderniza de golpe a literatura galega” cunha linguaxe literaria da nosa época, o mesmo que fan na poesía Lois Pereiro, Xela Arias e Antón Reixa, móstrase comprensivo e indulxente con Vicente Risco e recoñece que a pesar de que ”nos gustaría querelos ao completo, sen contradicións”, temos que aceptar que “o ser humano cambia, muda, mostra unha cara diferente segundo os momentos e as situacións en que o analicemos”. E engade: “Por iso un ser humano é tan difícil de xulgar”. E está a falar nese capítulo de Filgueira Valverde, de quen non ignora, nun acto de elemental xustiza, que a quen foi alcalde franquista de Pontevedra tamén lle debemos que salvara o casco histórico da cidade e que se creara un museo onde a figura máis destacada é Castelao.

Aínda que na súa opinión “cinco ou seis libros de poemas de Manuel María poderán ser citados no futuro entre o mellor da nosa historia literaria”, Manuel Veiga reivindica a súa prosa, e máis concretamente a súa prosa xornalística no semanario A Nosa Terra. As mesmas palabras de eloxio dedica tamén aos artigos que publicaron no citado periódico Ferrín (Dosinda Areses), Manuel Rivas e Bieito Iglesias. Non faltan, así mesmo, nestas páxinas as súas reflexións críticas sobre Chus Pato e Olga Novo (“a vangarda con raíces”) ou sobre o cambio de paradigma que representa a presenza das mulleres na última literatura galega desde que Pilar Pallarés publicou os seus primeiros libros. Atoparemos tamén a reivindicación da obra narrativa de Alfonso Eiré pola súa autenticidade e por expresar o mundo rural desde dentro e outras aproximacións a autores e autoras máis recentes como Berta Dávila ou Eva Moreda. O libro péchase cun epílogo para Valle-Inclán. Manuel Veiga recórdanos que “Igual que Kafka escribiu en alemán e non en checo, e Joyce en inglés e non en irlandés, Valle-Inclán fíxoo en castelán”. E remata dicindo que “Considerar a Valle pode resultar traumático, pero tamén frutífero, como sucede con todas as clases de exilio”.

Un capítulo igualmente moi interesante é o que dedica aos “Límites (e ventaxes) dunha literatura sen estado”, onde deixa reflexións tan interesantes como a seguinte: “a literatura de ámbito rural que primou até hai unhas poucas décadas, acorde coa importancia que mantiña aínda o campo, resúltalle hoxe moi distintante a gran parte dos novos lectores que descoñecen o significado de certas palabras, como cadullo ou vesada, tanto como os obxectos ou labores aos que se refiren”. Creo que cómpre ter moi en conta esa opinión de Veiga para acertar nos textos nos que hoxe se deben iniciar os lectores en lingua galega. Seguramente resulta difícil inicialos no gozo da lectura cunha temática e cunha linguaxe que corresponden a outra época. Os camiños da vida, por exemplo, é unha das grandes novelas do século XX, mais talvez non é a obra indicada para gañar para a lectura en galego a un adolescente destes tempos.

Hai algo que moito lle agradecemos a Manuel Veiga: que contextualice as obras, que teña en conta o impacto que un libro pode producir na renovación dunha literatura e na sociedade dese momento, con independencia de que co paso do tempo sexa ou non sexa unha obra mestra. E tamén lle agradecemos o amplo horizonte mental co que se achega a cada libro e a cada personalidade do mundo das nosas letras, non caendo nunca no desprezo dun autor ou dunha autora por razóns extraliterarias ou ideolóxicas e nadando incluso contracorrente e contra o que está estabelecido no canon literario galego. Esa é a grandeza intelectual e humana de Manuel Veiga. Por iso o admiramos tanto, polo seu criterio, que emana sempre dun pensamento libre de ataduras e de prexuízos.

A literatura galega contada aos escépticos resulta a todas luces unha lectura imprescindíbel, imprescindíbel para as persoas que apenas len en lingua galega ou que se mostran escépticas sobre a calidade do que se publica en galego -e que de seguro atoparán nestas páxinas un conxunto de textos que as convidarán a ler de inmediato literatura galega-, e imprescindíbel tamén para aquelas outras persoas que son lectoras ou que mesmo coñecen a nosa poesía e a nosa narrativa en profundidade, porque a través deste libro talvez descubran que hai outras maneiras de ver e valorar certos momentos da historia da nosa literatura, determinadas obras e as autoras e os autores que as crearon.

Máis aló da exquisita cultura literaria e da lucidez coa que Manuel Veiga aborda cada unha destas figuras da nosa literatura e o que el considera os momentos de ruptura ou de esplendor da mesma (“as liñas de forza que tensan a nosa literatura”), o libro déixanos imaxes inesquencíbeis como a de Méndez Ferrín chegando o último día e case a última hora para entregar o artigo na redacción de A Nosa Terra, en Doutor Cadaval, e pedindo unha máquina de escribir para redactar o artigo mentres fumaba un cigarro. Outra imaxe preciosa é imaxinar naqueles anos escuros, asfixiantes e mediocres da ditadura a don Vicente Risco viaxando a París cun camión e volvendo cargado de libros. Segundo Manuel Veiga ese sería o soño que máis anhelaba aquel intelectual de contrastada intelixencia que vexetaba no seu Ourense “entre a subsistencia económica e a inanación cultural”.