08/02/21

Millán Otero, o poeta que só quería lograr un verso redondo

Ás veces é só un verso na memoria, como sostiña Eugenio de Andrade. “Pra un verso mil anos sonunha mocedá”, di nun poema Álvaro Cunqueiro. Un verso, si, só un verso, e non é pouco, é o que a nós nos marabillou de 74 saudades para ascender aos ceos, o libro póstumo de Manuel Vilanova, altísimo poeta: “Limpo como un vidro é o meu amor neste silencio”. E Xosé M. Millán Otero (Beluso-O Morrazo, 1964-Vigo, 2020) dicía que el se conformaba con lograr un verso redondo. Cultura, lucidez e humildade, algo que non sempre atopamos nos labios de outros e outras poetas.

Quen coñeza a obra de Millán sabe ben que nela abundan os versos redondos. Que lector ou lectora de Este é o tempo de sal non ficou fascinada con aquel verso que di: “para que un verso naza ten de morrer un río”. Ou con aquel outro no que o poeta expresa que “en cada verso hai que enterrar un paraíso”. Moitos outros versos chaman igualmente a nosa atención en As palabras no espello. Abro o libro e xa nese primeiro soneto de verso branco experimento o gozo como lector: “afírmote raíz de canto habito”. E algunhas follas máis adiante: “E serás canto ames”. Ou ese outro que di: “digo pupila lábio terra digo”, onde talvez hai un eco de Méndez Ferrín. Mais a obra lírica de Millán Otero non é, evidentemente, un verso que brilla aquí e acolá. O seu universo poético é un templo de poesía. É a súa unha escrita pousada e esixente, depurada, reflexiva e íntima, que procura a perfección e a beleza, “un verso en seda bordado”. El, que foi un activísimo militante nacionalista toda a súa vida, curiosamente non participaba para nada da idea de que a poesía é útil para cambiar o mundo. Non concibía a poesía como unha forma de intervención social. Que a través da poesía se podía influír no mundo interior dunha persoa, iso si. Por iso Millán sempre tivo moi claro cal era a súa principal responsabilidade como poeta, que non era outra que esforzarse en elaborar unha obra de calidade literaria, algo que deixase na nosa literatura un eco do seu canto. E vaia se o deixou! A súa está, sen ningunha dúbida, entre a mellor poesía galega que se escribiu desde os anos noventa.

Millán foi quen de medir “os ferrados de tristeza que agocha a pel dun home / para escribir coas mesmas letras de amor a amargura”. Foi quen de recoller toda a dor das “mulleres que tenden panos de morte nas soleiras”. Foi o poeta que naceu nunha casa sen libros, que amou e restaurou a lingua mariñeira dos avós e que proclamou: “todo o mar é a nosa patria”, verso tan feliz como aquel de Rosalía que levamos na memoria: “Toda a terra é dos homes”. Millán Otero: aínda un mar aberto sen navegar. Unha travesía pendente. Unha luminosidade que cega.

 


As palabras no espello

Xosé M. Millán Otero/

Edicións do Castro /

1995 / 80 páxinas






Ningún comentario:

Publicar un comentario