12/01/21

Vilarmao, ou o canto incesante de Olga Novo

Só unha persoa que leva en si o olor da terra húmida e a calor que daba o bafo das vacas debaixo do cuarto, que co seu avó aprendeu a vivir rozada polas balas e que aínda hoxe acariña as pedras coa emoción íntima de saber que esas mesmas pedras as tocaron antes as mans dos seus antepasados, só unha persoa con esa sensibilidade, esas vivencias tan profundas na súa aldea de Vilarmao e cunha inquebrantábel fidelidade ás súas orixes pode escribir unha poesía da vida e da terra como a que libro tras libro nos entrega Olga Novo (Vilarmao, Pobra do Brollón, 1975). Non é a súa unha poética da paisaxe, nin é tampouco un canto ruralista ou nostálxico por un mundo que foi e xa non é. É un canto de quen se expresa coa pel pegada á terra e de quen posúe a certeza de que nese mundo milenario que outros están a destruír, nese paraíso que se extingue, ela viviu desde a súa primeira infancia un estado de felicidade plena que dificilmente poderá alcanzar fóra dese territorio material, sensitivo e humano. Un canto, en definitiva, escrito desde dentro, desde a emoción, desde a vida, desde a raíz. Xa o deixou escrito en A teta sobre o sol, o seu primeiro libro: “non busco a perfección senón a intensidade”. Mais non creo que haxa maior beleza que a verdade que expresan os seus versos.

Olga Novo leva toda unha aldea dentro de si. Pode imaxinala e andala palmo a palmo cos ollos pechados, casa a casa polo seu nome, leira a leira polo seu nome, a Cortiña, Su a Horta, Su a Eirexa…, ver as súas cores, percibir os seus olores, escoitar as voces familiares das súas xentes, distinguir os sons e as palabras, a linguaxe dos animais e dos ventos, sentir no seu corpo a primeira xeada de novembro ou a floración das cerdeiras. Vilarmao é un canto incesante no seu corpus poético. Collamos, por exemplo, Cráter, onde Vilarmao ocupa practicamente todo o libro. Poema a poema, desde o seu nacemento nun Sinca 1200 enriba dunha toalla pobre e desde a memoria emocionada de súa bisavoa descalza, Olga Novo vainos conducindo pola súa propia vida e a da súa xente, ao tempo que nos expresa o seu clamor por un rural que agoniza e morre. E en contraposición a ese mundo en extinción, a voz dunha deusa campesiña, vitalista e libertaria, amorosa e visionaria, a voz da poeta, da estirpe das guímaras, que ergue o seu berro contra o aniquilamento dese seu universo.

Desde a fiestra do seu cuarto, cos ollos postos na serra do Courel, unha nena de dez ou once anos le, con auténtica fascinación, os versos de Uxío Novoneyra. Tempo despois, aquela nena, Olga Novo, con libros como Nós nusCráter ou Feliz Idade eleva Vilarmao á altura do Pía Paxaro. Para que siga a lingua. Para que non feneza a memoria. Para tirar polo futuro como quen tira polas patas dun becerro ao nacer.





Cráter

Olga Novo

Toxosoutos / 2011 / 196 páxinas



Ningún comentario:

Publicar un comentario