06/04/21

Avilés de Taramancos: o francotirador da fermosura

A nosa primeira noticia de Antón Avilés de Taramancos (Taramancos-Boa, 1935-Noia, 1992) non foi a que publicou Salvador García-Bodaño na revista Grial en 1971, senón a entrevista que lle fixo Margarita Ledo para as páxinas de A Nosa Terra en 1980. Foi aí onde nós descubrimos a existencia de Antón Avilés. O encontro coa súa poesía sería pouco despois a través do libro O tempo no espello (1982). Lembramos perfectamente a sorpresa, o asombro e a emoción que nos causou a lectura daquel libro. Non podiamos comprender como unha voz poética de tanta calidade e xa con dous libros publicados nos anos cincuenta nin sequera ocupara nunca un lugar marxinal entre os poetas da súa xeración. Avilés de Taramancos non existía na poesía galega. Non é estraño que ao seu regreso de Colombia el se sentira máis pertencente á xeración de Dorna que á primeira xeración de poetas da posguerra. Así llo confesou nunha entrevista a Xan Carballa.   

Hoxe non imos seleccionar un poemario, senón a Obra poética completa de Antón Avilés de Taramancos, dentro da que queremos destacar tres títulos: Cantos caucanos (1985), “o primeiro gran libro do poeta: cumio de plenitude e madurez”, en palabras de Luís Alonso Girgado; As torres no ar (1989), ”un dos mellores libros de poesía do século XX”, segundo Xosé Mª Álvarez Cáccamo; e Última fuxida a Harar (1992), libro igualmente extraordinario e que constitúe o seu testamento humano e poético. Estes tres títulos sitúan a Avilés de Taramancos nun lugar central da lírica galega do século XX, na mellor poesía que se escribiu entre Manuel Antonio e Olga Novo.

Coa súa avoa, Antón Avilés aprende “a penetrar os misterios da terra”. Desde moi neno coñece o cántico do bosque, a música das árbores míticas, o asubío do merlo, os antigos aromas da natureza, a terra, en definitiva, en toda a súa dimensión material, amorosa e carnal. A terra sosterá acotío a vida do poeta, amamantándoo, até a última fuxida: “Sentir así a terra sobre o corpo / é vivir permanentemente nas raíces”. A terra e o mar, sempre. Toda a súa infancia está habitada de veleiros que alimentan e fan medrar a súa prodixiosa imaxinación, o soño da aventura e o seu anhelo de voar: “cando no remate ergan a vela (…) será o meu corazón quen sinta o vento”, escribe o poeta evocando a construción dun navío na outra banda do mar. Xa llo dicía súa nai: “Ai, meu fillo: Ti sempre a facer torres no ar…”. Desas vivencias primeiras, dese gozo pleno nos seus eidos nativos, nace a poderosa voz do poeta Avilés de Taramancos, toda a luminosidade e a fermosura do seu canto. A recuperación daquel paraíso, o retorno á terra inicial, será a súa paixón permanente: “ter de novo / os paxaros na man… ¡ese outro tempo!”. Dúas foron as súas patrias, pero só Galiza a súa Ítaca.



Obra poética completa

Antón Avilés de Taramancos

Espiral Maior / 2003

480 páxinas


Ningún comentario:

Publicar un comentario