A luz e as súas cicatrices é o libro que hoxe queremos traer a esta columna de relecturas necesarias. Aí está todo o seu universo primeiro, o máis íntimo e o máis profundo, o que a enraíza ás terras do Eume, á casa, á nai e á avoa, á lingua, á natureza, á imaxinación, ao asombro e ao misterio, un ronsel de vivencias que permanecerán para sempre dentro da escritora como unha arteria principal que lle dá vida e a ilumina, e que é unha e outra vez o mármore do que extrae o seu canto. A súa percepción do universo eumés abarca todo o que a rodeou desde a infancia, desde a auga do río ao tronco da árbore, desde a bolboreta ás amoras da silveira, desde o sabugueiro á garza, e na súa memoria tamén, a avoa sentada á carón do camiño, convidando á nena a voar cos miñatos á caída da tarde, ou a randeeira de corda e de madeira pendurada da ponla daquel xaponés plantado xa polos seus tataravós. A terra, até as raíces, até o subterráneo, até os cantos do fondo do río; a luz, sempre a luz, e a memoria. Unha mirada cara a fóra e cara a dentro, un diálogo de grande sensibilidade, finura e fondura humana con todo o que a rodeou desde nena. Eva Veiga leva en si o paraíso da infancia, un cacho inmenso de terra, unha paisaxe que conforma a súa personalidade, que lle permite abrollar na flor do limoeiro ou amar o meandro do río até a tristeza, que a ilumina por dentro e lle dá esa delicadeza que tanto a caracteriza como persoa e como poeta.
Este libro, e todo o conxunto da poesía de Eva Veiga, é un canto amoroso, telúrico, vitalista, pleno de luz e de transparencia, escrito cos cinco sentidos. E non menos importante é a música das palabras, o ritmo dos versos, esa sonoridade verbal que hai en cada poema, onde non sobra unha soa palabra.
A Luz e as súas cicatrices
Eva Veiga
Colección Esquío de Poesía/ 2005
91 páxinas
Ningún comentario:
Publicar un comentario