En 1991 Xavier Rodríguez Baixeras gaña o I Premio de Poesía Miguel González Garcés cun libro certamente extraordinario: Visitantes. Da súa lectura xa nunca puidemos esquecer aquel poema que comeza co verso “Estamos aquí sós, no corazón do frío”, ou aquel outro que titulou “Como aplacar a luz que de ti mana”. A viaxe interior á súa infancia e á súa mocidade e á procura dun tempo perdido para sempre, dentro dunha liña elexíaca, xa presente nos seus libros anteriores, faise aquí aínda máis visíbel, desde a mesma dedicatoria, á memoria de súa nai e seu irmán Rafael. E, naturalmente, o país, ese país que el comezou a descubrir en Madrid na Sección de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco e grazas a persoas como Ben-Cho-Shey. A ese país vai dedicar Baixeras toda a súa obra creativa a partir da súa chegada a Vigo, onde coincide precisamente con Manuel Vilanova.
Visitantes é un libro de expresión serena, melancólica, sobria, cun univerno moi denso no seu interior, e nos seus poemas, igual que en toda a obra de Baixeras, atopamos unha poesía moi depurada, radicalmente contemporánea, mais dentro dunha tradición culta, dunha perfección formal extrema, onde cada palabra ten o seu peso propio e unha claridade que expresa ao mesmo tempo exquisitez. Habería que estudar a profunda relación da poesía de Baixeras coa música, porque en cada un dos seus poemas hai un algo de música, non sei se de Johann Sebastian Bach ou de jazz. Igual que hai neste e noutros libros seus unha casa da que un nunca se foi, un final de verán de praias tristes e mesas solitarias e un setembro que avanza e que florece en brevas e en en mazás reineta. “…a vida / é aquilo que perdín…”, confesa o poeta.
Visitantes
Xavier Rodríguez Baixeras
Deputación de A Coruña /1991 / 72 páxinas
Ningún comentario:
Publicar un comentario