José Luís Sucasas, nun magnífico artigo escrito en 2016, celebraba así, con este título, a candidatura de Ana Pontón á Presidencia da Xunta de Galiza. Mágoa que el xa non poida ver como a súa candidata naquel proceso electoral non fixo máis que medrar e medrar nestes últimos catro anos, non só como dirixente política nun período ben adverso e convulso para o nacionalismo galego, senón tamén como esperanza para o país. Ana Pontón é hoxe, efectivamente, quen mellor representa a ansia e a garantía dese novo tempo político que Galiza tanto precisa. En primeiro lugar, porque Ana Pontón é unha persoa que lidera unha forza política que ten un proxecto para un país diferente e a determinación de defendelo con firmeza, algo que Feixoo nin é capaz de imaxinar na súa mente, porque esa idea de Galiza é absolutamente incompatíbel coa súa visión españolista do noso propio país. Feixoo é a antítese dunha ideoloxía e dunha práctica política que coloque a Galiza como unha nación no mundo. E todo o que fixo Feixoo desde o 2009 para aquí como presidente da Xunta, na súa verdadeira dimensión política, foi desfacer o que tratou de construír nunha lexislatura, desde unha óptica de país e de autogoberno, a parte nacionalista do goberno bipartito. Esa é a obra política de Feixoo: evitar que Galiza teña relevancia política e futuro como país soberano. Como di o poema/letanía de Bernardiño Graña, “Son os que nos guían / e non teñen ollos. / Dos que a ninguén aman liberémonos pronto”.
Ana Pontón representa, certamente,
a esperanza nun país distinto, novo, con outras posibilidades de
futuro para a sociedade galega, pero non só porque Ana é capaz de
soñar unha nova Galiza e de abrazar esa idea con paixón e con
ilusión, senón tamén porque é unha dirixente que posúe a
intelixencia política necesaria para gañar para o nacionalismo
galego a simpatía e o apoio social que calquera alternativa política
necesita para avanzar e, en definitiva, para ser útil á
transformación da sociedade. E isto en política é moi importante.
A política non é só teoría, ideoloxía, principios e coherencia
extrema entre o ideal e a práctica. Tamén é comunicar, emocionar e
ilusionar. Tamén é flexibilidade. Tamén é arriscar e actuar con
responsabilidade histórica e con coraxe. Tamén é cintura e
pragmatismo para aproveitar todas as oportunidades que hai en cada
momento para levar a cabo cambios sociais e para avanzarmos como
país. Sabíanno moi ben os dirixentes do Partido Galeguista. Por iso
asumiron xogar o papel de motor do Estatuto de Autonomía. A
intelixencia política é máis que fundamental na acción política.
É imprescindíbel. E Ana Pontón é unha das persoas de máis
intelixencia política que eu coñecín no nacionalismo galego desde
1977 até hoxe.
Outra das
virtudes que posúe Ana Pontón é a súa actitude de mirar sempre
para diante, para o futuro. É unha actitude que axuda a facer país,
que tende pontes, que convida a implicarse. Non é posíbel erguer un
proxecto político de futuro para o país sen buscar a complicidade
de todas aquelas persoas que aman o país e que acreditan na
necesidade de contarmos con forzas políticas propias, sexa cal sexa
a súa traxectoria política anterior. E nese sentido creo que cando
Ana Pontón fala, procura facelo para un corpo social moi amplo, e,
por suposto, non ten que esforzarse en facelo cun sorriso, con
amabilidade, cun ton agradábel, porque todo iso é un comportamento
natural nela, algo consubstancial á súa personalidade, algo que a
caracteriza a ela humanamente, igual que o de ser unha persoa
próxima, cariñosa e alegre. Fronte a un personaxe ruín e gris como
Feixoo, que non é outra cousa máis que a herdanza que nos deixou
Fraga, a figura política de Ana Pontón representa a beleza da
palabra e a luminosidade que o país precisa. Sucasas xa o dixo hai
catro anos: unha presidenta para un país. Permitídeme que eu engada
aquí outra idea: que unha muller feminista e nacionalista presida o
Goberno galego sería un acto revolucionario na historia
contemporánea da nosa nación, a mellor demostración de que Galiza
entrou nun tempo político novo e definitivamente no século XXI.
Ningún comentario:
Publicar un comentario