13/08/22

Garcés, o poeta que procurou a luz e a beleza

 A alta estima que nós sentimos polo poeta Miguel González Garcés (A Coruña 1916-1989) debémoslla en primeiro lugar a Álvaro Cunqueiro, por sabermos por unha carta súa que Garcés foi un dos máis fieis e intelixentes lectores da súa obra poética. Quen admirou a poesía de Cunqueiro nos tempos aqueles que era ignorada e incluso deostada, merecerá sempre todo o noso aprecio como intelectual. Despois debémosllo a Manuel María, a Avilés de Taramancos e a Uxío Novoneyra, que sempre nos falaron cun grande cariño e un enorme respecto por Garcés. Máis tarde chegou ás nosas mans a súa obra lírica, que nos deixou fascinados, sobre todo os libros Sede e Luz (1986) e Un nome só na néboa (1989), aínda que o admiraríamos só por un verso tan precioso como “Pousouse o teu amor na máis alta ponla” ou por un poema tan lido e relido e tan amado por nós como “Ter que deixalo todo”. Pero quen de verdade nos levou ao cume da admiración por Garcés foi Xulio L. Valcárcel co seu libro Miguel González Garcés, mineiro de luz, aínda que xa anteriormente nos introducira no rico universo garcesiano co magnífico limiar que escribiu para a escolma da poesía en galego de Garcés que editou Espiral Maior en 1998.

Xulio L. Valcárcel non só é un extraordinario e fecundísimo poeta -aí está para comprobalo Memoria dos días, formas da levidade. Poesía reunida (1979-2017)-, senón tamén un brillante ensaísta e crítico literario, como o demostran os varios libros de ensaio dos que é autor, os milleiros de artigos que leva publicado e, como non, as páxinas que dedicou a Miguel González Garcés, certamente imprescindíbeis para coñecer a persoa, a figura e a obra deste destacado poeta coruñés, así como todo o seu labor social e cultural durante décadas na cidade da Coruña. En Miguel González Garcés, mineiro de luz está o home e o seu tempo, o poeta e a súa obra, o intelectual e o amigo, na mirada profunda, rigorosa, exquisita, poliédrica e humana de Xulio L. Valcárcel, mais tamén na mirada de outras persoas que o trataron, como Manuel Álvarez Torneiro, Vicente Araguas ou Xavier Seoane. O libro está escrito, ademais, coa verdade e a emoción que posúe a palabra cando foi escrita desde unha estreita amizade. O resultado é un estudo sobre a vida e a obra de Garcés que nos fascina desde o comezo ao final. Porque é unha biografía con alma, como só un poeta como Xulio L. Valcárcel podería facer. Unha biografía e tamén unha aproximación indespensábel á poesía dun poeta que procurou a luz e a beleza.

Despois de reler este libro, sentimos pena, máis unha vez, de non estar entre as persoas que tiveron o privilexio de gozar do trato persoal e do maxisterio de Miguel González Garcés. Pero temos os seus poemas, o seu inmenso legado poético, versos tan fermosos como os que dedicou ao sartego de Ilaria de Carretto: “Ilaria de Carretto, nevada luz de nardo. / Ilaria de Carretto, un nome só na néboa. / Ilaria de Carretto, espello dunha sombra, / detida na beleza.”





Miguel González Garcés, mineiro de luz

Xulio L. Valcárcel

Edicións Laiovento / 2009

Ningún comentario:

Publicar un comentario