17/09/22

Unha nova mirada sobre os “Poemas ao Outono”

Desde que caeu nas nosas mans pouco despois de saír do prelo, foi sempre un dos nosos libros máis amados de Manuel María. A nosa predilección por este poemario, tan pequeno de corpo como tan alto de dimensión poética, non deixamos de manifestarlla ao poeta desde o inicio da nosa amizade con el, e temos tamén reivindicado este libro en diversos traballos ao longo das últimas décadas. Hoxe facémolo de novo, máis unha vez, cando estamos case entrando no Outono, momento sempre propicio para revisitar estes fermosísimos versos de Manuel María.

Grande foi a nosa ledicia cando Méndez Ferrín, no discurso de resposta ao discurso de ingreso de Manuel María na Real Academia Galega, o 15 de febrero de 2003, se referiu así a este poemario: “sen perder o tempero metalúrxico e o gume da existencia colectiva, sobrevén un acougo, o reencontro cos elementos basilares da natureza e do corazón: Poemas ó outono, 1977. E a sobriedade, a nostalxia, a comuñón coas moitedumes, a paixón primordial, o amor, regresan porque neses sentimentos pertinaces está a Patria e o corazón, e Manuel María é un poeta patriótico cordial por riba e por baixo de calquera continxencia”. Con estas palabras de Méndez Ferrín ficaba talvez definitivamente reparado o inxusto silencio que acompañou a aparición destes sonetos en 1977. Só un crítico literario que nunca practicou o sectarismo intelectual como é Xulio L. Valcárcel tivo ollos para ver e louvar aqueles versos nun artigo que publicou nas páxinas de El Progreso. No resto da crítica, un clamoroso silencio. Cómpre lembralo aquí para saber porqué tres títulos tan importantes de Manuel María como Poemas ao Outono, Cecais hai unha luz e Poemas da labarada estremecida (escritos en 1975-76, 1979 e 1980, respectivamente) non ocuparon o lugar que en xustiza lles corresponde na historia da poesía galega contemporánea. Un deses tres títulos nin sequera viu a luz até trinta anos máis tarde e os Poemas ao Outono mesmo tiveron que saír en Madrid grazas ao patrocinio dos mozos da Agrupación Cultural “Lóstrego”.

Aínda que Marta Dacosta inclúe cinco dos vinte Poemas ao Outono dentro da temática socialrealista de Manuel María, o certo é que desde unha visión estritamente estilística dos poemas, todo o conxunto do libro responde a outro ciclo creativo do poeta. O propio Manuel María, no libro de conversas con Xosé M. del Caño, manifesta que “a poesía que se escribira en Galiza do ano 1963 ó 1975 era un ciclo pechado, que todo aquilo pasara, que o que fora unha escola de poesía de denuncia estábase convertendo nunha escolástica”. Esta é seguramente unha das razóns polas que entre outubro de 1975 e mediados de 1976 escribe e reescribe este libro, que segundo Camilo Gómez Torres tivo tres redaccións, o que demostra non só unha mirada máis profunda do poeta cara a dentro e cara a fóra, senón tamén unha maior preocupación pola forma, escribindo con extrema delicadeza estes versos que nos convocan á celebración da vida e á redención da patria e que agora, camiño xa do Outono, nos volven a iluminar o corazón.

                                             


Poemas ó Outono

Manuel María

Edicións Xistral-A.C. Lóstrego

1977

Ningún comentario:

Publicar un comentario