16/10/22

Así chegou Maruxa Mallo a nós

 Non podo precisar agora cando souben da existencia de Maruxa Mallo, pero si cando quedei fascinado para sempre coa figura de Maruxa Mallo. Foi lendo a entrevista que lle fixo para El País o escritor Manuel Vicent en 1981. Tamén debo confesar aquí que desde que lin aquela entrevista, cada vez que pasaba por Madrid visitaba o Café Gijón coa esperanza de ver alí algunha vez a Maruxa Mallo, cousa que nunca sucedeu. Nin a Maruxa Mallo nin a ningún daqueles personaxes dos que nos fala Francisco Umbral en La noche que llegué al Café Gijón. Só atopei, unha tarde chuviosa dun domingo de agosto, ao actor Manuel Alexandre, que nunha mesa próxima mantiña unha deliciosa conversa cuns amigos.

Talvez o libro que máis contribuíu a reivindicar e dar a coñecer entre nós a figura de Maruxa Mallo foi a biografía que realizou a xornalista Carme Vidal e que publicou Edicións A Nosa Terra en 1999. E, desde logo, foi un traballo pioneiro no descubrimento cabal da súa vida e da súa obra, escrito, asemade, cun estilo que procuraba o pracer da lectura e a nosa fascinación por Maruxa Mallo. Nese momento había aínda un enorme silencio sobre a personalidade da pintora que compartira días de viño e rosas cos poetas da Xeración do 27 e con outras grandes figuras do tempo da República e do exilio. Incluso cando reside de novo en Madrid, á volta do exilio, nin os pintores máis novos saben o seu nome. Outras persoas que si a coñeceran chegan a dicir que Maruxa Mallo inventara a súa biografía. Ese foi o punto de partida da investigación de Carme Vidal: reconstruír o pasado da artista, recuperando a verdade da súa vida, desconfiando da idea que até entón lle chegara daquela extravagante pintora e sospeitando sempre que foi o seu vivir transgresor o que fixo que os seus coetáneos a borraran das súas memorias. Carme Vidal investiga aquí e acolá, consulta todo o que naquel momento se podía consultar, fala con algunhas persoas que trataron a Maruxa Mallo e comeza a escribir unha biografía documentada até o dato aparentemente máis irrelevante ou a anécdota máis descoñecida. Consegue, ademais, que se poida ler co mesmo pracer que nos producen os textos de Giorgio Vasari. Só unha xornalista coa ampla cultura de Carme Vidal e coa súa exquisita sensibilidade intelectual e humana podía tecer a historia dunha muller que viviu fóra do seu tempo. A lectora ou o lector ten a sensación de que quen nos relata esta biografía coñeceu de preto a Maruxa Mallo, as súas paixóns artísticas, a súa intimidade e a súa existencia radicalmente transgresora. Así chegou Maruxa Mallo a nós, da man de Carme Vidal, como nunca antes nos falaran dela. Como ninguén nos volveu a falar dela.


Maruxa Mallo

Carme Vidal

A Nosa Terra / 1999

125 páxinas

Ningún comentario:

Publicar un comentario