02/11/22

O fracaso histórico de Ramón Piñeiro

Foto do arquivo dixital de Galicia
Nós sempre lle recoñeceremos a Ramón Piñeiro o seu amor e a súa entrega ao país, incluso a súa enorme coraxe política despois da barbarie do 36, traballando en condicións moi adversas e de grande risco persoal para reorganizar o Partido Galeguista, os vencellos cos cataláns e os vascos e a oposición a Franco, un compromiso que o levaría a sofrer cadea durante tres anos. Tamén valoramos o seu inxente labor ao fronte da Editorial Galaxia desde 1950 e incluso o traballo que levou a cabo durante decenios desde a súa mesa-braseiro de Xelmírez, 15-4º para achegar ao galeguismo as novas xeracións. E digo ao galeguismo, porque Piñeiro nunca foi nacionalista, ao contrario que Francisco Fernández del Riego. Pero igual que dicimos iso tamén debemos sinalar que non soubo comprender as inquedanzas dunha parte daquela mocidade que a comezos dos sesenta quería reorganizar o nacionalismo, o que levou a un divorcio entre o galeguismo e o nacionalismo que aínda chega aos nosos días. Tampouco tivo a intelixencia política de dar os pasos necesarios durante os últimos anos da ditadura para recuperar as siglas históricas do PG e poder ofrecerlle ao país no momento da Transición un partido político que fixese de ponte co PG da preguerra e que fose liderado por algunhas das personalidades que gozaban de plena lexitimidade para negociar con Adolfo Suárez en nome de Galiza, como si fixo, por exemplo, Josep Tarradellas. Iso conduciríanos seguramente a unha primeira Xunta de Galicia presidida por persoas como Valentín Paz Andrade, Lois Tobío, Rodolfo Prada ou Bibiano Fernández Osorio e Tafall, figuras cunha traxectoria política anterior ben diferente á de Antón Rosón, José Quiroga Suárez e Xerardo Fernández Albor, que foron os tres primeiros presidentes da Xunta de Galicia. As consecuencias de non ter o PG operativo cando máis o precisaba Galiza están na raíz de como foi logo todo o proceso autonómico, de quen o protagonizou e incluso da realidade política actual.

Cando chegou o final do franquismo, Ramón Piñeiro atopouse el só, sen partido e sen ningunha capacidade de interlocución co Consello de Forzas Políticas Galegas, que integraba o nacionalismo galego existente nese momento. Pero el, naturalmente, non estaba disposto a quedar á marxe da Transición, e o sistema, por outra parte, tamén o precisaba. E entón puxo en marcha outra estratexia: introducirse nos partidos españois que operaban en Galiza para galeguizalos desde dentro. En palabras súas: “A maioría de idade política de Galicia consiste mesmamente en que deixe de existir un partido galeguista para que sexan galeguistas todos os partidos”. Piñeiro, obviamente, tiña o seu proxecto de país, que chocaba frontalmente co que defendía o nacionalismo galego e mesmo co que postulaba o último PSG que liderou Xosé Manuel Beiras, a pesar de ser inicialmente ese partido unha creación política súa. Lembremos que Piñeiro tamén estaba presente no despacho de Sebastián Martínez Risco no momento da fundación do PSG. Por iso, aínda sen liderar ningún partido, pero exercendo a súa influencia política desde a mesa-braseiro de Xelmírez, como antes fixera para galeguizar a Real Academia Galega, Ramón Piñeiro manobra con grande habilidade e extraordinaria eficacia para ter influencia e presenza en todas as organizacións e institucións que van ser decisivas nese período histórico, logrando colocar na primeira Xunta pre-autonómica a Antón Rosón, na primeira Xunta de Galicia tras a aprobación do Estatuto de Autonomía a Xerardo Fernández Albor e na Delegación do Goberno a Domingo García-Sabell. O propio Piñeiro acaba sendo igualmente o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega. E se o queremos ver a través dos partidos políticos, que é outra forma de velo, temos a Fernández Albor en AP, a Marino Dónega na UCD e a Carlos Casares, Benxamín Casal, Alfredo Conde e el mesmo no PSOE. Por suposto, como “galeguistas independentes”. Dentro desta operación hai que situar tamén a creación de Realidade Galega.

Contemplado desde os nosos días todo o proceso autonómico e o papel que xogaron os partidos estatais, o resultado non pode ser máis decepcionante. A estratexia de Piñeiro nin logrou galeguizar aquel PSdeG-PSOE de Paco Vázquez nin tampouco unha dereita que acabaría liderando primeiro un home sen perfil político como Fernández Albor e despois nada menos que un ministro de Franco. Máis ben a estratexia de Ramón Piñeiro o que fixo foi abrirlle as portas da recén creada autonomía galega aos partidos estatais e darlles diante da nosa sociedade unha lexitimidade galeguista da que carecían. A partir de aí Galiza foi perdendo progresivamente o peso político como nacionalidade histórica e todas as posibilidades que o novo marco legal lle ofrecía para dotarse do teito competencial propio dun autogoberno. Se exceptuamos o breve período do tripartito e a lexislatura do bipartito, que cando menos houbo un esforzo por construír un novo país, con outro pulso político, toda esa longa etapa de máis de corenta anos foi protagonizada por persoas que nunca traballaron coa ambición política de alcanzar un maior autogoberno e de facer de Galiza unha nación no mundo. Ese foi o resultado da estratexia de Ramón Piñeiro: poñer o país nas mans dos que nada tiñan a ver co galeguismo e co nacionalismo da República. Outro fracaso histórico como país. Menos mal que paralelamente a esa estratexia foise construíndo día a día desde 1982 unha forza política propia como o BNG, que neste momento, con Ana Pontón ao fronte, está en condicións de facerse cargo do goberno do país e de colocar a Galiza noutro lugar na historia.

(Mundiario01/11/2022)


Outros artigos sobre o autor


Ningún comentario:

Publicar un comentario