15/11/22

Carlos Mella! Quen nolo dera de presidente da Xunta na época de Albor!

Carlos Mella Villar estudara Ciencias Económicas na Sorbona, especializárase en temas monetarios e financeiros na Universidade de Harward, fora director xeral de política financeira do Goberno español e era funcionario do Ministerio de Facenda. E, naturalmente, sabía de números. En 1984 arrincoulle a Josep Borrell doce mil millóns e quería investilos no sector naval e na creación do Instituto de Crédito Galego, xunto con outros vinte e catro mil millóns de emisión de débeda. Mais só el tiña o país na cabeza.

Sabemos de Carlos Mella (O Foxo, A Estrada, 1930) desde que entrou na política galega como deputado independente da man de UCD, en 1981. Seguimos a Carlos Mella desde entón, primeiro como vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía e Facenda do goberno de Xerardo Fernández Albor e despois como parlamentario, articulista e escritor, e a nosa admiración pola súa figura e a súa obra non fixo máis que medrar e medrar.

Mella, formado academicamente nas universidades de Deusto, Santiago, a Complutense, a Sorbona e Harward, chegou ao Parlamento galego é á Xunta de Galicia despois de desempeñar importantes cargos na administración central e en organismos internacionais, e finalmente renunciou ás súas responsabilidades no Goberno galego por honestidade política e por fidelidade ao país. Pero para fortuna de todos e todas nós e de Galiza gañámolo como escritor e intelectual.

Carlos Mella é un caso paradigmático do que en Galiza é excepcional: chegar ao nacionalismo galego desde a pertenza a un partido estatal, de centrodereita, ademais. Pero quen seguiu a súa traxectoria política nas dúas primeiras lexislaturas da autonomía galega ou quen leu o seu libro Non somos inocentes, que é a mellor crónica que podemos ler daquel apaixonante período histórico, non lle resultará nada difícil comprender que un home da súa integridade moral, da súa bonhomía e do seu compromiso insobornábel con Galiza tiña necesariamente que acabar reencontrándose intelectual e politicamente co país.

Só hai que saber cal foi o seu proceder cando nun puido dedicar os doce mil millóns que negociou en Madrid ao investimento que el consideraba unha prioridade política para un goberno galego que merecese tal nome. Ou só hai que lembrar que foi o que fixo cando por segunda vez lle tumbaron o proxecto do Instituto de Crédito Galego desde dentro do seu propio grupo parlamentario. Se no primeiro caso dimitiu como conselleiro e vicepresidente da Xunta, a segunda vez deixou o partido no que militaba. Para Carlos Mella sempre foi máis importante a dignidade que manter unha cadeira nun goberno ou un escano no Parlamento.

Durante a súa etapa na política galega negociáronse moitas transferencias, e el facía números. Moitos números. Outros conselleiros regresaban de Madrid moi contentos, pero non botaban as contas co rigor e a intelixencia que se precisaba. Cando Mella negociou aqueles doce mil millóns co ministerio de Josep Borrell quixo pór en marcha un potente plan económico para reactivar e modernizar a economía galega con visión de país e crear o Instituto de Crédito Galego. Carlos Mella si sabía o que había que facer. A súa era, sen dúbida, a mellor cabeza daquel goberno. Permítanme que o diga coa claridade que dá o paso do tempo: Quen nolo dera de presidente da Xunta na época de Albor!

Ao remate da segunda lexislatura do Parlamento galego, Carlos Mella regresa a Madrid como funcionario do Ministerio de Facenda. E xa xubilado e libre de obrigas dedicouse a cultivar a sabedoría e o viño das súas cepas do Foxo e a escribir algúns dos ensaios máis luminosos da literatura galega contemporánea e outras prosas varias.

Efectivamente, a partir de 1990 inicia unha riquísima traxectoria como narrador e ensaísta, unha obra de creación literaria onde está sempre presente o seu talento e o seu finísimo humor e unha obra de análise e pensamento, escrita desde o rigor, a lucidez, o compromiso co país e a súa propia experiencia política en diferentes responsabilidades de goberno. Abonda con citar tres títulos: Non somos inocentes, A Galicia posible e A falacia do economicismo. O último libro seu que chegou ás nosas mans foi un conxunto de relatos que apareceron sob o título de A conferencia. E non só iso, Carlos Mella demostrounos a través das súas reflexións que é algo máis que un brillante intelectual: é un sabio.

Se o Sempre en Galiza de Castelao foi a biblia de varias xeracións de nacionalistas desde os anos cincuenta e O atraso económico de Galicia de Xosé Manuel Beiras, xunto con Problemática nacional e colonialismo. O caso galego, dos profesores Francisco Rodríguez e Ramón López-Suevos, dous libros fundamentais para a militancia nacionalista da década dos setenta, A Galicia posible de Carlos Mella foi e segue a ser unha obra de lectura imprescindíbel para todas as galegas e os galegos que teñen curiosidade intelectual e preocupación pola sorte do seu país, porque é un libro que nos abre a Galiza, que nos fala de onde vimos, do que puidemos ser, do que somos e do que podemos ser como nación, escrito, ademais, cunha claridade expositiva e unha vontade didáctica certamente admirábel. Aínda que habería que revisar algúns parágrafos sobre o noso pasado medieval, a obra, publicada hai trinta anos, segue tendo hoxe plena vixencia en todos os seus capítulos.

O autor parte da idea de que a Galiza posíbel é un conxunto de equilibrios entre o real e o desexable e que só pode vir da man dun nacionalismo que combine un ríxido respecto aos principios cunha sabia flexibilidade conxuntural e táctica. Seguramente ningún outro libro pode ser máis útil para darlle solidez á idea dun país diferente aquí e agora.

Xa ven, o que puido ser e non foi, pero tamén a Galiza posíbel, o que pode ser e será. Se nós queremos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario