Para aqueles e
aquelas que andabamos a descubrir a literatura galega na década dos
setenta houbo un libro extraordinario, fundamental: o primeiro volume
da
Obra en Galego Completa de Álvaro Cunqueiro, editada por
Galaxia en abril de 1980. Lembro perfectamente que o merquei na Feira
do Libro de Ferrol daquel ano e que aquela mesma tarde fixen a viaxe
no tren da Costa até Ortigueira absolutamente marabillado,
descubrindo, por fin!, a Cunqueiro como poeta. Non podía entender
como ninguén me convidara antes a ler a poesía de Cunqueiro. Certo
que para un rapaz de vinte anos o acceso á obra poética de Álvaro
Cunqueiro resultaba difícil, pois os seus primeiros libros foran
publicados antes da guerra e
Dona do corpo delgado en 1950.
Léramos poemas seus na antoloxía
Poetas gallegos contemporáneos,
de Basilio Losada (Seix Barral, 1972), e na
Poesía Gallega
Contemporánea, de Miguel González Garcés, editada en 1974 en
Plaza & Janés, pero sen prestarlle a debida atención. A verdade
é que a poesía de Cunqueiro naquel tempo só contaba coa admiración
dun pequeno círculo de lectores, encabezado por Garcés. Sirva como
mostra dese desprezo pola súa poesía e desa mediocridade
intelectual a exitosa escolma
Os cen mellores poemas da lingua
galega, de Xesús Alonso Montero, onde só figura un poema de
Cunqueiro de
Cantiga nova que se chama ribeira. Tamén podemos
observar ese desinterese pola súa obra poética na escasísima
bibliografía que hai sobre a mesma antes de 1980. “…creo que ya
nadie más que tú, y dos o tres más, cuentan conmigo en este país
gallego como poeta”, confésalle cunha certa amargura Cunqueiro a
Miguel González Garcés nos últimos anos da súa vida. Realmente
Álvaro Cunqueiro morreu sen ser recoñecido pola crítica como o
grandísimo poeta que el era. Esa tremenda inxustiza só foi reparada
post mortem.
“Pro eu
resucitarei”, dicía Cunqueiro no poema co que se pechaba Herba
aquí ou acolá na edición de 1980. E vaia se resucitou! Xunto
con moitos poetas dos oitenta (Claudio Rodríguez Fer, Manuel
Forcadela, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Pilar Pallarés, Ramiro
Fonte, Darío Xohán Cabana, Román Raña…) foi seguramente X. L.
Méndez Ferrín o que máis o reivindicou como poeta. Aí está o
estudo que lle dedicou en De Pondal a Novoneyra (1984) ou a
interesantísima conferencia que pronunciou na Universidade da
Coruña, publicada posteriormente en Clásicos e Modernos
(1999). Viñeron tamén novas edicións da poesía de Álvaro
Cunqueiro, sempre enriquecidas con novos tesouros, como as
compilacións que levou a cabo Henrique Costas en 1991 e 2011, ou
libros de análise tan extraordinarios para o coñecemento da súa
obra poética como os Trinta poemas (2013), de Camiño Noia,
mais o libro que de verdade nos descubriu a moitas e a moitos o
Álvaro Cunqueiro poeta foi aquel primeiro volume da súa obra
completa. Aínda hoxe o collemos entre as mans coa mesma emoción e o
mesmo gozo daqueles nosos anos mozos.
Obra en
Galego Completa
Álvaro Cunqueiro
Galaxia
/ 1980
Ningún comentario:
Publicar un comentario