Otero aínda non esqueceu a voz de Daniel nin o seu sorriso, aquel sorriso previo a calquera cousa, a unha conversa, a unha conferencia ou a un debate parlamentario: “quería acender ó redor de si un lume de simpatía, un lume de ardor, por iso sempre ría, i esa risada era unha risa leda”. E don Ramón fala da nenez de Castelao en Rianxo, do pai que non coñeceu até que o viu baixar dun tren en Bos Aires, dos seus anos mozos en Compostela, da súa estancia en Pontevedra, do día que se fixeron amigos en Toledo diante do cadro do Conde de Orgaz, dos tres anos que pasaron xuntos nas Cortes Constituíntes, do Castelao caricaturista, das cruces de pedra na Bretaña, dos seus debuxos políticos…, e conta anécdotas que engaiolan ao público, mais confesa que “Eu ó falar estas cousas adrede busco a risa, sin embargo o meu corazón non rie. Busco a risa para non cecáis diante de vós estalar nalgún salouco”.
Otero fala igualmente do compromiso de Castelao coa “redención de Galiza”. “Castelao era as alas da terra”, di. E non se esquece tampouco daquelas outras figuras que foron fundamentais na cultura galega e no nacionalismo da preguerra: Vicente Risco, Lousada Diéguez e Florentino Cuevillas. Pero talvez o momento máis emocionante do acto é cando don Ramón lembra aquel día de xuño do 36 na estación do Norte, cando Castelao o foi despedir antes do seu regreso a Ourense co título de Doutor: “Castelao foi a despedirme e falamos un anaquiño antes de salir o tren, e me dixo: Mira Ramón -eu calei preocupado toda a noite, xa vira como estaba Madrid máis ou menos- eu non volverei a Galiza, eu non volverei a ver a miña nai, vai vir unha guerra terrible e perderemos nós, perderemos os de esquerda”. Aínda hoxe nos emocionan estas palabras de Castelao pronunciadas por don Ramón naquela conferencia do Castro.
A miña amizade con Castelao
Ramón Otero Pedrayo
Ediciós
do Castro / 1986
Ningún comentario:
Publicar un comentario