02/05/22

Un deses libros que tanto amamos

Podería comezar por dicir que unha antoloxía das cantigas medievais galego-portuguesas e da poesía portuguesa elaborada por un dos maiores poetas que deu Portugal é xa unha moi poderosa razón para amar un libro. Mais non é só o contido do volume nin a personalidade do antólogo o que fixo que nós teñamos un amor especial por ese libro desde hai anos. Sucede que poucas veces sentimos tanto gozo cun libro de poesía entre as mans como coa Antologia Pessoal da Poesía Portuguesa de Eugénio de Andrade (Póvoa de Atalaia, 1923-Porto, 2005), publicada pola desaparecida editora Campo das Letras en 1999, e iso é así pola beleza do libro no seu conxunto, especialmente pola calidade e as características da edición. Igual que podemos estar varias horas contemplando os frescos de Fra Angelico ou o Descendemento da Cruz de Regier van der Weyden, non nos cansamos de ter entre as mans este libro que adquirimos en Braga nunha das nosas viaxes a Portugal. Se un fose editor e puidese publicar a obra completa das grandes voces da poesía galega contemporánea, sería ese o meu espello editorial dunha obra completa.

Campo das Letras foi creada no Porto en 1994 polo histórico dirixente do Partido Comunista Portugués Jorge Araújo e desapareceu en 2009 por razóns económicas, como acontece sempre coas empresas da cultura. Pero neses quince anos de existencia, este selo editorial publicou uns 1.400 títulos, de autores portugueses e estranxeiros, recollidos en máis de setenta coleccións, unha delas Campo da Poesía, cunha tipografía, un papel e un deseño que buscaba sempre destacar o título e o nome do autor ou da autora, lograr a través da sobriedade da capa a máxima beleza e exquisitez, procurar o pracer da lectura e incluso un corpo dunha dimensión perfecta para coller o libro e pasar comodamente as páxinas. Quen de verdade ame os libros é difícil que non sinta un inmenso gozo cun libro como o que hoxe traemos a esta sección.

Hai libros que naceron para ser amados, para ser acariciados coas mans, contemplados como unha obra de arte e gozados páxina a páxina. Esta antoloxía da autoría de Eugénio de Andrade é un deses libros que tanto amamos. Nós non tivemos a fortuna de tratar ao poeta, nin sequera a de podelo escoitar algunha vez ou velo de lonxe, e menos aínda o alto privilexio de manter unha longa e deliciosa conversa con el na súa casa do Porto, como si tivo a nosa benquerida amiga Carme Vidal nos tempos aqueles de A Nosa Terra. Mais, entre os escasos libros seus que forman parte da nosa humilde biblioteca, temos esta antoloxía que relemos a miúdo e conservamos con tanto amor. Só tocar cos dedos a suavidade da sobrecuberta do libro e contemplar as catro flores de Picasso que a ilustran é un gozo extremo.

 


Antologia Pessoal da Poesía Portuguesa
Eugénio de Andrade
Campo das Letras / 2002

Ningún comentario:

Publicar un comentario