02/04/22

As dúas patrias de María Casares

Hai biografías noveladas e biografías que se len como novelas, que se beben como o licor café. María Casares, de Arantxa Estévez, por exemplo. Sempre que temos a ocasión de falar con alguén da grandísima María Casares permitímonos recomendarlle a magnífica biografía que Arantxa Estévez publicou en 1999 en Edicións A Nosa Terra, así como a entrevista que lle fixo Joaquín Soler Serrano para o programa “A fondo” en 1981. As persoas que sentimos auténtica adoración por María Casares temos a necesidade de ler todo o que se publicou e publica sobre esta muller, sexa o seu libro de memorias Residente privilexiada, sexa o número especial que lle dedicou en 2001 a revista de teatro Casahamlet, sexa a correspondencia con Albert Camus ou sexa o último libro que chegou a nós sobre María Casares, La Única, de Anne Plantagenet. Mais hoxe o noso propósito é reivindicar aquí o fermosísimo libro de Arantxa Estévez, que foi a primeira biografía que se publicou en toda Europa sobre a grande actriz galega, unha lectura imprescindíbel e deliciosa para coñecer esta enorme figura do teatro e do cine francés.

Aínda que María Casares residiu en Francia desde os 14 anos e nunca máis regresou á súa cidade natal desde 1936, ela dicía que a terra da que estaba feita era Galiza e que a súa patria era o teatro. Certamente, dúas foron as súas patrias: a infancia e o teatro. Só hai que ler as súas memorias para comprobar o moito que significaba a terra das súas orixes para ela. Este país foi sempre o seu paraíso: a casa familiar da rúa Panadeiras, os veráns en Montrove, a praia de Bastiagueiro, Riazor, o Océano Atlántico… Incluso durante os anos do seu longo exilio non deixou nunca de sentirse galega e de lembrar as súas raíces. Unha das razóns polas que talvez non regresou á Coruña foi seguramente polo temor a que despois de tantos anos e de todo o que aconteceu tras o verán do 36, a súa cidade non fose a que ela tiña na súa memoria. Mais endexamais quebrou o seu amor e a súa fidelidade a Galiza. Así o demostraba cada 25 de xullo recitando por Radio París poemas de Rosalía, Curros ou Pondal. Así o demostrou visitando antes que a ninguén a Virxinia Pereira a primeira vez que foi a Bos Aires, onde viviu de novo o regreso emocional á terra con Eduardo Blanco-Amor, Luís Seoane, Rafael Dieste, Tacholas e todo o exilio galego. E talvez hai que buscar tamén na necesidade que ela tiña de sentir dalgunha maneira a presenza de Galiza a súa decisión de rematar os últimos anos da súa vida no pequeno concello de Alloue, onde está soterrada. “Hai que vivir preto do océano, que o mar e o vento che labren a cara”, dicía.

Arantxa Estévez entregounos no seu día unha das biografías máis fascinantes e marabillosamente escritas que se poden ter entre as mans. Recentemente soubemos que Aira Editorial a vai reeditar. Volver a ese libro será como ver de novo esa película que tanto nos gusta.




María Casares

Arantxa Estévez

Edicións A Nosa Terra / 1999

Ningún comentario:

Publicar un comentario