08/03/22

Ética e estética en Xohán Casal

Hai libros que ao collelos entre as mans nos causan unha profundísima emoción, porque hai libros que representan os momentos máis luminosos dun tempo e dunha literatura, que foron escritos a contracorrente, nunha soidade espantosa, sen un fío de luz. É o caso, por exemplo, de O camiño de abaixo, de Xohán Casal (A Coruña, 1935-1960), na edición de 1970, a que publicou Ediciós do Castro con ilustración de Luís Seoane na capa, prólogo e ilustracións de Reimundo Patiño e poema-homenaxe de Manuel María. Veu logo a edición de 1985 e a de Xerais de 2005, ampliada a primeira e con estudo introdutorio de María Teresa Bermúdez a segunda. Mais permítanme que lles diga que aínda tratándose do mesmo autor e da mesma obra, este lector non vive esa emoción como con aquela primeira edición que agora teño diante dos meus ollos e que adquirira nos meus anos mozos en Ortigueira.

Xohán Casal e Reimundo Patiño coñécense na Escola de Altos Estudios Mercantiles da Coruña no ano 1949. Os dous teñen 14 ou 15 anos. O primeiro sofre unha doenza incurábel do corazón e o segundo unha enfermidade ósea. Esa mesma mañá, camiñando xuntos despois de saír das clases, Xohán Casal, que ten a sorte de gozar dunha boa biblioteca familiar, fálalle ao seu novo amigo de autores como Mallarmé e Verlaine. Algúns anos despois será Patiño o que fascine a Casal con varias obras de Castelao que seu tío Antón Patiño lle trouxera de Bos Aires. Nese momento Xohán Casal, como acto de fidelidade ao seu pobo, toma a firme determinación de abandonar o castelán e de escribir en galego, e iso que non coñece a ninguén que escriba en galego. É a partir de 1956 cando comeza a relacionarse con outros escritores mozos como Manuel María, Xosé Luís Franco Grande ou Avilés de Taramancos e a través deles descobre os libros de Galaxia ou os escritores do exilio. O 9 de xaneiro de 1960 viaxa a Compostela para pasar o día con Ramón Piñeiro e falar da publicación dos seus relatos na colección Illa Nova. Regresa de Santiago moi feliz e coa idea de alugar unha máquina de escribir para pasar os textos. Ao día seguinte, ás nove da mañá, cando dous dos seus amigos acuden á súa casa, atópanno morto no leito. Tiña só 24 anos.

Varias décadas despois Manuel Rivas falará del como “o Kafka coruñés”. Efectivamente, neses anos cincuenta ninguén escribe en lingua galega como Xohán Casal, Gonzalo R. Mourullo ou X. L. Méndez Ferrín. Son tres autores que renovan radicalmente a narrativa galega, tanto desde o punto de vista formal como temático. A influencia da literatura europea en xeral e do mundo de Kafka en particular está moi presente nos relatos de Casal. É a súa unha prosa moi diferente á dos autores da Xeración Nós e incluso á que chega ás súas mans de escritores máis próximos a el en idade. É a narrativa dun mozo que de non morrer tan prematuramente lle daría á nosa literatura unha obra que o colocaría entre os mestres da prosa galega contemporánea.


O camiño de abaixo

Xohán Casal

Ediciós do Castro / 1970

131 páxinas

Ningún comentario:

Publicar un comentario