21/01/23

Suso de Toro, retratista

Inmateriais publicouse en 2013. Suso de Toro escribiu inicialmente esta galería de retratos para as páxinas do suplemento “Luces” de El País, hoxe desaparecido, como tantas outras fiestras abertas no seu día á nosa lingua e á nosa cultura. Estas trinta narracións sobre outras tantas figuras de nós tiñan que ser necesariamente recollidas en libro, porque no seu conxunto todos estes traballos conforman un relato histórico de grande valor, escrito, ademais, nunha prosa deliciosa, que podemos saborear como un licor-café na sobremesa.

Cada un dos retratos ten detrás da súa elaboración moito labor de documentación, moita erudición, moitas lecturas, moitos libros de estudo e de creación, horas e horas de biblioteca privada, coñecemento profundo da nosa historia, da nosa literatura, da nosa lingua, da economía, da ciencia, das artes... Mais o que se propuxo facer o escritor foi relatos con vida, con vontade de estilo, sempre desde o respecto e o interese por estas figuras senlleiras, na maioría dos casos tamén desde o aprecio e a admiración, e sen ocultar nunca, por suposto, as contradicións e as sombras de cada unha destas personalidades. Este libro de Suso de Toro é, nese sentido, un exercicio de liberdade, de respecto e de xustiza.

Inmateriais é, asemade, unha viaxe pola historia de Galiza a través dalgúns dos seus grandes personaxes, de figuras como Diego Xelmírez, Sarmiento, Domingo Fontán, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Castelao, Ánxel Casal, Luís Seoane, Francisco Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro. Desde aquela Compostela de Xelmírez que coroaba e enterraba reis e que era centro de poder relixioso, político, económico e cultural -non só na Península, senón en toda Europa-, as lectoras e os lectores desta obra podemos facer un percorrido apaixonante polos momentos escuros e de esplendor do noso país, polas súas posibilidades históricas -que as houbo en diferentes épocas- e tamén polos seus fracasos e as súas frustracións como nación.

Este traballo permítenos coñecer moito mellor a nosa propia historia como país. Aquí, nestas páxinas, está Galiza como preocupación, como tarefa, como paixón, como soño. Está o esforzo inxente, lúcido e xeneroso de moitas xeracións por situar na historia e no mundo o nome de Galiza. Está, en definitiva, a vitalidade dun país, o alento dunha patria que loita infatigabelmente pola súa existencia e polo seu porvir. Inmateriais é unha obra que nos ilustra sobre múltiples aspectos do noso pasado, que nos abre camiños, que nos convida a outras lecturas, unha obra para redescubrir o que fomos, o que somos e o que podemos ser. Curiosamente a figura de Ramón Baltar non aparece entre estes retratos, a pesar de que desde 2004 Suso de Toro xa tiña na cabeza a elaboración da novela Un señor elegante. O escritor tíñalle reservado a ese outro personaxe un texto moito máis ambicioso: unha novela. E nós pensamos que a Suso de Toro aínda lle quedan varias novelas por escribir sobre algunhas das figuras que aparecen en Inmateriais.



Inmateriais

Suso de Toro

Edicións Xerais /2013




Ningún comentario:

Publicar un comentario