24/01/23

Véndese o país

Cada vez nos chama menos a atención que se venda a un inglés, a un holandés ou a un noruego unha
aldea galega con catro ou sete casas ou que se aluguen os montes dunha parroquia ou dunha comarca enteira a unha empresa da industria do papel e da celulosa para a produción de eucalipto. Boa parte do noso rural está en venda. Véndese o país. E aquí non pasa nada. Nin reacción política da Xunta de Galicia nin reacción social.

ALDEAS EN VENDA

Primeiro foi a destrución da economía agraria e gandeira que se xeraba en cada unha das nosas parroquias, disque por non ser competitiva. Consecuencia diso foi o retroceso da superficie agrogandeira, unha maior superficie arborada e o incremento de terra abandonada. Despois veu o proceso de despoboamento das aldeas por falta de traballo e de servizos, o peche das casas, unha tras outra, e a morte case completa do campo. E agora unha parte moi importante da superficie do país semella que non ten outro futuro que non pase pola aparición de compradores estranxeiros de casas abandonadas ou de aldeas enteiras, antes de que veña o lume e o arrase todo ou caia o tellado e se esboroen as catro paredes da casa. E os montes a eucalipto e as terras a monte. E os lobos nas leiras. E os porcos bravos polo medio da cidade. E aínda nos dá a risa. Varios milleiros de entidades singulares de poboación completamente deshabitadas e máis dun 36% da poboación galega -xa todos urbanitas de residencia e de mentalidade- concentrados no 3,3% da superficie do país.

MONTES ALUGADOS A EMPRESAS

Supoño que a nosa reacción sería moi distinta se mañá nos atopásemos cun titular que dixera: “Véndese o Pórtico da Gloria”. Ou: “Unha empresa belga merca a Ría de Arousa”. Ou este outro: “Unha empresa inglesa adquire as Fragas do Eume”. Nin sequera se nos pasa pola cabeza esa posibilidade, verdade? Como se vai vender a unha empresa ou a un particular o noso patrimonio natural ou o noso patrimonio histórico-artístico? Estamos tolos ou que? No hipotético caso de que iso fose posíbel, estamos seguros que calquera goberno galego sería o primeiro en actuar para que a Ría de Arousa ou as Fragas do Eume ou Pórtico da Gloria non acabasen nas máns de ningún particular ou de ningunha empresa. Antes de que iso sucedese, serían as propias administracións as que adquirirían eses bens. Ninguén se imaxina outra reacción e outra resposta. Ah, pero no que se refire ao rural, todo é posíbel. Como se se pon á venda unha parroquia enteira ou Ourol enteiro! Como se dentro de cinco ou dez anos máis da metade da Galiza rural está nas mans de empresas especializadas na produción de eucalipto.

URBANO VERSUS RURAL

Nós non ignoramos que nos últimos corenta anos a paisaxe agraria galega sufriu unha profunda transformación como consecuencia da perda da actividade agrogandeira. Tampouco descoñecemos que Galiza deixou de ser xa un país eminentemente agrario, que cada vez ten máis peso a poboación urbana e asalariada e que o noso futuro está vencellado ao desenvolvemento económico que se poida xerar nese espazo xeográfico e económico que Antón Baamonde denomina “unha nova Olanda” e sobre o que reflexiona con lucidez e valentía no seu último libro (Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global, Galaxia, 2021), unha lectura apaixonante e certamente imprescindíbel. Mais, tendo todo iso moi presente na nosa mirada sobre a Galiza de hoxe, non podemos imaxinar ningún proxecto de país que non contemple o desafío de afrontar o presente e o futuro do rural.

Aínda que marchásemos todos e todas para o mundo urbano, a Galiza rural como espazo xeográfico, como territorio natural, como patrimonio arquitectónico, seguiría existindo, seguiría aí, e precisaría que nos ocupásemos da súa protección, do seu coidado, como o necesita calquera leira que xa non cultivamos, para que non se volva un silveiral ou chegue o lume ás casas. O desastre natural que cada ano supoñen os incendios forestais ten as súas orixes no abandono do campo. En moitos lugares do país xa non hai unha alma humana que corte unha silva. Polo tanto imponse a responsabilidade de adoptar tamén medidas urxentes para recuperar e poñer a producir as terras agrarias e ordenar os nosos montes en función dos intereses do país. Non pode haber un proxecto de futuro para Galiza que non contemple a situación actual da Galiza rural e a súa recuperación para a economía produtiva do país.

Talvez a urbanización do mundo é imparábel. E cada vez haberá máis millóns de persoas vivindo nas cidades, tamén nas cidades galegas e nos concellos máis urbanos. Mais a humanidade terá que seguir alimentándose con produtos da terra e do mar. Vímolo claramente durante a pandemia. Paralizouse todo, menos o sistema sanitario, os supermercados e o transporte de mercancías. E pouco despois a guerra de Ucraína puxo igualmente de manifesto o despropósito de traer cereais dun territorio que está a 4.000 quilómetros de nós tendo aquí millóns de ferrados de terra a bravo.

Gas e petróleo non podemos producir, pero pataca, trigo, millo, soia, centeo e cebada, desde logo que si. Igual que podemos incrementar a produción de cereixa, castaña e noz, de fabas, garavanzos e chícharos, de repolo, leituga, tomate, pemento e cebola, e toda variedade de mazás, peras, ameixas, pexegos, figos, laranxas, limóns, kiwis, framboesa, etc, etc.. De onde veñen hoxe a maioría das froitas ou das leguminosas que consumimos e con canta química chegan a nós?

AGRICULTURA E GANDERÍA ECOLÓXICA E DE PROXIMIDADE

Cada día é máis evidente a importancia que ten para a nosa saúde a agricultura e a gandería ecolóxica e de proximidade. E a Galiza urbana ten que ser a máis interesada en recuperar o extraordinario potencial que posúe o rural galego para a produción de alimentos de calidade para o noso consumo. Poucos territorios como o noso son tan ricos para a gandería e para o cultivo da agricultura sustentábel, da horta, da viticultura e da fruticultura. É hora de que deixemos de mirar o campo con desconsideración, con auténtico desprezo, como se fose un mundo sen futuro, condenado a desaparecer, e como unha auténtica ruína económica para as administracións tendo en conta a pouca xente que o habita. Esa mentalidade urbanita non conduce a nada positivo para o país. Todos os países europeos economicamente desenvolvidos teñen un medio rural vivo e produtivo.

Naturalmente, os modos de produción e de comercialización no século XXI xa non poden ser os do século XX. Precisamos un goberno galego que recupere e modernice a nosa agricultura, que reforme as estruturas agrarias, que sitúe entre as súas prioridades o Banco de Terras que creou o bipartito, que potencie os circuitos curtos de comercialización, impulse a agricultura e a gandería ecolóxica, os proxectos silvopastorais, a agroindustria, os polígonos agrarios, a utilización das ferramentas tecnolóxicas e o relevo xeracional e que volva a asentar poboación no medio rural e o dote de servizos e de vida.

UNHA NOVA ORDENACIÓN E PRODUCIÓN DO MONTE

E igual ten que acontecer co monte galego, sen dúbida inviábel tal e como chegou até aquí, excesivamente fragmentado e en mans de milleiros de pequenos propietarios. Lembremos que 1,73 millóns de galegos somos propietarios de terra agraria ou forestal. O noso monte está claro que necesita urxentemente unha ordenación para ter futuro, pero tamén diversificar a produción de madeira e outro tipo de explotación, ben sexa a través da agrupación dos propietarios en Unidades de Xestión Forestal ou a través dunha explotación público privada. Cómpre pensar, ademais, no monte como materia prima da industria galega da serra e do móbel.

Sería unha irresponsabilidade política de graves consecuencias para o país permitir que os nosos montes e unha parte importante das terras de uso agrícola e de grande fertilidade acaben nas mans de empresas especializadas no monocultivo do eucalipto e na industria do papel e da celulosa. Agora mesmo en Galiza, en proporción, xa hai máis eucaliptos plantados que en toda Australia. Eucaliptos incluso en terras onde até hai nada plantabamos patacas ou botabamos trigo ou millo. Eucaliptos até nas hortas das casas.

Aos que nos criamos no rural e aínda levamos na nosa memoria máis íntima a imaxe dos mil terreos da nosa aldea, como se dunha paisaxe dun cadro de Carlos Maside se tratase, e cada terra cos rostros dos seus donos, cada leira co seu nome, con toda aquela riquísima microtoponimia, aos que levamos en nós todo ese mundo, de verdade, dóenos na alma contemplar a metamorfose daquelas nosas terras que tanta fame mataron. Unha enorme tristeza. Deprime.

ESTRATEXIA DE PAÍS

Esta preocupación pola Galiza rural para nada é incompatíbel con esa outra mirada que nos ofrece Antón Baamonde no seu libro, onde defende con argumentos moi potentes que o futuro de Galiza “será urbano ou non será”, e terá que ser pensado en rede, desde Ferrol ao Porto, onde viven uns 7 millóns de persoas. O propio autor expresa nun dos capítulos desa súa obra que cre que non transcorrirá moito tempo en que a propiedade da terra pase a mans dun escaso número de empresas como Coren ou a un minguado número de propietarios de explotacións. E tamén aí cremos que leva razón.

O que nós botamos en falta é ese outro libro de impacto editorial e social que aborde a Galiza rural e o que hai que facer para devolverlle a vida, para poñela en valor, para salvala dos que fan negocio co abandono das nosas terras e dos nosos montes e para que volva a ter peso no conxunto da economía galega. No mundo editorial galego é moi necesario algún libro de carácter divulgativo que analice a situación actual do rural e que formule alternativas de futuro para o conxunto do noso campo. Cremos que unha persoa como Edelmiro López Iglesias, que é un dos maiores expertos no medio rural galego, faría un gran servizo ao país, outro máis, escribindo ese libro, un libro, naturalmente, ao que non lle pode faltar un prólogo de Alfredo Suárez Canal, que, xunto cun equipo técnico e humano extraordinario, protagonizou entre o 2005 e o 2009 o único período luminoso no campo galego en todo o que vai de etapa autonómica.

Non haberá ningunha reforma agraria do século XXI se primeiro non se produce esa revolución na mente dos galegos e das galegas, das persoas que aínda viven no rural e das que residen nas cidades. O campo non é un xardín que ten que coidar a pouca xente que queda nas aldeas para que os urbanitas vaian gozar da súa beleza a fin de semana. O campo tampouco pode ser unha inmensa reserva natural na que non se pode cortar nin un salgueiro. O campo ten que ser un territorio traballado e habitado, non como hai cincuenta anos, por suposto, senón de acordo cos tempos actuais, contemplando as necesidades da sociedade de hoxe e os servizos que igualan a poboación que reside no rural coa que vive no mundo urbano. Por iso resulta tan necesario ese traballo de carácter intelectual e divulgativo que poña en valor o noso rural. Aí queda o convite.

Galiza precisa desa dupla mirada, sobre a Galiza urbana e sobre a Galiza rural. Unha estratexia de país, en definitiva. E precísaa xa, antes de que metade do país se venda ou alugue para a produción de eucalipto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario