05/02/23

María do Carme García Negro, a ciencia ao servizo do país

Quedoume moi gravado desde que o lin hai ben anos nun artigo do profesor Ramón López-Suevos, recollido logo no libro Do capitalismo colonial (Edicións do Cerne, 1979): “Non sexamos idealistas: para cambear a Universidade compre cambear o país”. Esa é talvez a razón pola que sempre houbo ao longo de toda a nosa historia contemporánea, desde os tempos de Domingo Fontán, Alfredo Brañas ou Salvador Cabeza de León, ilustres profesores e profesoras que, lonxe de limitar o seu labor a exercer a docencia nas aulas, adoptaron un compromiso político activo co país e levaron a cabo un inxente traballo de socialización das súas ideas e do seu saber a través das páxinas dos periódicos e no seo da sociedade.

CONFERENCIANTE

A profesora María do Carme García Negro é unha desas persoas que desde moi nova puxo

XVIII Xornadas Técnicas de Divulgación do Sector Pesqueiro
( Porto de Celeiro  2013)

tamén os seus coñecementos científicos, as súas análises e a súa lucidez ao servizo do país fóra das paredes da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago, onde se doutorou en Ciencias Económicas e Empresariais e onde exerceu a docencia desde os anos setenta até a súa xubilación. Traballar activamente dentro e fóra da Universidade para cambiar o país foi unha preocupación e unha a tarefa constante da profesora María do Carme García Negro durante toda a súa longa traxectoria como docente. E dentro da súa intensa actividade extraacadémica foron moitos os días dedicados a preparar e a pronunciar conferencias por toda a xeografía galega.

Ás veces os actos desbordaban as previsións de asistencia, porque había moita fame de saber, mais outras veces o esforzo de atravesar o país en viaxes que duraban unha eternidade por aquelas estradas de antes non se vía compensado co número de persoas que finalmente asistían ao acto. Neste último caso resultaba decepcionante tanto para quen pronunciaba a conferencia como para quen a organizaba. E eu vivín un destes actos con María do Carme García Negro no Porto de Espasante, en Ortigueira. Debeu ser en 1982. Convidáramola uns mociños desde unha humilde asociación cultural que entón tiñamos en Ortigueira a pronunciar unha conferencia sobre “O mundo mariñeiro fronte á entrda no mercado Común”. O local escollido por nós fora o Cine “Xaneiro” de Espasante, xa desaparecido. Era un día frío de inverno, desapracíbel, deses que nada anima a saír da casa, e menos aínda a unha conferencia. E alí nos xuntamos non máis dunha ducia de persoas, entre as que non había máis de dous ou tres mariñeiros. A conferencia resultou unha auténtica lección maxistral, digna de ser pronunciada na Aula Magna da Facultade de Económicas. E lembro perfectamente que o dono do cine, que fora á conferencia porque tiña que abrir e pechar o local, foi o primeiro en lamentar a escasísima asistencia de público. “Que marabilla! Que ben fala esta muller! Hoxe tiña que estar aquí toda a xente de Espasante!”, exclamou. Seguramente aquelas palabras compensaron o fracaso de público e foron o mellor agasallo que podía recibir aquela noite María do Carme García Negro.

Outras persoas, por suposto, xa non se atopan con ese problema, porque prefiren dedicar todo o seu tempo a facer o seu currículum académico, no que nunca se poderá incluír, claro, unha conferencia no Porto de Espasante, seis horas de viaxe entre ida e volta no teu coche, unha tarde e unha mañá polas estradas do país e durmir fóra da casa. Pero María do Carme García Negro asumiu iso como un compromiso máis con Galiza. E así unha e outra vez, un ano e outro. Hoxe moi poucas persoas están dispostas a esa entrega constante ao país. Xa non hai no mundo universitario esa xenerosidade nin esa militancia política e intelectual.

ARTICULISTA

Agora María do Carme García Negro talvez non percorre tanto o país como conferenciante como o facía noutras épocas. Tamén é certo que hai algúns anos que xa se xubilou como profesora de Economía Aplicada na Universidade de Santiago, e tampouco está neste momento na primeira liña da acción política -onde, por certo, inexplicabelmente, nunca ocupou un cargo de representación político-institucional, a pesar de ser ela unha das dirixentes do nacionalismo galego cunha cabeza mellor amoblada e unha persoa extraordinariamente dotada para o debate político e para a dialéctica. Mais, felizmente, María do Carme García Negro non deixou de exercer a docencia a través de conferencias e das súas colaboracións en varios medios de comunicación, MUNDIARIO entre eles.

As forzas políticas e os diferentes gobernos que teñen responsabilidades na Galiza, se é que de verdade queren ser úteis a este país, farían ben en ler con atención os traballos académicos e xornalísticos da profesora María do Carme García Negro. Cada ensaio ou artigo da súa autoría, escrito sempre co rigor e coa claridade expositiva que a caracteriza, é unha lección de economía, de historia económica de Galiza, de preocupación polo futuro, de amor ao país. Análises lúcidas e rigorosas como as súas son moi necesarias para poder pensarmos desde nós mesmos, desde a nosa realidade concreta e desde as nosas necesidades, e para planificarmos con intelixencia o desenvolvemento económico que tanto precisa este país.

FONDOS NEXT GENERATION

E imos poñer un exemplo concreto do labor xornalístico da profesora García Negro e do útil que sería tomar nota do que nos di. Neste mesmo diario dixital publicou María do Carme García Negro nos últimos dous anos tres magníficos artigos sobre o papel económico que deberían ter os fondos europeos Next Generation EU. A lectura deses tres traballos creo que era e é indispensábel para calquera cargo político ou técnico que tiña ou ten que tomar decisións sobre estes fondos ou pronunciarse sobre eles. Lamentabelmente temos a certeza, e tamén a enorme decepción, de que a nosa clase política dirixente nos distintos gobernos, dos de aquí e do de aló, actuou e actúa en sentido contrario á liña que propoñía a profesora María do Carme García Negro neses traballos. E así nos vai. E así non irá nos próximos anos.

Os artigos aos que estamos a nos referir son os seguintes: “Proxectosde investimento galegos e fondos europeos” (25/10/20), “Galiza precisa investimentos industriais enraizados nas bases económicas do país” (20/12/20) e “O Goberno galego e os tractores” (07/05/21).

Leo de novo agora os tres artigos -e convido, así mesmo, aos lectores e ás lectoras a facelo tamén- e confeso que poucas veces entendín con tanta claridade e tanto proveito unha lección de economía. Nin a persoa máis ignorante en materia económica, como é o meu caso, ten o máis mínimo problema para comprender a idea fundamental que nos quere transmitir María do Carme García Negro neses tres artigos. E nin así, poñéndoo fácil de comprender e ao alcance de todo o público, os gobernos que nos gobernan foron quen de presentar un só proxecto que teña a ver coa idea de reforzar prioritariamente o capital propio instalado na Galiza e encadeado en procesos de produción máis ou menos integrados na economía galega, ou o que é o mesmo, en construír capacidade produtiva propia, en promover investimentos industriais enraizados nas bases económicas do país, “en crear crecemento e medrar na economía interior, e, logo, do crecemento que se derive, internacionalizarse, exportar mercadorías de todo tipo, capital incluído”. Tan difícil é entender isto? Ou é que son tan soberbios, tan irresponsábeis e tan babecos que nin sequera len a quen posúe autoridade académica e intelectual sobre a materia?

No primeiro destes tres artigos, publicado en outubro de 2020, a profesora García Negro incluso daba unha listaxe de proxectos que serían importantes para Galiza e para a súa economía e perfectamente incluíbeis nas medidas de recuperacións dos fondos Next Generation EU. Aí aparecían, entre outros proxectos, a rede de depuración integral de todas as augas que rematan vertendo nas rías, indispensábel para conservar a futuro a súa capacidade produtiva mariña; o Banco de terras para converter terras baldías para o cultivo e pasto para gando de pastoreo; a eliminación dos eucaliptais ilegais e a súa conversión en terra útil agrícola; a conversión do consumo de enerxía eléctrica nos centros públicos galegos en fotovoltaica centro a centro; o impulso de empresas público/privadas para a comercialización galega de carne e a creación orientada de transformados de carne, para a creación de servizos ás empresas agrarias desde a compra colectiva a calquera forma de aforro en custos ou para a transformación de madeira en bens de alto valor de mercado para vivenda, obra civil, ebanistería de iates de luxo, etc.; a construción da liña ferroviaria Lugo-Santiago, a dotación dun servizo ferroviario de cercanías A Coruña-Ferrol, etc., etc.

Calquera lectora ou lector pode comprobar cantos proxectos dos que finalmente se presentaron por parte da Xunta de Galicia e resto das administracións galegas ou aprobou o Goberno central para executar no noso país con cargo aos fondos Next Generation coinciden cos que formulaba a profesora García Negro nun dos artigos anteriormente mencionados. Máis unha vez, asistiremos a outro destrago económico, a outra oportunidade perdida. Porque no fondo o que falta aquí é un proxecto de país.

A Galiza actual non pode prescindir das súas mellores cabezas. Como nunca debeu de prescindir a Galiza de onte de Valentín Paz-Andrade ou de Domingo Quiroga. A autoridade académica de María do Carme García Negro no campo da pesca e da industria pesqueira é recoñecida dentro e fóra do país. Lembremos, ademais, que foi Directora do grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais e do curso de Postgrado “Especialización en Economía Pesqueira”. Un luxo, en definitiva, para calquera goberno galego que de verdade queira servir ao país.





Ningún comentario:

Publicar un comentario