25/06/23

Un libro de Tolentino Mendonça

No primeiro ano da pandemia, cando por fin nos puidemos abrazar de novo, un bo amigo de Ribadeo
puxo nas nosas mans un fermosísimo agasallo, un libro que xa de primeiras, sen ler unha soa páxina, nin un só parágrafo, nos iluminou o día, porque era un deses libros que un quixera non o pousar nunca e telo sempre entre os dedos, aberto ou pechado, pois se belo é por dentro, como moi axiña comprobamos, belo é tamén por fóra. O autor naquel momento era para nós un absoluto descoñecido, a pesar de ter exercido desde 2018 o cargo de arquivista e bibliotecario da Biblioteca Apostólica e do Arquivo Secreto do Vaticano, de ser Cardenal e de recibir prestixiosos premios pola súa obra poética e ensaística. Si, era a primeira vez que nós tiñamos noticia de José Tolentino Mendonça, non só por vivir alleos aos nomeamentos do Papa, á teoloxía e ao mundo do Vaticano, senón tamén, que é o máis grave, por non vivir atentos ás letras portuguesas de hoxe. Mais o certo é que aquel libro forma parte xa dos nosos libros máis amados.

O Que É Amar Um País. O Poder da Esperança, que así se titula este ensaio do cardenal Tolentino (Madeira, 1965), é a mirada lúcida dun home humanista do século XXI, escrita no medio da pandemia para pronunciar como discurso do Día de Portugal, de Camões e das Comunidades Portuguesas o 10 de xuño de 2020. Tres son os temas principais que aborda Tolentino nesta obra ensaística: o que é amar un país, como nos enfrontamos á pospandemia e como este é tamén un tempo para descubrir a beleza. Sobre esta última cuestión cita a Etty Hillesum, aquela moza holandesa asasinada en Auschwitz, que nun campo de concentración foi quen de escribir un dos diarios máis belos que se coñecen, non tendo outra beleza diante dos seus ollos máis que os lirios do campo.

Tolentino comeza as súas reflexións reivindicando a figura da súa avoa materna, unha muller analfabeta que puxo en contacto ao neto co romanceiro oral, cos tesouros da cultura popular. Isto recordounos a José Saramago, que no seu discurso de Estocolmo, cando recibiu o Premio Nobel, falou do seu avó analfabeto como o maior sabio que el coñecera. Páxina tras páxina, ficamos marabillados polo pensamento luminoso de Tolentino Mendonça, tan próximo ao pensamento humanista de José Luís Sampedro e tan necesario para reconciliarnos coa vida, co amor e co cosmos. Igual que, citando o libro do Levítico, nos convida a reconciliarnos coa vellez e a rexeitar a idea de considerar os vellos como un peso: “Ficarás de pé diante do que tem cabelos brancos; honrarás o rosto de quem é ancião”. Outra constante neste libro de Tolentino é a formulación de preguntas, xa que as considera sempre máis fecundas que as respostas. De feito un capítulo do libro titúlase “Dez perguntas para depois da COVID-19”.

Hai libros que nos transforman como seres humanos e que revolucionan a nosa visión do mundo e a nosa actitude fronte á sociedade. Este é un deses libros, escrito por un home sabio, cardenal e poeta, que bebe de Eliot, San Juan de la Cruz e Pasolini.



O Que É Amar Um País

José Tolentino Mendonça  

Quetzal Editores, 2020

123 páxinas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario