22/06/23

O cambio político galego: moito máis preto


Quen milita no nacionalismo galego ou o apoia co seu voto, unha e outra vez, endexamais considerará que non é prioritario colocar o noso país, a súa voz e os seus problemas no Congreso e na política estatal. E en pura lóxica con esa idea, a eses milleiros de persoas non lles é indiferente que o BNG obteña dúas ou tres actas ou obteña un grupo parlamentario propio no Congreso, porque quen así pensa sabe perfectamente que do número de escanos que o nacionalismo galego acade en Madrid nas próximas eleccións xerais vai depender a capacidade política do BNG para negociar e condicionar os investimentos do Estado en Galiza e o trato do Goberno español co noso país.

A FORZA DE GALIZA NO CONGRESO

Non hai que ser unha persoa moi instruída en ciencia política para saber que cun grupo galego forte no Congreso Galiza sairá sempre ganando, sempre. O que aínda ninguén foi capaz de explicarnos é qué gana o noso país con representantes dun partido de ámbito estatal nas Cortes do Estado, sexa o partido de esquerdas, de dereitas ou da nova esquerda española. Capacidade de negociar co goberno español en función das necesidades e dos intereses de Galiza, cero. Nin desde un grupo parlamentario que dá apoio ao goberno nin desde a oposición parlamentaria. E isto non é unha simple opinión nin unha crítica sen base histórica. É a constatación empírica do comportamento político dos representantes galegos dos partidos estatais nas Cortes do Estado desde 1977 até hoxe. Cando non estaba o nacionalismo galego no Congreso, Galiza estaba ausente. Se está o BNG, está Galiza, e canto máis peso parlamentario teña o BNG, máis peso terá Galiza para negociar as decisións políticas que se adoptan no Estado e que condicionan a nosa economía, o noso benestar social, as nosas infraestruturas e o noso autogoberno.

O COMPORTAMENTO DOS PARTIDOS EN MADRID

Permítanme que o pregunte aquí, en voz alta: alguén viu algunha vez os representantes do PSdeG-PSOE no Congreso actuando como grupo galego con personalidade propia e de forma diferente aos deputados e deputadas de Cuenca ou de Murcia? Algunha persoa é coñecedora de que os deputados e as deputadas do PP de Galicia, en coherencia co aprobado no Parlamento galego, votasen nalgunha ocasión de forma diferente ao PP de Madrid no Congreso cando se trataba de asuntos de Galiza que entraban en contradición coas directrices de Génova? Alguén viu a Yolanda Díaz votando diferente ao grupo parlamentario do que até agora formaba parte cando se tratou dalgunha cuestión importante para os intereses do noso país, como podía ser a condonación da débeda do Porto da Coruña?

Non é descubrir nada novo que a presenza do BNG en Madrid é un problema para os partidos que ignoran as necesidades de Galiza. Por iso lles estorba tanto a todos eles un grupo parlamentario forte do BNG no Congreso, porque os pon en evidencia diante da nosa xente. Porque pon en evidencia que o voto verdadeiramente útil para o conxunto da sociedade galega é o que serve para darlle visibilidade, voz e voto a Galiza, o que serve para negociar a rebaixa da peaxe na AP-9, para lograr 24 millóns de euros no Orzamento do Estado para dragar e rexenerar a ría do Burgo ou para esixir a creación de tres novos xulgados de xénero en Ourense, Lugo e Santiago. Esa é a utilidade do nacionalismo galego en Madrid, unha utilidade que na medida en que nas vindeiras eleccións xerais se multipliquen os escanos se multiplicará na nosa visibilidade política como nación e en logros positivos para o país.

A ESPERANZA DO PAÍS

O pasado sábado Goretti Sanmartín Rei, co apoio da maioría da Corporación do Concello de Santiago, acadaba a Alcaldía da capital de Galiza, nun acto certamente histórico, cargado de emoción e de simbolismo, converténdose así na primeira muller que ostenta a Alcaldía de Compostela. Que o BNG vaia ter desde agora as alcaldías de dúas cidades galegas tan importantes como Pontevedra e Santiago e poida ser cogoberno ou unha forza política determinante noutras dúas cidades, en Lugo e na Coruña, e goberno con alcaldía do BNG en diversos concellos, entre eles Carballo, Ribeira, Cangas, Moaña ou Barreiros, ademais de ter de novo a posibilidade de cogobernar as deputacións da Coruña e Lugo, é a demostración de que o sistema político galego non está nas mesmas coordenadas que o sistema político español, onde a dereita e a extrema dereita avanzan a pasos axigantados cun discurso e unha maneira de actuar que espanta e que nos retrocede ao franquismo. En Galiza, pola contra, Vox non existe e o PP só goberna unha das sete cidades, e o noso país ábrese paso á esperanza dun cambio político, esta vez liderado polo BNG e por unha muller que devolveu a ilusión non só ao nacionalismo galego, senón tamén ao país.

Despois do importante acontecemento político que acabamos de vivir no Concello de Santiago, o seguinte fito histórico vai ter lugar, estamos convencidos, a noite do 23 de xullo, cando unha das noticias da xornada electoral sexa que o BNG consegue por primeira vez un grupo galego forte no Congreso, que con toda probabilidade non será menor de 4 escanos e podería incluso chegar a 6. Quedémonos xa cos seus nomes e cos seus rostros: Néstor Rego, Rosana Pérez Fernández, Carme da Silva, Brais Ruanova, Noa Presas e Daniel Castro. Esa noite estaremos moito máis preto do cambio político polo que tanto levamos agardando. O próximo Día da Patria será unha celebración multitudinaria e moi gozosa para cantas persoas arelamos unha Galiza diferente.

Confiemos en que o PSdeG-PSOE, de aquí ás autonómicas, asuma a súa responsabilidade, faga o seus deberes e estea á altura das circunstancias, se é que non quere acabar sendo marxinal na política galega e se é que de verdade desexa ser tamén actor, aínda que sexa nun papel secundario, do cambio político e do futuro do país.



Ningún comentario:

Publicar un comentario