05/06/23

Unha oportunidade histórica para Galiza

A celeridade coa que pasamos da ditadura á predemocracia e a desunión do nacionalismo galego nos anos setenta, representado entón fundamentalmente polo BN-PG e polo PSG, fixo que aquelas primeiras e segundas eleccións xerais da Transición (15 de xuño de 1977 e 1 de marzo de 1979, respectivamente) acabaran por traducirse nunha ocasión perdida para a visibilidade de Galiza como nación nas Cortes españolas, nun período en que, certamente, estaba todo por facer na política galega. A inmensa maioría da sociedade galega aínda hoxe non se deu conta das consecuencias nefastas que aqueles fracasos electorais do 77 e do 79 tiveron para Galiza. Chama a atención que esta cuestión endexamais forme parte das tertulias políticas que hai nos diferentes medios de comunicación, tan empeñados sempre en ignorar e desprezar a importancia do nacionalismo galego para o progreso do noso país.

De lograr daquela unha ampla representación en Madrid o BN-PG, o PSG e a Candidatura Democrática Galega ao Senado, o sistema político galego que naceu coas eleccións de 1977 tería, sen dúbida algunha, un outro rumbo moi diferente. Pensemos só en todo o que perdeu Galiza naquel momento ao non poder acadar actas nas Cortes persoas como Xosé Manuel Beiras, Fernando González Laxe, Mario Orxales, Valentín Arias, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Elvira Souto, Francisco Rodríguez, Ramón López-Suevos, Bautista Álvarez, Camilo Nogueira, Francisco Carballo, Salvador García-Bodaño, Margarita Ledo, Fernández del Riego, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Pilar Allegue, Alfonso Álvarez Gándara, Ramón Piñeiro, Isaac Díaz Pardo, Sebastián Martínez-Risco ou Ramón Valcarce. Unha representación de luxo, nacionalista e galeguista, que o país perdeu nunha etapa crucial da súa historia política. As xeracións perdidas do 77. E como non queremos nin debemos mutilar a memoria histórica, aínda temos que engadir aquí os nomes das persoas coas que encabezaba as súas candidaturas un partido de raíz e estratexia estatal como o PCG: Rafael Pillado, Rafael Bárez, Xesús Alonso Montero, Anxo Guerreiro, Manuel Peña-Rei Bouzas e Santiago Álvarez . Esa era a Galiza que viña da loita contra o franquismo e que foi a grande derrotada naquel momento. Só un referente do vello Partido Galeguista, unha organización que xa non existía, acadou unha acta naquelas Cortes, e foi Valentín Paz-Andrade, como galeguista independente.

Nas vindeiras eleccións xerais do 23 de xullo, Galiza non pode quedar de novo sen unha importante representación parlamentaria que utilice os escanos no Congreso e no Senado para darlle visibilidade política ao noso país e para exercer a defensa dos intereses galegos, non só a través dunha voz propia, plenamente soberana, senón tamén procurando ter a forza necesaria para sermos imprescindíbeis na negociación política e dese xeito podermos favorecer o autogoberno, os investimentos que Galiza necesita, a economía produtiva do país e o benestar social. Esa bandeira ninguén a vai erguer no escenario estatal se non a ergue o nacionalismo galego. Demostrouse unha e outra vez. Ou está o BNG ou Galiza non existe.

Mais o obxectivo esta vez non pode ser obter dúas ou tres actas no Congreso. Cómpre que sexamos ambiciosos, que vaiamos ás eleccións xerais coa ilusión de quen sabe que é unha oportunidade histórica que non debemos deixar pasar, que Galiza non pode perder. Canto máis peso parlamentario teña o BNG en Madrid, mellor situados estaremos para defender e negociar o que Galiza precisa. E se o PP e o PSOE, e tamén Yolanda Díaz co seu último experimento electoral, se presentan para poñerse ao servizo dos intereses de España, tantas veces tan contraditorios cos intereses galegos, o BNG debe presentarse a estas eleccións para colocar un Grupo Galego nas Cortes do Estado ao servizo do noso país, de Galiza, xusto o que En Marea puido facer e logo non fixo.

Do que se trata é de que Galiza exista como realidade política no plano electoral, con todo o seu potencial, cunha expresión parlamentaria que sexa o máis representativa posíbel de todas cantas persoas aman e defenden este país. Esa é hoxe unha posibilidade política real do nacionalismo galego se abrazamos con ilusión e entusiasmo ese desafío político. Nós estamos convencidos de que se vai producir unha resposta social e electoral á altura do momento histórico que está a vivir o BNG. O reto para o nacionalismo galego é comparecer diante da nosa sociedade nestas eleccións xerais cunha oferta electoral que transforme o sentimento galego que si teñen a maioría dos galegos e das galegas en conciencia política de país, nun Grupo Galego en Madrid.

O BNG debe facer un grande esforzo para situar na opinión pública galega a importancia do traballo parlamentario do nacionalismo galego no Congreso, coas preocupacións da sociedade e cos problemas específicos de Galiza como pano de fondo, mais tamén cunha certa visión histórica, desde a época da II República á actualidade, destacando o que significou para o noso país a presenza do nacionalismo galego en Madrid con voces como as de Castelao, Antón Vilar Ponte, Ramón Suárez Picallo e Ramón Otero Pedrayo, todos eles artífices do Estatuto de Autonomía do 36 e de que Galiza fora considerada na Transición unha nacionalidade histórica. Cómpre salientar igualmente o que supuxo para Galiza estar ausente do Congreso durante case vinte anos, o inxente labor que fixo o BNG nas últimas décadas por darlle presenza e voz ao pobo galego nas Cortes españolas e o moito que se xoga de novo o noso país nas próximas eleccións xerais.

Desde a chegada do BNG á Carreira de San Xerome en 1996, unha data que marcou un antes e un despois na atención aos problemas de Galiza nos debates parlamentarios e nas negociacións para a aprobación dos Orzamentos do Estado, o nacionalismo galego pode presentarse ás eleccións co aval do traballo ben feito, co orgullo dun extraordinario labor levado a cabo no Congreso e no Senado e que ten nome propio: Francisco Rodríguez, Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich, Anxo Quintana, Xosé Manuel Pérez Bouza, Olaia Fernández Davila, Francisco Jorquera, Rosana Pérez Fernández e Néstor Rego.

En 2023 o obxectivo do BNG xa non é ter un deputado ou unha deputada para ser a voz de Galiza, nin sequera dous ou tres representantes en Madrid, é tamén, e sobre todo, lograr máis peso político para poder condicionar as decisións que se toman no Congreso e no Goberno español a respecto do noso país, e para iso é fundamental, como ben sabe a cidadanía galega, contar cunha representación parlamentaria ampla, cun resultado electoral que se poida concretar nun Grupo Galego forte. Será un paso adiante histórico, como o foi a consecución da Alcaldía do Concello de Santiago nas recentes eleccións municipais e como o será conseguir que Ana Pontón sexa a primeira muller que presida a Xunta de Galicia. Velaí a importancia destas eleccións para Galiza e para o nacionalismo galego: facer País, facer historia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario