05/07/23

Este é tamén o momento de Galiza


Equivocaríamonos se pensásemos que estas eleccións xerais non van tamén de colocar a Galiza nunha mellor posición no Estado español, de defender os intereses estratéxicos do noso país, o noso benestar social, a nosa economía, as infraestruturas que precisamos e o noso autogoberno. Erra de cheo igualmenet quen pense que con situar a Núñez Feixoo na Moncloa, Galiza xa ten asegurada a súa representación como país, a súa voz e o seu voto nas Cortes e na política española.

GALEGOS NA MONCLOA

Pola Moncloa e polos diferentes ministerios xa pasaron moitos galegos e moitas galegas en todos os gobernos da democracia, de dereitas e da esquerda española, pero Galiza, lamentabelmente, segue sen ter peso político en Madrid. Foi así con Mariano Rajoy á fronte de varios ministerios e como presidente do Goberno, foi así con Yolanda Díaz e con Nadia Calviño como vicepresidentas do Goberno español e sería así con Núñez Feixoo se ganase as próximas eleccións, que tería que ser, ademais, co apoio da extrema dereita, que xa sabemos o que lle gustaría facer co propio Estatuto de Autonomía. Todas esas persoas tiveron sempre Madrid e a política española como referencia fundamental e como meta a alcanzar nas súas biografías políticas. Galiza para todas esas persoas foi, é e será unha estación de paso. Viven exclusivamente para ser alguén importante en España.

Nada a ver, por exemplo, coa traxectoria dun Alexandre Bóveda, que con 24 anos, nada máis ganar co número cinco unha das dez prazas de xefes de contabilidade da Facenda, o entón ministro de Facenda, José Calvo Sotelo, faille chegar ofertas de traballo nos ministerios madrileños e Bóveda opta pola praza de Xefe de Contabilidade da Facenda en Pontevedra, para poder traballar en Galiza e por Galiza. Ou nada a ver con Xosé Manuel Beiras, que cando obtén a cátedra de Estrutura Económica co número dous e pode optar a unha praza na Universidade de Barcelona, decide regresar ao país e facer país na Universidade de Santiago. Ou nada a ver con Francisco Rodríguez, que no último curso da carreira, o profesor e poeta Dámaso Alonso proponlle quedar como profesor axudante na Facultade coa promesa dun acceso doado a unha cátedra da Universidade Complutense e, no entanto, pouco despois Francisco Rodríguez decide deixar Madrid e poñerse a dar aulas nun colexio privado de Xubia. Non falemos xa da traxectoria política de todas estas figuras, sempre dentro do sistema político galego, construíndo país.

O VERDADEIRO VOTO ÚTIL

Se nos anos trinta, durante a II República, era o Partido Galeguista o partido que mellor representaba os intereses do noso país nas Cortes, hoxe non hai outra vía para situar a Galiza con máis capacidade de decisión na política española que facéndoo a través dunha forza política propia como o BNG. Ese é tamén o voto máis útil para intentar frear desde Galiza un posíbel goberno español que nos leve de novo aos tempos da predemocracia ou mesmo ao espírito do franquismo e a un retroceso profundo en dereitos sociais e liberdades.

Tanto para frear á dereita e á extrema dereita como para darlle visibilidade, voz e voto a Galiza en Madrid, a única alternativa que permite eses dous grandes obxectivos políticos é unha representación parlamentaria forte do BNG no Congreso. Restarlle deputados e deputadas ao PP e tamén á esquerda de ámbito estatal para desa maneira multiplicar a presenza do nacionalismo galego nas Cortes, significa, na práctica, contribuír a que o Partido Popular e Vox non consigan acceder á Moncloa, así como asegurar unha representación histórica de Galiza no Congreso, cun peso político e cunha capacidade de decisión como nunca tivo o noso país en todo o que vai de democracia.

Impedir que Feixoo alcance a Moncloa e conseguir que o PSOE teña que negociar a investidura de Pedro Sánchez co BNG e sobre un decálogo de compromisos a prol do noso país e do noso benestar social, que recolla os problemas e as necesidades que lle preocupan aquí e agora ao conxunto da sociedade galega, tería, por outra parte, consecuencias políticas moi favorábeis cara ás vindeiras eleccións autonómicas, porque a consecución dun grupo galego forte no Congreso abriría definitivamente o camiño ao cambio político no noso país.

O MOMENTO DE GALIZA

Este é tamén, claro que si, o momento de Galiza, porque co voto ao BNG nestas eleccións temos nas nosas máns a posibilidade de contribuír a frear en España un goberno da dereita e da extrema dereita, podemos situar a Galiza no Congreso na mellor posición política como país para defender os intereses galegos e estaremos, así mesmo, abrindo de par en par as portas ao cambio político que Galiza tanto precisa.

Esta é a utilidade do voto ao nacionalismo galego nas vindeiras eleccións xerais. Non hai un voto máis útil desde unha perspectiva progresista e de país. Cómpre pensarmos en clave galega, como galegos e galegas, tamén nas eleccións xerais do 23 de xullo, para que o noso voto quede aquí, ao servizo do noso país, de Galiza. “Pra que os teus votos non emigren”, como dicía o lema do Partido Socialista Galego en 1977, ao que, por certo, o PSOE tratou de usurparlle as siglas para poñer o voto socialista galego ao servizo de intereses alleos ao noso país. E aí segue.






Ningún comentario:

Publicar un comentario