28/05/23

Lois Diéguez e a construción da novela galega longa

Os camiños da vida, o extraordinario fresco que nos deixou don Ramón Otero Pedrayo sobre o transcorrer da sociedade galega rural do século XIX, esa outra prosa galega salpicada de semen que é Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco-Amor, e A canción do vagamundo, de Lois Diéguez (Monforte de Lemos, 1944), son para nós tres obras moi representativas da novela galega longa do século XX, escritas por tres autores que demostraron un constante empeño en construír a grande novela galega.

Lois Diéguez, felizmente, segue aínda hoxe a contribuír a ese esforzo. Xusto estes días anda a presentar polo país adiante a súa última novela, As voces amadas, onde nos ofrece páxinas de erotismo e sexualidade nunca antes escritas en toda a historia da literatura galega. A súa dedicación á narrativa parte xa dos seus anos mozos. A torre de Babel, publicada por Galaxia en 1968, foi escrita cando o autor tiña apenas 22 ou 23 anos, e xa aí podemos observar o seu enorme potencial narrativo e a súa preocupación por comprender e novelar a sociedade do seu tempo e os territorios máis íntimos do ser humano, que será unha constante ao longo de toda a súa obra. En 1976 dá ao prelo unha nova novela: Galou Z-28, que o ano anterior recibira o Premio de Novela da Casa de Galicia de Bilbao e que Carlos Casares celebrou na súa sección de crítica literaria como un grande paso adiante, como unha “novela ben feita, escrita con enerxía e con nervio, construída con acerto”. Viñeros despois uns anos de dedicación plena ao traballo político, sen tempo para a creación literaria. O seu regreso á narrativa será pola porta grande, en 1986, coa novela A canción do vagamundo, coa que obtivo nada menos que o Premio Blanco-Amor, o máis importante que se concedía en Galiza nese momento, cun xurado, por certo, presidido nesa edición por Francisco Fernández del Riego. Posteriormente publicou O canto do Muecín (2007) e A poutada do Oso (2011). E entre novela e novela, outros libros de narrativa, poesía e ensaio, destacando sobre todo a triloxía Monólogos no espello (1992), Tres sombras góticas e unha rosa (1995) e Henriqueta na galería (1997).

Nós traemos hoxe a esta sección A canción do vagamundo porque esa novela representa a madurez creativa e a consagración definitiva de Lois Diéguez como novelista. Estamos, efectivamente, ante unha obra escrita con ambición, densa, innovadora, moi coral e ao mesmo tempo cun personaxe maxistralmente trazado: mamai Otilia. Ningún outro novelista galego actual, ou outra novelista, soubo reflectir coa mestría de Lois Diéguez o mundo interior de persoas como a mamai Otilia. Só por ese personaxe xa habería que ler esta novela, que narra a historia dunha saga familiar e todo o que sucede despois da morte do papai Delmiro, unha obra que denuncia tamén como a vinganza e a manipulación xornalística poden destruír a felicidade e a vida de moitas persoas: “A mamai Otilia, coas mazás no fondo do avantal que recolle coas dúas mans, métese no galiñeiro, churriñas, churras…, e bótalles a froita como se fose millo”.


A canción do vagamundo

Lois Diéguez

Sotelo Blanco, 1986

392 páxinas

Ningún comentario:

Publicar un comentario