16/05/23

Teresa Táboas, un luxo do que este país non pode prescindir

Acertou o nacionalismo galego -e vaia se acertou!- cando pensou na arquitecta Teresa Táboas para ser conselleira de Vivenda e Solo. E seguirá acertando o nacionalismo se considera que o país segue a precisar da lucidez e do prestixio de Teresa Táboas e da súa presenza na vida pública para construír un país diferente.

Por diversas causas sobre as que non imos reflexionar agora aquí, en xuño de 1977, naquelas primeiras eleccións formalmente democráticas, non fomos quen de ofrecerlle ao país unha alternativa unitaria de todo o nacionalismo. O Consello de Forzas Políticas Galegas, que tanta ilusión xerara en xaneiro de 1976, no momento da súa creación, rompeu precisamente cando máis falta lle facía ao país. E tamén hai que dicir, porque foi así, que o nacionalismo máis e mellor organizado tampouco considerou imprescindíbel para a defensa política do país o aval de determinados persoeiros que viñan do nacionalismo e do galeguismo da preguerra, como podía ser Francisco Fernández del Riego, Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío, Ramón Martínez López ou Bibiano Fernández Osorio. Todos eles podían xogar aínda un papel moi importante nesa circunstancia histórica, e de feito algúns deles incluso integraron unha Candidatura Galega ao Senado.

Esa falta de unidade supuxo un problema para unha parte do electorado galeguista e nacionalista que había no país, sobre todo para as persoas que non militaban en ningún partido. Na provincia de Ourense, por exemplo, ese corpo social que priorizaba a defensa de Galiza tiña nunha sigla política a Celso Emilio Ferreiro e noutra a Francisco Carballo, en Pontevedra nunha candidatura a Camilo Nogueira e noutra a Del Riego, ou en Lugo a Isaac Díaz Pardo nunha e a Manuel María noutra. Iso nas candidaturas ao Senado. Nas do Congreso, na provincia da Coruña, por exemplo, tiñamos a Xosé Manuel Beiras na papeleta do PSG e a Elvira Souto e Ramón López Suevos na do BN-PG. Mirado co paso do tempo, un verdadeiro despropósito.

O FRACASO POLÍTICO COMO PAÍS

Diante daquel resultado electoral e daquel fracaso político como país son moitas as preguntas que nos podemos facer: faltou experiencia e madurez política naquela xeración de dirixentes? Faltou tempo para construír unha verdadeira alternativa para presentarse a aquelas primeiras eleccións? Houbo demasiada soberbia nas diferentes organizacións políticas? ¿O divorcio ideolóxico e político era tan grande que non había ningunha posibilidade de presentarnos unidos como unha plataforma electoral de país, plural e diversa, mesmo integrando a personalidades independentes, nacionalistas e galeguistas? Para quen coma min viviu con grande esperanza aquel tempo da Transición, non deixamos de darlle voltas unha e outra vez a ese período histórico que vai de 1975 a 1977 e que tanto condicionou as catro últimas décadas da historia política de Galiza.

A PONTE QUE NON HOUBO

Agora que se escriben ducias e ducias de traballos xornalísticos sobre don Paco del Riego e que tantos libros da súa autoría e sobre el se publican, penso sinceramente que Del Riego foi unha das persoas que naqueles anos setenta o conxunto do nacionalismo galego talvez debería ter visto como unha ponte co nacionalismo da preguerra, dándolle un papel singular naquel momento político tan decisivo, buscando incluso na súa traxectoria, no seu prestixio e na súa autoridade ética unha unidade de país nas eleccións do 77. Mais lamentabelmente non foi así. E moito me temo que el mesmo se levaría unha enorme decepción vendo como as novas xeracións dunha parte do nacionalismo non o tiñan en conta, nin sequera para pronunciar unha conferencia. Nese momento ser de Galaxia era simplemente ser un piñerista máis, con todo o que iso significaba. Como se Del Riego non fixera nada polo nacionalismo galego e por Galiza ao longo de toda a súa vida, el, que tanto traballara xa na súa mocidade con Ánxel Casal, Alexandre Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo ou Ramón Suárez Picallo, e despois, na posguerra, nos anos corenta, na clandestinidade, na reconstrución do Partido Galeguista. Só tiñan interese en escoitalo as mozas e os mozos que ían á Fundación Penzol buscando a documentación e a información que precisaban para os seus traballos de investigación académica. Non é estraño que en 1978 Francisco Fernández del Riego renunciara expresamente á militancia no PSG e a calquera outro compromiso político. O nacionalismo galego, polo visto, xa non o precisaba.

PARA NON REPETIRMOS OS MESMOS ERROS

Del Riego foi o último supervivente do Partido Galeguista, e hoxe son outras as persoas para as que temos que mirar se non queremos repetir os mesmos erros do pasado. Precisamos que todas as mellores cabezas coas que conta o nacionalismo galego organizado ou non organizado estean ao servizo do país, todas, absolutamente todas, e para iso debemos contar con esas personalidades, darlles a posibilidade de seguer sendo útiles ao nacionalismo e ao país, mostrarlles toda a nosa consideración e o noso afecto, seguindo o espírito do Seminario de Estudos Galegos.

Lembro agora que en certa ocasión, aló polo 2005, nunha reunión do Consello Nacional do BNG, en pleno proceso do relevo xeracional no seo do nacionalismo galego, díxenlle a Xosé Manuel Beiras, expresándoo con toda a delicadeza humana que eu fun capaz, que el nin sequera precisaba un escano no Parlamento galego para percorrer o país e ser escoitado, admirado e querido por todo o mundo, dentro e fóra do BNG, porque el era unha figura intelectual irrepetíbel e un referente histórico e tiña aínda moito que dicirlle á sociedade galega. E dicíallo desde a admiración e o cariño que sempre lle profesei. Non me fixo caso, naturalmente. Mais o camiño que colleu algúns anos despois, e que moito nos entristeceu, teño a impresión de que non foi bo nin para el nin para o país.

Hoxe os nosos ollos teñen necesariamente que mirar para outras persoas, e creo que unha desas persoas que merece toda a nosa atención é Teresa Táboas (Cidade de México, 1961), a primeira muller que ocupou o cargo de Decana-Presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a segunda muller que formou parte como conselleira titular do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España desde a súa fundación en 1931, entre outros importantes cargos que desempeñou ao longo da súa ampla traxectoria profesional, algúns deles en organismos internacionais, como foi o de Presidenta da Comisión de Vivenda do Consello de Arquitectos de Europa. En 2006 recibiu tamén a Medalla de Ouro da Universidade de Anahuac e en 2018 foi nomeada Membro Honoraria da Federación de Colexios de Arquitectos da República Mexicana. En fin, un luxo do que este país non pode prescindir.

Si, temos que escoitar máis a Teresa Táboas. Desde que deixou o cargo de conselleira de Vivenda e Solo e o seu escano no Parlamento galego, e incluso a militancia no BNG, que non no nacionalismo, é natural que deixara de ser unha personalidade política de interese permanente para os medios, pero cada vez que ela fala para a sociedade, cada vez que concede unha entrevista a algún medio, cada vez que intervén nun acto público, Teresa Táboas demostra que ten unha cabeza moi ben amoblada -eu diría que privilexiada-, e, o que é máis importante, demostra sempre a súa altura política, a súa conciencia de país, a súa preocupación polo futuro de Galiza, as súas conviccións radicalmente nacionalistas, sempre expresadas con grande responsabilidade e exquisitez política.

E como no caso de Xosé Manuel Beiras, Teresa Táboas tampouco precisa un escano, porque o seu currículum académico, profesional e intelectual e a súa experiencia política no Goberno galego durante o bipartito son credenciais máis que suficientes para exercer en calquera tribuna de Galiza o seu maxisterio. Teresa Táboas é unha desas persoas independentes, de prestixio, brillante, que precisa o nacionalismo galego e o país, como noutrora precisabamos a don Paco del Riego. E se alguén pensa que esaxero, que escoite, por exemplo, a entrevista que recentemente lle fixo Nós Televisión, unha conversa que constitúe unha lección maxistral de amor ao país, de visión do territorio, de confianza nas nosas propias forzas, de compromiso activo coa construción da nación. Ninguén a debería deixar de ver, de verdade.

A REVOLUCIÓN DA CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

Cando unha nova xeración do nacionalismo galego está preparándose para coller o goberno do país nas súas propias mans, creo que é fundamental poñer en valor a acción do Goberno bipartito e aprender daquela experiencia histórica. E Teresa Táboas tamén aí ten moito que dicir, porque a Lei de Vivenda de Galicia que impulsou a súa Consellería foi modélica e autenticamente revolucionaria, igual que as Normas do Hábitat Galego ou igual que os 16 millóns de metros cadrados de solo empresarial que puxo en marcha no país. Agora que tanto se fala de vivenda, sería ben que coñecésemos en profundidade o que o BNG fixo desde a Consellería de Vivenda e Solo. Cuestións tan importantes como o fondo social de vivenda, a protección e a revitalización dos cascos históricos con axudas a fondo perdido, rehabilitando directamente a administración ou mediante expropiación; a calidade espacial das vivendas, con espazos máis amplos e máis luminosos, para unha maior calidade de vida, ou a certificación de eficiencia enerxética, que foi a primeira comunidade autónoma en aprobala, son temas de plena actualidade e que o equipo de Teresa Táboas impulsou xa naquela lexislatura 2005-2009.

O QUE ENGRANDECE O NACIONALISMO GALEGO

Charla de Teresa Táboas no ciclo de actos “Pensando o futuro"
organizado pola ACAB

Acertou o nacionalismo galego -e vaia se acertou!- cando pensou na arquitecta Teresa Táboas para ser conselleira de Vivenda e Solo. E seguirá acertando o nacionalismo se considera que o país segue a precisar da lucidez e do prestixio de Teresa Táboas e da súa presenza na vida pública para construír un país diferente. Iniciativas como a da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda de abrir este mesmo luns día 15 de maio un ciclo de actos con Teresa Táboas baixo o título “Pensando o futuro” é, desde logo, un exemplo a seguir. Oxalá nos anos setenta, nos tempos da Transición, fixésemos igual con don Paco del Riego, con Luís Seoane, con Lois Tobío, con Paz-Andrade, con Ramón Martínez López…, como si fixemos despois, talvez xa demasiado tarde, con don Ricardo Carvalho Calero, con Jenaro Marinhas del Valle ou con Avelino Pousa Antelo, tratándoos como mestres, aprendendo do seu saber e da súa experiencia, mostrándolles todo o noso afecto. Como tamén fixemos con Amalia Álvarez, con Teresa Vilar Chao ou con Elvira Varela Bao. Ese é o concepto de país e de irmandade que engrandece ao nacionalismo galego.



Ningún comentario:

Publicar un comentario