02/05/23

Goretti en Compostela

Con toda probabilidade, Goretti Sanmartín abrirá un tempo novo en Compostela, preludio tamén do cambio político, feminino e feminista, que Galiza tanto precisa.

Unha cidade que non só é a capital de Galiza, senón tamén forxadora de Europa e protagonista da Era Compostelá entre os séculos XI e XIII, debe ser esixente e ter á súa fronte, no Pazo de Raxoi, unha persoa que ame e prestixie a lingua na que este país coñeceu o seu maior esplendor histórico, que contemple a Compostela como unha cidade antiga e moderna dunha nación galega en marcha, disposta a ocupar outro lugar na historia, unha persoa cuxa presenza no Concello despois do 28 de maio signifique, ademais, o preludio do cambio político, feminino e feminista, que Galiza tanto precisa. E ese perfil reúneo hoxe á perfección Goretti Sanmartín Rei: unha muller cunha traxectoria académica e intelectual de luxo, cunha entrega sen límites, cunha capacidade de traballo e de liderado en equipo pouco frecuente, e o que para nós aínda é máis importante, unha persoa que procura sempre tecer pontes e afectos, que sabe construír país.

Ás persoas que tanto admiramos a figura de Ánxel Casal nada nos fará máis ilusión que ver na Alcaldía de Santiago a Goretti Sanmartín, porque ela representa como ninguén a acción política do Partido Galeguista que tronzou o fascismo en 1936. O papel que naquel momento histórico xogou o concello de Compostela, liderando a Asemblea de concellos galegos na loita polo Estatuto de Autonomía, hoxe ese papel da Corporación Municipal de Santiago a prol dun maior autogoberno galego só o pode desempeñar se o preside unha persoa como Goretti Sanmartín, que acredita no noso porvir como nación, que contempla a cidade de Santiago dentro dun proxecto de país, que sabe que o noso futuro como pobo escríbese coa consecución dun novo status político para Galiza, nun proceso no que deben participar activamente os concellos, comezando por Santiago. Ningún outro candidato e ningunha outra candidata se presenta a estas eleccións con esas credenciais e esa ambición política de país.

Nós tivemos a honra de colaborar con Goretti Sanmartín ao longo de catro anos, cando exerceu o cargo de vicepresidenta, portavoz do goberno e deputada de Cultura da Deputación da Coruña, e coñecemos ben a súa entrega e o seu ritmo de traballo, que resulta difícil de seguir, a súa intelixencia para comprender de inmediato os asuntos máis complexos da política local e a súa perseverancia en atopar solución aos diferentes problemas que se presentan no día a día nunha acción de goberno. A súa etapa na Deputación deixou unha enorme pegada, tanto no plano persoal como no político, un ronsel fermosísimo de iniciativas que quedaron xa para sempre.

A Goretti Sanmartín débese a creación de premios como o Begoña Caamaño, o Luisa Villalta, o Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega ou o Fran Pérez “Narf”, mais tamén a iniciativa institucional de iniciar e de liderar a loita pola recuperación do Pazo de Meirás, de impulsar a primeira homenaxe da institución provincial á Xeración Perdida, aos membros das corporacións locais da II República que sufriron a barbarie e a represión do 36; de poñer en marcha a Residencia Universitaria “Elvira Bao”, de asegurar que o legado artístico de Carlos Maside ficase definitivamente en Compostela, de crear o Festival Rosalía de Castro en Santiago, de trasladar dun corredor da Deputación ao Museo de Belas Artes da Coruña un dos mellores cadros de Isaac Díaz Pardo, de depositar na Casa-Museo Rosalía de Castro o legado da familia Rosalía-Murguía que estaba no Pazo de Mariñán, de multiplicar o orzamento da Rede Cultural da Deputación ou de manter mil conversas con uns e con outros para lograr que o Premio Otero Pedrayo fose concedido por primeira vez ás mulleres, conseguindo que o acadasen Margarita Ledo Andión, Antía Cal e María Xosé Queizán. Eses catro anos lembrámolos xa na Deputación da Coruña como a “época Goretti”.

Para a sociedade compostelá, para a veciñanza de Santiago, o BNG non é tampouco ningún experimento político. Na memoria de todas e de todos está o importante traballo levado a cabo durante varios mandatos polo nacionalismo galego, desde o goberno ou desde a oposición, sempre con honradez e solvencia política. O compromiso do BNG con Santiago desde a chegada de Encarna Otero ao Concello está asociado xa aos momentos máis luminosos da política municipal das últimas décadas. Mesmo anteriormente ao BNG, na primeira corporación democrática, en circunstancias moi convulsas, o nacionalismo galego tamén estivo moi ben representado en Santiago por outra muller: Manuela Fraguela Seoane. E antes que elas todas, María Miramontes, facendo país, participando activamente na Editorial Nós, na vida do Partido Galeguista e na campaña de apoio ao Estatuto do 36. Ese é o aval, o do nacionalismo de hoxe e o de Goretti Sanmartín.

Todos os tempos políticos teñen os seus ciclos, máis curtos ou máis longos, e o tempo político de Xosé Sánchez Bugallo hai anos que entrou no seu ocaso. É un proxecto municipal que deu todo o que tiña que dar de si, que xa non ilusiona nin dentro nin fóra do PSOE. Realmente estes últimos catro anos foron o epílogo dunha etapa política en declive. Cada día somos máis as persoas que estamos convencidas de que Goretti Sanmartín abrirá un tempo novo en Compostela, preludio tamén dunha nova Galiza que está a florecer nesta primavera en todos os concellos do país, cun cambio xeracional que nos fai inmensamente felices a cantas persoas entramos en contacto coa política municipal xa en 1979, nas primeiras eleccións formalmente democráticas. Afortunadamente o país segue paso adiante, cada vez con máis mulleres collendo nas súas propias mans a construción do futuro de moitos concellos: Beatriz Bascoi en Moeche, Cristina Cid en Allariz, Ana Ermida en Barreiros, Leticia Santos en Moaña, Sandra González en Tomiño, Ánxela Fernández n´O Rosal, Cristina Fernández en Ponteareas, Goretti Sanmartín en Compostela…

O povo é quem mais ordena”, e as campañas electorais, igual que as redes sociais, cada vez son máis determinantes, sobre todo no mundo urbano, e nós temos a convicción de que o 28 de maio a cidadanía de Compostela ordenará que as portas do Pazo de Raxoi se abran para recibir a quen será a primeira muller na historia en ocupar a Alcaldía de Santiago. Mágoa que Xohana Torres xa non o poida contemplar. Estámola vendo agora unha tarde de comezos de verán en Vigo, poucos meses antes do seu falecemento, léndonos algúns poemas daquela aínda inéditos, falando con auténtica paixón de Rosalía de Castro e moi leda de coñecer por fin persoalmente a Goretti, porque sabía ben que as mulleres de hoxe chegarían a onde as mulleres do seu tempo non puideron chegar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario