22/04/23

Méndez Ferrín, o grande mestre do relato curto


Non podería eu precisar o momento concreto no que descubro a figura de Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), mais debeu ser aos meus dezaseis anos lendo Unha ducia de galegos. Tamén por ese tempo leo Con pólvora e magnolias, recén saído do prelo, naquela orixinal e fermosísima edición en papel de estraza, cos versos de Pexegueiro nas lapelas. Poucas semanas despois, a revista Teima publica a entrevista que lle fixera Manuel Rivas algúns días antes das eleccións do 15 xuño de 1977, unha conversa que me deixa absolutamente fascinado pola personalidade intelectualmente tan atractiva de Méndez Ferrín. Das lecturas desas dúas entrevistas e daquel extraordinario libro de poemas parte toda a miña admiración por Ferrín, non deixando de mercar ningún dos seus libros a partir de aí, primeiro os que xa estaban publicados e que eu daquela non tiña, e posteriormente os que foron saíndo desde entón até agora.

Pola miña amizade con Manuel María desde 1980, e con Ferrín tantas veces presente na conversa, vivín igualmente moi de preto a ruptura entre os dous poetas, todo o que lamentabelmente sucedeu en Poio naquel I Congreso de Escritores e tamén o moi feliz que foi Manuel María cando de novo, anos despois, recuperaron a amizade doutrora, unha relación de camaradaría que -estou seguro- ningún dos dous quixo quebrar, como o demostra a admiración e mesmo a emoción coa que Manuel María sempre falaba de Ferrín e como o evidencia, así mesmo, o feito de que Ferrín nunca eliminou de Con pólvora e magnolias o poema que lle dedica ao de Outeiro de Rei. O reencontro público entre os dous vellos amigos foi talvez o día que Manuel María ingresou na Real Academia Galega, cun discurso ao que respostou Méndez Ferrín con palabras que moito alegraron o corazón do autor chairego.

Mái esta sección era para falar dun libro, e é a primeira vez que non sei de que libro falar, porque desde Percival e outras historias até Arraianos -No ventre do silencio confeso que me decepcionou-, ou desde Voce na néboa a Contra Maquieiro, resúltame difícil seleccionar un título. Podería escoller Antón e os iñocentes ou Bretaña, Esmeraldina, calquera desas dúas magníficas novelas, e incluso podería escoller Co son honrado das antigas falas, un conxunto de artigos dedicados a don Ramón Otero Pedrayo e que Manuel María me trouxo un día como agasallo á tertulia do Kirss. Pero xa que hai que seleccionar unha obra, optarei por Crónica de nós, porque por riba do poeta, do novelista e do articulista, sempre admirábel, está o grande mestre do relato curto que é Méndez Ferrín, a xenialidade e o brillo dun escritor que xa deslumbrou a Otero e a Cunqueiro co seu primeiro libro en prosa, cando só tiña dezaoito anos, o narrador que colocou o relato en lingua galega á altura dun Julio Cortázar. Cada texto de Ferrín é un edificio literario perfecto, redondo e fermoso como unha hortensia. “Sibila”, por exemplo: “Agora que, curvado por un fardel de anos neboentos, atopei de novo a sortella fronte á casa do triángulo (Rúa dos Loureiros, 5) e vou ser certamente visitado por Sibila…”. Inconfundíbel.


Crónica de nós

Xosé Luis Méndez Ferrín

Edicións Xerais de Galicia, 1980

133 páxinas

Ningún comentario:

Publicar un comentario