17/04/23

O exemplo do PNV

O PNV negocia sempre de goberno a goberno, de goberno de Euskadi a goberno de España, e os nacionalistas vascos non se senten responsábeis do goberno que maioritariamente escollen os españois, por iso poden incluso negociar cun partido ou con outro.

Este artigo debería titulalo “Co permiso de Xosé Estévez”, porque o noso benquerido e admirado Pepe Estévez, o Pepiño, como sempre se referían a el Manuel María e Saleta, é un dos mellores coñecedores da historia do nacionalismo vasco e a máxima autoridade académica e intelectual no estudo da relación entre o nacionalismo vasco, galego e catalán. Lembremos que este quirogués que exerceu de profesor de Historia na Universidade de Deusto desde 1973 ao 2011, ano en que se xubilou, tivo o enorme privilexio de tratar moi de preto desde os anos da Transición a case todos os principais persoeiros do nacionalismo vasco, algúns xa da época da República, como Manuel de Irujo, o amigo máis íntimo de Castelao, e mesmo chegou a cultivar unha estreita relación con moitos deles, como é o caso de Iñaki Anasagasti, un dos seus grandes amigos.

Por outra parte, desde que fixou a súa residencia en Euskadi, tras casar coa profesora vasca Maribel Goñi, de familia peneuvista, Xosé Estévez dedicou boa parte da súa obra de investigación e ensaio ao Galeusca, tema este sobre o que tamén fixo a súa tese de doutoramento. E aí segue. Abonda lembrar os seus tres últimos libros publicados: O Galeusca e Plácido Castro, Da Galiza ao Galeusca e A presenza de Castelao en Euskadi. Na Universidade de Deusto, da que hoxe é profesor emérito, creou, así mesmo, a Cátedra de Estudos Galegos. Algunha vez temos escrito, e con razón, que é o embaixador de Galiza en Euskadi.

O PESO POLÍTICO DE GALIZA

Así que, co permiso de Xosé Estévez, imos facer unha referencia ao PNV, a propósito de certos discursos que se escoitan por aquí sobre o actual peso político de Galiza no Goberno español. Contra o que moitas persoas pensan e proclaman, é rotundamente falso que o peso político de Galiza no Estado se poida medir polo número de vicepresidentas, ministras e ministros de orixe galego. Para o que é a marcha da historia política de Galiza como nación desde o século XIX e a defensa firme dos seus intereses cando resultan contraditorios cos intereses do Estado -que acontece a miúdo-, este país non lle debe nada a ningún político galego que fixo carreira política en Madrid. Nin sequera desde que temos Estatuto de Autonomía foron quen de defender nunca o status de nacionalidade histórica ao mesmo nivel que Cataluña e Euskadi. E poñan aí os nomes que queiran de persoas de esquerdas e de dereitas dos partidos estatais que operan en Galiza.

É unha evidencia histórica que Galiza en todo o que vai desde 1977 até hoxe careceu de peso político no Estado. E non se pode dicir que non houbese galegos e galegas na política española nos últimos corenta anos. A lista é enorme e con cargos de máxima responsabilidade institucional. Quen triunfa ou é importante en Madrid como político ou política nunca o é por colocar o noso país no centro das súas preocupacións e na axenda política do Estado.

ENTRE GALIZA E ESPAÑA, SEMPRE ESPAÑA

Quen está ao servizo da política de España dificilmente pode defender prioritariamente os intereses de Galiza. Nin sequera iso acontece cando se trata de grandes personalidades, como pode ser o caso de Augusto González Besada, o mellor biógrafo no seu tempo de Rosalía de Castro e un persoeiro que ocupou cargos moi importantes na política española, entre eles o de Presidente do Congreso e ministro de Facenda, Gobernación e Fomento. Nin a súa sensibilidade coa cultura do seu país nativo nin a súa profunda admiración e o seu amor por Rosalía impediron que o seu compromiso cos intereses políticos de España se puidese quebrar nalgún momento da súa biografía política.

Outro bo exemplo do que estamos a afirmar témolo en Domingo García-Sabell, convencido demócrata e republicano desde os seus anos universitarios e de militancia activa na FUE e personalidade ilustre do galeguismo cultural grazas sobre todo á influencia de Ramón Piñeiro. Entre 1979 e 1997 foi Presidente da Real Academia Galega e entre 1981 e 1996 Delegado do Goberno en Galicia, e cando o Goberno central tomou a decisión de recorrer a Lei de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade no Parlamento galego, García-Sabell, a pesar de presidir a Real Academia Galega e de ser un prestixioso intelectual galego, avalou o recurso de inconstitucionalidade e posicionouse, por tanto, contra a lei galega que fora aprobada para protexer os dereitos lingüísticos do pobo galego.

Nin o peche no seu despacho da RAG na rúa Tabernas dun grupo de intelectuais encabezados por Manuel María, Uxío Novoneyra e Avilés de Taramancos para pedir a súa dimisión foi quen de modificar o proceder e a posición política de Domingo García-Sabell. Antes que a decisión unánime de Galiza a través do seu Parlamento estaba a decisión do Goberno español. E estamos a falar do comportamento político dunha importante figura intelectual, cunha ampla traxectoria dentro do galeguismo cultural.

O EXEMPLO DO PNV

A experiencia histórica demostra unha e outra vez que quen vai a Madrid para ser alguén importante na política española ou quen depende das directrices dos centros do poder político da capital do Estado nunca se sitúa na primeira liña de defensa deste país. O peso político de Galiza na política estatal non depende, xa que logo, dunha menor ou maior presenza de políticos e políticas de orixe galego na Moncloa. O peso de Galiza, como o de Euskadi ou o de Cataluña, ademais do papel que estea disposto a xogar o propio goberno autónomo, depende da representación parlamentaria do nacionalismo galego no Congreso, e tamén, claro está, do número de escanos e das posibilidades de negociación. O caso do PNV non pode ser máis clarificador. O partido que está presente desde 1918 nas Cortes españolas, nos períodos da Restauración, da República e da Transición, e desde entón até a actualidade, nunca tivo como obxectivo unha vicepresidencia ou un ministerio no goberno español.

Se exceptuamos unha circunstancia tan extraordinaria e tan dramática como a da guerra civil, na que durante dous anos Manuel de Irujo foi ministro, primeiro de Largo Caballero e despois de Negrín, endexamais vimos a Arzalluz, a Anasagasti, a Urkullo, a Aitor Esteban, a Ortuzar ou a calquera outro dirixente do PNV reclamar ministerios ou vicepresidencias no Goberno de España. Ao nacionalismo vasco chegoulle sempre con ter un grupo parlamentario propio para negociar en Madrid a transferencia de competencias e os investimentos que Euskadi precisa, fose cun goberno da UCD, do PSOE ou do PP, porque o PNV negocia sempre de goberno a goberno, de goberno de Euskadi a goberno de España, e os nacionalistas vascos non se senten responsábeis do goberno que maioritariamente escollen os españois, por iso poden negociar cun partido ou con outro. O PNV é un espello no que nos debemos mirar.

O GRUPO PARLAMENTARIO GALEGO

A entrada do BNG no Congreso en 1996 foi fundamental para a nosa visibilidade como país e para e

Jorquera negociou en 2008 co equipo de Zapatero o investimento territorializado
 máis alto do Estado en Galiza, máis de 2.145 millóns de euros.  (Foto: EFE)

defensa dos intereses galegos. A partir de 2004, as negociacións do nacionalismo galego levadas a cabo co PSOE, primeiro co equipo de Rodríguez Zapatero e logo co de Pedro Sánchez, supuxeron un cambio radical nas partidas orzamentarias do Estado e nos compromisos do Goberno central a respecto de Galiza. De todas esas negociacións durante varios exercicios só daremos un dato: Francisco Jorquera negociou en 2008 co equipo de Rodríguez Zapatero o investimento territorializado máis alto do Estado en Galiza, máis de 2.145 millóns de euros (en 2023 é de 1.077,88M€).

Estamos convencidos de que o día que o BNG consiga un grupo parlamentario propio no Congreso -e esperamos que poida ser nas vindeiras eleccións xerais-, Galiza terá dado un salto espectacular na súa historia política. Xunto cunha Xunta de Galicia que estea liderada por unha muller como Ana Pontón, un grupo parlamentario galego no Congreso, permanentemente ao servizo do noso país, sería o que de verdade lle daría peso político a Galiza en Madrid. E non se trata só da negociación dun pacto para a sesión de investidura dun candidato da esquerda española. Chegado o caso, un grupo propio podería negociar incluso o orzamento do Estado cun goberno español de dereitas, que non é o mesmo que colocar á dereita no goberno. Calquera negociación política, con quen sexa, co goberno español ou coa Unión Europa, que poña no centro as necesidades, os problemas e as prioridades de Galiza, será sempre positiva para o noso país. E isto só o pode facer unha forza como o BNG, unha organización que ten o seu centro de decisión en Galiza e non en Ferraz, en Génova ou en Princesa.

As deputadas e os deputados dos partidos estatais elexidos nas circunscricións galegas nunca poderán actuar coa liberdade que ten o nacionalismo galego, porque cando lles toca estar na oposición no Congreso, a representación galega en Madrid deses partidos políticos resulta totalmente inútil desde unha perspectiva de país, porque só están para actuar cun único voto en todo o Estado. Non poden negociar nada en nome de Galiza. Endexamais os representantes galegos do PSOE, ou máis recentemente de Unidas Podemos (con En Marea dentro), negociaron algo para Galiza desde a oposición parlamentaria durante os gobernos de Mariano Rajoy. E o mesmo fai a representación galega do PP cando en Madrid goberna o PSOE. E cando estes partidos están no goberno, a función das deputadas e dos deputados elexidos en Galiza é exclusivamente apoiar ao executivo, aprobe o que aprobe, a favor ou en contra dos nosos intereses.

Algún día falaremos do que deixou de defender Yolanda Díaz como deputada de En Marea a respecto das demandas galegas na negociación dos Orzamentos Xerais do Estado cando Unidas Podemos accede ao goberno. Algunha desas demandas, por certo, ben importante para a cidade da Coruña, como a condonación da débeda do porto exterior, que era unha reivindicación unánime do Concello, da Deputación e do Parlamento galego. Só a deputada nacionalista Alexandra Fernández votou en contra daqueles orzamentos e se mantivo firme co que acordara a súa organización en Galiza. Aquel día En Marea acabou por transformarse definitivamente En Podemos. De novo asistiamos a outra fraude e a outra frustración política máis para o noso país.

Multiplicar a representación do BNG no Congreso significa, xa que logo, multiplicar o peso político do país, goberne quen goberne en España. Sempre será unha representación útil, sen ataduras, e con capacidade plena para negociar. O PNV demostrouno unha e outra vez.


Ningún comentario:

Publicar un comentario