07/04/23

A Galiza de don Paco del Riego (e III)

Tres obras de Francisco Fernández del Riego.

Xa durante os tempos da República, na súa mocidade universitaria, Francisco Fernández del Riego era un asiduo colaborador de varias publicacións periódicas: El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, Ser, Alento, Nós, Galiza,Universitarios… Cando en 1946 Goñi Aizpurúa comeza a dirixir o xornal compostelano La Noche, un dos primeiros galeguistas que vai colaborar vai ser Del Riego, iso si, co pseudónimo de Salvador Lorenzana. Primeiro faino con colaboracións esporádicas, logo cunha sección propia e máis tarde, en 1949, o director pídelle a el e a Xaime Illa Couto que dirixan o suplemento sabatino do periódico, onde van aparecer traballos de Cuevillas, Cunqueiro e Carvalho Calero, no caso deste último tamén baixo pseudónimo. Mais a censura encargouse moi pronto de fechar aquela fiestra aberta a Galiza e á liberdade despois da publicación dun artigo de Valentín Paz-Andrade sobre Castelao, escrito tras coñecer a súa morte no exilio. Foron só quince semanas de vida para o suplemento, pero pasou á historia cultural do país como a publicación máis luminosa daquel tempo, como o espazo máis progresista e galeguista que había nese momento na prensa galega. Incluso o propio xornal La Noche, do que tamén foi director Raimundo García Domínguez (Borobó), marcou dalgún xeito unha época e unha xeración.

A BBC E O PRIMEIRO LIBRO

Ademais das páxinas de La Noche, a lingua e a cultura galegas atoparon, afortunadamente, outras portas abertas, tanto en América, onde Luís Seoane dirixía a emisión de Galicia Emigrante, como na BBC de Londres, e Del Riego foi un dos máis activos colaboradores deses medios e foi, así mesmo, unha das persoas que máis se preocupou de que outros persoeiros enviaran traballos, ás veces incluso responsabilizándose el de mecanografalos, así como da coordinación das emisións en lingua galega da BBC. Durante nove anos, entre 1947 e 1956, cada tres semanas, a lingua galega prohibida no noso país puido escoitarse polas ondas londinenses. E en 1949 Fernández del Riego publica o seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito, que aparece en Bos Aires.

A EDITORIAL GALAXIA

Fracasada a liña da acción política clandestina, Xaime Illa e Del Riego comezan a pensar en crear unha editorial que lles permita traballar pola cultura galega e polo país desde unha certa legalidade. Froito diso é a fundación da Editorial Galaxia o 25 de xullo de 1950 nos baixos do Hotel Compostela, baixo a presidencia de don Ramón Otero Pedrayo, que precisamente aquel ano acababa de gañar a cátedra de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. E de novo vemos nese proxecto editorial a moitas das persoas do PG: o propio Otero Pedrayo, Gómez Román, Paco del Riego, Ramón Piñeiro, Illa Couto…

 Capa do primeiro núm. da revista Grial.
Galaxia vai marcar un antes e un despois para a literatura galega. Non é a única aventura editorial que aparece neses anos (lembremos a colección de poesía Benito Soto, a Editorial Bibliófilos Gallegos ou a Editorial Monterrey), pero si a principal empresa da edición do libro galego, á que Paco del Riego vai dedicar desde ese momento corenta anos da súa vida. E á sombra de Galaxia aparecen outros proxectos, tamén por iniciativa de Del Riego e de Xaime Illa: os cadernos da Colección Grial, máis tarde Grial como Revista Galega de Cultura; a Revista de Economía de Galicia, da que foi director Xaime Illa e subdirector Xosé Manuel Beiras; a Colección Salnés, que crea Del Riego xunto con Celso Emilio Ferreiro e Emilio Álvarez Bázquez, e onde aparece Longa noite de pedra, de Celso Emilio, Mar maior, de Manuel María, ou Ao pé de cada hora, de Salvador García-Bodaño; ou a colección Illa Nova, pensada para promocionar as xeracións máis novas nos xéneros de narrativa, ensaio e teatro, e na que se publican obras de Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Neira Vilas, María Xosé Queizán, Carlos Casares, Lois Diéguez ou Francisco Rodríguez.

 Por suposto, a liña editorial de Galaxia non sempre foi intelixente e aberta a todas as sensibilidades ideolóxicas. Abonda con citar os casos de Rodríguez Mourullo (tanto Nasce un árbore como Memorias de Tains aparecen na Editorial Monterrey), Manuel María (todos os seus libros, agás Mar Maior, foron rexeitados por Galaxia) ou Teresa Barro, que tampouco consegue que Galaxia lle publique as súas Cartas a Rosalía, a pesar da súa estreita amizade e da de Fernando Pérez-Barreiro Nolla con Piñeiro, seguramente pola visión feminista da autora sobre a obra de Rosalía. Lamentabelmente o sectarismo de Ramón Piñeiro, que exercía como director literario, chegou a eses extremos. O propio Del Riego, cando xa non estaba na dirección de Galaxia, na etapa de Carlos Casares, viu con enorme amargura como a editorial á que el consagrara unha boa parte da súa vida lle rexeitaba a publicación da súa novela O cego de Pumardedón, que finalmente sairá en Ir Indo en 1992, e a partir de aí xa recorre a Edicións do Castro e á man amiga de Isaac Díaz Pardo.

O labor de Paco del Riego na Editorial Galaxia vai ser fundamental para recuperar para a literatura galega escritores como Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole ou Vicente Risco. Grazas ao empeño e á insistencia de Del Riego, Cunqueiro escribe Merlín e familia (1955), Ánxel Fole Á lus do candil (1953) e Vicente Risco entrégalle a Galaxia os traballos que conforman Leria (1961). É só un exemplo do froito literario que deu a súa relación directa como representante de Galaxia con estes tres autores.

Desde a Editorial Galaxia Paco del Riego recuperou para a literatura galega autores como Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco e Ánxel Fole.

O propio Del Riego contou moitas veces que cando Cunqueiro non tiña gañas nin de escribir unha páxina, el seguiu a turrar en que tiña que facelo, e facelo en galego, e que foi así como un día apareceu Álvaro Cunqueiro no seu despacho de Vigo con vinte ou trinta folios do Merlín. A correspondencia entre Cunqueiro e Del Riego demostra perfectamente o importante que foi Paco del Riego para o regreso do mindoniense á lingua e ás letras galegas. Neses anos cincuenta Álvaro Cunqueiro dille unha e outra vez ao seu amigo que se sente un home “vello e canso”, “soio, triste”, “Véxome soio, aconchado nun buraco”, “Nunca se sae desta roda”. Del Riego será dalgunha maneira o seu psicólogo, a persoa que máis o anima e que máis teima en que ten que escribir.

A Francisco Fernández del Riego, naturalmente, doeulle moito a traxectoria de Cunqueiro e de Risco tras o alzamento militar do 36, pero nunca até o punto de deixar de considerar amigo seu a Cunqueiro e un dos seus mestres a don Vicente Risco, e esa é a razón pola que intentou comprender humanamente esas dúas traxectorias e pola que fixo todo o posíbel desde a Editorial Galaxia para volvelos a gañar para a literatura galega. A Álvaro Cunqueiro animouno e axudouno día tras día nos anos máis grises que Cunqueiro pasou en Mondoñedo, e a Vicente Risco mostroulle sempre un exquisito respecto intelectual e todo o seu afecto, por todo o que significara a personalidade de Risco nunha primeira etapa do nacionalismo galego. Iso demostra a grandeza humana de don Paco del Riego.

Del Riego convence tamén a Aquilino Iglesia Alvariño para que lle entregue un poemario inédito: Nenias, a pesar de que o poeta de Abadín non se sumara inicialmente ao proxecto de Galaxia. A don Paco débeselle igualmente o esforzo de mecanografar os traballos literarios de Florentino López Cuevillas e de recollelos no libro Prosas galegas ou o feito de lograr incorporar a Galaxia a Manuel Rodrígues Lapa. Francisco Fernández del Riego tiña unha grande relación con Rodrígues Lapa e incluso pasaba tempadas con el na Costa Caparica. Esa amizade posibilitou que o profesor portugués, que podía publicar onde el quixera, lle entregara a Galaxia a obra Cantigas d´escarnho e de maldizer, un traballo que prestixiou o selo editorial galego en todos os centros de estudo das linguas románicas. E igual sucedeu co italiano Giuseppe Tavani, do que Del Riego se fixo amigo nun congreso internacional no Porto, e froito diso foi o libro de Tavani A poesía lírica galego-portuguesa. A mediación de don Paco resultou fundamental, pois,para incorporar estas outras figuras intelectuais ao catálogo de Galaxia.

Fernández del Riego foi, así mesmo, o que convenceu a Celso Emilio Ferreiro para reunir os seus poemas inéditos nun novo libro, o que lle axudou a facer a selección e o que incluso escolleu o título, tirado dun dos poemas: Longa noite de pedra. Mais Fernández del Riego non só fixo ese papel de valedor cos autores de antes da guerra, senón que Del Riego apoiou e prologou primeiros libros de autores novos, como Percival e outras historias, de Xosé Luís Méndez Ferrín (1958), escrito cando este tiña dezaoito anos. 

En Galaxia publicaron tamén os seus primeiros libros autores de varias xeracións da posguerra.

Capítulo á parte merece a súa valiosísima e imprescindíbel colaboración con Carvalho Calero durante todo o proceso de elaboración da súa Historia da literatura galega contemporánea, desde 1956, atendendo ano tras ano e coa máxima dilixencia as súas continuas e múltiples peticións, subministrándolle os títulos que lle solicita, enviándolle os máis diversos documentos e datos que precisa (o apelido da muller dun autor, un enderezo, un artigo necrolóxico…) ou mecanografando os textos da obra.

O labor de don Paco del Riego na Editorial Galaxia non tivo límites de entrega. O escritor e crítico literario Ramón Nicolás, unha das persoas que máis está a facer por descubrir en toda a súa dimensión e dar a coñecer a figura de Fernández del Riego, na documentadísima e magnífica biografía que acaba de publicar sobre esta personalidade (Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo), sintetiza así as funcións de don Paco del Riego como xerente de Galaxia: “solicitaba orixinais prometidos ás persoas que se comprometeran a entregalos, dirixía na imprenta a diagramación, a composición e mais o axuste axeitado das páxinas, mecanografaba orixinais manuscritos, corrixía probas, reconstruía textos enviados por autores noveis, coordinaba libros de autoría múltiple, sostiña correspondencia cos autores, facía envíos, achegábase a Correos para remitir libros a particulares e empresas, etc.”. E aínda habería que engadir o envío dos traballos á censura a Madrid, que conlevaba tres trámites: primeiro enviar o orixinal, despois as probas e finalmente o libro xa editado.

A CREACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

En 1960, dentro da progresiva e lenta renovación que se produce no seo da Real Academia Galega, e para ocupar a vacante que deixara Florentino López Cuevillas, ten lugar no Círculo de Artesáns da Coruña o ingreso de Francisco Fernández del Riego como membro da Real Academia Galega, que é proposto por don Ramón Otero Pedrayo, Manuel Gómez Román, Sebastián Martínez Risco e Manuel Casás Fernández. Ao seu discurso dá resposta Ricardo Carvalho Calero, que lembra os tempos do Seminario de Estudos Galegos en que se coñeceron e os avatares polos que logo pasaron. E desde ese momento Paco del Riego vai ser un académico moi activo, sendo precisamente el o que xa en 1963 realiza a proposta do 17 de maio como Día das Letras Galegas, o primeiro ano dedicado a Rosalía de Castro e o segundo a Castelao, unha decisión que constitúe un auténtico acto revolucionario naqueles tempos da Ditadura.

A FUNDACIÓN PENZOL

Tamén no ano 1963 se inaugura en Vigo a Fundación Penzol, tras a importante doazón de fondos de temática galega que fai don Fermín Penzol, que levaba anos adquirindo canto libro, folleto, revista, periódico ou documento relacionado con Galiza caía nas súas mans. Como director da Fundación Penzol é nomeado Paco del Riego, que desde ese ano compaxina o seu labor en Galaxia co da Fundación, e incluso desde 1972 cunha terceira empresa: Artes Gráficas de Galicia, onde se imprimen os libros de Galaxia e clandestinamente publicacións e cartelería para partidos políticos e asociacións. As mañás pasábaas traballando en Artes Gráficas e as tardes na Penzol, e unha vez que deixou o labor de editor, consagrouse en corpo e alma á Fundación Penzol, mañá e tarde, sen retribución económica, ao longo de varias décadas e case até os últimos días da súa vida.

A PRESIDENCIA DA REAL ACADEMIA GALEGA

O último servizo que don Paco del Riego fai á cultura galega e ao país é a aceptación, cando ten xa máis de 80 anos, da presidencia da Real Academia Galega, despois dun mandato moi contestado de Domingo García-Sabell. A etapa na que Del Riego preside a RAG (1997-2001) caracterizarase pola apertura á sociedade e por abrir as portas desa institución centenaria a intelectuais que até entón tiñan vetada a súa entrada, como era o caso de Méndez Ferrín. Outros persoeiros que ingresaron no seu mandato foron Xaime Illa, Franco Grande, Neira Vilas e Xohana Torres. A súa única grande decepción foi non poder conseguir o Día das Letras Galegas para don Ricardo Carvalho Calero.

O ESCRITOR

O que nunca deixou de facer Francisco Fernández del Riego ao longo da súa vida, até os seus 97 anos, foi escribir: artigos, libros de ensaio, traducións, escolmas, prólogos, moito traballo de investigación e de reflexión, sempre cun carácter divulgativo, permanentemente preocupado por en poñer en valor as letras galegas e por restaurar a memoria histórica do galeguismo e do nacionalismo galego. A súa bibliografía é amplísima. Na biografía que recentemente publicou de Fernández del Riego a profesora Malores Villanueva Gesteira, tamén imprescindíbel para coñecer a traxectoria humana, intelectual e política de don Paco del Riego, figura unha completísima bibliografía de quen foi o último representante do Partido Galeguista, que dá idea da súa vasta cultura e da súa extensa obra. Entre os seus libros máis amados por nós están Ánxel Casal e o libro galego e O río do tempo. Unha historia vivida. Pero hai outros títulos que tampouco podemos deixar de destacar aquí, como é o caso de A xeración Galaxia, Letras do noso tempo, Escritores de Portugal e do Brasil, Álvaro Cunqueiro e o seu mundo, Antolín Faraldo. O gran soñador ou O señor da casa grande de Cima de Vila. A historia do galeguismo, as letras galegas, a literatura escrita noutras linguas, Antolín Faraldo, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo… foron algunhas das súas paixóns como investigador, estudoso, escritor, articulista, conferenciante e lector.

A Galiza de don Paco del Riego, o país que el soñou, a nación galega que el quixo construír e pola que loitou toda a súa vida, é o que todas e todos nós precisamos nas nosas cabezas para que Galiza sexa algún día un país diferente, unha nación no mundo.







Ningún comentario:

Publicar un comentario