27/03/23

Eduardo Blanco Amor e a renovación da novela galega

En Bos Aires, rodeado de escritores amigos como José Luis Borges ou Ernesto Sábato, que non podían entender como o autor de La catedral y el niño perdía o tempo en escribir nunha lingua proscrita como o galego, EduardoBlanco Amor (Ourense, 1897-Vigo, 1979), con 59 anos cumpridos, escribe en tres mañás de domingo a súa primeira novela en lingua galega, e iso que o fai non sen certas dificultades, porque tivo case que aprender un idioma axeitado aos seus propósitos literarios. Mais o feito é que tras A esmorga (1959) e Xente ao lonxe (1972) podemos afirmar con rotundidade que hai un antes e un despois na novela galega do século XX.

Ao fillo da florista poucas veces lle sorriu a vida. Se a súa infancia foi a dun neno triste nun Ourense triste e a súa lembranza máis antiga un incendio terríbel na súa casa, cando era un neno de pouco máis de dous anos, a súa obra non só tivo que saír sempre á luz no contexto da censura franquista, senón tamén nunha época nada propicia para a valoración e o recoñecemento dunha obra narrativa tan transgresora como a súa. A mentalidade conservadora dos membros dos xurados e das persoas que exercían a crítica literaria, cando menos sobre o tema sexual, deixárono sen os premios aos que el se presentou unha e outra vez e sen o lugar que en xustiza lle correspondía na literatura galega desde 1960. Despreciado humanamente por uns pola súa homosexualidade, incomprendido intelectualmente por outros, ignorado polo país que tanto amaba e pola súa propia cidade de Ourense, vivindo os seus últimos anos na soidade dun hotel e fundamentalmente dos seus artigos e dalgunhas axudas que recibe, “ferido e solitario”, como escribiu Carlos Casares, o final da súa vida tampouco puido ser máis triste: morre nun taxi camiño dunha clínica e o seu cadáver permanecerá nun depósito durante horas sen que ninguén o vaia velar. Era unha das nosas grandes figuras intelectuais e o escritor que renovou a novela galega do século XX. Tiña 82 anos e Luis Mariño dixo que era o máis novo dos seus amigos. Nemesio Barxa aínda nos debe un libro.

Achéguense vostedes ao conxunto da súa obra a través dunha análise lúcida e profunda como é o libro Eduardo Blanco Amor (o desacougo da nación negada), de Francisco Rodríguez, ou a través dunha lección breve e maxistral de María Xosé Queizán en Clásicos e Modernos/2: “A narrativa de Blanco Amor: Heterodoxia e provocación”. Pero sobre todo, debrúcense diante da súa prosa. E permítanlle a este humilde lector dicir algo que desde hai tempo desexa manifestar en voz alta: aínda hoxe non comprendemos porqué Xente ao lonxe non é a novela máis canónica de Eduardo Blanco Amor. Nós non temos dúbidas de que é a súa obra máis ambiciosa, máis moderna, máis actual, máis admirábel. A súa grande obra mestra. Do lumpen dos arrabaldos de Auria de A esmorga pasamos á clase obreira de comezos do século XX de Xente ao lonxe. Dunha realidade opresiva e sen futuro á esperanza dunha nación en marcha. A novela que nese momento precisaba a literatura galega.


Xente ao lonxe

Eduardo Blanco Amor

Galaxia / 1976 2ª edición 

320 páxinas

Ningún comentario:

Publicar un comentario