20/03/23

A Galiza de don Paco del Riego (II)

Reconstruír o galeguismo e a personalidade do país e dar continuidade ao proxecto político que devastara a sublevación fascista do 36, esa foi a tarefa e a paixón de Francisco Fernández del Riego desde que rematou a guerra e ao longo da súa traxectoria vital posterior.

Nada máis rematar a guerra e chegar á casa dos pais a Santiago, Paco del Riego foi informado confidencialmente de que perigaba a súa liberdade. Esa foi a razón pola que se puxo en contacto con Valentín Paz-Andrade, que tiña o seu bufete en Vigo, para ver se lle podía procurar algún traballo na cidade olívica. Intenta, pois, refacer a súa vida compaxinando o traballo no despacho de Paz-Andrade cunha colaboración para unha revista que se chamaba Industrias Pesqueras. Eran tempos de moita fame, e o pouco que gañaba non daba para moito máis que para pagar unha humilde pensión. Víase obrigado incluso a facer só unha comida ao día. Máis tarde logra dar clases de Literatura e Filosofía a alumnos de sexto e sétimo de bacharelato nun colexio privado, que dirixía, curiosamente, un militar retirado. Pero as ameazas seguían. Alguén o chamaba ao despacho e lle dicía: “¿Sabe usted que está viviendo con el permiso del enterrador?” Así, un día e outro. Os momentos máis agradábeis son os que pasa na tertulia do Café Derby despois do xantar con Paz-Andrade, Carlos Maside ou Xulio Sigüenza. Ao cabo dun ano en Vigo, casa coa súa moza da época de Santiago, con Evelina Hervello, que coñecera cando ela estudaba Ciencias Químicas.

A REORGANIZACIÓN DO PG

 A correspondencia de Paco del Riego con Cunqueiro
e Carvalho Calero.
Só unha persoa como Paco del Riego, cunha gran lealdade aos ideais do nacionalismo galego e cunha entrega e unha coraxe política certamente admirábel, só un home coa súa integridade moral e coa súa valentía, podía poñerse a traballar na reconstrución do Partido Galeguista tan pronto se instalou profesionalmente en Vigo, nunhas circunstancias persoais moi extremas, sempre baixo a vixilancia policial e a represión, nun momento, ademais, no que as poucas persoas do galeguismo que quedaran no país e que lograran salvar a vida vivían traumatizadas ou nun exilio interior, tratando de sobrevivir despois daquela grandísima traxedia humana. O seu amigo dos tempos de Compostela e “cordialísimo camarada” Ricardo Carvalho Calero, aínda neses anos na prisión militar de Jaén, envíalle en novembro de 1940 unha carta na que lle manifesta todo o seu pesimismo: “Estou condeado a doce anos e un día de reclusión. Que este tempo se reduza ou non, é cousa que ignoro. Así que comprenderás doadamente que non poda respostar á túa pregunta sobre si nos volveremos ver axiña”. Ese era o contexto no que Paco del Riego comezou a pensar en reorganizar o nacionalismo galego. Desde as ruínas, desde o medo, desde a incertidume, desde a clandestinidade, mais tamén desde a confianza nos ideais.

Todo comeza en 1942, no monte do Castro, en Vigo, onde un día Del Riego se atopa con don Enrique Peinador Lines, copropietario do Balneario de Mondariz e antigo dirixente do Partido Galeguista. Aos poucos días vense de novo nun piso que o empresario ten en Vigo e aí deciden dar os primeiros pasos para reconstruír o galeguismo político. Conseguen de inmediato que se sume á tarefa Manuel Goméz Román, o último Secretario Xeral do partido, que pasara igualmente momentos moi duros. E logo Paco del Riego contacta con outro antigo militante do PG, que tamén fora perseguido: Servando Gómez-Aller de la Vallina. E a través deste, Del Riego mándalle recado a Ramón Piñeiro, que vivía en Lugo e que fora Presidente das Mocedades Galeguistas nesa cidade, para que veña pasar uns días con el a Vigo. É entón cando Paco del Riego lle explica o propósito do seu convite e cando lle propón a Piñeiro facer de enlace cos galeguistas sobrevivintes do país, algo que Piñeiro acepta desde un primeiro momento.

A partir de aí, Ramón Piñeiro, moi discretamente, coa axuda económica de Gómez Román, Enrique Peinador e Del Riego, realiza unha serie de viaxes por todo o país en coche de liña para falar con aquelas poucas persoas que lles inspiraban confianza, non sempre co resultado que desexaban, porque o temor era moito e a desesperanza e a sensación de derrota e de fracaso absoluto estaba moi presente no desánimo de moitas persoas que noutrora viviran con enorme ilusión e entrega á loita polo ideal galeguista e polo Estatuto de Autonomía do 36. Aínda así sumaron as adesións suficientes para ir preparando unha asamblea.

Estamos xa en xullo de 1943. Convidados para xantar unha caldeirada de peixe, van chegando a unha casa mariñeira que alugaba Paco del Riego durante o verán na praia do Coruxo, na beiramar de Vigo, diversos persoeiros do galeguismo que sobreviviran á traxedia: Gómez Román, Ramón Piñeiro, Ánxel Fole, Mariñas del Valle, Ferro Couselo, Vicente Bóveda, Emilio Álvarez Gallego, Salvador Rei, Luís Viñas Cortegoso, Vallina, Fermín Penzol, Xosé Ramón Fernández-Oxea, Cesáreo e Camilo Saco e poucos máis. Unha das persoas que máis soñara con aquela reunión, don Enrique Peinador, falecera precisamente algún tempo antes, desposuído das súas propiedades e sufrindo, ademais, a recente perda do fillo, asasinado en Madrid pola súa militancia política.

Dous meses despois daquela reunión clandestina na praia do Coruxo adoptan o acordo de nomear un comité, no que asumen a máxima responsabilidade Gómez Román, Ramón Piñeiro, Xosé Meixide, Cesáreo Saco, Xaime Illa Couto e Paco del Riego, que é nomeado Secretario do Exterior e Propaganda. De todo iso informa Paco del Riego a don Ramón Otero Pedrayo, que non está presente na xuntanza, pero que xunto con Gómez Román e Plácido Castro encabezan a nova dirección do Partido Galeguista. Aí comeza a reconstrución real do galeguismo do interior despois do 36, coa esperanza de poder restaurar pronto a legalidade republicana, promulgar o Estatuto de Autonomía e a instaurar un Estado Federal. E, naturalmente, co inmenso desexo de volver a abrazar aos irmáns do exilio. Nunha carta de Paco del Riego a Castelao, escrita a fins de 1944, infórmao dos acordos do partido e exprésalle tamén eses desexos: “O outro día fun a Rianxo –dille Del Riego a Castelao. Alí falei coas suas irmáns e a sua nai. Todas están anceiosas de volvelo a ver, e agardan con emocioada impaciencia o momento, que agardamos non se demore”. Como ben sabemos, Castelao nunca a Rianxo regresará nin volverá a ver a súa nai e a súas irmás.

A DETENCIÓN DE PIÑEIRO E O SEU INGRESO NO CÁRCERE

A tarefa principal do PG vai ser estabelecer contactos coas outras organizacións políticas da oposición ao novo réxime, tanto coas galegas como coas do resto do Estado, e moi especialmente coas vascas e as cataláns, e tamén, claro está, co exilio galego, concretamente con Castelao. Dentro dese labor, que leva fundamentalmente a cabo Ramón Piñeiro, destacan as xestións que este fai en París para negociar a entrada de Castelao como ministro no goberno de Giral en 1946, que logra tamén co apoio dos representantes de Galeuzca. Era a primeira vez que Galiza estaba representada no Goberno español por un nacionalista galego. Pero ao seu regreso de Francia, Piñeiro, que cruza a pé os Pirineos, para aló e para aquí, é detido en Madrid, durante unha reunión clandestina nun café da Gran Vía, xunto cos irmáns Camilo e Cesáreo Saco, e pasa tres anos na cadea, substituíndoo na Secretaría Política do partido Fermín Penzol.

A correspondencia con Ramón Piñeiro e co exilio galego
 en América.
 Consciente Piñeiro de que pode ser moi grave para outras persoas do partido que a policía se faga coa documentación clandestina que obra no poder de Paco del Riego, consegue trasladarlle a este o aviso de que a destrúa. Mais Del Riego decide salvala para o futuro: métea nunha maleta e entérraa ao anoitecer na horta da casa na que residía súa nai nunha finca do Castro. Alí permanece durante anos até que un día a desenterra. Grazas a eses documentos, publicados logo no ano 2000 baixo o título Castelao e os galeguistas do interior, hoxe coñecemos con detalle os pasos que deu o PG na clandestinidade para reorganizar o galeguismo, e tamén se pón de manifesto que a renuncia á actividade estritamente política foi avanzada xa a década dos cincuenta.

Nun informe que elabora Francisco Fernández del Riego en 1954 para dar conta ao partido da súa viaxe a Bos Aires sintetiza a situación política do país e a actuación que debe seguir o galeguismo do interior coa seguinte reflexión: “Nistas condicións de estrema adversidade, o único verdadeiramente importante é impedir que Galicia non perda a concencia dos seus problemas. Crear concencia galeguista, concencia dos problemas xenuinos de Galicia é o labor máis importante do galeguismo. Ista concencia será mañán forza política positiva e aituante. Ista forza, desaparecido o franquismo, aituará con plena eficacia política de acordo co-as condicións reales do futuro político español. Eis a nosa misión: dotar a Galicia de unha forza fiel para defender no futuro os seus intereses vitales. O noso deber é, sobre todo, pensar no futuro”. A visión política, como ben podemos observar, non desaparece.

CAMBIO DE ESTRATEXIA DO GALEGUISMO DO INTERIOR

O contexto político, desde logo, non podía ser máis adverso. Rematada a Segunda Guerra Mundial en 1945, con Estados Unidos comezando a Guerra Fría en 1947 e coa Ditadura franquista conseguindo entrar na ONU en 1955, non é estraño que estes homes, que aínda tiñan a esperanza de derrotar a Franco despois do 39, pouco a pouco foran abandonando a loita política clandestina. Aínda así non podemos ignorar o importante papel que xogou Francisco Fernández del Riego na relación do galeguismo do interior co galeguismo do exilio. El foi o auténtico interlocutor, a persoa que sempre tendeu pontes e que reconduciu as tensións entre os de aló e os de aquí a propósito do recoñecemento e das función que debía ter o Consello de Galiza, aquelas especie de goberno galego no exilio que creara Castelao en 1944, ou a respecto da estratexia que debía seguir o galeguismo na Galiza da posguerra. Foron múltiples, así mesmo, as xestións que fixo Del Riego cos de América para resolver problemas ou para publicar libros e revistas que aquí a censura non permitía publicar. Esa relación faise incluso máis estreita en 1954 coa viaxe que Paco del Riego realiza a Bos Aires e Montevideo, onde pronuncia varias conferencias e se reúne con Virxinia Pereira, a viúva de Castelao, e con outras figuras do exilio como Lois Tobío, Luís Seoane, Eduardo Blanco-Amor, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Manuel Colmeiro, Xosé Neira Vilas ou Rafael Alberti e María Teresa León.

ENCARCERAMENTO E CONSELLO DE GUERRA SUMARÍSIMO

A proba de que Del Riego continuou mantendo viva a chama do PG e sendo observado polo réxime franquista é que en setembro de 1947 pasa dúas semanas incomunicado no cárcere, acusado de presidir unha asociación de intelectuais. Posteriormente, ao regreso da súa viaxe a América, organízanlle un xantar que non agrada nada ás autoridades franquistas. Relacionado con iso é o que sucede ao ano seguinte, no verán de 1955, cando coincidindo coa visita de Franco a Meirás, Paco del Riego sofre de novo a represión: detéñeno, interrógano e acaba na cadea de Pontevedra acusado de rebelión militar por colaborar na prensa antifranquista, tendo que vivir un auto de procesamento e un consello de guerra sumarísimo. Isto demostra que a súa persoa estaba vixiada e que lle seguían os pasos moi de preto. É, pois, certamente inxusto e unha idea moi equivocada dicir que todas estas persoas renunciaron á acción política para dedicarse ao traballo cultural. Só cando viron o fracaso dos seus obxectivos políticos e organizativos, o escenario internacional e a consolidación da Ditadura optaron por reorientar o seu compromiso co país a través da cultura, que era outra forma de actuar a prol do país, mais dentro dos límites da legalidade. O que non fixeron estes homes, desde logo, foi renunciar á loita por Galiza.

MILITANTE DO PSG E DIVERXENCIAS CON PIÑEIRO

Propaganda do PSG, o partido no que
militou Paco del Riego desde 1963 a 1978.
A Francisco Fernández del Riego aínda o veremos na fundación e na militancia do Partido Socialista Galego, o PSG, o partido que se funda na Coruña, no despacho de Sebastián Martínez-Risco, e que lidera Xosé Manuel Beiras, no que Del Riego permanece entre 1963 e 1978. Dous foron os seus carnés políticos: o do Partido Galeguista e o do PSG. Forzas políticas propias, e de carácter nacionalista as dúas. Ao longo dos anos sesenta, en representación do PSG, Del Riego participa en importantes reunións en Alemania, Madrid e Barcelona, xunto con outras personalidades. O seu último compromiso político foi nas primeiras eleccións democráticas, en xuño de 1977, participando dentro da Candidatura Democrática Galega para o Senado, apoiada por varios partidos da esquerda, o PSG entre eles, e que por escaso número de votos non saíu el, logrando a acta de senador Valentín Paz-Andrade. Despois do 77 xa renunciou a participar en calquera outra experiencia política, rexeitando concorrer como candidato ás primeiras eleccións ao Parlamento galego e seguindo unha liña de actuación moi diferente á de Ramón Piñeiro, do que continuou a ser amigo coma sempre, pero diverxendo claramente da súa estratexia política.

Tamén debemos lembrar aquí que, ao contrario que Ramón Piñeiro, el sempre mantivo unha relación moi cordial e até certo punto cómplice con aqueles dirixentes e mozos que militaban na UPG, na outra póla do nacionalismo galego, como era o caso de Méndez Ferrín, Xosé González Martínez ou Moncho Reboiras, chegando incluso a cederlles algún espazo da Fundación Penzol para as súas actividades “culturais”. Simplemente facía a vista gorda e deixábaos andar pola Penzol ás súas “cousas”, até que un día entrou alí a policía e rexistrou todo. Del Riego tamén fora rebelde cando era estudante e comprendía perfectamente que a mocidade tiña que ser así, tiña que loitar e protagonizar o seu tempo histórico.

OS MESTRES DE PACO DEL RIEGO

Na introdución que Del Riego lle puxo ao seu segundo libro de memorias, O río do tempo. Unha historia vivida, escribe: “Pertenzo a unha xeración formada na doutrina do nacionalismo galego. Foron mestres desta miña xeración, Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Viqueira, Lousada Diéguez, Cuevillas, Villar Ponte. Todos eles mestres, na cátedra, no libro, no artigo xornalístico, na tribuna, na palabra cotiá. E, principalmente, no incansable desinterés, no incitamento mental e no exemplo moral”.

O máis triste de todo isto é que na actualidade, entre todas as persoas que integran o Consello da Xunta de Galicia, o máximo órgano de goberno do país, non hai ninguén, nin unha soa persoa, que poida dicir que ten como mestres a esas grandes figuras que mencionaba Francisco Fernández del Riego. O pensamento político dos que hoxe ocupan o Goberno galego está nas antípodas da ideoloxía e da traxectoria política daquelas persoas, certamente boas e xenerosas, que o deron todo por Galiza, incluso a vida. Isto é causa de enorme decepción e tristeza para calquera persoa que coñeza o papel do nacionalismo galego no contexto histórico da II República e que poida imaxinar o que puido ser Galiza como nación se non se producira o golpe militar do 36 e se homes como Castelao, Alexandre Bóveda ou Francisco Fernández del Riego chegasen a ter nos anos trinta a oportunidade de estar ao fronte do primeiro goberno galego da historia do noso país. Case cen anos despois temos que seguir a loitar pola Galiza que Paco del Riego soñou na súa mocidade, como el mesmo o fixo tamén durante o franquismo.




Ningún comentario:

Publicar un comentario