09/03/23

A Galiza de don Paco del Riego (I)

Era Galiza un país de grandes romarías, como a do Conde Santo en Vilanova de Lourenzá, á que acudían xentes de todas as parroquias de Lourenzá e mesmo de Mondoñedo e Ribadeo, e na que dous nenos vestidos aínda con pantalón curto, Paco e Alvarito, este último da cidade de Mondoñedo, pasan as horas metendo o dedo polo burato do sartego do Conde Santo e xogando á sorte do pajarito. Paco vivía nunha casa con comercio familiar de panos e tecidos e era o primoxénito da familia dos Fernández del Riego, que chegou a ter once fillos, e Alvarito era fillo de Xoaquín Cunqueiro Montenegro, que exercía de farmacéutico na botica dos baixos do Pazo episcopal, e de dona Pepita Mora, dos Moirós de Cachán, de Riotorto, unha muller de grande fantasía, que lle falaba ao fillo de sucesos do bispo San Gonzalo ou do Mariscal Pardo de Cela.

Era Galiza un país onde os rapaces máis afortunados das aldeas e das vilas estudaban en mosteiros, seminarios ou academias, e logo ían facer por libre os exames do bacharelato elemental ao instituto máis próximo. No coche de liña da empresa Freire, que tardaba tres horas de Vilanova a Lugo, coinciden tres mociños que van realizar as mesmas probas ao Instituto de Lugo. Os rapaces son Dionisio Gamallo Fierros, que subeu xa en Ribadeo, Francisco Fernández del Riego, que sube en Vilanova, e Álvaro Cunqueiro Mora, que colle o Freire en Mondoñedo. Tras as magníficas notas que obtén Paco del Riego, a familia mándao como interno ao Colexio dos Escolapios, a Monforte de Lemos, onde permanece tres cursos, mentres o seu amigo Álvaro Cunqueiro fai o bacharelato en Lugo, e alí, nos corredores do Instituto, descobre fascinado o Mapa de Fontán, que será o seu verdadeiro encontro co país.

Era Galiza un pobo con moitas familias que lían ás noites a Rosalía de Castro e a Curros Enríquez e nalgunhas casas incluso a Teoría do nacionalismo galego, de Vicente Risco. Despois de cursar o primeiro ano da carreira de Dereito  na Universidade Central de Madrid, que coincide coa proclamación da II República, Paco del Riego regresa a Vilanova e xunto con outro amigo redacta, imprime e espalla un manifesto con motivo do Día de Galicia, colocan a bandeira galega na fachada do Concello e o propio Paco del Riego, daquela un mozo de dezaoito anos, pronuncia un afervoado discurso desde o balcón da Casa do Concello, que remata cun “Viva Galicia Ceibe!” e co canto do Himno Galego. Desde Mondoñedo o seu amigo Álvaro Cunqueiro envíalle de inmediato unha carta escrita cun corazón desbordado de alegría e convídao a militar nun dos tres partidos que el mesmo creara: o Grupo Galeguista Republicano, a Irmandade Nacionalista e o Partido Arredista Revolucionario, organizacións políticas que só existían, claro, na fantasía dun xovencísimo Álvaro Cunqueiro.

Era Galiza e era o curso 1931-32 e xa temos a Paco del Riego proseguindo os estudos de Dereito en Compostela e iniciando simultaneamente por libre Filosofía e Letras, presidindo a Asociación de Estudantes de Dereito, dirixindo varias folgas universitarias, participando na Xunta de Goberno da Universidade como representante da FUE, asinando un manifesto con outros mozos como Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carvalho Calero e Xaquín Lourenzo a prol dunha universidade máis comprometida co país, pronunciando unha conferencia sobre Pardo de Cela, traballando en Fonseca no seo do Seminario de Estudos Galegos, que dirixe don Salvador Cabeza de León, levando por un tempo a dirección de A Nosa Terra, cultivando día tras día unha estreita amizade con Lois Tobío e Ánxel Casal ou presentando a Castelao e a Álvaro de las Casas no Paraninfo da Universidade. A súa fama de brillante orador lévao a ser incluso o estudante que pronuncia o discurso do solemne acto de apertura do curso 1933-34 en representación do alumnado, compartindo o atril con Abelardo Moralejo Laso, catedrático de Latín. Mentres a Moralejo os estudantes case non lle deixan falar, Paco del Riego recibe un longo aplauso con todos os estudantes en pé tributándolle unha longa ovación final, que remata coa banda de música interpretando o Himno Galego. E en 1934, con 21 anos, obtén a licenciatura en Dereito con excelentes cualificacións e accede á docencia como profesor auxiliar da cátedra de Dereito Civil.

Era Galiza nos anos trinta a nación incesante, un remuíño de ideas, con Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte e Ramón Suárez Picallo intervindo nas Cortes, co Partido Galeguista fundado en Pontevedra en decembro de 1931 traballando arreo a prol do Estatuto de Autonomía, con diversos lugares de encontro galeguista nas tertulias de Compostela, no Derby, no Español, na imprenta Nós, primeiro na rúa das Hortas e despois no nº 15 da rúa do Vilar, ou nun merendeiro da ponte da Rocha, onde falaban e debatían as cabezas máis lúcidas do país. Con Ánxel Casal aprenden Del Riego e Luís Seoane o oficio da edición. Eles dous corrixen, por exemplo, as probas de libros como Os dous de sempre ou Retrincos, de Castelao.

Era Galiza e era xa Paco del Riego, a pesar da súa mocidade, un dos dirixentes máis importantes do nacionalismo galego da preguerra. Milita primeiramente no Grupo Galeguista de Santiago, con Ánxel Casal, Lois Tobío, Antón Fraguas e Manuel Beiras García, máis tarde nas Mocedades Galeguistas, onde é elixido secretario xeral da Federación das Mocedades -que é cando coñece a Celso Emilio Ferreiro e cando participa na constitución de Galeuzca, con persoeiros como Otero Pedrayo, Gómez Román, Enrique Peinador ou Plácido Castro-, e pouco despois pasa a desempeñar un traballo moi activo como representante do PG, ocupando o cargo de secretario técnico da sección 1ª da comisión encargada de redactar o Estatuto de Autonomía e intervindo en actos por toda a xeografía galega, facendo propaganda galeguista con Castelao, Alexandre Bóveda, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Antón Alonso Ríos ou Ramón Suárez Picallo. Houbo algún domingo que o PG tiña perto de corenta mitins. O último mitin de Paco del Riego foi en Madrid, no Teatro Alcázar, o 21 de xuño do 36, á beira das grandes figuras do PG, para pedir o “si” no referendo do Estatuto de Autonomía, co Teatro abarrotado de público e as rúas próximas cheas de xente. De todos aqueles oradores, Del Riego é o máis novo e un dos máis brillantes. E aínda ten tempo para colaborar coa recén creada Asociación de Escritores Galegos e para escribir en periódicos e revistas. E para mocear. Del contaban unha anécdota preciosa, que incluso se publicou en El Pueblo Gallego: “Francisco Fernández del Riego fue enamoradizo desde su más tierna infancia. Tanto que, cuando se fue a examinar de Química, le preguntaron que había en el aire y contestó: pájaros”.

Era Galiza unha festa de alegría e de entusiasmo arredor de Federico García Lorca, que vén a Compostela en 1932 co seu Poeta en Nueva York, convidado polo Comité de Cooperación Intelectual, no que están Maside, Eiroa, Del Riego, Carlos Martínez Barbeito e Domingo García-Sabell, e é recibido, entre outros, por Paco del Riego, que tamén forma parte do grupo que o acompaña desde a estación do tren ao Hotel Compostela, onde se hospeda o poeta granadino. Asiste Paco del Riego á súa conferencia no Colexio San Clemente, o que hoxe é o Rosalía de Castro, e goza do seu canto a media voz e dunhas pezas que toca ao piano despois dun xantar. Con Federico e outros amigos pasea, así mesmo, por toda a cidade e escoita dos seus propios labios a súa fonda admiración por Rosalía. Non falta tampouco unha ofrenda floral no monumento da Alameda e outro ramo de flores en Santo Domingos de Bonaval, onde Federico recita un poema de Rosalía.

Era Galiza nos anos trinta un país de ambiente galeguista e republicano, universitario e intelectual, onde sobresae a presenza de don Ramón María del Valle-Inclán, con tertulia propia no Derby e no Español. Santiago de Compostela ten nese momento como Alcalde a Ánxel Casal, que é o que encabeza a delegación galega que o 15 de xullo leva a Madrid o Estatuto do 36 recén plebiscitado e a persoa que llo entrega ao Presidente das Cortes. Dous días despois a comisión é recibida en audiencia polo Presidente da República, don Manuel Azaña. Formando parte da delegación vai tamén María Miramontes. O noso país comezaba a ter existencia política no Estado español e a construír o seu futuro como nación. Era o soño de Antolín Faraldo, de Manuel Murguía, de Rosalía de Castro, dos homes e das mulleres das Irmandades da Fala, das grandes figuras da Xeración Nós, dos membros do Seminario de Estudos Galegos, das xentes do Partido Galeguista…

Era Galiza unha patria nun dos momentos máis luminosos da súa historia, e nisto chegou a barbarie. Era entón Paco del Riego o representante do Partido Galeguista na Fronte Popular. Convocados ao Pazo de Raxoi con urxencia e reunidos os membros dirixentes da Fronte Popular acordan asaltar o cuartel de Artillería, na rúa do Hórreo, no edificio no que agora ten a súa sede o Parlamento galego. Paco del Riego e Carlos Maside, que o acompaña, manifestan a súa disconformidade. Talvez iso é o que lle salva a vida. Veñen horas moi dramáticas, de angustia e de terror. Todos os membros do comité da Fronte Popular do que el formaba parte son fusilados, todos, sen excepción. Todos os seus amigos están agora na cadea ou pronto serán asasinados a balazos nas cunetas, contra unha árbore ou contra as tapias dos cemiterios: o 14 de agosto, Camilo Díaz Baliño, o 17, Alexandre Bóveda, o 18, Xaime Quintanilla e Federico García Lorca, o 19, Ánxel Casal… e nos seguintes días ou meses Galán Calvete, Xoán Xesús González, Arturo Noguerol, Roberto Blanco Torres, Víctor Casas…

Era Galiza de súpeto neses días do verán do 36 unha sociedade cunha atmosfera abafante, da que se apoderara a desconfianza, o medo, o arrepío, a vinganza, o terror, a crueldade, cos falanxistas á procura das persoas máis destacadas da sociedade civil, e Paco del Riego, nun primeiro momento, agóchase nun piso do Preguntoiro, pero a falta de seguridade lévao a trasladarse un día noite á casa duns amigos da familia ás aforas da cidade. Polas mañás pasaban as leiteiras falando dos mortos que atopaban nas cunetas, un día e outro día. “Galicia ametrallada nas cunetas / dos seus camiños”, escribe Luís Pimentel. Así, até que chaman a súa quinta e a familia que o protexía lle aconsella que se incorpore a filas. Cando chega ao cuartel, o capitán dille a el e a outro que o acompaña: “Ustedes saben que andan con permiso para vivir”. E nese momento, Paco del Riego, con 23 anos e toda unha vida por diante para construír unha nova Galiza, aquel brillante profesor auxiliar da cátedra de Dereito e xa destacado dirixente nacionalista, admirado polo propio Castelao e por Bóveda, que se carteaba con frecuencia con Manuel Portela Valladares, incluso cando este era Presidente do Consello de Ministros, nese momento Paco del Riego pasa a limpar váteres, cargar ao lombo enormes pedras de cantería para facer un muro e sufrir todo tipo de humillacións como ser humano. Todo iso por “ser galleguista e afecto al Frente Popular”, como reza o prego de cargos emitido pola Comisión Depuradora que decreta o seu cese como profesor universitario e a súa inhabilitación absoluta para a docencia, ademais de recibir unha multa de tres mil pesetas, que terá que pagar seu pai. E a a partir de aí veñen tres anos terríbeis na fronte da guerra, que vive en Sevilla, Salamanca, Zaragoza, Huesca, Soria, na batalla do Ebro, na fronte de Teruel, con dez grados baixo cero, vendo morrer ao seu carón os seus compañeiros cada día…

“Era Galicia un home sen cabeza”, di o poema de Heriberto Bens. Era Galiza unha muller segada pola cabeza, decimos nós, si, era Galiza unha muller degolada, como quen corta as espigas do trigo en flor nas inmensas e fértiles agras do país.




Ningún comentario:

Publicar un comentario