08/02/25

Nacionalismo e Galeguismo

 
O día que Anxo Quintana e X.M. Beiras convenceron a Carlos Mella para ser candidato do BNG ao Parlamento Europeo.

Para o nacionalismo galego é vital dirixir tamén unha mensaxe cordial a quen ten unha mirada galeguista sobre o país.

Observo con preocupación como no nacionalismo galego hai determinadas persoas que consideran fundamental no discurso político diferenciar o nacionalismo do galeguismo, como se o nacionalismo galego non fora unha expresión do galeguismo político -como anteriormente o foi o rexionalismo-, ou como se o nacionalismo non tivese nada que concordar a prol do país co galeguismo non nacionalista que existe tamén no seo da nosa sociedade. Hai quen desde o nacionalismo foxe de toda identificación política co galeguismo, construíndo valados que non axudan a conseguir esa maioría social que tanto se precisa para impulsar e liderar o cambio de goberno en Galiza. Claro que isto non foi sempre así. Por exemplo, nun dos primeiros números do Terra e Tempo, editado en 1965, a UPG presentábase diante dos seus posíbeis lectores como “O galeguismo de Galicia”, “o Galeguismo que a nosa terra precisa e reclama nesta hora do mundo. O galeguismo de Galicia, o galeguismo por antonomasia, que é o que profesa, defende e propón a UPG”. Unha UPG claramente nacionalista desde a súa fundación.

A razón principal que hoxe esgrimen algunhas persoas do nacionalismo galego para renegar da asociación política co que se define de forma xenérica como “galeguismo” é que agora todos se denominan galeguistas, até os que exercen o poder e non fan nada por favorecer a galeguización da sociedade e a defensa do país. De feito o actual Presidente da Xunta é o primeiro en reivindicar unha e outra vez en certos actos de significación galeguista e nos propios procesos electorais un “galeguismo non nacionalista”, un “galeguismo transversal e integrador”.

Estou seguro que hai outra razón, de raíces máis profundas, para renegar de calquera identificación co galeguismo. Esa razón habería que buscala na ruptura do nacionalismo do exilio (representado por Castelao e polo Consello de Galiza) co galeguismo do interior (liderado por Ramón Piñeiro e co proxecto de Galaxia como única liña de acción política) e tamén no divorcio deste último coa mocidade que a partir dos anos 60 procedeu á reorganización do nacionalismo galego de esquerdas, así como nas súas diferentes estratexias políticas, unha radicalmente nacionalista, recollendo o ideario de Castelao, e outra defensora dun galeguismo non nacionalista ou mesmo antinacionalista, do autonomismo ou todo o máis dun confuso federalismo.

Por unhas razóns ou por outras houbo e hai no nacionalismo galego moitas persoas que senten a necesidade de clarificar este campo ideolóxico, e actúan así porque honestamente pensan que é positivo para o nacionalismo, de tal maneira que o galeguismo sería todo o que naceu arredor do piñeirismo, todo o que non acredita en Galiza como nación e nos seus dereitos nacionais como suxeito político, todo o que non ten a ver coa autoorganización do pobo galego e todo canto fixeron os partidos estatatais de esquerda e de dereita para intentar lexitimarse como opcións galeguistas diante da sociedade galega, comezando pola galeguización das siglas políticas, desde o PCG, que xa o fixo en 1968, ao PP de Galicia. O caso máis paradigmático sería o do PSOE, que ao non poder utilizar as siglas do Partido Socialista Galego creado en 1963 pasou a denominarse PSdeG-PSOE. Mais nese heteroxéneo universo galeguista están tamén milleiros e milleiros de persoas que lle queren ao país, que desexan outro futuro para Galiza e que dependendo dos procesos electorais e dos momentos políticos poden coller unha papeleta ou outra, e incluso poden acabar comprometéndose politicamente co nacionalismo galego. Carlos Mella foi un exemplo diso. Cando unha persoa ten unha mirada galeguista sobre o país –e Mella xa a tiña cando exerceu de vicepresidente da Xunta nos primeiros anos da Autonomía-, transitar desde o galeguismo ao nacionalismo é un proceso natural. Por iso é tan importante empatizar con calquera persoa que acredite no país.

CORPUS TEÓRICO E DIMENSIÓN SOCIAL E POLÍTICA DO NACIONALISMO

Non serei eu quen diga que desde unha óptica estritamente ideolóxica, e sobre todo desde o campo académico e da investigación histórica, non sexa imprescindíbel buscar e precisar as diferenzas entre o concepto de nacionalismo e o concepto de galeguismo. A complexidade do mundo das ideas sempre precisa para o seu estudo rigoroso da luminosidade máis extrema, da análise de todos os matices que todo pensamento político posúe. Nada que obxectar a ese exercicio intelectual. Pero o nacionalismo, afortunadamente, é un movemento político que non se esgota no seu corpus teórico nin nun foro de ideas. Ten tamén, claro está, ademais dunha dimensión organizativa, unha dimensión social e política, na que ocupa unha posición central a mensaxe que se dirixe á sociedade, o que se comunica e o como se comunica. E é aquí, neste plano, onde hai que examinar se o nacionalismo galego actual debe renunciar a identificarse co galeguismo ou se, pola contra, tamén debe dirixirse ao galeguismo que nace do amor ao país e dun pensamento político que sitúa a súa principal preocupación na defensa de Galiza como suxeito político, aínda que non se corresponda cunha ideoloxía nitidamente nacionalista.

Na nosa humilde opinión, o nacionalismo galego errou cando deixou a utilización dun símbolo como a bandeira galega azul e branca exclusivamente nas mans dos partidos estatais, porque esa é a bandeira coa que enterraron a Curros Enríquez, a Manuel Murguía ou a Castelao, a mesma bandeira que unha man familiar lle meteu no peto a Alexandre Bóveda tras ser fusilado na Caeira. Por qué renunciar pois a ela? Pode e debe convivir perfectamente coa bandeira que creou o nacionalismo galego nos anos setenta. É un erro deixar que a bandeira azul e branca só a utilicen os que non son nacionalistas. Tamén é a nosa bandeira, a bandeira do país, a que nos identifica e nos une como pobo.

SENDO GALEGO NON DEBO SER MÁIS QUE GALEGUISTA

De igual maneira pensamos que desde unha perspectiva social e política sería un erro que o nacionalismo renunciase a dirixir as súas mensaxes políticas a quen se sente só galeguista, porque o galeguismo é unha idea política que naceu moitas décadas antes de que naceran cantos hoxe utilizan esa etiqueta sen o significado que tiña na época do Partido Galeguista ou sen o contido político que lle dá o propio Castelao nas páxinas do Sempre en Galiza. Lembremos, por exemplo, que xa no Adro, nun daqueles textos que escribiu en 1935 en Badajoz, durante o seu desterro, no período do bienio negro, figura unha frase que non pode ser máis transversal e integradora: “Sendo galego non debo ser máis que galeguista”.

Calquera persoa que coñeza a historia do nacionalismo galego ou que lea o Sempre en Galiza sabe que significaba ser galeguista e o galeguismo para Castelao. Desde logo nada a ver coa renuncia á defensa de Galiza como nación e á súa soberanía política. Como nos di Castelao noutra parte do libro, “O galeguismo empezou coas Irmandades da Fala demandando a soberanía da nación galega”.

Creo, sinceramente, que ningunha persoa de pensamento e militancia nacionalista debe renunciar a reivindicar sen complexos o galeguismo que chegou a nós a través da historia do Partido Galeguista e dos diversos textos de Castelao. Que outros utilicen esa palabra, baleira do contido político que lle deu o nacionalismo dos anos trinta, non debería ser motivo para renegar de calquera identificación co galeguismo. Tampouco os auténticos cristiáns de base renuncian a chamarse cristiáns, e nada hai máis espantoso que o que fixeron moitos cristiáns ao longo da historia do cristianismo. Felizmente, estes días acabo de ver que o BNG vén de recuperar a través dunha “animación” de texto a frase que antes citamos de Castelao e que, por certo, encaixa perfectamente dentro do discurso transversal e integrador de Ana Pontón. Iso chámase intelixencia política.

Eu, desde logo, non lle concederei a Alfonso Rueda o uso exclusivo dunha palabra á que o Partido Popular desposuíu do seu verdadeiro contido político e pola que tantísimas persoas neste país sufriron a represión, o exilio e a barbarie fascista. Camilo Díaz Baliño, por exemplo. Por galeguista. Non o esquezamos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario