![]() |
Foto de Ana Pontón con Camilo Nogueira, o dirixente nacionalista que xa en 1985 propuxo un “goberno de progreso”. |
Cando unha forza política é alternativa de goberno ten que procurar que a sociedade xa a vexa máis como unha forza política de goberno que como unha forza política de oposición.
Ao BNG non lle foi nada mal cada vez que trasladou á sociedade galega a necesidade e a ilusión de gobernar o país. Se a Lei de Bases de 1987 supuxo un profundo cambio estratéxico na acción institucional do nacionalismo galego, demostrando que a firmeza nos principos non era incompatibel coa defensa dunha proposición de lei de medidas urxentes que servise para poñer as institucións autonómicas ao servizo de Galiza, utilizando o actual Estatuto até o seu máximo teito competencial, posteriormente, nos anos 90, seguindo a liña que se inicia coa Asemblea do Carballiño, o BNG experimentará os seus maiores éxitos electorais desde a súa fundación: alcanza a posición de segunda forza política na Cámara galega, consegue por primeira vez representación no Congreso e no Parlamento Europeo e gaña as alcaldías das cidades de Vigo, Ferrol e Pontevedra e de concellos como Corcubión, Fene, Cangas, Bueu, Moaña, As Pontes e Ribadeo, ademais de entrar nos gobernos de Lugo e Compostela.
Ao longo dese período, o BNG culmina o proceso de unidade do nacionalismo, medra social e electoralmente e esfórzase en converter a súa alternava política nunha opción clara de goberno, abandonando posicións ríxidas e dando mostras evidentes de estar disposto a utilizar as competencias autonómicas para cambiar o rumbo do país e de a asumir a Presidencia da Xunta de Galiza (é ben ilustrativo o cartel electoral das eleccións galegas de 2001 coa foto de Xosé Manuel Beiras e a bandeira instucional galega). Esa nova estratexia, tan radicalmente diferente á dos primeiros anos da Autonomía, viña precedida, naturalmente, de debates profundos no BNG e tamén no seo da UPG, a súa principal organización a nivel interno.
A UPG celebra o seu VIII Congreso en novembro de 1994 e nos seus documentos de análise afirma con rotundidade que “O nacionalismo ten que ter claro que está para gobernar o país. Non debemos ter medo a esa asunción, mesmo nas circunstancias políticas actuais (…) o labor de governo, a actuación desde a Xunta, posibilitará que se faga política a prol da nosa sociedade e dos seus intereses desde o marco superestrutural, institucional, por máis limitado competencialmente que este sexa”. Pola súa parte, O BNG, na súa VII Asemblea Nacional, en 1997, manifesta igualmente que “o nacionalismo debe governar Galiza, para que exista a condición necesaria para orientar a situación actual noutra dirección (…) un governo galego disposto a utilizar o marco autonómico ao servizo do país”.
A pesar de vivir desde o 2002 unha profunda crise interna -que se prolongará ao longo da primeira década do novo milenio e a metade da seguinte-, o nacionalismo segue a incrementar o número de alcaldías –Carballo, Arzúa, Boiro, Sada, Melide, San Sadurniño e Monforte de Lemos, entre elas- , accede ao goberno das deputacións en 2003 e, tras as eleccións galegas de 2005, asume a Vicepresidencia da Xunta, coas áreas de Benestar Social e Igualdade, e as consellerías de Industria, Medio Rural, Cultura e Vivenda. Na historia do nacionalismo galego nunca unha organización nacionalista ocupara tan altas responsabilidades políticas, e neste caso non eran responsabilidades simbólicas, como as que desempeñou Castelao como Presidente do Consello de Galiza e como ministro galego no goberno de Giral. Creo que aínda hoxe o BNG non soubo colocar na súa xusta relevancia histórica a súa participación naquel goberno bipartito da Xunta.
Nunha organización como o BNG, que naceu e medrou desde as marxes do sistema e en oposición ao marco xurídico político da Transición, a mentalidade colectiva de oposición é normal que sempre estea aí, loitando por emerxer, por dar unha resposta organizada, por manter unha axenda reivindicativa, porque, certamente, os problemas que sofre o país son moitos e moi graves e a contestación social e a denuncia política precisan sempre da voz da oposición. Pero cando unha forza política é alternativa de goberno ten que actuar coa máxima intelixencia para que a sociedade xa a vexa máis como unha forza política de goberno que como unha forza política de oposición. Para iso é preciso procurar instalarse no imaxinario colectivo como alternativa de goberno, con propostas moi ben elaboradas, sensatas e realizábeis a curto e medio prazo, que se poidan efectivizar dentro do actual marco político e que interpelen en posivo ao conxunto da sociedade.
Felizmente, Ana Pontón hai tempo que ten moi claro que o nacionalismo galego debe gobernar o país e que hai que dar pasos comúns, e non só en campaña electoral, para que unha ampla maioría social te vexa como goberno antes incluso de conquistalo democraticamente. Os resultados electorais das últimas eleccións autonómicas (case medio millón de votos) son a mellor demostración de que a sociedade galega acredita cada vez máis nas mensaxes políticas de Ana Pontón, no seu xeito de comunicar, na súa capacidade para empatizar con amplos sectores sociais e na súa talla política para darlle unha esperanza a Galiza.
Hai só uns días, unha boa amiga, profesora de ensino medio, enviábame a seguinte mensaxe: “Para conseguir a maioría social, o nacionalismo galego ten que abrirse ás persoas coas que compartimos un sentir, aínda que elas non o definan como nacionalismo. A persoa que mellor lles tendeu pontes desde o BNG, para a miña opinión, foi Ana Pontón, porque ten verdade no discurso e é quen de conectar con persoas que, sen sentirse nacionalistas, si se senten próximas ao seu discurso. Miña nai ou miña a nunca leron o Sempre en Galiza nin saben quen foi Ramón Piñeiro, pero son conscientes de que temos que defender o noso. Non hai que subestimar á maioría social. A teoría está moi ben para os debates, pero ese pensamento é necesario trasladarllo de xeito sinxelo á xente. Por iso eu confío tanto en Ana Pontón”.
Se o BNG segue a conectar así coa maioría social deste pobo -que non é só o universo nacionalista-, e se pon en valor todos os seus gobernos municipais e a acción de goberno dos concellos e das deputacións onde cogoberna, en 2028 haberá, sen dúbida algunha, cambio de goberno en Galiza, porque en realidade o BNG xa sabe o que é gobernar en todos os niveles da administración (concellos, deputacións e Xunta) e moitísima xente neste país xa sabe, así mesmo, como goberna o BNG en Allariz, Pontevedra ou Carballo, por citar tres dos concellos con máis anos de alcaldía do BNG, igual que todo o mundo sabe que Goreti Sanmartin Rei é a actual alcaldesa de Compostela, con todo o que iso significa no mapa político galego, que é gobernar nada menos que a capital de Galiza. Todos eses concellos acreditan o bo facer do BNG na súa acción de goberno e convidan a moitas persoas non nacionalistas a confiar no liderado de Ana Pontón para dar o salto á Xunta.
O nacionalismo galego hoxendía está en condicións de sumar cada vez máis sociedade arredor dun obxecto político concreto e inmediato, necesario e urxente: termos en 2028 un goberno galego ao servizo de Galiza. Ese escenario está aí, pero a estratexia política do BNG debe estar perfectamente pensada e orientada a facelo realidade. Son tempos de actuar con moita sensatez e lucidez política, con propostas en posivo, cun programa críbel e viábel, con empatía coa sociedade, con xestos que tendan pontes entre as diferentes maneiras de ver Galiza, e sempre, sempre, con ilusión e cun sorriso. Non está en xogo lograr tres escanos máis nin ter máis forza no Parlamento. Está en xogo construír unha máis ampla maioría social para garantir o cambio político dentro de tres anos, rematar con case vinte anos de gobernos do PP, avanzar no autogoberno, impulsar políticas transformadoras, darlle outro futuro a Galiza para as xeracións de hoxe e para as xeracións que han de vir. Esas son as prioridades políticas aquí e agora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario