17/09/24

De Castelao a Isaac Díaz Pardo


Dous nomes propios protagonizarán o ano 2025 en Galiza: Castelao, do que se cumpre o 75 aniversario da súa morte, e Isaac Díaz Pardo, o artista ao que a Real Academia Galega de Belas Artes lle dedica o Día das Artes Galegas.

Quedan xa entre nós moi poucas persoas que teñan memoria da morte de Castelao na cidade de Buenos Aires, nos seus días máis tristes do exilio, o 7 de xaneiro de 1950. Mortas todas as persoas que foron os seus irmáns do PG e que sobreviviron á barbarie do 36 –o último, don Paco del Riego-, só algunhas persoas que naqueles anos cincuenta eran adolescentes e vivían clandestinamente nas súas casas e na intimidade familiar o ideal do galeguismo político posibelmente garden aínda hoxe lembranza daquela triste noticia que tanto impacto causou nos corazóns de todos os que coñeceran en vida a Castelao. 

O 25 cabodano da súa morte xa foi moi diferente, a pesar de que o ditador seguía no Palacio do Pardo. Eu mesmo, que tiña 14 anos, lembro perfectamente o suplemento especial que o 5 de xaneiro dese ano lle dedicou El Ideal Gallego á efeméride, con artigos, entre outros, de Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez ou Xesús Alonso Montero. Foi seguramente o meu primeiro encontro con Castelao. Durante moitos anos conservei e relín aquel monográfico, que era tamén unha mostra dun momento en que a prensa galega estaba comprometida co país e coa loita pola democracia, non sei se por unha decidida vontade das propias empresas xornalísticas de contribuír ao autogoberno galego ou simplemente por unha adaptación aos novos tempos. 

Desde 1975 até hoxe a bibliografía sobre a figura de Castelao non fixo máis que medrar e medrar. Desde a biografía Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz-Andrade, publicada en 1982, até os tres volumes que lle dedicou á biografía de Castelao Miguel Anxo Seixas Seoane, hai un inmenso mar aberto de libros e de traballos. Mais, nin todas esas publicacións, nin o Congreso Castelao, celebrado en 1986, nin as varias exposicións que se fixeron da súa obra artística, nin as múltiples conferencias que se pronunciaron ao longo de todo o país nas últimas décadas, nada diso logrou que a sociedade galega no seu conxunto teña un coñecemento cabal de quen foi Castelao e do que a súa personalidade significou para Galiza. Por iso cremos que o 75 aniversario da súa morte pode ser unha oportunidade extraordinaria para facer o que aínda nunca se fixo. Por exemplo, nas últimas semanas soubemos que a directora de cine Ángeles Huerta comezou a rodar a película Antes de Nós. Será, sen dúbida algunha, unha magnífica iniciativa para achegar a un público moi amplo o primeiro Castelao. E imaxinamos que haberá moitas máis propostas, igualmente novidosas, ao longo de 2025, máis aló do ciclo de conferencias  que pode haber aquí e acolá. Como xa é habitual en todo o que ten a ver coa historia política de Galiza e das nosas grandes personalidades, a Xunta de Galicia non estará á altura desta importante efeméride. 

A outra figura que será obxecto de atención o próximo ano é Isaac Díaz Pardo, a quen a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu dedicarlle o Día das Artes Galegas de 2025. Xa a profesora e actual alcaldesa de Santiago de Compostela, a nosa querida e admirada Goretti Sanmartín Rei, comentou esta feliz proposta nada máis producirse a noticia, cun artigo publicado neste mesmo diario (“Isaac Díaz Pardo, autor das Artes Galegas 2025”, Mundiario, 01/07/24). E pouco máis hai que dicir. 

Díaz Pardo é unha das personalidades que máis traballou por Galiza desde o seu galeguismo político e desde a cultura galega, poñendo en marcha, coa colaboración da súa compañeira Carmen Arias, Mimina, ou do seu grande amigo Luís Seoane, empresas culturais como a Fábrica de Porcelanas Magdalena, en Arxentina,  a Fábrica de Cerámica e Seminario Sargadelos, Cerámicas do Castro, Ediciós do Castro, o Laboratorio de Formas de Galicia, o Museu de Arte Galega Contemporánea Carlos Maside, as Galería Sargadelos como a da Rúa Nova de Santiago, o novo Seminario de Estudos Galegos ou o Instituto Galego da Información. E ademais de empresario, creador de factorías culturais, editor e escritor, Isaac Díaz Pardo foi un grandísimo artista como pintor de cabalete, ceramista e deseñador. A súa mente era a dun personaxe do Renacemento. Nunca un home foi tan grande nun corpo tan miúdo. E moi poucos intelectuais coma el tiveron a coraxe política de alzar a súa voz a través da palabra escrita cando as circunstancias o esixían. Por exemplo para denunciar a traída dos restos de Castelao.

De moi mozo o soño de Isaac era estudar Arquitectura, pero o asasinato de seu pai o 14 de agosto de 1936 deixou desfeita e arruinada a súa familia e tivo que conformarse con estudar Belas Artes. Malia iso Díaz Pardo, aínda sen título de arquitecto, acabou colaborando con Andrés Fernández-Albalat no deseño dos edificios dos seus proxectos, e o que é máis importante, acabou sendo en pleno franquismo o arquitecto dunha nova Galiza, orgullosa do seu, luminosa, con memoria do seu pasado, facendo do complexo industrial de Samoedo e Sargadelos un modelo de emprendemento patriótico, ao servizo do país, sen intencións de lucro, que lamentabelmente nos últimos anos da vida de Isaac acabou nas mans de negociantes sen escrúpulos, sen sensibilidade e sen ética, de xente sen a máis mínima lealdade ao proxecto do seu creador. En palabras do propio Isaac, ese foi “o máis importante e definitivo fracaso” da súa vida.

Para darnos conta do que foi capaz de erguer Isaac Díaz Pardo en Sada e en Cervo, da súa inmensa obra como empresario, reproducimos aquí un parágrafo dun folleto da súa autoría publicado en 1987 baixo o título Tradición e futuro:

“Trátase dun grupo de emprendementos que dan ocupación a unhas 250 persoas no que se integran dúas plantas que fabrican vaixelas e produtos ornamentais de porcelana dura, unha empresa de artes gráficas, unha editorial, dúas escolas de cerámica, un centro de investigación múltiple, un laboratorio e museo xeolóxico, un museo de arte contemporánea, outro de cerámica popular e moderna, talleres de cristal, metal e madeira, laboratorios fotográficos e audiovisuais, dous auditorios capaces para máis de duascentas persoas cada un, salas de proxección, salas de xuntas e seminarios, estudos individuais, centros de documentación, comedores, bares, salas de exposicións e cinco galerías de arte/librería de administración directa para divulgación da cultura galega e portuguesa, en Madrid, Barcelona, Santiago de Compostela, Castro de Samoedo e Sargadelos, nas que se levan realizado máis de dúas mil exposicións, actos culturais, presentación de libros, etc.”. 

Iso era o complexo industrial de Samoedo e Sargadelos baixo a dirección de Isaac, unha auténtica revolución no campo empresarial galego e na investigación, modernización e divulgación da cultura galega, que mesmo contemplaba escolas de cerámica para diversos grupos escolares das localidades onde estaban situadas as fábricas, pola que pasaban máis de mil nenos e nenas cada ano. 

De Castelao a Isaac Díaz Pardo -con Camilo Díaz Baliño como ponte entre as dúas figuras que proximamente serán homenaxeadas- hai un século da historia cultural e política deste país que ninguén debería ignorar, que temos a obriga moral de coñecer. Castelao e Isaac foron dous grandes construtores da Galiza contemporánea, un desde o nacionalismo galego e outro  -que se definía a si mesmo como un “conservador libertario, inconformista e descrido”- desde un galeguismo político comprometido permanentemente coa cultura galega, Castelao desde a militancia nas Irmandades da Fala e no Partido Galeguista durante a II República e logo desde o exilio en Buenos Aires, converténdose no principal símbolo do nacionalismo galego, e Díaz Pardo desde o compromiso coa memoria dos vencidos e desde dentro da Galiza que resistía baixo a lousa do franquismo, dando un exemplo admirábel de como a modernidade pode dialogar coa tradición e coas raíces e a empresa coa cultura. 

Velaí dous homes imprescindíbeis na historia contemporánea de Galiza, cada un coa súa traxectoria humana, intelectual e política, Castelao na primeira metade do século XX e Isaac Díaz Pardo na segunda. Coñecer a súa obra e admiralos é o menos que pode facer calquera persoa que lle queira a este país. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario