03/09/24

As tres grandes contribucións do nacionalismo ao autogoberno de Galiza

A Lei de Bases supón o cambio programático máis profundo que experimenta o nacionalismo galego desde 1977 a 1987. / Mundiario

As “Bases Constitucionais”, a “Lei de Bases” e o “Estatuto de Nación” son os tres textos máis importantes que elaborou o nacionalismo galego desde a Transición até hoxe para dotar a Galiza de verdadeiros instrumentos de autogoberno.

En 1976, cando aínda non se aprobara a Lei para a Reforma Política de Adolfo Suárez, o Consello de Forzas Políticas Galegas, que integraba todos os partidos políticos nacionalistas galegos que había nese momento (a UPG, o PSG e o PGSD), encarga a Xosé Vilas Nogueira, Camilo Nogueira e Ramón López-Suevos a elaboración dunha alternativa de carácter soberanista e dun programa de goberno galego para un contexto de ruptura democrática. Aquelas Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal, que contemplaban tamén un programa de Medidas económicas para un Pacto Federal e de Goberno galego, son a mellor proba da capacidade intelectual e da responsabilidade política que xa naquela circunstancia histórica, ao remate da ditadura, posuía o nacionalismo galego para facer posíbel unha Galiza diferente. Nin o nacionalismo vasco nin o catalán tiñan un documento semellante ás Bases Constitucionais para as súas respectivas nacións.

Nesa ilusionante e complexa encrucillada, as forzas nacionalistas galegas aspiran, como non podía ser doutra maneira, a superar o Estatuto de Autonomía do 36. Imaxinan unha Galiza soberana dentro dun Estado Federal. O nacionalismo galego, programaticamente, tiña os deberes feitos para ese novo escenario político. Sabía o que quería e como había que construír as primeiras institucións do autogoberno do país. Ningunha outra organización política en todo o Estado dispoñía dunha alternativa tan traballada e con tal grado de concreción. 

Co que non contaban as forzas da oposición galega á ditadura era con que a Transición ía ser moi diferente.  A Lei para a Reforma Política, aprobada en referendo en decembro de 1976, as Eleccións Xerais de xuño de 1977 e a Constitución española de decembro de 1978 deixaron meridianamente claro que tras o franquismo non se ía producir ningunha ruptura, senón unha reforma pactada entre as principais forzas da oposición a nivel do Estado (o PSOE e o PCE) e os reformistas do franquismo que apostaban por un cambio de rumbo, todo iso, ademais, lexitimado polas urnas en dous referendos e en dúas convocatorias de eleccións xerais. Nese mesmo momento, as Bases Constitucionais quedaron  varadas como un barco no areal. Exactamente igual que o que lle sucedeu na II República ao anteproxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos. A Constitución de 1931 e a Constitución de 1978 non deixaron marxe para avanzar noutras posibilidades de autogoberno e de soberanía política.

A DEFENSA DA RUPTURA DEMOCRÁTICA EN SOLITARIO

A pesar diso e de obter só 22.771 votos nas eleccións do 77 (o 2,02%), o BN-PG seguiu a defender a ruptura democrática en solitario e a utilizar as Bases como alternativa fronte á autonomía e como lema principal nas manifestacións (“Estatuto nunca máis. Bases Constitucionais”), incluso coa preautonomía xa en marcha. O libro Problemática nacional e colonialismo. O caso galego (Edicións Xistral, 1978), dos profesores Francisco Rodríguez e López-Suevos, será unha obra fundamental nese período político para cuestionar e desacreditar a autonomía como solución e como resposta aos dereitos de Galiza como nación e para manter viva a estratexia antiautonomista no seo do nacionalismo galego: “os estatutos (…) non representan endexamais un paso adiante realista cara ao autogoberno”, din os seus autores. Como expresará tempo despois Lois Diéguez, un dos principais dirixentes da AN-PG, neses anos “Custa chegar a recoñecer que as Bases Constitucionais xa non son unha saída inmediata”. Contribuirán, iso si, á autoorganización e a consolidar un espazo propio dentro do sistema político galego, que non foi unha tarefa menor nin sen importancia para o país e para que o nacionalismo puidera chegar a ser o que hoxe é na sociedade galega e na historia contemporánea de Galiza. 

A EVOLUCIÓN PROGRAMÁTICA DO BNG

O Bloque Nacionalista Galego, fundado no Frontón de Riazor en setembro de 1982, tardaría tamén un certo tempo en adaptar as súas propostas programáticas ao novo escenario político. De feito, as organizacións que o integran desde a súa fundación, e que se presentan ás primeiras eleccións ao Parlamento galego como Bloque-PSG, fanno cun “programa de soberanía política”, como se a Constitución española e o Estatuto de Galiza non foran xa o marco no que institucionalmente había que actuar. Mesmo despois do golpe de Estado do 23-F, nas Eleccións Xerais do 82, a coalición Bloque-PSG preséntase a eses comicios afirmando que “Tamén sabemos, agora xa por experiencia, que no marco autonómico non teñen solución os problemas de Galicia (…) Aínda unha autonomía dotada de todo o contido que permite a Constitución, pola súa propia naturaleza, é incapaz de servir para resolver a nosa problemática, anque funcione óptimamente”. 

En 1985 o BNG presenta a Xosé Manuel Beiras como candidato ao Parlamento galego pola provincia da Coruña -aínda non como candidato á Presidencia da Xunta- e faino cun programa electoral que se inicia co seguinte balance: “Os catro primeiros anos de vixencia do Estatuto de Autonomía serviron para confirmar a tese de que a mera descentralización administrativa resulta ineficaz para dar solución aos problemas políticos, económicos e culturais do país, e de que as institucións criadas ao abeiro do mesmo non son máis que caricaturas de autogoberno”. Esa é a visión da autonomía que o BNG ten cando se vai iniciar a II Lexislatura do Parlamento galego.

LEI DE BASES

Malia a non acreditar na autonomía, co réxime do 78 absolutamente consolidado e diante dos problemas que sofre a sociedade galega e dunha Xunta de Galicia que nin sequera está a aproveitar as posibilidades que lle brinda o marco autonómico, nun exercicio de grande responsabilidade política e de preocupación polo futuro do país, e tamén -hai que dicilo- nun baño de realismo político (recordemos que o BNG neses anos só conta cun único deputado na Cámara galega e segue sen representación no Congreso), en setembro de 1987, algúns meses despois da Asemblea Nacional do Carballiño, a formación nacionalista rexistra no Parlamento galego unha Proposición de Lei coñecida co nome xenérico de Lei de Bases. A proposta representa un cambio radical a respecto do que o sector maioritario do nacionalismo galego viña defendendo desde 1977. Lembremos que só Camilo Nogueira apostara por participar activamente no proceso da construción da autonomía xa desde a Comisión dos 16, creada dez días despois da entrada en vigor da Constitución.

A Lei de Bases será publicada posteriormente nun caderno cunha introdución de Bautista Álvarez que ilustra perfectamente o cambio de táctica e a flexibilidade que nese momento experimenta o BNG en canto á maneira de formular propostas acordes á situación económica e social do país e ás competencias estatutarias. “Só a adecuada utilización do realismo político –di Bautista Álvarez nese texto introdutorio- (virtude por suposto revolucionaria), a intelixente combinación da táctica coa estratexia, permite harmonizar a procura de solucións inmediatas coa defensa de alternativas de maior alcance”. E engade: “para os salvadores virxinais, quizais represente a perda do pudor das requintadas esencias revolucionarias. Para estes un consello: máis vale actuar algunha vez de curandeiros que agardar pasivamente o elixir, para aplicalo no momento en que non queda Terra que salvar”.

Algúns dos instrumentos financeiros que contempla a Lei de Bases no seu Título I para a a reactivación económica e social de Galiza son os seguintes: a creación, mediante Lei, do Instituto Galego de Economía Pública, o Plan de Desenvolvimento Económico de Galiza cun horizonte de quince anos, a creación do Banco Público Galego e a reforma das vías de financiación da Comunidade Autónoma, cunha diferente distribución dos recursos estatais e coa incorporación de novos indicadores que ponderen acaídamente en función compensatoria o déficit existente de equipamentos e servizos mínimos, o nivel relativo de renda por habitante ou o acusado degrao de ruralismo e dispersión na estrutura de localización do hábitat galego.

Os 66 artigos da Proposición de Lei, que fora elaborada por un equipo de economistas, xuristas, políticos e técnicos nas diferentes áreas, constitúen un detallado programa de medidas urxentes encamiñadas a frear o proceso de destrución dos diferentes sectores da economía produtiva do país, procurando que esas medidas non sobardasen as restrinxidas competencias do Estatuto de Autonomía vixente. Esta importante iniciativa parlamentaria vai ser, ademais, a base do programa das Eleccións galegas de 1989, que marca igualmente un paso adiante cos diferentes programas electorais anteriores. 

TEXTO ARTICULADO DO ESTATUTO DE NACIÓN

En 2004, estando na oposición, o BNG impulsa a creación do Foro Novo Estatuto, coa finalidade de que elabore unha proposta dun estatuto á altura dos tempos actuais. Nos traballos de redacción, que contan con Pablo González Mariñas como principal redactor, colaboran unhas 60 persoas, a maioría profesores e profesoras das tres universidades e figuras do mundo intelectual non vencelladas organicamente ao nacionalismo. En febreiro de 2005 este foro presenta as Bases do Novo Estatuto, sobre as que o BNG elaborará posteriormente un texto articulado de Estatuto de Nación, que rexistra no Parlamento galego a fins dese ano, xa no inicio da lexislatura do Bipartito.

Anxo Quintana, entón vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, defenderá unha e outra vez a necesidade de aprobar un novo estatuto como unha prioridade nacional, como unha cuestión de país, tendo como obxectivo principal a consecución dun texto de consenso entre as tres forzas políticas parlamentarias, coa idea de enfrontar xuntos como sociedade, como pobo galego, o referendo histórico dun estatuto ambicioso, que recoñecese a nosa realidade nacional, que nos dotase dun novo ámbito competencial e dun novo modelo de financiamento para termos máis benestar e outro lugar dentro do Estado español, no marco dun estado plurinacional.

O proxecto do BNG era un proxecto aberto ao debate, unha idea de modelo de país para presentarlle á sociedade e para construír cos outros grupos políticos ese novo estatuto, sen mínimos nin máximos innegociábeis. Constituída a comisión especial para a redacción do borrador do novo estatuto, esta prolongou o seu traballo ao longo de máis dun ano, resultando finalmente imposíbel o consenso debido ao bloqueo do PP. Nin sequera o Cumio de Monte Pío, onde participan Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alberto Núñez Feixoo, resolve o desencontro. O líder do PPdeG preséntase a esa reunión cunha proposta que definía a Galiza como unha rexión, nin sequera como nacionalidade histórica, que é como figura no actual Estatuto, ou como realidade nacional, que é como se contempla no Estatuto de Andalucía. E ademais diso, o PP presentouse en Monte Pío cunha proposta de financiamento que a respecto da do BNG reducía en 500 millóns de euros anuais os ingresos de Galiza e en 150 millóns a respecto do sistema vixente. 

Recordemos que naquel momento político o PP estaba xa instalado na batalla contra a reforma do Estatuto de Cataluña –que é a orixe de todo o que sucedeu despois- e Núñez Feixoo preferiu actuar como un dirixente máis de Xénova que como líder dun partido galego. Un debate parlamentario en febreiro de 2007, no que participaron Touriño, Quintana e Feixoo, pechou aquela oportunidade histórica de reformar o Estatuto de Autonomía de 1980 pola que o nacionalismo galego traballara arreo dentro e fóra da Cámara galega. Era un capítulo máis das frustracións que levamos tendo como país. O que non foi posíbel con Núñez Feixoo talvez o sería con Antón Rosón, Fernández Albor ou Manuel Fraga. O PP de Núñez Feixoo e de Alfonso Rueda xa nin sequera era a dereita galega dos seus predecesores. 

Cómpre lembrar aquí que en 1983, desde o Goberno galego, Alianza Popular e a UCD promoveron a primeira reforma dun estatuto que se facía desde unha comunidade autónoma. Fora iniciativa de Carlos Mella, daquela vicepresidente para Asuntos Económicos e conselleiro de Economía, e pedía, entre outros cambios, un modelo de financiamento inspirado  no modelo de Alexandre Bóveda e semellante ao “cupo” vasco. As relacións de orde tributaria entre o Estado e Galiza pasarían a estar reguladas mediante o sistema de concerto económico, co obxecto de garantir como mínimo o custo efectivo dos servizos asumidos. Tratábase de recoller no Estatuto como competencias exclusivas da Comunidade Autónoma Galega aquelas coñecidas como competencias propias noutras nacionalidades históricas. 

A proposta de Mella incluía a xestión, liquidación, recadación e inspección de todos os tributos por parte dos servizos da Xunta, así como unha Comisión Mixta, paritaria, integrada por representantes do Estado e do Goberno galego para acordar a cuota. A Proposición de Lei a prol dunha financiación singular para Galiza a través dun concerto económico estaba asinada, ademais de por Carlos Mella, polo propio Presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, e por deputados como Xosé Luís Barreiro, Manuel Iglesias Corral, Vázquez Portomeñe, Tomás Pérez Vidal,  Adolfo Abel Vilela ou Torres Colomer. A proposta de reforma do Estatuto aínda que foi aprobada, finalmente non chegou ás Cortes por mor do remate da lexislatura.

UN NOVO STATUS PARA A NACIÓN GALEGA

Desde 1983 a dereita galega nunca máis volveu ter a iniciativa e a coraxe política de promover ou apoiar ningunha outra reforma. Iso demostra o que de verdade lle preocupa o noso autogoberno ao PPdeG. Cremos que hoxe lle corresponde ao BNG que lidera Ana Pontón a responsabilidade de impulsar o novo status político da nación galega, acorde coas necesidades e cos tempos actuais e coa mirada posta no futuro de Galiza. Alfonso Rueda xa anunciou que a súa preocupación aquí e agora como Presidente da Xunta é encabezar a ofensiva do PP contra o acordo entre ERC e o PSC, non o autogoberno do país. Está claro que se non o fai o BNG, ninguén o vai facer. Non alcanzamos a ver neste momento político un paso máis importante e máis necesario para a defensa do noso autogoberno e da nosa autonomía financeira que unha proposta que sitúe de novo a Galiza como unha nación no Estado, na liña do que defendeu historicamente o nacionalismo galego, desde as Irmandades da Fala. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario