Foto Rajoy Leloup, con López Pol, alcalde de Santiago, Luís Seoane, Paco del Riego e Manuel Beiras García, entre outros, nunha reunión no Pazo de Raxoi, en 1932. / Arquivo Fdez. del Riego. |
Rajoy Leloup traballou naquel fermoso soño do Estatuto de Autonomía do 36 coa mesma ilusión que todos os nacionalistas galegos do PG.
A quen primeiro lle escoitamos falar da figura de Enrique Rajoy Leloup (Santiago de Compostela, 1882-1966) foi a Baldomero Cores Trasmonte. Fora na tertulia que o poeta Manuel María mantiña no Kirs, á que eu asistía dous días á semana, tendo a sorte de coincidir aquel día co profesor Cores Trasmonte, a quen coñecía por dous dos seus libros, o que dedicou a Ramón Suárez Picallo e O libro negro da Galicia electoral. Daquela Baldomero Cores Trasmonte xa estaba xubilado, despois dunha brillantísima carreira como profesor universitario e de ocupar o cargo de primeiro Letrado do Parlamento galego. Nesas datas aínda non publicara a biografía que logo nos entregou sobre o avó de Mariano Rajoy (Enrique Rajoy Leloup: un protagonista do autonomismo galego, Deputación de Pontevedra, 2005), pero lembro perfectamente que naquela conversa do Kirs nos falou con moita admiración da traxectoria de Rajoy Leloup.
COLABORADOR E ÍNTIMO AMIGO DE BÓVEDA
Calquera persoa interesada en coñecer o proxecto de estatuto de autonomía da asamblea de concellos de 1932 e o longo camiño da tramitación e aprobación do Estatuto de Autonomía do 36 atoparase necesariamente coas figuras de Alexandre Bóveda e Enrique Rajoy Leloup. Todo aquel proceso non sería posíbel sen eles dous. Bóveda foi o principal artífice e a persoa que seguramente máis traballou no plano intelectual e político por facer realidade o obxectivo de dotar a Galiza dun estatuto de seu. Pero o apoio e a colaboración de Rajoy Leloup resultou imprescindíbel para que o proceso se iniciara, para que avanzara o traballo de elaboración do texto estatutario e para que se chegara a celebrar o plebiscito.
Bóveda e Leloup traballaron arreo man a man naquel proxecto de autogoberno. Despois do seu labor como Xefe de Contabilidade na Delegación de Facenda de Pontevedra durante toda a semana, o sábado Alexandre Bóveda collía o último tren para Santiago para pasar o domingo traballando no texto do estatuto. “A lentitude do tren dáballe tempo pra ler o que non tivera vagar de facer na atarefada semán”. Así ao longo cinco meses. Eran “domingos sen sol”, como di Xerardo Álvarez Gallego na biografía que lle dedicou Bóveda (Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda), aquel libro editado en Buenos Aires en Edicións Nós e que aínda hoxe nos emociona cada vez que o temos entre as mans. Enrique Rajoy, que era o secretario do Comité Central da Autonomía, ía moitas veces esperar á estación de Osebe a Alexandre Bóveda e este quedábase incluso na súa casa para proseguir a tarefa ao día seguinte. O regreso a Pontevedra facíao Bóveda o domingo á noite ou o luns moi cedo. A casa de Rajoy Leloup, no nº 7 da compostelana Praza do Toural, foi sempre un refuxio para el.
UNHA MOCIÓN PARA IMPULSAR O PROCESO AUTONÓMICO
Leloup era xurista, ideoloxicamente conservador, e en 1931 fora elexido en calidade de independente concelleiro de Santiago, formando parte da coalición monárquica. Xa en agosto dese ano propón sen éxito xestionar unha reunión de representantes dos concellos para abordar o estatuto galego. Ao ano seguinte, o 19 de marzo de 1932, atendendo á petición de Castelao, Enrique Rajoy presenta unha moción para que o Concello de Santiago convocase a asamblea de municipios prevista na Constitución. El, que non era nacionalista nin pertencía ao Partido Galeguista, pero si unha persoa de ideas galeguistas moi firmes e unha persoa moi conciliadora, defendeu con absoluta convicción que Galiza non podía quedar á marxe das ventaxes económicas que a autonomía ía ter para Cataluña, sobre todo en materia tributaria. Entendía que Galiza non podía deixar pasar esa oportunidade. Rajoy Leloup coñecía ben os argumentos de Bóveda, quen xa colaborara en 1931 na redacción do anteproxecto de Estatuto de Autonomía do Seminario de Estudos Galegos, que redactaran fundamentalmente Ricardo Carvalho Calero e Lois Tobío.
Para vencer a resistencia e o antiautonomismo dos concelleiros de dereitas, Leloup chega a dicir que “O debate non é entre dereitas e esquerdas, senón entre galegos e antigalegos”. Finalmente logra convencer aos compañeiros da Corporación, que adoptan o acordo de constituír unha Comisión Organizadora como primeiro paso. Pouco despois, o 3 de xullo, convócase a asemblea preparatoria no paraninfo da Universidade e, a iniciativa de Bóveda, Rajoy Leloup, que tamén era Decano do Colexio de Avogados de Santiago, forma parte xa desde o primeiro momento da Comisión Redactora, ademais de actuar como secretario do Comité Central da Autonomía. En todo ese proceso, o concello de Santiago e o PG exercen como motores daquel movemento pro estatuto, chegando a instalar a emisora “EAJ-4 Unión Radio Galicia”, a través da que se podían escoitar as arengas de nacionalistas como Alexandre Bóveda ou Antón Vilar Ponte ou as do propio Enrique Rajoy, que en palabras do historiador Justo Beramendi “ás veces parecía un militante máis do PG”.
O apoio entre os diferentes sectores da sociedade galega houbo que gañalo a pulso, pois as reticencias eran moitas e moi fortes. O feito de que por ese tempo se estaba a discutir no Congreso o Estatuto de Cataluña, en vez de axudar a seguir os mesmos pasos, acaba por producir na sociedad galega reaccións contrarias ao autonomismo. Naquel momento, igual que hoxe, a opinión maioritaria nos políticos galegos e españois e nos principais periódicos do país era que o estatuto supoñía un privilexio para Cataluña. Nas Cortes só algúns como Castelao e Azaña se pronunciaron a prol do estatuto catalán.
Tras varios meses de intenso traballo da Comisión Redactora, o 17 de decembro de 1932 iniciouse na Facultade de Medicina a asamblea de concellos para aprobar o texto definitivo do estatuto, que continuou os días 18 e 19. Foron tres días de debate de grande altura, no que interviron personalidades como Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Rajoy Leloup, Emilio González López, Leandro Pita Romero, Antón Vilar Ponte, Alexandre Bóveda, Plácido Castro, Filgueira Valverde, Manuel Iglesias Corral ou Santiago Montero Ríos. Finalmente procedeuse á votación do texto concello por concello. Nese momento estaban presentes 176, que sumaban a maioría absoluta dos concellos e máis de dous terzos do censo electoral, cumprindo así o primeiro trámite previsto na Constitución. Tras o himno e os discursos de clausura só quedaba nomear un Comité Central para a Propaganda. Bóveda propuxo a Leloup e este a Bóveda, o que demostra o aprecio mutuo que se tiñan.
A PARALIZACIÓN DO PROCESO
Aínda que o Partido Galeguista actúa como motor principal de todo aquel traballo político en defensa do estatuto para Galiza e Castelao desenvolve un inxente labor en Madrid para negociar a súa tramitación, o certo é que o antiautonomismo, a falta de vontade e as excusas varias dos representantes dos partidos estatais, incluíndo aí a Casares Quiroga, impiden que se poña unha data para o plebiscito. Os deputados galeguistas incluso presentan unha interpelación e envían un telefonema a Manuel Azaña para que o Consello de Ministros autorizase dunha vez a consulta. A presión política de Castelao, Ramón Suárez Picallo, Ramón Otero Pedrayo e Antón Vilar Ponte consegue por fin que o 27 de maio de 1933 fora asinado o decreto da Presidencia da República autorizando o plebiscito. Pero os problemas continuaron e a situación política xeral tampouco axudaba. En outubro o presidente da República disolveu as Cortes e convocou eleccións para o mes seguinte. Máis unha vez, o referendo tiña que esperar. Galiza perdía dese xeito a posibilidade de dispor dun estatuto de seu xa nese primeiro período da II República.
En novembro de 1933 as esquerdas sofren unha importante derrota electoral e o PG incluso perde a súa representación no Congreso. O Bienio Negro supoñerá a parálise total da tramitación do estatuto de autonomía galego, malia que xa estaba previsto celebrar o plebiscito o 17 de decembro dese ano. Pero Enrique Rajoy Leloup seguirá a defender as mesmas ideas autonomistas: “Non consintades que se perda este momento histórico, probabelmente único na nosa vida, que fará posíbel acadar para Galiza unha existencia mellor, unha vida máis digna e honrosa para nós os galegos; unha vida que permitirá a Galiza recobrar a súa antiga personalidade e actuar no mundo como célula de universalidade”.
En 1934, co fin de recoñecer o enorme labor de Enrique Rajoy como secretario do Comité Central da Autonomía, constituíuse unha comisión para organizarlle unha homenaxe, da que forman parte personalidades como Salvador Cabeza de León, Presidente do Seminario de Estudos Galegos e Decano da Facultade de Dereito, Raimundo López Pol, alcalde de Santiago, Salustiano Portela, Deán da catedral compostelana, ou Francisco Fernández del Riego, en representación dos estudantes universitarios.
A CONVOCATORIA DO REFERENDO
Haberá que esperar ás eleccións xerais de febreiro de 1936 e ao triunfo da Frente Popular para que en maio resucite o Comité Central da Autonomía. Será a iniciativa do seu presidente, Bibiano F. Osorio-Tafall. A asamblea celebrarase o 17 de maio no salón de actos da Facultade de Medicina de Santiago, presidida por Ánxel Casal, alcalde de Santiago nese momento. Un dos acordos será a convocatoria urxente do referendo. Con tal fin Enrique Rajoy entrevístase en Madrid con Casares Quiroga, que delega no Comité Central da Autonomía a escolla da data. Este, reunido no Concello de Santiago, decide que o plebiscito se celebre o 28 de xuño. Durante a campaña do Estatuto mesmo atopamos a Enrique Rajoy Leloup participando con Castelao no mitin da Estrada.
Rajoy Leloup aínda terá outro papel importante na historia política de Galiza. O 15 de xullo forma parte da comisión institucional que lle entrega oficialmente o Estatuto de Autonomía ao Presidente das Cortes, Diego Martínez Barrio, e o día 17, xusto un día antes de que se inicie o golpe de Estado, esta comisión, encabezada por Osorio-Tafall e Rajoy Leloup, será recibida por Manuel Azaña. Algunhas das persoas que integraban aquela delegación quedan en Madrid, como é o caso de Castelao, e outras regresan a Galiza, sen saber que aos poucos días moitas desas persoas serían detidas, encarceladas e fusiladas.
COMPROMISO COA REPÚBLICA E REPRESIÓN
Enrique Rajoy Leloup tivo unha traxectoria de compromiso exemplar con Galiza e co seu autogoberno. Foi un home que se consagrou a aquel fermoso soño da Autonomía coa mesma ilusión que todos os nacionalistas galegos. Francisco Fernández del Riego dirá del que foi unha das persoas que máis traballaron para que o estatuto chegara a ser unha realidade, sempre con “tacto, intelixencia, constancia e lealtade”. A pesar de ser elexido concelleiro dentro dunha candidatura monárquica, veu logo, durante o Bienio Negro, como a Monarquía o expulsaba como profesor de Dereito da Universidade de Santiago. Sen ser ideoloxicamente de esquerdas acabou dirixíndose ás dereitas con estas palabras: “Vin figurando na política como independente; pero, desde agora, sen ningún eufemismo nin reserva, declárome republicano, e póñome ao servizo incondicional da República”.
Ao producirse o levantamento fascista do 36, Rajoy Leloup o primeiro que fai é gardar nunha bodega da súa casa, en diversas caixas, toda a documentación do proceso estatutario. E durante un tempo el permanece agochado, vivindo día a día as dramáticas noticias que lle chegan, e aínda que logra salvar a vida, é destituído como decano do Colexio de Avogados de Santiago, expulsado da súa cátedra de Dereito na Universidade e inhabilitado para calquera cargo público. Só en 1952, acolléndose a un indulto, pode regresar ao decanato do Colexio de Avogados e levar un pouco mellor o ostracismo ao que o condenara o réxime franquista. O seu grande amigo Alexandre Bóveda terá peor sorte ca el e será fusilado ao mencer do 17 de agosto fronte a un pino na Caeira. Tiña só 33 anos. Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño, Xaime Quintanilla, López Bouza e otros compañeiros de Rajoy Leloup naquel proxecto tan ilusionante do primeiro autogoberno galego da nosa historia serían tamén acribillados a balazos naquelas semanas de tanta barbarie, tanto terror e tanto sangue de xullo e agosto do 36.
NIN DÍA DE GALIZA MÁRTIR NIN REIVINDICACIÓN DE RAJOY LELOUP
Hai agora 82 anos, en 1942, a Irmandade Galega de Buenos Aires instauraba o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. A pesar de todas as iniciativas do BNG durante as últimas décadas para que o Parlamento galego institucionalizase oficialmente esa data como homenaxe ás máis de 5000 persoas executadas en Galiza entre 1936 e 1939, o PP negouse unha e outra vez a respaldar ese acto de xustiza con todas aquelas vítimas do fascismo. Esta é a dereita galega, unha dereita que desde a Transición até hoxe nunca reivindicou a figura de Enrique Rajoy Leloup, nunca, o que ilustra moi ben a ausencia do máis mínimo galeguismo político que teña a ver incluso cunha figura política como Rajoy Leloup, que nin era de esquerdas, nin militante do PG nin concelleiro da Frente Popular, só un demócrata, un autonomista convencido e unha persoa de profundas conviccións galeguistas. Que tristeza de dereita galega!
Pola súa parte, Mariano Rajoy todo o que chegou a dicir publicamente de seu avó ao longo da súa longa carreira política foi que “Era un gallego de pura cepa, un gran enamorado de Galicia”. A verdade é que desde o seu pensamento político e coa súa traxectoria na dereita española resulta realmente moi difícil asumir o legado dun avó que nos anos trinta, cando toda a dereita vía como un perigo a autonomía galega, non dubidou en traballar arreo polo noso autogoberno con homes como Alexandre Bóveda e Castelao e con aquel Partido Galeguista que tiña nos seus principios a “Autodeterminación política de Galicia dentro da forma de goberno republicana”. Mágoa que hoxe non haxa na dereita galega ningún Rajoy Leloup para traballar co nacionalismo galego cando menos na reforma do actual Estatuto coa mesma coraxe política e defensa do país que demostrou o avó de Mariano Rajoy.
Ningún comentario:
Publicar un comentario