08/10/24

O nacionalismo galego na II República: unha lección de realismo político

Non deixamos de admirar a intelixencia e a flexibilidade política que demostrou o PG en toda a etapa republicana para conseguir un sistema político galego e institucións propias como país.

Cando abordamos o período histórico do nacionalismo galego que vai da creación das Irmandades da Fala en 1916 ao golpe de Estado do 36 teño a sensación de que sempre lle concedemos máis importancia á evolución e á dimensión ideolóxica daquel movemento que á súa práctica política no plano institucional. Todo o que ten a ver con manifestos, declaracións de principios, propostas programáticas e textos teóricos foi permanentemente obxecto de estudo polo nacionalismo que se reconstrúe a partir dos anos sesenta, non así a táctica do PG, a adecuación da súa alternativa ao marco que estabelecía a Constitución española de 1931 e a intelixencia política dos seus dirixentes para non desaproveitar ningunha oportunidade que puidese ser útil para o avance da loita pola consecución do autogoberno. Esa outra mirada sobre o nacionalismo galego na II República cremos que nunca mereceu a atención necesaria, a pesar de que constitúe unha lección de realismo político.

O LIBRO DE VILAS NOGUEIRA

Se no seu momento lésemos o libro O Estatuto Galego, de Xosé Vilas Nogueira (Edicións do Rueiro, 1977), coa debida atención, coa mente aberta á historia, situados nos anos trinta, e non desde unha posición antiautonomista dos anos setenta, dariamonos conta da flexibilidade e da habilidade política que demostrou o PG ao longo de toda a etapa republicana para colocar como primeiro obxectivo da súa acción política conseguir un sistema político galego e institucións propias como país. Lamentabelmente, creo que o libro de Vilas Nogueira non ocupou a nosa curiosidade intelectual como esa obra si merecía. O proceso histórico que se inicia co Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza do Seminario de Estudos Galegos e que culmina co plebiscito do Estatuto de Autonomía de 36 –e que se analiza con detalle nese libro- é unha experiencia política que deberían coñecer todas as xeracións que viñeron despois, e tamén as actuais.

DA FEDERACIÓN DA IBERIA Á AUTODETERMINACIÓN

Fagamos memoria. En novembro de 1918 a Asemblea Nacionalista de Lugo aproba un Manifesto no que defende con rotundidade a “Federación da Iberia”. En maio de 1931 o SEG publica o Anteproxecto de Estatuto que elaboraran Ricardo Carvalho Calero e Loís Tobío, que se nutría tamén dun estudo de Alexandre Bóveda sobre o aspecto fiscal da autonomía. No seu artigo 1, o proxecto redactado polo SEG di que “Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”. Algunhas semanas antes, nun mitin no Teatro García Barbón de Vigo, con motivo do 85º aniversario dos fusilamentos de Carral, Carvalho Calero reclama a República Federal. E Ramón Otero Pedrayo, nun artigo que publica en A Nosa Terra, escribe: “Hoxe todos se chaman federais e todos se chaman autonomistas. Nós seguimos a ser nazonalistas e isto quer dicir que o noso federalismo é o das nacións, non o das rexións administrativas”. Ese mesmo ano, o 5 e 6 de decembro, fúndase en Pontevedra o Partido Galeguista. Na súa declaración de principios políticos aparece por primeira vez a defensa do dereito de “Autodetermiñación política de Galicia dentro da forma de goberno republicana”, aínda que, como os dirixentes nacionalistas son moi conscientes de que a Constitución que está a punto de ser aprobada nas Cortes non vai nesa dirección, recollen tamén no programa do novo partido a “autonomía integral” con máximas facultades como “aspiración mínima e inmediata”.

O NACIONALISMO, EN TODOS OS DEBATES ESTATUTARIOS

Vexamos agora como desde esa posición política, desde eses principios políticos e programáticos, e só con dúas actas de deputado nas Cortes Constituíntes dun total de 47 representantes de Galiza (a de Castelao e a de Otero Pedrayo), o nacionalismo galego non só se vai implicar activamente desde o primeiro momento no longo proceso de elaboración e aprobación do Estatuto de Autonomía, senón que vai exercer de motor, non desaproveitando ningunha oportunidade que se lle presenta para o debate, convoque quen convoque, e tirando do resto dos partidos políticos cara a defensa do maior autogoberno posíbel.

Entre a data da proclamación da II República e a data da aprobación da Constitución de 1931 celébranse dúas importantes asembleas para debatir a cuestión estatutaria. O 4 de xuño, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, ten lugar a primeira Asemblea, convocada pola Federación Republicana Gallega. Ademais dos membros de ORGA/FRG, entre os que se atopan algunhas figuras procedentes das Irmandades da Fala (Antón Vilar Ponte, Lois Peña Novo, Manuel Lugrís Freire), están tamén presentes diversos persoeiros en representación de organizacións nacionalistas e galeguistas de todo o país e da emigración: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Valentín Paz-Andrade, Castelao, Ramón Cabanillas, Lois Tobío, Filgueira Valverde, Alexandre Bóveda, Roberto Blanco Torres, Víctor Casas, Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Manuel Banet Fontenla, Salvador Cabeza de León… O propio Alexandre Bóveda forma parte da mesa presidencial da Asemblea.

Os nacionalistas non só participan na reunión, senón que achegan á mesma o Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza que meses antes elaborara o Seminario de Estudos Galegos, aínda que finalmente o único documento sobre o que traballará a Asemblea será o presentado pola FRG, que recollía igualmente a idea de República Federal (“Galicia es un Estado autónomo dentro de la República federal española”).

A inminencia das eleccións xerais do 28 de xuño aparcou de momento o debate. Unha vez constituídas as Cortes, créase en Madrid unha comisión parlamentaria baixo a presidencia de Emilio González López, que elabora un novo proxecto, que descarta xa a redacción do aprobado na asamblea anterior e que se somete a debate e votación nunha nova asemblea na cidade da Coruña o 25 de outubro, esta vez na Casa do Concello, aberta aos deputados e aos representantes municipais e das organización políticas. Trátase dun texto que xa se adapta ao marco da Constitución que será aprobada en decembro dese mesmo ano e que no momento de celebrarse a Asemblea da Coruña xa ten ditaminado o título primeiro, onde quedaba consagrado o réxime autonómico. Galiza, pois, pasa de ser un "Estado libre dentro de la República Federal española” (SEG) ou un “Estado autónomo dentro de la República federal española” (FRG) a unha “región autónoma dentro de la República española”.

O cambio é notorio, mais nin Alexandre Bóveda, nin Castelao nin Otero Pedrayo nin o resto dos representantes do nacionalismo deixaron de participar nesa Asemblea, xa claramente proautonomista. Otero Pedrayo, firme defensor da República Federal, dirá que é un primeiro paso no anceio de conseguir no futuro un maior status político para Galiza. Aínda así Casares Quiroga tratará de restarlle valor ao proxecto do Estatuto aprobado. Os nacionalistas son moi conscientes de que naquel contexto político non só non se podía acadar o proxecto de Estatuto do SEG ou o da primeira asamblea da Coruña, senón que a autonomía xa había que vela como unha consecución importante nun ambiente tan hostil e nunha sociedade con forzas tan temerosas a calquera cambio na estrutura do Estado, e así o valoraba A Nosa Terra.

O ESTATUTO DE AUTONOMÍA: O PRINCIPAL OBXECTIVO POLÍTICO DE BÓVEDA

Será despois da aprobación da Constitución española en decembro de 1931 e tras a parálise do traballo da comisión parlamentaria cando o Concello de Santiago, da man de Enrique Rajoy Leloup, retome o debate estatutario e leve a iniciativa política para redactar outro texto articulado. A primeira asamblea desta nova etapa terá lugar no paraninfo da Universidade o 3 de xullo de 1932. E de novo temos aí a Alexandre Bóveda e ao PG participando na elaboración do proxecto do Estatuto de Autonomía, que na súa redacción definitiva definirá a Galiza como “región autónoma en el Estado español, con arreglo a la Constitución de la República”. Foi todo o que se puido conseguir. O Estatut de Núria, que se aproba nas Cortes o 9 de setembro de 1932 despois de intensos debates, tampouco puido ir máis aló: “Catalunya es constitueix en regió autónoma dins de l´Estat espanyol, d´acord amb la Constitució de la República i el present Estatut”.

A aceptación das regras de xogo que marcaba a Constitución do 31 non levan en absoluto ao PG á renuncia dos seus principios políticos nin a deixar de loitar por unha República Federal. No programa electoral do PG de 1933 déixanno ben claro cando afirman que o Estatuto “non é tan bó como quixeran os galeguistas, porque non dá a Galicia tanta libertade como necesita para se gobernar a sí mesma; pero sirve para resolver moitos dos problemas graves que a nosa Terra ten planteados (…) Por isa razón os galeguistas ofreceron apoiar o Estatuto, sin renunciar a seguiren despois traballando pra que a Galicia lle sean reconocidos todos os dereitos que lle corresponden”.

O Estatuto de Autonomía do 36 (en realidade do 32) foi a todas luces un importante logro histórico, que como tal deberiamos reivindicar, e tamén como recoñecemento a todas aquelas persoas que tanto traballaron para facelo posíbel e que logo pagarían coas súas propias vidas, co exilio ou coa represión ese compromiso co seu país. Alexandre Bóveda, o primeiro. Nada nos resulta máis incomprensíbel e máis inxusto que a oposición que no seu momento exerceu a esa estratexia do PG a Sociedade Nazonalista Pondal, os arredistas que lideraba Álvaro de las Casas: “nos opusimos tenazmente a que el Partido Galleguista cayese, como cayó, en la ingenuidad de actuar de cómplice en un manejo más (…) Nosotros votaremos este o cualquier otro estatuto como mal menor, pero no perderemos ni un sólo minuto en defenderlo, ciertos, seguros, de que lo que se pretende con esta campaña es ahogar para siempre nuestra capacidad de rebeldía” (“Estatuto”, Máis, 1933).

A VISIÓN DO ESTATUTO DO 36 NOS ANOS 70

O mesmo de inxusta e incomprensíbel nos parece hoxe a valoración que no nacionalismo galego se facía na década dos setenta daquel Estatuto do 36. Sirvan como exemplo as palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín cando fala de que o PG deixou de profesar os principios do nacionalismo e o seu conseguinte obxectivo de Autodeterminación: “non foi preciso máis que a legalidade española ofrecera unha regandixa por onde estraguer unha cativa, misérrima, insatisfactoria autonomía pra que os galeguistas abandonaran o principio da liberación nacional e aceitaran un apéndice constitucional rexionalista, o Estatuto de Autonomía” (“O nacionalismo cara ó futuro”, Teima, nº 32). Con miradas sobre a nosa historia máis recente como a que nese texto facía Méndez Ferrín quixemos construír o futuro, e así nos foi. E o máis grave é que aínda hoxe nos resistimos a repensar se foi acertada ou non a estratexia de autoexcluirse do proceso preautonómico. Talvez o historiador Francisco Carballo foi unha das poucas persoas que dixo o que había que dicir. Ante a pregunta que lle fan Santiago Pol e Xan Carballa no libro Conversas con Francisco Carballo (A Nosa Terra, 2002) sobre se visto co tempo a estratexia do nacionalismo nos anos setenta foi unha miga inxenua, resposta:

Quizais si, sobretodo se o comparamos coa situación de 1931, cando o Partido Galeguista promovía unha Autonomía Integral nun Estado Federal. Perdérase a posibilidade na Constitución republicana do 31, porque saíu unha autonomía que non era federal, pero aceptárono. Explicaron a súa decisión e asumírono. Nós mantivémonos firmes, con menos flexibilidade. Estabamos na mesma postura ideolóxica pero fumos menos flexíbeis que o PG na República”.

Poucas persoas como Alexandre Bóveda eran tan firmes na idea da soberanía política de Galiza e ninguén coma el traballou tanto pola consecución do Estatuto de Autonomía. Desde o seu estudo fiscal para o proxecto do Seminario de Estudos Galegos na primavera de 1931 ao plebiscito do Estatuto o 28 de xuño do 1936, Bóveda, ademais da construción do Partido Galeguista, non tivo outro obxectivo político nin outra paixón que conseguir dotar a Galiza de institucións propias, de seu, aínda que non fosen as institucións plenamente soberanas que el como persoa nacionalista soñaba para a súa nación. E fíxoo sempre desde o realismo político que debe acompañar toda acción política para que esta non acabe sendo unha entrega estéril para a transformación da sociedade e do país que un ama.

Dime alguén, nun acto de sinceridade absoluta: “Foxo, odio os teus artigos, porque non fas máis que falar do Partido Galeguista!”. Eu, canto máis coñezo o que aqueles dirixentes nacionalistas fixeron, máis reflexiono sobre o momento da Transición e máis leccións aprendo para o presente. Ao mellor é que hai quen non ten nada que aprender.


Ningún comentario:

Publicar un comentario