15/10/24

A ausencia do exilio: outro déficit da Transición

Foto: Durante a posguerra moitos autores puideron publicar determinados libros só grazas ao exilio
Nin sequera tivemos o xesto de reclamar para os superviventes do 36 un papel simbólico na preautonomía galega e de facer así unha mínima reparación política e moral con todas aquelas persoas.

Coa perspectiva que dá o tempo, hoxe somos máis conscientes de que nin as persoas exiliadas despois do 36 nin as vítimas do franquismo en xeral tiveron o máis mínimo recoñecemento e a presenza que en xustiza merecían durante o período da Transición en Galiza. Foi outro déficit dese momento político tan decisivo para a construción dun réxime verdadeiramente democrático, outro máis e dos máis graves, polo que tivo de grande inxustiza con tantísimas persoas que o deron ou que o perderon todo –en moitos casos tamén a vida- polas súas ideas e polo seu compromiso coa democracia e con Galiza. Poderiamos dicir incluso que iso foi máis grave que a falta de apoio electoral nas eleccións xerais do 77 ás forzas políticas que loitaran contra da ditadura, porque estamos falando de homes e de mulleres que nunca máis puideron regresar ao seu país e abrazar á súa xente e aos seus amigos –como foi o caso do propio Castelao- ou de milleiros de persoas que sufriron aquí a barbarie e a represión máis brutal naquel verán do 36, ou que lograron fuxir do terror para acabar logo en campos de concentración e en moitos casos morrer alí, mentres outros con máis sorte iniciaban un longo exilio. 

Centrándonos xa no exilio galego hai que recoñecer que na Transición todas as organizacións políticas, todas, e é triste dicilo, priorizaron máis o protagonismo das súas siglas naquel novo escenario político que o que nos xogabamos como país nese momento e cara ao futuro. Non aprenderamos nada do nacionalismo galego durante a II República, que renunciou a ter un papel máis protagonista como partido ou a ser máis radical na cuestión nacional para así sumar e lograr o maior apoio político e social para o que era o seu obxectivo principal: a consecución do Estatuto. E o que máis precisaba o nacionalismo galego dos anos setenta, ademais dunha indespensábel unidade electoral, era aparecer perante a nosa sociedade como auténtico continuador do nacionalismo histórico, reivindicando os seus nomes e o seu inxente esforzo por dotar a Galiza de institucións propias. E lamentabelmente non se actuou así. O primeiro recoñecemento que tivo o exilio foi en forma de varios congresos 25 anos despois de finalizada a ditadura. Demasiado tarde.

UNHA REPARACIÓN MORAL E POLÍTICA E UNHA RECUPERACIÓN DO RELATO HISTÓRICO

En 1976-78 nin sequera tivemos o xesto de reclamar para os superviventes do 36 un papel testemuñal nos primeiros pasos da democracia e na preautonomía, que sería dalgún xeito unha reparación moral e política con aqueles homes e aquelas mulleres e unha forma de lembrarlle ao Goberno español, aos partidos de ámbito estatal e á sociedade galega no seu conxunto que Galiza tiña xa andado un treito do seu camiño cara ao autogoberno, que nós tiñamos un Estatuto de Autonomía aprobado en referendo o 28 de xuño de 1936 e posteriormente aprobado polas Cortes da República en México en 1945, un Estatuto que nos situaba no mesmo status político que Cataluña e Euskadi. A ausencia desa memoria histórica durante os anos da Transición nin foi xusta nin intelixente, porque ademais de non recoñecer o traballo daquelas outras xeracións nos anos trinta e durante o longo exilio non axudou tampouco a construír no seo da sociedade galega o relato histórico dun país que aspiraba a continuar e culminar a obra política que o Partido Galeguista iniciara na II República e que, por suposto, non necesariamente pasaba por reclamar o Estatuto do 36.

Temos que lembrar que neses anos aínda están vivas moitas personalidades que xogaran un papel importante na etapa republicana e no exilio, persoas como Antón Alonso Ríos, Lois Tobío, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, María Casares, Luís Soto, Eduardo Blanco-Amor, María Amparo Alvajar López Jean, Xerardo Álvarez Gallego, Ramón Martínez López, Arturo Cuadrado, Ramón de Valenzuela, Elixio Fernández, Maruxa Mallo, Florencio Delgado Gurriarán ou Xosé Benito Abraira. Algunha destas persoas podería e debería representar o exilio na creación das primeiras institucións coas que ía contar Galiza tras a ditadura. Mais, quen aquí pensaba nesas figuras? Nos partidos maioritarios en Galiza había algúns personaxes con moita ambición política persoal, como era o caso de José Luis Meilán Gil ou de Pío Cabanillas. E no grupo de Galaxia, no denominado galeguismo do interior, o propio Ramón Piñeiro tamén se sentía moralmente obrigado a ser protagonista, a pesar de ser precisamente el a persoa que máis se opuxo á reconstrución do PG a partir dos anos sesenta, xusto cando máis necesario era.

OSORIO-TAFALL

Desde Galiza poucas máis persoas que Valentín Paz-Andrade e Isaac Díaz Pardo pensaron en alguén do exilio para encabezar o primeiro goberno preautonómico, para ter no noso país un Tarradellas galego. Eles dous si pensaron en Osorio-Tafall e o animaron para que aceptase ese papel. Recordemos que Osorio-Tafall fora membro do Seminario de Estudos Galegos, Alcalde de Pontevedra, Presidente da Asemblea de Municipios de Galicia que redactou e aprobou o Estatuto do 32 e Presidente do Comité Central da Autonomía que puxo en marcha o plebiscito do 28 de xuño do 36, sendo unha das persoas que o entregou nas Cortes. Iso sen contar a súa traxectoria como deputado nas Cortes Constituíntes e como home vinculado a Cruz Gallástegui e á Misión Biolóxica de Galicia, ou como membro do goberno de Casares Quiroga e de José Giral, profesor universitario en México, científico e alto funcionario das Nacións Unidas. Non era Castelao nin Alexandre Bóveda, pero poucos coma el estaban tan lexitimados para encabezar a transición da ditadura á democracia e os primeiros pasos da autonomía galega. Na súa figura tiñamos unha ponte coa experiencia histórica da II República.

Hoxe sabemos por Díaz Pardo que Adolfo Suárez -creo que asesorado por un funcionario da ONU -propúxolle a Osorio-Tafall que regresara do exilio para encabezar o primeiro goberno preautonómico galego, convite ao que el respostou coas seguintes palabras: “Cuando era muy joven y aún no estaba preparado fui llamado a importantes cargos de gobierno. Ahora con mi experiencia estaría preparado para asumir grandes responsabilidades. Pero después de cuarenta años fuera de mi patria no estoy legitimado para aceptarlos”.

Isaac Díaz Pardo sempre mantivo que se de verdade desde Galiza e desde as forzas políticas galegas se lle pedise ese compromiso, seguramente si tería aceptado. Mais é case seguro que os dirixentes galegos dos partidos da dereita nin sabían quen era Osorio-Tafall nin estaban, desde logo, polo labor de ceder o máis alto cargo institucional da preautonomía a un membro do exilio, e tamén é posíbel que naquel momento ao nacionalismo galego a proposta de Adolfo Suárez lle resultase indiferente ou unha manobra rexionalista máis do Estado colonial, como a propia autonomía. Pero é evidente que para o país non tivo o mesmo significado político que a autonomía galega nacera da man dunha personalidade como Osorio-Tafall a que finalmente o fixera con políticos como Antonio Rosón, José Quiroga Suárez e Xerardo Fernández Albor. Igual que sería simbolicamente moi diferente se nacera con figuras como Antón Alonso Ríos, Luís Seoane, Lois Tobío ou Ramón Martínez López encabezando o noso primeiro goberno autonómico.

Debemos recoñecelo: ninguén na política galega, nin nos partidos do poder nin da oposición, estivo á altura do que correspondía facer naquel momento a prol do recoñecemento do exilio galego, daquelas xeracións ás que incluso lles debiamos non só unha das páxinas máis luminosas da nosa historia, senón tamén a continuidade da cultura galega e de Galiza como nación nas terras doutros países e a condición de “nacionalidade histórica” coa que entramos no novo réxime democrático.

Ningún comentario:

Publicar un comentario