Foto: o autor do artigo, con Saleta Goi e Manuel Hermida nunha tertulia do “Cantante”, en 2016. |
En 1998 Manuel María e Saleta Goi fixan a súa residencia na Coruña, no barrio de Monte Alto. Desde ese momento o “Kirss”, fronte ao Teatro Colón, convértese no punto de encontro do poeta cos amigos, mantendo unha tertulia diaria.
“Lembro, con nostalxia, os vellos cafés / de espellos enormes, fríos como a lúa / e un pouco deturpados, con manchós / nos que se podía extraviar a fantasía / e cómodos divás forrados de veludo / (…) / Vellos cafés, amados dos poetas, / dandis, busca-vidas, bohemios, nugallás / e grandes faladores. Estes cafés / engaiolantes, cheos de fume de tabaco, / chamábanse: Derby, Méndez Núñez, / Caravela, Miño, Galicia ou Español. / (…) / Os cafés eran, un moito, a propia casa: / alí escribíanse versos, longas cartas, / líase o xornal, discutíase, fumábase, / tomábanse cafés, copas, chocolate. / ¡Vellos, íntimos, fermosísimos cafés / nos que que se podía gastar toda unha vida!”.
Manuel María, que é o autor destes versos, coñecía moi ben o ambiente das tertulias. Aínda sendo estudante no Instituto de Lugo xa se incorpora ás tertulias do “Cantón Bar” e do “Méndez Núñez”, onde coñece e trata a persoeiros como Celestino Fernández de la Vega, Luís Pimentel, Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón Piñeiro, Ricardo Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro ou Ánxel Fole. Despois de facer o campamento en Parga, onde volve a coincidir con Uxío Novoneyra, ao que coñecía dos tempos de Lugo, prosegue o servizo militar en Compostela. Polas tardes os dous poetas mozos asisten case todos os días á tertulia do “Español”, que estaba á beira do Casino, na rúa do Vilar. O gran animador da tertulia é don Ramón Otero Pedrayo, neses anos catedrático de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago. Entre outros contertulios asiduos, estaba Borobó, que entón dirixía La Noche, Domingo García-Sabell, Fermín Bouza-Brey, Carlos Maside, Ramón Piñeiro, Benito Varela Jácome e Floro Román, que era o dono do “Hotel España”, na rúa Nova, onde residían durante a semana don Ramón e dona Fita.
Manuel María contaba moitas veces que nunha ocasión na que nai de don Ramón, dona Eladia, se puxo enferma e Otero quedou só en Compostela, fíxolle a seguinte petición: “Agradeceríalle que me fixese a caridade de vir comer comigo estes días que estou só e non teño con que falar”. Grazas a iso o poeta de Outeiro de Rei xantou moitos días no “Hotel España” en vez de facelo no cuartel, e o máis importante, puido gozar un día e outro da riquísima conversa de Otero Pedrayo, que, efectivamente, era moi falador. Unicamente había unha hora que don Ramón reservaba para o diálogo íntimo con el e coa cidade. Era despois de cear, por moi fría que estivera a noite en Compostela. Co seu gabán, o seu sombreiro negro e as mans nos petos, percorría en silencio as rúas da cidade, procurando non atoparse con ninguén. Unha especie de rito diario, un acto que Franco Grande definiu como “unha comunicación co espírito dunha cidade única”.
Xunto coa tertulia do “Español”, o outro lugar de Santiago famoso polas súas tertulias xa desde antes da guerra era o “Derby”, moi frecuentado tamén por don Ramón María del Valle-Inclán. Alí levoume a min Manuel María en 1982, despois de xantarmos na “Tita” e de lerme os poemas inéditos do libro A labarada estremecida, e foi aquela tarde cando coñecín a Uxío Novoneyra, que aínda residía no Courel, e que estaba todo sorprendido porque nas eleccións xerais houbera catro votos do BNG e dous non sabía de quen podían ser. Logo apareceron polo café Manuel Lourenzo e Francisco Pillado. Lembro agora que Manuel María nos ilustrou a todos e con todo detalle sobre Xan da Coba, aquel personaxe excéntrico que inventou o trampitán e un aparato para viaxar por todo o mundo sen moverse de Ourense.
En 1998 Manuel María e Saleta Goi fixan a súa residencia na Coruña, no barrio de Monte Alto. Desde ese momento o “Kirss”, fronte ao Teatro Colón, convértese no punto de encontro do poeta cos amigos, mantendo unha tertulia diaria. Nós frecuentamos esa tertulia dous días á semana, os luns e os mércores, de 11 a 12, durante moitos anos, até que Manuel María xa non puido saír da casa pola súa enfermidade. A persoa que o acompañaba diariamente era o seu curmán Manuel Hermida. Nos días que eu ía ao café era frecuente que apareceran por alí Henrique Iglesias, que fora amigo de Avilés de Taramancos e de Reimundo Patiño, o Comandante, que conseguira facerse co sabre de Miguel Solís, o poeta Xosé Abeal e outros amigos como Carlos Díaz Martínez, Manolo Roca ou Xan Fraga. Algún día aparecía Bernardino Graña, que daquela vivía na Coruña, Xosé Fernández Ferreiro, Francisco Pillado ou incluso Bautista Álvarez, unha das persoas que máis querían e admiraban Saleta e Manuel María. Con Saleta coincidín poucas veces no “Kirss”. Ela sobre todo frecuentaba a tertulia dos domingos, que a facían na “Jijonenca”, e á que asistían outros amigos.
Escoitando falar a Manuel María falabamos dalgún xeito con don Ramón Otero Pedrayo, con Luís Pimentel e Aquilino Iglesia Alvariño, con Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro, con don Fermín Bouza-Brey e Maximino Castiñeiras, e aínda sen estar estaban sempre Uxío Novoneyra, Méndez Ferrín e Bernardino Graña. Naquela tertulia abofé que moito falamos tamén de Ramón Piñeiro e do piñeirismo, de Celso Emilio Ferreiro, de Cuña Novás e de Pilar Vázquez Cuesta. Pero outras veces a conversa transitaba polo terreo máis familiar e íntimo: a lembranza da nai, o tío co que viviu en Lugo, o pai de Saleta, os irmáns, os sobriños, a casa de Hortas, a chamada de Pepiño Estévez desde Euskadi, a crónica das viaxes por Galiza e Portugal, a memoria de Aviñón ou de Florencia…
Tras a morte de Manuel María, en setembro de 2004, Saleta quixo manter a tertulia con algúns amigos máis íntimos, primeiro no “Kirss” e logo no “Cantante”. Ás veces acompañábame Gloria Rouco, unha rapaza de Viveiro que daquela acababa de entrar na Deputación e que se converteu na persoa máis nova da tertulia, gañando moi axiña a amizade dos contertulios. Pouco a pouco a tertulia do “Cantante” foi deixando de facerse e só de cando en cando coincidiamos no café. Agora Saleta viña sempre acompañada por Manuel Hermida, que cunha ilimitada paciencia escoitaba as nosas reflexións políticas e asistía aos nosos debates, pois Saleta e eu sempre debatimos moito politicamente, mais nunca sen deixar de facelo con cordialidade e cun sorriso. Eu coñecía perfectamente toda a súa traxectoria desde a creación da UPG e a súa coraxe política en tempos moi duros e moi adversos para o nacionalismo galego. Igual que Manuel María, ela posuía unha memoria prodixiosa e contaba historias vividas con personalidades tan diferentes como don Vicente Risco ou Moncho Reboiras, momentos que están xa na historia do noso país. Eu podía discrepar radicalmente de certas opinións de Saleta Goi sobre o que había que facer, pero endexamais deixei de discutir co respecto e coa admiración que ela merecía como muller comprometida co nacionalismo galego e co país.
Saleta Goi contounos moitas veces a crónica íntima do nacionalismo. Lembro agora, por exemplo, algo que aconteceu aló pola primavera de 1965 e que foi un lamentábel incidente entre Méndez Ferrín e Arcadio López-Casanova a raíz dunha cantiga-libelo que circulou entre varios poetas galegos baixo o título de “Beilade de fodienda nas Cíes”. O Día das Letras Galegas dese ano, Méndez Ferrín presentouse no “Derby” e díxolle a Arcadio, que estaba con Silvio Santiago, Marino Dónega, Manuel María e Saleta, se podía saír fóra un momento, que tiña que falar con el. E na mesma porta do café zoscoulle unha labazada tremenda e tumbouno ao chan. Grazas que sairon os outros amigos para impedir que o incidente fora a máis. De seguida Manuel María e Saleta acompañaron a Arcadio López-Casanova á casa de Ramón Piñeiro para facerlle as curas, e xusto cando chegan a Xelmírez, 15, saía Ferrín, que viña de informar a Piñeiro de que lle arreara a Arcadio e de que se trataba dunha cuestión persoal entre os dous poetas e nada tiña a ver co debate interno no seo do galeguismo político. Dos motivos daquel axuste de contas de carácter machista falou moitos anos despois María Xosé Queizán no seu libro de memorias Vivir a galope.
Despois da tertulia con Saleta Goi no “Cantante”, as miñas conversas propias dunha tertulia son as que nos últimos anos manteño algunhas veces en calquera café con Xavier Campos. Mágoa que non hai tempo para falarmos do que de verdade nos enriquece como seres humanos. A axenda diaria e o maldito móbil xa non nos permite falar de Paolo Pasolini ou de La noche que llegué al Café Gijón. Nin sequera hai tempo para falar dun brevísimo verso de Olga Novo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario